De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Sidrería Montañés

Teño uns amigos cos que quedo para xantar o último venres dos meses impares dende fai xa uns cantos anos. En realidade, cando institucionalizamos a cousa coincidía que era era par, pero en canto chegamos a agosto acordamos en deixalo para o seguinte mes, e así chegamos a como estamos agora.

Somos dez, e non sempre podemos ir todos, pero quen máis quen menos fai por poder. Somos (esquecérame dicilo) compañeiros de profesión, e algúns tamén compañeiros de traballo. Iso quere dicir,como é fácil supoñer, que somos competencia uns dos outros. Pero aínda así, somos amigos e axudámonos sempre que podemos.

Como non podía ser doutro xeito, sempre que é posíbel quedamos para tomar o aperitivo antes de comer. Desta volta, o local elixido foi a Sidrería Montañés, situada detrás da igrexa da Peregrina, e que abriu a finais da primaveira pasada. Aínda que non me consta que sexa costume en Asturias acompañar cun pincho de balde, parece que se afixeron a poñelo, o cal é moi de agradecer.

O local é grande, no verán está máis ca cheo, e teñen unha terraza das que mete cobiza, así que adoitan poñer uns trebellos para que a sidra saia a presión. Pero cando non hai demasiada xente, e se un está ben situado, os camareiros escancian a sidra.

Por certo, canto fai que non vou a Asturies!


Rúa González de Zúñiga nº6. Pontevedra
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 15-02-2012 16:35
# Ligazón permanente a este artigo
A Parrilla

Eu son unha desas persoas insolidaria e egoísta que está feliz pola recente prohibición de fumar en lugares públicos. Unha, porque como non fumadora, estaba xa un pouco farta de ter que aturar os fumes dos demais cada vez que quero saír da casa. E dúas porque como nai dun neno pequeno, agora podo, por fin, ir a onde quero con el. Por exemplo a tomar un viño. Porque as cousas como son, salvo algunha cafetería e as panaderías-pastelarías, apenas había locais onde poder tomar un bo viño (polo menos en Pontevedra), sen fumes.

A Parrilla queda relativamente cerca das nosas casas. E é, sen dúbida, un dos mellores bares de Pontevedra para tomar uns viños, uns bos viños, mellor dito. Servando, alma mater do local, é un perfecto guía para esa tarefa; viños que vai acompañando de pinchos fríos ou quentes que, de xeito continuo, van saíndo da cociña.

Así que estabamos desexando que cambiase a lei, para poder tomar un viño en A Parrilla cando imos co noso neno, de camiño para a casa.

Por certo, que a foto é cativa, pero é que foi feita co teléfono mentras intentaba que RM non botase man da tortilla e do queixo, os primeiros pinchos que nos puxeron ese día.


Uxío Novoneyra nº1.Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 15-02-2011 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
O furancho de Bora

Nin é un furancho nin está en Bora... nin poñen os pinchos así de escasos: o que falta comeuno o RM, que non é quen de ver comer aos demais e que a el non lle toque nada (sae á nai!).

O outro día paramos na Praza da Verdura a tomar unha cervexa, aproveitando que había mesas dabondo libres na terraza, con iso de que a xente andaba toda a ver o partido e este era un dos poucos sitios onde non había fútbol. Sentámonos, pedimos, trouxeron a bebida, e RM andaba a enredar por alí, agarrado ás nosas cadeiras. Pero chegou o pincho...e amigo! aí a cousa cambiou. Falar non fala aínda, pero o pequecho faise entender, e estaba ben claro que quería probar o que había dentro daquel potiño. Deille a probar o arroz con carne e tomate, pensando que no gustaría, e que se ía conformar cunha codia de pan... e o pan tiven que comelo eu.

Xusto uns minutos antes, lle andaba eu a dicir a Makeijan "non sei se agora teremos que empezar a ir aos sitios onde poñan patatillas". Coitada!

Non paguei eu, así que non podo comentar o prezo. Nin de onde ven o nome, aínda que supoño que será o recordo dunha vida anterior.


Rúa San Sebastián 23. Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 09-07-2010 23:20
# Ligazón permanente a este artigo
12 Cafetería

Se no que vai de ano o tema dos pinchos estivo algo parado, de agora en diante a cousa non vai mellorar moito. O 19 de setembro naceu o noso fillo, así que a nosa vida social estase a ver moi seriamente modificada. E non porque ao neno non lle guste o paseo, que lle encanta saír a dar unha voltiña todos os días, senón porque sendo tan pequeno, non nos apetece nada levalo a locais cheos de fume... E as cousas como son: bares, viñotecas, cafeterías ou tabernas de non fumadores case non hai.

Aínda así, RM xa andivo por aí de pinchos cos seus pais, faltaría máis! A súa primeira saída, ao día seguinte de vir á casa do hospital, foi para pasar por alí de novo para controlar a súa icteria. E como todo estaba ben, facía sol, e atopamos unha terraza camiño da casa, aos tres días de nacer xa levamos a RM a tomar o aperitivo.

Nótase que o 12 Cafetería é un bar de barrio (concretamente, do Gorgullón). O local é pequeneiro, pero ten unha boa terraza, na que nos conectamos á internet coa súa rede wifi, e pagamos uns razoábeis 3,10 euros por unha tónica e unha 1906.


Rúa Curtidoria nº12.Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 12-10-2009 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
A casa da Oliva

Polo seu pincho é, sen dúbida, o local do ano en Pontevedra. E iso, que houbo quen non lle augurou moi boa fortuna, dada a súa situación na céntrica, comercial e peonil Rúa da Oliva de Pontevedra. Pero eses que pensaban que esta non era unha boa ubicación para unha viñoteca enganáronse, á vista do difícil que ás veces resulta tomarse algo alí.

Como dicía, para min o valor fundamental deste local é o pincho que ofrecen: un pequeno petisco de pan con embutido, e un pincho de cociña a elixir. O día que tomei a foto, puidemos escoller entre callos, crema de verduras, salpicón de rape ou as fabas da imaxe. Para todos os gustos.

Ese día tomamos dúas claras e pagamos 3,40 euros. Máis que razoábel, ao meu parecer. Iso si, no interior do local; non sei canto incrementan os prezos en terraza, que tamén a ten, aínda que non estiven nela pois non é das que máis me gustan. Cada un ten as súas manías.

A casa da Oliva é tamén restaurante, na planta superior. Makeijan e eu estivemos ceando alí fai xa un para de meses, pero aínda que todo foi correcto (local, servizo, comida), tampouco houbo nada que nos chamara en especial a atención. Cuestión de gustos, simplemente.



Rúa da Oliva nº13. Pontevedra
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 23-08-2009 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0