De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Blogogastrónomos en A Nosa Terra
Coa excusa do Encontro de Bloggers Enogastronómicos que terá lugar o vindeiro día 18 de febreiro no seno do Forum Gastronómico de Santiago de Compostela, en A Nosa Terra fixeron unha pequena reportaxe sobre todas estas cuestións das que sempre andamos a falar.

Tiven a oportunidade de compatir experiencias unha vez máis cos autores de Pantagruel Supongo, Capítulo O, Colineta e Gourmet de Provincias. No vídeo tedes un pequeno resumo de todo o que alí se falou:


A nova tamén a podedes ver directamente en A Nosa Terra.


E de aproveitar, como non, para dar as grazas ós de A Nosa Terra por nombrar a De pinchos o blog do día 17 de xaneiro de 2008.
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 12-02-2008 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
Código Cociña
Código Cociña
Estaba tratando de pensar que me fixo chegar a De pinchos pero non o teño moi claro. As gañas de meterme un pouco máis no mundo virtual (ou o único mundo real, porque... existe algo que non está en internet?), lembrar eses locais onde me gusta tomar o aparitivo, compartir este tipo de cousas cós amigos... eu que sei!

O que sempre tiven claro foi como quería facer as cousas: intentando non falar mal de ningún local porque si, senon xustificando sempre as miñas queixas ou críticas negativas, e deixando dalgún xeito entrever as miñas sensacións (ou afininidades) cando falo de tal ou cal sitio. Porque isto non é un catálogo de bares sin máis, senón que no fondo é un pequeno diario que xira ó redor dun viño (ou o que sexa, pero con algo de beber diante) e o seu pincho, por suposto!

Por iso, cando Manuel Gago na derradeira Xantanza nos contou do Código Cociña (que daquela aínda non tiña nome), pensei que este blog pode perfectamente adherirse ós requisitos deste código de boas maneiras que agora nace coa intención de falar de gastronomía e o viño dende o respecto e a seriedade, sen que iso signifique renunciar a contar as experiencias personais.

A presentación oficial do Código Cociña terá lugar o vindeiro 18 de febreiro no seno do Forum Gastronómico de Santiago, no I Encontro de Bloggers Enogastronómicos ó que, por suposto, teño pensado asistir.
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 25-01-2008 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Marín: Allo e aceite

Cando o outro día Pablo Romero nos contaba como en terceiro de Medicina decidiu dar un xiro brusco á súa vida para adicarse á cociña, non puiden evitar sentir un chisco de envexa, e lembrar aquel exame de Facenda Pública, tamén en terceiro de carreira, no que, mentres esperaba polas tan temidas preguntas, pensaba en que faría eu alí, en lugar de deixalo todo e matricularme na escola de hostalería...

Como eu non fun quen de seguir o meu soño, teño un especial respecto por este novo cociñeiro, que se atreveu a montar o seu restaurante nunha pequena localidade como é Marín. E por iso lle desexo que as cousas lle vaian moi ben, cousa que penso non será moi difícil se segue polo mesmo camiño.

Algúns dos asistentes á xantanza do primeiro aniversario dos blogogastrónomos xa falaron dabondo do que foi un xantar realmente especial: Xmanuel, Gourmet de Provincias, Magago ou Makeijan ... Pero aínda estou esperando coñecer as impresións de Sole, Pantagruel (e a súa dona), Colineta (aínda que non puido chegar ás deliciosas sobremesas) ou Elena.

Eu aproveitei para comprobar unha vez máis (e xa van catro en pouco máis de seis meses) como as croquetas de choco do Allo e Aceite son as mellores que teño probado fora da casa; un perfecto exemplo de respecto á cociña tradicional aproveitando as ventaxas das novas técnicas culinarias que se pode disfrutar neste restaurante.


Rúa José del Río nº9. Marín
Situación
Comentarios (1) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 30-11-2007 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
Cambre: A Estación

Aínda que no tocante ós pinchos non tiven moita sorte que digamos, a miña primeira visita a Cambre foi realmente gratificante. Seguindo o bo consello deixado uns días antes por un visitante de Depinchos, o primeiro que fixen foi achegarme á fermosa igrexa de Santa María e tamén ó pequeno Museo Arqueolóxico do pobo, antes de dirixirme ó encontro dos outros asistentes á xantanza.

Ó redor dunhas cañas, fomos saudándonos os reincidentes, e coñecendo ós novos asistentes para dirixirnos, como en procesión, ate A Estación, onde todo estaba preparado cando chegamos.

