O noso cochiño e máis nós tivemos o outro día unha importante crise vindo de Porto, e como agora o gasóleo é máis caro en Portugal que na Galiza (non hai tantos anos que era ó revés...) apuramos a cruzar a fronteira para repostar.
Non sei cantos anos facía que non paraba en Tui, e iso que é unha vila que ben vale a pena unha visita a fondo. Un pequeno paseo foi suficiente como para que nos prometeramos voltar pronto por alí, e ver como quedou a
catedral despois a última restauración, ou para ver como foi cambiando co tempo o nome das rúas da parte vella...
De que o cartel co nome das rúas poñía non só a denominación actual, senón tamén como se chamaron outrora, démonos conta á hora de buscar o nome da rúa onde se atopa a Viñoteca de Garcia, que curiosamente é a antiga Rúa das Adegas. Este foi, ademáis, o único local dos que vimos (non quero dicir que non haxa máis, que ninguén se anoxe conmigo...) no que poñían algo de aperitivo que non fosen as tan consabidas patatillas das que seguimos a fuxir.
Tiven a sensación que este é un local relativamente novo, onde se reúne a xente á que lle apetece probar algo diferente á hora de saír de viños; e tamén, claro está, mercar algunha que outra botelliña.
Algún dirá que o pincho non é dos que fan historia; pero como di o refrán... no país dos cegos, o torto é rei, ¿ou non?
Rúa Seijas (SXIV, Rúa das Adegas). Tui