De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Azahar

Falaba o outro día Borralleira de como en calquera momento se pode inaugurar unha tradición, e lembreime diso o pasado 9 de marzo, cando Makeijan e máis eu fomos a votar.

Dende que nos empadroamos en Pontevedra, tan só houbo dúas eleccións, máis foron suficientes para que xurdira xa a nosa propia tradición electoral: saímos da casa a iso da unha dando un pequenísimo paseo, exercemos o noso dereito como cidadáns, e saímos cara o bar máis próximo ó colexio electoral a tomar o aperitivo e botarlle un ollo ó xornal.

Por sorte para nós (e tamén para outros veciños do barrio, como puidemos comprobar ó coincidir cuns coñecidos) o Azahar está a poucos menos do noso colexio, e poñen un pincho máis que decente. Non sei se os callos son costume os domingos, ou os días de votacións, xa que só estiven neste local en días nos que se daban as dúas variábeis, así que terei que facerlle algunha que outra visita, para comprobalo.

Esquecíame do prezo: clara e botellín de cervexa, dous euros cincuenta.


Rúa Pintor Manuel Colmeiro nº2. Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 12-03-2008 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
Casa Verdún

O Nadal (que tarde para falar do tema, verdade?) é unha época na que facemos un oco para ver a esa xente coa que normalmente non estamos ó longo do ano; ben sexa porque non somos capaces de facer os ocos necesarios nas nosas ocupacións diarias, ou ben porque a distancia impide quedar máis a miúdo.

Así que cando o 23 de decembro Jaime (que é de Oviedo pero vive en Madrid) e a súa irmá Cristina (que vive en Londres) se presentaron na nosa casa foi toda unha festa; pero cando acordamos en saír para tomar algo a cousa complicouse porque... que hai aberto un domingo?

Foi dando un bo paseo, mentres nos poñiamos ó dia nas nosas vidas, como chegamos a Casa Verdún, local ó que facía ben de tempo que non iamos. Igual foi por iso que non lembrabamos que tamén neste bar, que (remodelacións aparte) é un dos máis antigos de Pontevedra xa que presume de levar aberto dende 1905, tamén poñen un pincho xeitoso para acompañar ós viños.

Neste caso, uns Rías Baixas que, como foron xentileza de Jaime, non podo dicir o que custaron.

Rúa Real nº46. Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 23-01-2008 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Bagos

A rei morto rei posto ¿non? Pois se antes iamos a miúdo ó finado Malawe, agora visitamos o bar que Fernando Filgueira abriu no mesmo local que antes ocupaba unha das poucas referencais exóticas da cidade.

O cambio foi total,e non só pola xerencia, senón polo rumbo que pretende seguir, no que todo parece indicar (empezando polo nome do local) que o viño vai a ser o principal protagonista, acompañado dun pequeno aínda que orixinal pincho, como este de sardiña en conserva con salsa de pemento que nos puxeron fai uns días.

Pero non só para tomar un bo viño é o Bagos unha boa opción, senón tamén para tomar unhas tapas ou racións orixinais, alonxadas dos clásicos das terrazas do verán ós que estamos acostumados dende sempre. Aínda que esto non é unha novidade, senón que é algo ó que Fernando xa nos tiña acostumados no seu outro local, o Filgueira.

Aínda que a min o que máis me gusta do Bagos, é o pequeno patio polo que se entra, e no que teñen unha minúscula horta na que cultivan as herbas coas que aliñan algúns dos seus pratos...


Rúa do Laranxo nº21. Pontevedra.

Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 23-07-2007 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
Barbol

Non penso que haxa dúbida se digo que é o local de moda en Pontevedra. Co título de "Cervecería", e no mesmo local no que ata fai non tanto tempo se atopaba un deses bazares tradicionais da Rúa Real, fai aproximadamente un par de meses que abriu o Barbol.

O que polo seu nome se podía pensar acubillo dos seguidores de O Señor dos Aneis, é un local que aposta forte por ofrecer un bo pincho ós seus clientes. Así se desprende non só da lousa que cada día anuncia os pinchos de cociña e doutra que vin unha das primeiras veces que estiven no local deixando claro que hai pinchos ate as dez da noite; senón tamén dunha especie de declaración de intencións pubricada no seu día en La Voz de Galicia.

Seguindo un bo costume non moi frecuente nesta vila (penso que só en La Roca o fan), é o propio cliente o que pode escoller o seu pincho dos tres diferentes que ofrecen cada día; pincho, ademais, o suficientemente variado como para compracer a todos os padales: orella, ensaladilla, callos, chistorra, lentellas, polo frito, bacaladilla rebozada... e sempre, un pequeno pinchiño de tortilla, co que entreterse mentres non chega o de cociña.

Tamén hai a posibilidade de tomar tapas e racións, que aínda non tiven a oportunidade de catar.

Ah, unha última cousa: á segunda consumición, ó contrario que nalgún que outro bar, tamén lle corresponde o seu pinchiño.


Rúa Isabel II- esquina Rúa Real
Situacion
Comentarios (5) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 17-05-2007 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
La bola de cristal
Apenas uns días antes de que o amigo Vivelo me deixara a súa recomendación, estivera eu xa tomando unha caña neste novo local.

E digo novo, pois aínda que está nun sitio adicado ó mesmo dende hai un certo tempo (non lembro como se chamaba pero se non me engano antes os sábados pola mañá poñían callos de pincho), penso que houbo un cambio de donos fai non moito tempo. O nome que agora ten faime supoñer que os que o levan son dos que medraron vendo o mítico programa do mesmo nome na tele os sábados pola mañán...

Igual por iso é un bar de xente nova; pero que non renuncia ó pracer dun bo acompañamento para as bebidas. Como xa adiantou Vivelo: patacas fritas con dúas salsas, unha picante, e outra tipo ali-oli. O mellor, que esas patacas son de verdade, picadas en dadiños, e non das que xa veñen conxeladas. Un bo detalle, co que espero que agora que chega o bo tempo agasallen tamén na pequena terraza que poñen ó final da Praza de Curros Enríquez, e non copien ós que dentro poñen un bo pincho, e fora olivas ou patatillas.


Rúa Don Gonzalo nº2. Pontevedra
Situación
Comentarios (2) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 14-04-2007 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0