Aínda que varios blogogastrónomos xa coñecían o lugar, para min foi toda unha descuberta. A primeira sorpresa: o local en si, na antiga estación de tren, un comedor alongado que lembra a un vello vagón-restaurante fai pensar a un que se atopa noutra época. Pero para nós tiñan preparado un pequeno reservado onde os dezaseis asistentes pareciamos os cabaleiros do rei Artur... aúnda que en mesa cadrada (e deliciosamente decorada).

O menú que Juan Crujeiras e o seu equipo tiveron o detalle de preparar de xeito personalizado para nós foi a segunda sorpresa, dende o orixinal comezo da degustación de aceites do que xa lera cousas (unha das miñas debilidades, o bo aceite de oliva) ate o espectacular fin de festa das milfollas de chocolate e laranxa con xeado de chocolate jivara lactee que vedes na foto e me deixaron sen fala. E entre un e outro:

* bombón de foie gras de parrulo e chocolate especiado con carpaccio de polo piñeiro e cítricos. Quizais o prato que me resultou máis novidoso e sorprendente de todos, pola orixinalidade do polo cru, e o estalido do foie (especialmente suave) ó romperse o bombón na boca.

* sardiña mariñada, queixo de Arzúa e tomate. Un bo xeito de comer un peixe azul de temporada, que convencería incluso ós que teñen uns certos prexuízos coas sardiñas.

* atún mariñado ó forno con salsa de iogur de lima e aguacate. Gustoume o lixeiro sabor á curry co que se mariñara o peixe, o seu punto de cocción (rosadiño por dentro) e a delicada ensalada de brotes, algún dos cales non souben identificar.

* canelón de polo piñeiro con salsa de olivas negras. Non é moi habitual atopar polo nun menú degustación, aínda que o que me chamou máis a atención foi o contraste entre a suavidade do canelón e a salsa das olivas negras.

* mero, mexilóns, coprinus e emulsión de escabeche. Gosto moito do peixe, e o mero non é unha excepción. O que me resultou máis curioso foi a "modernización" dos tan socorridos mexillóns en escabeche que servían de acompañamento.

* carne do país á grella. Acompañada de patacas fritas panadeira e pementos de Padrón (para min, os primeiros da temporada), foi o prato menos orixinal do menú, pero ¿por que resistirse a algo tan saboroso?

* té con leite e limón. Eu ía esperando ese blue gin tonic do que tanto ouira falar, pero...De todos os xeitos, dicir que este foi o mellor té con leite que lembro ter tomado.

* piña colada. Síntoo... pero non gosto do coco. Así que tan só probei este primeiro sobremesa, do que apenas podo dicir nada salvo que os demais comensais deron boa conta del.

Despois das impresionantes milfollas das que xa fixen mención, trufas de chocolate e mini-oreo acompañaron ó café que puxo fin á xantanza. Como podedes supoñer, foi toda unha experiencia gastronómica. E non só polos pratos en si, senón por toda a dedicación coa que sentimos que os profesionais de A Estación prepararon a nosa visita.

Amigos blogogastrónomos (ou blogastrónomos, como vos queirades chamar), vémonos na seguinte. ¡Qué bo compartir experiencias coma esta con vós!
Comentarios (1) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 09-07-2007 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
Poio: Solla
A verdade é que non sei por onde empezar a contar o que foi a II Blogoxantanza, pois ademáis de ser unha xornada impresionante gastronómicamente falando, a posibilidade que nos deu Pepe Solla de coñecer as suas experiencias culinarias en Nova Iorque foi todo un luxo. Esa charla que mantivo con nós despois de xantar, mentras disfrutabamos do licor co que nos agasallou para finalizar a xornada, foi o colofón perfecto. Non sei que pensará el dun grupo tan variopinto como o que formamos os blogogastrónomos, pero para min el demostrou ser non só un gran profesional dentro da cociña, senón tamén fora, en todo momento pendente de que todo fose perfecto e de que nos atoparamos a gusto. E non só nós, senón tamén o resto dos clientes...

Empecei o día recollendo, xunto con Makeijan, a Laconada na estación de tren de Pontevedra. Fomos paseando ate a Praza da Leña, onde quedaramos para o aperitivo previo no Rianxo. Por increíbel que pareza, este temporal que estamos a ter non nos impediu tomar unha cervexiña na terraza; alí se atopaban cando chegamos Chus e César, e ó momento se nos uniron Colineta e O Gourmet (o Gran Mestre da Loxia Blogogastronómica Galega), e Pantagruel e a súa dona. Por alí pasaron tamén Cocinalia, Deakialli, e Alamut.

