Onte, 23 de febreiro tivo lugar a V Xantanza dos Blogogastrónomos galegos (da que falarei en breve), e como xa é habitual, antes de xantar reunímonos para saudarnos e tomar o aperitivo. Desta volta, foron Chus e César os que organizaron (e dun xeito magnífico) todo o día: aperitivo, xantanza e, e gin tonic fin de festa.
Con este nome, a Taberna Vikinga só pode estar nun sitio: en Catoira. Como
Makeijan e máis eu non coñeciamos as
Torres do Oeste, fixemos primeiro unha visita rápida ás mesmas, para dirixirnos despois ó encontro dos outros asistentes á xantanza.
Vese que os nosos anfitrións son amigos da casa, pois, nada máis chegar, os donos permitíronnos entrar na cociña a ver o rape máis grande que viramos na nosa vida, duns vintetantos (non lembro cantos) quilos de peso, e unha boca enorme chea de dentes! Espectacular exemplar,que non quixera eu terme atopado noutras circunstancias...
Pero indo ó que importa, o da fotografía é só un dos pinchos que nos puxeron coa botella de Ribeiro que xa pediran cando nós chegamos: unha carne asada con patacas fritas moi boa, pero nada sorprendente despois de saír dunha cociña onde cheiraba tan ben. Un pouco despois, ofrecéronnos raxo adobado, e os primeiros en chegar seica tamén tiveron a oportunidade de probar un revolto de setas, se non lembro mal.
Do prezo non podo falar: foron César e Chus os que invitaron ó aperitivo.
Rúa do Concello 9. Catoira