De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Catoira: Casa Emilio

Non lembraría a película "O cazador de soños", se non fose porque había unha lamprea xigante que ía por aí papando nos protagonistas. Polo menos, esa é a idea que teño do filme en cuestión. Así que cada vez que vexo unha destas viva con esa boca tan chea de dentes que ten, dou grazas porque un cristal se interpoña entre nós. Porque sempre se di aquilo de "...que fame debía ter o primeiro que comeu unha centola". Pero, que decides da lamprea? E fea de raio!

Pero parece que un bo gastrónomo (e se é galego con máis razón) non é tal se non se enfronta de cando en vez a un animaliño destes. Os blogogastrónomos non podiamos ser menos, así que dando un xiro de 180º á nosa traxectoria anterior, esta V Xantanza decidimos celebrala arredor dunha lamprea. De feito, a data veu dada polo ingrediente principal da xantanza máis que polas nosas axendas; polo que foi unha pena que moitos dos nosos compañeiros non puidesen asistir. Pero coa lamprea, que só se come nos primeiros meses do ano, non se xoga!

O restaurante elixido foi un deses de toda a vida, Casa Emilio, en Catoira, ben coñecido na zona pola boa preparación que fan deste peixe, como puidemos comprobar. Pero antes, metémonos entre peito e costas un salpicón de marisco (do que eu tería prescindido dada a contundencia do prato principal, e porque foi o que menos me gustou do menú) e unhas cigalas á prancha (que estaban realmente boas). Sobremesa a elixir (eu tomei unhas fresas con zume de laranxa), viños Martín Códax e Pesquera, augas, cafés e algún que outro licor café completaron a cousa. Todo isto, por un prezo pactado que, ó descoñecer cal é o de carta do restaurante, prefiro non dar. Pero ben sabido é que nin unhas cigalas á prancha como as que tomamos, nin a lamprea, son precisamente baratos.

Esquecíame dicir que o prato estrela estaba moi (moi) bo. Avalan a miña opinión Gourmet, Sole, Magago ou Makeijan; aínda que estou esperando coñecer a opinión de Pantagruel, que, por raro que poida parecer, nunca probara a lamprea (menos mal que lle puxemos remedio...)


Praza Dr. José R. Vázquez 1-Estación. Catoira
Situación
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 28-02-2008 22:42
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico 08: René Redzepi

Como isto non me da de comer, as obrigas laborais ineludíbeis fixeron que o luns chegara ó Fórum a media mañá; pero aínda a tempo de ver completo o relatorio deste cociñeiro danés, chef do restaurante Noma de Copenague que descoñecía por completo, e que comezou a súa charla reivindicando a importancia non só das hortalizas e verduras en xeral, senón das herbas e prantas salvaxes en particular. Así que, como é fácil supoñer, centrouse nos vexetais como ingredientes principais dos oito pratos que preparou ante nós case na súa totalidade.

Elementos que estamos afeitos a ver como guarnición, como poden ser a remolacha ou a cebola convertéronse, sorprendentemente, no ingrediente principal dos pratos. E cando parecía que se trataba dunha cociña lixeira, apareceron as graxas animais (po de manteiga, ou tona con aceite, por exemplo) para darlle esa axuda para facer fronte ás frías temperaturas.

Máis a sorpresa fundamental para min foi a utilización de cinza ou incluso humus (mezclado con mate, se non lembro mal) en algúns dos pratos. O máis espectacular, alomenos en aparencia, foi o que vedes na fotografía: René Redzepi trataba de explicar o concepto de terroir que sempre relacionamos co viño. Sobre unha pedra (ó principio chamoume a atención, pero logo pensei que aquí estamos afeitos a utilizar a lousa como prato), intentou representar unha plantación de verdudas, e penso que o conseguiu. O meu inglés non é moi bo, e nin me dei conta de coller na entrada un tradutor simultáneo, pero mentres preparaba este prato, René Redzepi conseguiu, dalgún xeito, emocionarme coa súa cociña do sol da media-noite.
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 21-02-2008 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico 08: Cociña económica de Mofa e Befa
E o domingo rematou coa actuación de Mofa e Befa, para poñer fin así ó Fórum para o público en xeral. Non sei se foi o cansazo, ou que xa vira parte do espectáculo, pero a verdade é que non gocei del tanto como pensaba, aínda que polas risas do público parece que a xente o pasou moi ben.

Penso que foi un gran acerto por parte dos organizadores abrir a feira ó público en xeral, que puido así achegarse ás últimas novidades no que a cociña e viño se refire. E así, tratar de entender un pouco máis todo este mundo.

De feito, foi moita a xente que, dende as primeiras horas do sábado, se foi achegando ate o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela non só para visitar os distintos expositores, senón tamén para participar nas catas e talleres que se desenrolaron durante eses dous días.

Seguro que, se como todo o fai supoñer, hai un Fórum 2010, estas xornadas abertas ó público en xeral serán de novo todo un éxito.
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 21-02-2008 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico 08: Tapas, alta cociña en miniatura.

Aínda que o meu corazón estaba a esa hora nos Viaxes de ida de volta de Jorge Guitián e Gonzalo Rey, ó estar este blog adicado ós pinchos pareceume que podía resultar máis interesante a ponencia que compartiron Marcelo Tejedor (Casa Marcelo, Santiago de Compostela) e Rodrigo Rozas (La Taberna del Zurdo, Oviedo).

Non me sorprendeu, pois non era a primeira vez que o ouvía, o concepto de Marcelo Tejedor da cociña en miniatura; entendida non no senso de facer pratos pequenos, senón en facelos a escala, como una especie de maquetismo (se se me permite a expresión) na cociña, no que non só os utensilios senón tamén os ingredientes son como de xoguete; e no caso dos uteis, en ocasións certamente son así.

O xa famoso cafetocaldo, uns (minúsculos)mexillóns ó vapor cocidos nunha pequena tarteira, e unha falsa xema de Santa Teresa feita con ovo de codorniz foron os pratos cos que tratou de exemplificar a súa teoría.

O gran descubremento para min foi Rodrigo Rozas, ó que tentarei facer unha visita que teña a próxima vez que teña a oportunidade de pasar con Oviedo.

Preparou, en primeiro lugar, unha tapa chamada "desarme 2006" en homenaxe a un coñecido menú asturiano composto de bacallau con espinacas, callos con garbanzos e arroz con leite, aínda que o postre non formaba parte do do prato. Con esta tapa, o cociñeiro gañou o I Concurso de Tapas de Oviedo no 2006.

En segundo lugar, preparou un guiso de patacas con langostinos non menos espectacular; co que resultou triunfador no III Concurso Nacional de Pinchos de Valladolid.

E o prato estrela, presentado no Concurso de Pintxos do País Vasco, era o que vedes na foto, un pincho no que se combinaban as fabes cos ouricios e percebes!
Comentarios (1) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 21-02-2008 15:53
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico 08: Cata de bombóns, iniciación ó chocolate.

O domingo 17 pola mañá as miñas obrigas impedíronme achegarme ó Fórum, pero as catro da tarde xa estaba de novo en Santiago para ver outra morea de cousas.

Ás catro da tarde, dirixinme á Cata de Bombóns e chocolate dirixida por Ariel Mendizábal, que resultou ser, sen lugar a dúbidas, o mellor do día para min.

Hei de confesar que descoñecía totalmente a existencia deste Mestre Pasteleiro (e digo isto pois foi merecedor dese título en España en 2005) tan cerca de nós, pois Ariel fai o seu traballo na pastelería Doriel de Culleredo, á que dende logo teño que facer unha visita ben pronto.

Logo dunha pequena charla sobre os tipos de cacao e o proceso que sigue antes de poder ser elaborado, procedemos á cata de diferentes tipos de chocolate (branco, con leite, e puro), onde nos deron unhas pequenas pautas para intentar diferenciar un bo chocolate dun sucedáneo. E onde soubemos, tamén, que un bombón non debe pesar máis de sete gramos.

A apoteose chegou cando apareceron os bombóns máis fermosos que vira na miña vida (a fotografía non lles fai xustiza). Tanto que, como alguén dicía por alí, ate daba pena comelos, porque ademais de coidar o que é o seu sabor, Ariel Mendizábal trata de que os seus bombóns sexan espectaculares dende o punto de vista visual; ata tal punto, que se os xiramos 360º non atopamos unha imaxe igual á outra.

O que máis me gustou foi o que aparece na foto á dereita: de chocolate branco (o que menos me gusta, quen mo ía a dicir!) e cuns toques de laranxa deliciosos.

Comentarios (1) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 19-02-2008 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal