Este ano, entre unhas cousas e outras non tiven vacacións. O máis parecido foi unha fin de semana que nos achegamos a Asturias, onde nos atopamos cun tempo especialmente bo para o que esperabamos.
Así que, con base en Avilés, o domingo pola mañá collemos o coche e deixámonos ir pola costa, sen máis destino que o de pasar á hora do aperitivo por
Luanco, seguindo as recomendacións do amigo
Pantagruel, que o día anterior estivera por alí tomando unhas sidras en La Ribera. Díxonos que era bo de atopar: unha casa azul no centro do paseo.
Unha vez alí, a cousa non foi tan doada: había máis dunha casa azul; pero pola cantidade de clientela que tiña, deseguido nos demos conta de que cal tiña que ser o local do que nos falara o noso amigo. De milagre atopamos sitio na barra, pedimos unha botella de sidra (2,5 euros, se non lembro mal) e un auga, e botámoslle un ollo ao xornal. Tal como nos dixera Pantagruel, non nos puxeron un pincho para nós, pero bandexas de diferentes cousas foron pasando por diante de nós mentres demos boa conta da sidra: tortilla, pan con crema de bonito, e as gambas cocidas que vedes na foto.
Ou sexa, que do máis recomendábel, sobre todo, porque ao pobo paga a pena facerlle unha visita.
Rúa San Juan 10. Luanco