Xa en Solla nos esperaban tomando un viño Xesús, Sole e Magago, que nos anunciaron a primerira sorpresa da xornada: a carta personalizada que Pepe Solla fixo imprimir para a xantanza. A segunda sorpresa foi ver entrar a Karlos Arguiñano, con quen, cando el xa se ía, non puidemos resisitirnos a facer unhas fotiños. Tomamos o aperitivo no salonciño da entrada, mentras esperabamos a chegada de Geiko e Leandro. E cando estivemos todos xuntos, pasamos ó comedor.

Unha vez máis, remítovos ás crónicas de blogogastrónomos máis cualificados ca min, que de seguro vos describirán con todo luxo de detalles cada un dos pratos que degustamos. De todos os xeitos, non podo deixar pasar a ocasión para destacar o que máis me gustou ou me chamou a atención; opinión que vai precedida da orixinal presentación que Pepe Solla lles fixo:

* Prólogo. El aperitivo, lo que comemos justo antes de ir a comer. Empanada, berberechos ó minuto, chupitos de calabaza... e tamén manises e millo garrapiñados, e unhas espetadas de queixo, tomate cherri e guacamole. A empanada era, simplemente, espectacular; aínda que a gran sorpresa para min foi o chupito de calabaza. Eu persoalmente agradecín os berberechos, dun tamaño máis que xeneroso, exactamente no seu punto.

* Capítulo I. ¿Cocinamos o no? Gambas ó alliño, setas aliñadas e ostra escabechada. Eu xuraría que as gambas non eran tal, senón unha deliciosa cigala co sabor máis delicado que lembro ter tomado. E que decir da ostra... especialmente tenra e suave en contraste coa acidez do vinagre do escabeche.

* Capítulo II. De la tradición a la modernidad. Vieiras encebolabas; bogavante en si mesmo; o pan e o ovo. Aínda que os dous mariscos estaban fantásticos, o que máis me gustou deste bloque foi o pan con ovo. Tiña ouido falar moito de cómo Pepe Solla considera que a temperatura de cocción é fundamental para o resultado final dun prato, e este ovo, nunha rebanada de pan de centeo frito, e para comer coa man, é o mellor exemplo. Penso que o recordarei dun xeito especial.

* Capítulo III. Vuelta a la normalidad, primero el pescado y después la carne. Pámpano con grelos e caldo de cocido; costela de porto ibérico confitada e dourada. Debo recoñecer que non tiña nin a menor idea de que existía tal peixe; a combinación co caldo de cocido, cos seus olliños de graxa de chourizo e todo, podía resultar en principio chocante, pero combinaba á perfección; os grelos estaban ben duriños, no punto de cocción que a min me gusta. Da costela... ¡que dicir! Non sei se realmente é o mellor prato de porco que teño tomado nunca, como dixo algún crítico de gran fama, pero o seu sabor e deses que non se esquecen.

* Capítulo IV. Un paseo por lo dulce. Fresas con coco; como unha tarta de mazá; leite, cacao, avelás e azúcar... ¡E menudo paseo! O mellor de todos, o postre de mazán, sen dúbida. Aínda que o leite, cacao... etc. estaba do máis logrado; atopar escamas de sal no medio de tanto doce era toda unha festa.

* Capítulo V. Ya no puedo más. Milfollas de merengue; craquelin, froitas, trufas, e toffe. Xa para compartir, as milfollas foron o derradeiro postre, cun merengue dunha suavidade digna de mención.

¿Pódese pedir algo máis? Pois si, que Pepe Solla se molestara un chisco máis, e elexira por nós os viños: Fefiñanes 05 para o aperitivo; As Sortes 04 para os primeiros; Lalama 03 para a costela; e
Brunheda 00 para os postres. Todos deliciosos,
pero eu quedeime coa gran sorpresa final que supuxo o Porto co que tomamos os postres. Unhs delicia.

Saímos de Solla case e ás sete e media da tarde. Chus e César achegáronnos de volta a Pontevedra, onde tomamos un gin-tonic para rematar a noite, antes de acompañar de volta a Laconada á estación de tren...
Comentarios (5) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 11-02-2007 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal