Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista |
|
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que poidan ter interese |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
OS VENRES DA MEMORIA |
|
Durante todo o mes de xullo de 2007 a Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e a Comisión pola Memoria Sinhor Afranio viñeron desenvolvendo todos os venres na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres os Venres da Memoria, xornadas convocadas coa intención de homenaxear aos represaliados do franquismo.
A primeira convocatoria tivo lugar o día 6 coa presentación de dúas obras relacionadas co escritor cuntiense fusilado en 1936, Xoán Xesús González. Tratábase dunha biografía do escritor publicada pola editorial Ir Indo e a edición da obra teatral titulada Felisa, que permanecía inédita. No acto foron convidados o estradense Carlos Loureiro en nome da editorial Fervenza, Bieito Ledo por Ir Indo (que se desculpou pola súa ausencia), Marcos Seixo, autor da biografía, e Matías Rodríguez, secretario da Comisión Sinhor Afranio. A xornada do día 13 trataba sobre "o dereito a saber e a liberdade de investigar" e nela estiveron presentes Dionisio Pereira, investigador que está a ser enxuizado nun acto de verdadeira censura polo seu labor como historiador deste período histórico que aínda non temos superado totalmente. No acto contamos ademais coa participación do escritor Xosé Luís Santos Cabanas, membro da Asociación A Oliveira de Teo. O 27 tivo lugar o acto de clausura das xornadas a cargo de Ana Viéitez, filla do que era mestre de Magán (Estacas-Cuntis) en 1936 e que padeceu a saña do franquismo (persecución, presidio, multas, exilio?) e a Concelleira de Cultura.
Pasamos a reproducir a intervención desta última, que ao remate do acto fixo ademais entrega, en nome da Concellaría que preside, uns agasallos aos fillos dos membros do Comité de Resistencia da Frente Popular de Cuntis asasinados polos fascistas, Manuel Rodríguez, Avelino Ares e Serxio González en recoñecemento ao seu labor na defensa da democracia.
Reproducimos de seguido o discurso previo da concelleira e tenente de Alcaldesa, Belén Pazos:
"O pasado ano, a Consellería de Cultura acordou que o 2006 debería ser recordado como o Ano da Memoria, por cumprirse setenta desde o levantamento fascista contra o réxime democrático republicano. En torno a este ano, unha chea de historiadores investigaron este período que era e segue a ser, sen dúbida, a parte máis descoñecida da nosa historia. Saíron á luz moitos nomes de homes e mulleres que non existían. Isto é moi importante. Non existían porque eran os vencidos.
O golpe militar provocou que os rebeldes, os golpistas, xulgaran e acusaran aos defensores do goberno democrático da República de 1931, algo impensable nos nosos días.
Os golpistas fixéronse co poder político do país, pero tamén co poder da historia. Anularon ás víctimas. E conseguiron algo peor: conseguiron que a sociedade tivera a crenza que todos os asasinados, os paseados, os que sufriron prisión, torturas, vexacións, os que foron desprovistos do seu traballo, do seu patrimonio eran merecedores dese castigo, pasáralles isto porque fixeran algo. En moitos casos mesmo as propias familias renegaban das víctimas. "eu tiven un avó roxo pero non quero falar del".
Cuntis non foi unha excepción. No ano 36 presentaba un panorama cultural, económico, social e político próspero, con mozos que participaban moi activamente no galeguismo, no esquerdismo republicano e no movemento agrario e sindical.
Esta mocidade sufriu a represión coa sublevación fascista e así, no noso concello, topámonos con casos de fuxidos, maquis, deportados, exilio interior e exterior, paseados, fusilados, represalias laborais, fiscais...
Entre os fuxidos, destacar a Sabino Sueiro, que pasou case 3 anos no monte. Confiando nas falsas promesas do réxime entregouse, sendo encarcerado durante máis de dous anos e chegando a ser condenado a morte, pena conmutada pola de cadea perpetua. En calquera caso entre o pago de multas, achegas para os nacionais (moitas veces figuran documentalmente denominadas como axudas voluntarias), avogados, intermediarios etc., un home que fixera unha pequena fortuna en América a base de moito esforzo acabou arruinado, e non só economicamente senón tamén física e moralmente.
Durante un curto período de tempo tamén andou polo monte Xoán Xesús González, mais axiña foi detido e fusilado.
O exilio, concretamente a México conseguiu escapar o pintor e escultor cuntiense Uxío Souto, e en México tamén estaría exiliado o mestre de Magán Xosé Viéitez de Soto.
Houbo confinamentos na illa de San Simón e noutros cárceres:
Avelino Ares Villaverde, Manuel Alonso Rodríguez, Antonio Aboi Torres, Francisco Porto Touceda, Pablo Baños Mariño, Xosé Pena Sayáns, Ramón Fuentes Sayáns, Ramón Ferreiro Folgar, Manuel Pisos Villar, Xosé Campos Caneda, Secundino Limeres Campos, Maximino Pardal Fabeiro, Edilberto Lois Couso... foron enviados primeiro á cadea de Caldas de Reis, onde xa estaban retidos Pedro Carballo Blanco e o mestre de Xinzo Antonio Ríos Fernández (este home, que era de Santiago, casou en Cuntis e estivo exercendo nesta aldea entre 1917 e 1936) e despois á de Pontevedra e ao antigo lazareto de S. Simón, no que tamén foron confinados, entre outros cuntienses máis, os mestres Xosé Viéitez de Soto e Aurelio Rei García, unha persoa moi aprezada no noso concello. De feito, a escola pública da vila leva o seu nome dende a súa creación e tamén a rúa de Circunvalación.
En S. Simón desaparecería Avelino Ares, sen que en principio se soubese o seu paradoiro (en realidade fora paseado e enterrado en Ponte Sampaio, onde continúan os seus restos a día de hoxe). Algúns dos múltiples encausados foron condenados a cadea perpetua ou a penas que oscilaban entre os 12 e os 20 anos de prisión.
Serían bastantes máis os que padeceron a privación da liberdade: Manuel Folgar Rei "Murillo" o gaiteiro de Fontecova, que estivo confinado no cárcere da Coruña; Manuel Sueiro (que era concelleiro coa República), Raúl Iglesias Villar, Xesús Mesego, Manuel Caeiro, Avelino Torres Fernández (da Casiña), Francisco Sueiro Rodríguez, Francisco Lois Couso, Manuel Aboi Barros, Antonio González, Ramiro Campos, Ramiro Sangiao, Manuel Torres García, Santiago Hervés, Aboi da Bragaña (que requisou armas na parroquia de Estacas)...
Pero tamén houbo outras represalias como sancións económicas, ás veces acompañadas de embargo de bens, e depuracións ou inhabilitación para ser funcionarios, entre eles mencionar a Aurelio Rei García e algúns dos seus fillos. O mesmo sucedeu co mestre de Xinzo Antonio Ríos, que sufriu a depuración permanente como mestre ademais da condena a cadea perpetua, aínda que anos despois logrou poñer unha academia particular en Compostela. Tamén foron inhabilitados funcionarios municipais como o oficial primeiro Francisco Lois Couso. Ao taberneiro de Meira Manuel Aboi Barros (fora militante dun partido de carácter nacionalista, a Unión Socialista Galega, fundada polo escritor e xornalista natural de Sebil, Xoán Xesús González) deportárono a Carballiño e pecháronlle o local, ao igual que fixeron coa tenda de Ramón Ferreiro, na Presiña. Deportaron tamén a Edilberto Lois en Negreira.
Tampouco faltaron tundas brutais a persoas de esquerdas e desmedidos e grotescos cortes de pelo ou os insultos en plena rúa a mulleres de familias republicanas para humillalas publicamente. Aos fillos do alcalde Manuel Rodríguez, sempre moi conscientes do que lles tiñan feito, pretendían obrigarlles a cantar o Cara al sol na escola, a súa negativa foi motivo de moitas tundas.Isto mesmo pasaba con moitos familiares de represaliados que non tiñan máis remedio que acceder a esas humillacións para evitar duros castigos físicos. Humillacións e indiferenza foi o que padeceu a familia de Rodríguez (tan admirado por todos pouco tempo atrás) e a doutros represaliados. Entre os asasinados ademais de Xoán Xesús González e Roberto Blanco Torres, están tres membros do Comité de Resistencia da Frente Popular de Cuntis: Avelino Ares, quen, como vos decía estivo en San Simón e foi paseado e enterrado en Ponte Sampaio, o alcalde republicano de Cuntis Manuel Rodríguez Sangiao, de Ducío e Serxio González Paz, amigo entrañábel de Xosé Vieitez, quen frecuentaba moito a súa casa en Pisos, en Arcos de Furcos. Estes dous últimos entregáronse inxenuamente para seren deportados Vila de Cruces e Lalín, de onde non regresaron con vida.
Esta é a historia. Estes son os nosos nomes. Recuperar a historia e sobre todo contar a historia, facer a historia viva, é un recoñecemento, xusto e necesario, que chega demasiado tarde para moitos, a estes homes e mulleres que entregaron partes importantes das súas vidas, mesmo a súa vida pola defensa da liberdade. E este traballo debe vir da man dos investigadores, pero tamén da man das institucións e da sociedade civil. Polo que a nos respecta, dende a Concellaría de Cultura traballaremos por esta causa e apoiaremos calquera iniciativa que neste sentido poida xurdir dende calquera agrupación.
?Non estou con quen fai a historia, senón ao servizo de quen a padece? dixo Albert Camus. Vai por eles".
Reproducimos a continuación aínda que de xeito fragmentario o discurso de Ana Viéitez como mostra do seu coherente parecer e o da organización que preside sobre este tema: "La Ley de Memoria y el reconocimiento jurídico de las víctimas del franquismo":
"Cuando hace pocos años, muchos de los que estamos en la lucha por la recuperación de la memoria histórica y el reconocimiento de los represaliados por el franquismo, conseguimos tener acceso a los expedientes de nuestros familiares víctimas de la represión, quedamos sobrecogidos de estupor e indignación por las infamias vertidas en los mismos y las violaciones graves a los derechos humanos y las libertades que se cometieron en aquellos juicios sumarísimos. El resultado fue la ejecución de millares de personas, encarcelamientos, torturas, trabajos esclavos, expolios y todo lo que se derivó de aquellos juicios sin garantías, sin pruebas y sin defensa.
Tras el sentimiento de indignación, uno toma conciencia de que ellos fueron víctimas de una injusticia, y de que es necesario repararla. Ante esto, y con la obligación como familiares y amigos de aquellas víctimas, nos organizamos en asociaciones para luchar por el reconocimiento de aquellas atrocidades olvidadas en el DERECHO y en la HISTORIA.
Entendemos que la única forma de hacer justicia y conseguir cicatrizar heridas y obtener una reconciliación duradera, es mediante el reconocimiento jurídico de las víctimas. El reconocimiento moral, en forma de disposiciones o declaraciones (por muy solemnes que sean), homenajes y actos similares (incluso los institucionales), es de agradecer pero no suficiente.
Los familiares y amigos de los represaliados por el franquismo reclamamos JUSTICIA. La consideración de venganza que apuntan determinados sectores negacionistas de la historia, es una falacia para no remover su pasado. Tratar de envilecer el tema, mezclando la JUSTICIA con venganza es un maniqueísmo que pretende confundir a la sociedad y tratar de ponerla en contra. Pretender, como hacen, argumentar que no se deben de reabrir heridas, es una forma perversa de considerar que estuvieran cerradas las de los que no han sido reconocidos en ningún aspecto de sus derechos, ni siquiera de los morales. Para que se puedan cerrar definitivamente, es necesaria la justicia que reclamamos. La verdadera reconciliación se conseguirá cuando se culmine la reparación de la doble injusticia de que fueron víctimas: la primera cuando la dictadura vertió toda clase de injurias sobre ellos, y hubieron de pagar con la cárcel, el exilio o la muerte; la segunda, cuando la Transición los olvidó, curiosamente a los que expusieron sus vidas por conservar o recuperar un régimen de libertades. El reconocimiento jurídico debe conllevar, entre otros, la nulidad de las sentencias dictadas en Consejos de Guerra mediante procedimientos sumarísimos y demás tipos de juicios penales y militares del régimen franquista.
La petición de nulidad de dichas sentencias tiene su fundamento en la condición de ilegalidad del régimen franquista. Continuar otorgando validez a aquellas sentencias o aún someterlas a revisión, equivale a dar legitimidad al régimen que se asentó mediante un golpe de Estado que supuso la vulneración del orden jurídico republicano. La legitimidad de éste emanaba del principio de soberanía popular, y las leyes de la República nunca se derogaron. Por tanto está fundamentada la ilegalidad del régimen franquista a nivel interno, pero es que, a nivel internacional, se reconoce igualmente su ilegalidad a partir de la consideración por las Naciones Unidas de que ?en sus orígenes, naturaleza, estructura y conducta general, el régimen de Franco es un régimen fascista modelado sobre, y en gran medida establecido gracias a, la ayuda recibida de la Alemania nazi de Hitler y la Italia fascista de Mussolini.
Se argumenta por parte de quienes se oponen a la recuperación de la memoria histórica, que en los dos bandos enfrentados en la Guerra Civil Española se cometieron crímenes. Sin embargo no fue lo mismo, y la diferencia esencial está en que la represión en el lado sublevado respondía a un plan premeditado de exterminio: el general Mola hablaba de que había que sembrar el terror; el general Franco en declaraciones a la BBC decía que no le importaba acabar con media España con tal de alcanzar sus objetivos. Esto es lo que da el carácter de Crímenes contra la Humanidad a los cometidos por el régimen franquista.
En lo que respecta a la Segunda República, no puede calificarse ninguno de sus actos como Crímenes contra la Humanidad. En el caso de asesinatos o ejecuciones extrajudiciales, no sólo constituían ilícitos penales según el código penal, sino que la justicia ordinaria debía perseguirlos y, como así ocurrió en muchos casos, se procedía al juicio y condena de los hallados responsables. Los documentos jurídicos de las instituciones republicanas dejan perfectamente claro que su finalidad era la defensa de las libertades civiles y el régimen democrático.
Hay que añadir que los Crímenes contra la Humanidad en razón de su naturaleza, como ofensa a la dignidad del ser humano, son imprescriptibles y no amnistiables.
El Congreso instó al Gobierno en noviembre de 2004 a retirar los símbolos franquistas y que regule este mandato por ley. ¿Puede alguien imaginar un solo monumento, estatua, o placa de reconocimiento hacia el nazismo en alguna ciudad de Alemania o el fascismo en Italia.
Si el Gobierno español es capaz de resolver esta cuestión de impunidad y facilita el reconocimiento jurídico de las víctimas mediante la Ley de Memoria, habrá cumplido con su obligación, habrá puesto la cultura política y la justicia del país al nivel de los de su entorno que vivieron circunstancias históricas similares, y habrá conseguido evitar que sus ciudadanos comprometidos con los valores democráticos, tengan que avergonzarse ante las preguntas de las nuevas generaciones sobre la Historia reciente de España, ocultada premeditadamente durante décadas en los libros de texto de todos los niveles de enseñanza de este país. De no contemplar este reconocimiento, se habrá producido una Segunda Transición cerrada en falso".
Ademais o día 28 tivo lugar un emotivo encontro entre Ana Viéitez e algunhas persoas de Magán que foran alumnas ou coñecidas do seu pai mentres exerceu o maxisterio nesta aldea (desde xaneiro de 1935 a xullo de 1936).
Na reunión de Magán estaban presentes Placeres Torres Rey, de 81 anos, filla de Xosé Torres González, natural de Arnois. Este home era mestre en Ouzande (A Estrada), pero no verán de 1936 estaba de vacacións en Magán, de onde era a súa muller. Alí foi detido e trasladado a San Simón. Cando o detiveron, estaba agochado nunca adega subterránea que o seu sogro tiña na casa de Magán. "Levádeo e Deus queira que non volte!", contan que dicía un activo falanxista da zona cando o detiveron. O conto foi que pouco despois este falanxista foi chamado a filas, morrendo na frente. Paradoxos do destino?
Ao falar de San Simón, de novo aparece a mesma historia:"Cada noite sacaban os seus e el estaba esperando cando lle tocaba a el" conta Placeres que dicía o seu pai.
Esclavitud Viaño Lorenzo ten 85 anos. Ela non foi á escola de Xosé Viéitez, pero si seu irmán Antonio. Recorda que o mestre lles ensinara "o cantar dos rumorosos", loxicamente, o himno galego.
Quen si recorda perfectamente ao mestre é Esther Fuentes Castro, de Gontade. Ten 80 anos e unha extraordinaria memoria que lle permite recordar as visitas diarias de Viéitez á súa casa para interesarse polo seu estado de saúde cando padeceu de meninxite.
Tamén se achegaron á escola de Magán Mª Josefa Souto Senín e Estrella Fuentes Blanco. Esta última non estivo na escola de Viéitez, pero recordábao perfectamente, e tamén ao seu criado. Aclarou Ana que este home era unha persoa sen recursos que viviu co seu pai, a cambio de sustento, mentres este non casou coa súa nai.
Contábase por Magán, despois da detención de Viéitez, que a garda civil fixo un rexistro na casa na que vivía o mestre coa súa familia e atopou cravado na cabeceira da cama unha cruz, aínda que Ana Viéitez matizou que en realidade era un rosario. Ante isto parece ser que os gardas comentaron pola aldea que parecía que "non era tan fiero o león como o pintaban".
Tamén falamos dos escapados que había pola zona. Manifestaban que había moitos, "detrás do monte Xesteiras e perto do Xiabre".
Recordaba Esclavitud que un día estaba no toxo no Xesteiras coa súa nai, preparando o carro, e un home aparécelles polo monte abaixo escapando delas. Era fraco, moreno e co pelo longo. A nai deulle o corpo que había ser un fuxido e chamouno. Apareceu cos pés ao aire, unicamente cubertos por unhas gomas dunhas zapatillas e preguntoulle se había gardas cívicos na aldea. Ao dicirlles que si contoulles que levaba 4 días polo monte unicamente bebendo auga nas Fontes Bravas. Coa sorte de que coceran o pan o día anterior, a muller mandou á súa filla buscar comida á casa e ofreceulla. Tempo despois, cando xa rematara a guerra, un mozo achegouse a Magán, á escola de Xosé Torres, o pai de Placeres, retratando aos rapaces. Deulle ao mestre a descrición física das mulleres e preguntoulle se as coñecía. Foi a maneira de que este home as visitara para agradecerlle o que fixeran por el.
Esclavitud recorda moitas historias: que prohibían vestir de encarnado e ela, con 15 anos, foi á festa de S. Mamede coa súa nai e un falanxista da zona díxolles que marcharan para a casa, que alí non podían estar por ter o vestido encarnado.
Tamén conta cando seu pai foi ao Sto. Cristo en Estacas e o cura non lle deixou subir o santo polo calvario, que está polo monte arriba, por ter posta unha garabata encarnada.
Ana Viéitez achegou á reunión a carta que practicamente todos os veciños e veciñas de Magán asinaron en apoio do seu pai no momento da súa detención. Un xesto de valentía que emocionou a Ana:
"Los abajo firmantes, padres de los alumnos de la escuela mixta de Magán (Cuntis) se consideran en el deber de manifestar:
1º Que el maestro don José Viéitez de Soto es persona correcta y generosa que en el pozo tiempo que lleva al. Frente de la escuela ha sabido ganarse la simpatía de sus alumnos y la estimación de sus padres.
2º que como tales padres podemos asegurar que el maestro Sr. Viéitez de Soto no enseñaba a sus alumnos nada contra la Religión, la moral y la Patria.
3º Que dentro de la escuela no hizo nunca el maestro propagandas de carácter político alguno.
4º Que durante la última campaña electoral de Febrero el Sr. Viéitez no solicito de los padres voto ni apoyo alguno para los distintos candidatos que luchaban.
Y para que conste firmamos en Magán (Cuntis) a 5 de septiembre de 1936."
Asinan a carta: Manuela Blanco, Rosendo Viaño Rey, Manuel Torres, Erundino Arca, Antonio Blanco, Agustín (Conles), Manuel Magariños, Estrella Castro, Baldomero Rei, Elena Torres, Luzdivina Santos, Amador Rei, Manuel Pérez, Pedro Rei, Manuel Souto, Ramón Conde, Ramona Correa, Antonio Souto, Marcelino Treviño, Juan M. Conde Fuentes, Carmen Blanco, José Duarte, Gerardo Magariños, Antonio Fuentes, José Torres y Torres, Antonio Blanco, Manuel Rei, Eduardo Agra, Antonio Gil, Rosendo Magariños Bragaña, Jesús Rei, Emilio Aboy Blanco, Ramón Conde Fuentes, Manuel Gamardo, José Torres?. E posteriormente indícase: "Como se puede comprobar, esta parroquia se compone de cuarenta vecinos, y firman como se puede observar treinta y seis".
Outro paseado, Xosé Vázquez Grela
Aos nomes que figuran no traballo que aquí expuxemos sobre a represión franquista en Cuntis cumpriría engadir algúns nomes máis, entre eles Xosé Torres González, de Magán, que estaba de mestre en Ouzande (A Estrada), Rosendo Viaño, da mesma aldea, e algúns máis. Poren compre engadir tamén o nome dun asasinado, do que se ten falado xa nestas páxinas, aínda que non en calidade de tal. Refírome ao mestre e xornalista agrario Xosé Vázquez Grela.
Foi outro dos represaliados asasinados. Participara activamente no movemento agrario Cuntiense, ocupando o cargo de xefe das Sociedade Agraria de Cuntis e sendo un dos mellores redactores de El Bólido, órgano das sociedades Agrarias de Cuntis e Moraña, de feito o seu nomeamento como Xefe da Sociedade Agraria de Cuntis e as súas discrepancias coa liña de El Bólido fixeron que producira unha escisión e fundara na vila balnearia un novo xornal: El Bólido de Cuntis, que coexistiu co primeiro. Por outra banda tamén escribía para Acción Agraria, órgano da Federación de sociedades agrarias do Partido xudicial de Caldas, e no que colaboraban tamén outros agraristas de Cuntis e de Moraña.
Realmente non era natural de Cuntis senón que nacera en Padrón, mais casara con Xosefa Iglesias, natural de Cuntis, e tivo seis fillos: María Asunción, Antonio Manuel, Xulia, Alfredo e Xosé Gonzalo.
Cando se produciu o alzamento estaba de mestre en Nigrán. Sobre este período cómpre seguir a obra de Xoán A. González Perez Memoria dunha Guerra. Ao parecer, nestas terras participou moi activamente na campaña do Estatuto de Autonomía. Tomou parte como orador nun mitin o 21 de xuño de 1936 xunto cos irmáns Luís e Pepe de Inés, os Ineses, asasinados en Sabarís o 13 de outubro de 1936 e os tamén irmáns Villafines, Xosé e Agustín. O primeiro, presidente da Sociedade de agricultores de Sabarís. O segundo, alcalde de Baiona. Ambos condenados por rebelión militar a trinta anos de reclusión perpetua.
Co levantamento fascista e sabendo que estaba no punto de mira dos falanxistas intentou salvar a vida facendo achegas económicas ao novo réxime, asistindo diariamente a misa, etc. O 12 de setembro ao mediodía fórono deter á escola diante dos seus alumnos. Ían varios falanxistas dirixidos polo sinistro tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez, alcumado o Rabioso. Metérono nun coche e, perto das Angustias, fixérono baixar e pegáronlle cinco tiros polas costas. Tiña cincuenta anos. Segundo o documento asinado pola Garda Civil a causa da morte foi por "heridas por proyectil de arma corta de fuego en la cabeza y el pecho". Nunha esquina da folla do rexistro anotábase:"Accidente".
|
|
|
|
Algunhas reflexións sobre a represión franquista en Cuntis |
|
Polo que podemos comprobar tanto en Cuntis como na práctica totalidade dos concellos os do bando gañador da guerra ademais de facerse co poder dun xeito totalmente ilexítimo dado que se impuxo pola forza e contra o goberno votado nas urnas por vontade popular, non contentos con esta ilegal toma de poder na que en Galiza apenas tiveron resistencia propiamente bélica, exerceron unha desmesurada represión contra os vencidos polo mero feito de causar sufrimento e escarmentar aos que tiñan cargos públicos nos tempos da República ou a aqueles que no momento que viron en perigo o sistema democrático, e obedecendo ordes superiores dos cargos lexítimos republicanos, se organizaron para manter a orde, nos primeiros momentos de confusión, requisando armas para impedir que se cometeran barbaridades. En Cuntis non houbo ningún descontrol, non se queimaron edificacións relixiosas, nin se asasinou a ningún dos que podían supor un perigo para a República. É máis, aínda que se retivo ao cura Toubes, a M. Ferro e un par de falanxistas máis, ninguén lles fixo dano e foron postos en liberdade logo dunhas horas. Mesmo se protexeu o convento bieito; o propio alcalde facilitoulle a fuxida ao cura Toubes; e Serxio González, que logo sería asasinado, deulle protección ao ultradereitista cura párroco Santiago Abuelo Lado. Xenerosidade que foi recompensada con homicidios, agoniantes procesos sumarísimos, longas penas de cadea, sancións económicas e/ou laborais que deixaron na ruína algunhas das máis honradas familias do concello, e un longo ronsel de viúvas e orfos. Non só debemos falar das penalidades dos que foron eliminados e as súas familias senón tamén dos moitos que pasaron longos períodos de tempo privados da liberdade, en precarias condicións hixiénicas, soportando a angustiosa humidade, o frío invernal, e o amoreamento humano das prisións nas que estaban deitados polo chan case sen espazo para moverse...; estas circunstancias orixinaban graves doenzas que en moitas ocasións acababan na morte de reclusos (sobre todo dos de máis idade), especialmente por tuberculose, bronquite, arrebatos de loucura que en ocasións remataban en suicidio, pneumonías, descomposicións (en S. Simón eran moi frecuentes debido ás bazofias que preparaban cos berberechos recollidos polos propios presos na praia, que teñen dado lugar a mortes por deshidratación), unha escasa e deficiente alimentación... Resultan incompresíbeis tamén as sancións económicas ademais das físicas impostas mesmo ás familias dos que xa foran executados, por medio dunha penalización en metálico que na maioría dos casos, dada a enorme contía das multas, remataba en embargo de propiedades por non poder satisfacelas, ou a puxa dos bens, que case sempre terminaban en mans dos máis sinistros facciosos.
É unha triste evidencia que os franquistas nin souberon encaixar a derrota democrática nin souberon ser minimamente xenerosos con quen consideraron o seu inimigo cando xa o tiñan vencido pola vía militar, e a pesar de que foron eles os que se levantaron contra o réxime constitucional, acusaron paradóxica e absurdamente de rebelión a aqueles que unicamente intentaron manter a orde durante os primeiros momentos da insurrección fascista, cando os únicos rebeldes e traidores foron eles mesmos, os alzados.
Penso que hoxe ninguén desexa que se repitan situacións como aquelas e que traballos deste tipo, traten o tema desde unha perspectiva global ou local, como é o caso, non deben ser considerados un xeito de meter máis leña ao lume senón de coñecer uns feitos históricos e uns erros históricos que non deben voltar a se repetir. Por outra banda tamén é unha maneira de render unha homenaxe aos que pugnaron por un mundo mellor, sen mordazas, sen crimes de Estado, aínda que no intento deixaran a vida ou moitos anos de sufrimento e falta de liberdade. A todos eles e elas e ás súas familias vai dedicado este traballo.
Quixera manifestar que considero esencial a retirada da simboloxía franquista dos nosos rueiros, edificios públicos... Sen embargo penso que é unha iniciativa que compre facela desde a lexitimidade (como se fixo en Alemaña, Italia...) e non de xeito clandestino e moito menos deteriorando o noso patrimonio arquitectónico. Creo que todos nos temos que felicitar pola aprobación por parte do parlamento galego da proposición non de lei do BNG (co voto a favor de socialistas e a abstención do PP, que só aceptou o punto polo que se acorda facer un recoñecemento especial da figura de Bóveda na elaboración e impulso do Estatuto de 1936). A proposta aprobada inclúe que se adopten medidas para que se retiren progresivamente dos edificios e centros da administración as denominacións que fagan referencia a figuras ou feitos relacionados co franquismo e a rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e de todos os asasinados e represaliados polo franquismo.
|
|
|
|
Algúns outros casos relacionados coa represión en Cuntis |
|
Se temos que ser un pouco exhaustivos teriamos que mencionar o caso doutros represaliados que aínda non sendo propiamente cuntienses de nacemento si teñen unha importante transcendencia a nivel local como é o caso do que foi quizais o director máis importante que tivo a Banda Municipal de Cuntis. Estámonos a referir a Hixinio Cambeses Carrera , quen aos poucos días do comezo das detencións formou en Viveiro, onde vivía naquel entón, unha Comisión de Axuda aos Presos políticos xunto co mestre e membro das Mocidades Galeguistas Xosé Gueimunde López, comisión que durou moi pouco, pois axiña foi disolta por orde do comandante militar da praza. Posteriormente sería detido, encausado e suspendido de emprego como director da Banda de Música de Viveiro e de profesor da Escola de Musica Municipal. Foi director da banda de Cuntis entre 1943 e 1948. Era natural de Antas (A Lama). Todos o recordan como un gran músico, compositor e director. Fixo grandes amizades no pobo. Compoñía moitos dos temas que tocaba a banda: o pasodobre do "Zumba Loureiro", a xota "Campanas de Oro", ou a peza "Unha noite no Santo Cristo", "Flores de la Calle" e os pasodobres dos pasarrúas, que eran todos da súa autoría e mantiña sen títulos. Este home coñecía ben os seus músicos, e nos temas que compoñía, procuraba cargar nos instrumentos mellor manexados (así cargaba nas trompetas en determinadas pezas). Foi unha persoa innovadora, foi o responsábel de introducir as gaitas na banda. En Cuntis había moi bos gaiteiros polas aldeas e Cambeses axudouse da súa destreza para introducir o instrumento tradicional na banda de Cuntis. Desta maneira converteuse na primeira banda popular galega (non militar) que incorporou gaitas na súa formación. Incorporou tamén un novo uniforme de verán moi vistoso con sahariana e gorra branca. Isto fixo que foran coñecidos popularmente, como O Terzo Branco. Nos descansos da banda, tocaban os gaiteiros sos. Lembremos a letra do que fora en todo Cuntis un pasodobre de grande popularidade:
Somos de Róncalleopeito,
compañía Xan Fungueiro,
parentes de Carabuñas,
familia Zumba Loureiro.
Cantamos, aturuxamos,
temos cunchas e cuncheiros,
ferriñas e tamboriles,
foles, gaitas e gaiteiros.
Somos da vila de Cuntis,
onde a iajua sae fervendo
e os chorros curan á xente
aínda que veñan morrendo.
No 1948 marchou para Padrón como director da Banda Municipal, pero seguiu vindo continuamente a Cuntis, onde tiña moitos amigos. Sufría manía persecutoria. Quedara tocado debido á presión e ao medo a que fora sometido despois do alzamento militar do 36, con continuas detencións, malleiras e sancións laborais e económicas. Estando en Cuntis metíanselle cousas na cabeza, como que lle querían pegar ou matar. O certo era que lle tiña medo aos falanxistas e por iso, xa estando na banda de Padrón, cando viña a Cuntis durmía na fonda de Calveiro, pois era amigo de Baldomero Andrade, que militaba na Falanxe, e na súa casa sentíase máis seguro.
Polo ano 1948 ou 1949 quíxose suicidar cortando a xugular cun blíster de pastillas; despois tirouse desde o balcón da casa de Calveiro. Malferido, arrastrouse até a fonte da plazoleta, onde foi topado ao amencer polo sancristán. Trasladárono ao hospital de Pontevedra, onde, unha vez recuperado aganouse cunha saba. Sen dúbida aínda que cos debidos matices teriamos que consideralo unha vítima mortal do franquismo.
Por outra banda habería que ter en conta o numeroso de mortos que apareceron nas nosas cunetas. O lugar máis habitual para as execucións e torturas era a ponte Taboada. Unha testemuña oral da aldea cuntiense de Castrolandín, Mercedes Touriño, contounos como unha noite regresando de Moraña de levar a vaca ao boi, chegando á ponte Taboada o animal comezou a poñerse nervioso, a recuar e berrar. Axiña se decatou a moza do que sucedía: ouviu tiros... andaban a matar xente no camiño que indo de Moraña a Cuntis antes de chegar á ponte se mete á dereita, polo que decidiu dar unha longa volta a atrás e ir por Santa Cruz de Lamas (Moraña) e Troáns (Cuntis) para non ter que pasar por diante do arrepiante espectáculo e por medo ao que lle puideran facer. Mais teñen aparecido cadáveres de descoñecidos tamén noutros lugares do concello, sen que se saiba nalgún caso de quen se trataba dado o seu estado de descomposición.
|
|
|
|
Os disparos contra Vitorino Ameijeiras Fernández e outros sucesos |
|
 Nos seus traballos Alfonso Magariños Sueiro indicaba que un dos concentrados en 1936 frente ao Concello para a defensa da República, Avelino Ares, fixera un disparo ao aire coa intención de intimidar a un borracho que pretendía entrar pola forza no concello durante a xornada do día 20 de xullo. Quixera matizar o referente a este feito, do que se nos daban datos recollidos de fontes orais, á luz do proceso xudicial que aínda que non o deixa todo claro pode servirnos para deducir o que puido pasar. Segundo o informe redactado polo sarxento Gutiérrez Peón despois de interrogar ao propio Vitorino (que así se chamaba o borracho, natural de Cequeril e militante falanxista, este manifestou que a súa intervención, no momento en que se estaban a incautar e distribuír as armas ao pobo, fora motivada pola detención dun cidadán de Vilagarcía de ideoloxía fascista (trátase dun tal Carlos Galindo). Neste momento interveu o que axiña se convertería no máis soado fuxido do concello, Sabino Sueiro, da parroquia de Arcos de Furcos, quen segundo o testemuño de Vitorino:
"En forma imperativa e amenazadora ordena a las hordas rojas la detención del declarante que dándose cuenta del peligro emprende una veloz carrera hacia la calle, en cuyo momento oyó la voz de fuego vertida por el citado Sabino Sueiro, notando que quienes hacían los disparos eran Avelino Ares del lugar de Lajos, Maximino de la Tojeira de la parroquia de San Mamed, el sobrino de un tal Sergio del lugar de Pisos-Arcos [refírese ao tamén encausado e condenado Secundino Limeres], un tal Aboi de San Mamed que ejercía de presidente de la Sociedad de La Anllada (Oficios Varios) y el municipal Ramiro Sangiao."
Non parece críbel que en plena fuxida despavorida se decatase con tanta precisión de quen lle disparaba sobre todo tendo en conta que a distancia que percorreu foi de a penas cen metros (que é o que hai aproximadamente desde o antigo Concello, situado a carón do actual bazar de Carlos Pardal até a praza do Ferrol), polo que parece que hai unha intención oculta de incriminar aos mencionados esquerdistas. No que atinxe ao seu mencionado estado de embriaguez, dicir que é bastante probábel dado que entrou só no Concello con acenos violentos e ameazadores, nun momento en que este edificio estaba ateigado de republicanos armados e moi indignados pola situación, e púxose incluso a proferir insultos contra o alcalde e contra outros de xeito insolente e ofensivo.
As feridas que recibiu no momento en que fuxía do intento de detención limitáronse a cinco perdigonazos superficiais dos que foi atendido polo daquela estudante de Medicina Elías Mareque Fariña. Agachouse na casa de Perfecto Alonso, onde foi detido polo alcalde e polo taberneiro Manuel Aboi, permanecendo retido tan só unhas catorce horas no concello (de 10:30 da mañá do 20 de xullo até as 24 h do mesmo día) até que foi liberado a instancias da intervención de Antolín Mosquera Gómez, xunto ao cura Xosé Toubes e ao seu cuñado Manuel Ferro Ferro, que tamén estaban detidos. Ningún dos retidos sufriu danos e nen sequera foron sometidos a interrogatorio. Ao parecer neste momento élle facilitado a Toubes un vehículo polo alcalde para evitar posíbeis represalias.
Nas súas declaracións Vitorino non se priva de citar un bo número de persoas que considera os líderes da resistencia contra o glorioso movimiento: Xosé Pena Sayáns, o seu curmán Ramón Sayáns, Pedro Carballo, Antonio Ríos Fernández, o seu sobriño Manuel Alonso, Aurelio Rei, o seu fillo Aurelio Severino, o seu xenro Manuel Torres García, o alcalde Manuel Rodríguez, Serxio González, Sabino Sueiro e Manuel Aboi. Indica que o local de reunión dos esquerdistas era a taberna de Ramón Ferreiro. Tamén se menciona como membro activo contra o movemento militar ao chofer e propietario do coche de servizo público Raúl Iglesias Villar. Por omisión involuntaria, segundo o documento, faise constar que "los que contribuyeron con entusiasmo a inculcar en las masas rojas el espíritu en contra del movimiento militar son los hermanos Francisco y Edilberto Lois, el primero oficial del Ayuntamiento de esta localidad y el segundo un marcadísimo socialista".
Tamén declaran sobre este asunto Henrique Pardal e Manuel Pernas Paz. Este último ademais de declarar sobre o suceso indica quen foron os cabezas da resistencia incluíndo a Aurelio Rei e o seu fillo Aurelio Severino. Destes declara que "al paso de las milicias socialistas que formando columna en camiones con armas de fuego que se dirigían hacia Pontevedra, levantaban los puños en alto en recto [sic.] amenazador". Posteriormente declaran Cándido Pardal Iglesias, o cura Xosé Toubes Pego, Xosé Rodríguez López (de Campo), o médico Ramiro Campos, o comerciante Antonio Gómez Arca, Pablo Baños Mariño, Secundino Limeres e Avelino Ares Villaverde (tres dos denunciados)...
Antonio Gómez Arca, que participara na concentración armada en defensa da República, presentouse voluntariamente a declarar. O que conta resulta un pouco inverosímil: que ao ver que disparaban contra Vitorio, el mesmo intentou persuadir da súa intención aos agresores facendo dous disparos intimidatorios ao aire, que non serviron de nada, e que posteriormente vixiou a casa de Perfecto Alonso para salvagardar a integridade de Vitorino, alí agochado. Unicamente deixou que fose o propio alcalde quen entrara a detelo pois non se fiaba dalgúns outros. Indica que había catro sectores ou comités entre os concentrados, un formado por Serxio González e Sabino Sueiro (os cales son cualificados de masóns en distintos documentos do sumario), outro formado por Antonio Ríos e o alcalde Rodríguez (que segundo o declarante: "eran los que contenían los intentos de atropello y privaciones de libertad") e un terceiro composto polo anarquista Aboi de San Mamede (Antonio Aboi Torres), presidente da Sociedade obreira da Anllada e o seu secretario, de apelido Porto (sen dúbida trátase do encausado Francisco Porto Touceda, de quen indican algunhas testemuñas que portaba un sable). O outro comité, segundo o declarante, formábano o avogado Xosé Pena Sayáns (era irmán do mestre Manuel Pena Sayáns que era militante da Unión Socialista Galega de Xoán Xesús González), Pedro Carballo e Edilberto Lois (do PSOE), que xunto con Sabino e Serxio foran a Pontevedra para entrevistarse co Gobernador Civil e traer armas. Ao regreso entregáronlle ao declarante varios cartuchos. Declara tamén que perante a actitude hostil do grupo socialista da Anllada, o alcalde remata por abandonar o liderado da resistencia contra o fascismo, quedando á frente Sabino Sueiro. En todo momento defende a actitude do alcalde insistindo en que efectuou a requisa de armas seguindo as ordes que recibiu telegraficamente do Gobernador Civil.
Polo que vemos este declarante intenta zafarse de todo tipo de responsabilidades perante as novas autoridades ditatoriais. Mais pon de manifesto a escasa preparación e coordinación que había entre os membros republicanos na defensa do réxime lexítimo, debido sen dúbida ao desconcerto, confusión e sorpresa que provocou o golpe militar.
Na declaración de Pablo Baños, coa clara intención de evadir responsabilidades que puideran prexudicalo, di que participou nos feitos por medo ao alcalde (ben debía supor que o alcalde Rodríguez estaba morto e que as declaracións xa non lle podían prexudicar) e que o autor do disparo contra Vitoriano foi Avelino Ares, mais que foi debido a que se lle disparou a arma accidentalmente.
Secundino Limeres, do Caeiro (Arcos), sen dúbida movido polo medo a unha represalia severa e violenta declara que foi cara a Pontevedra obrigado xunto con outros cuntienses armados con escopetas e capitaneados por Porto Touceda (do Loureiro-Portela).
Avelino Ares indica que Vitorino se presentara no concello en actitude ameazadora polo que intentaron detelo, fuxindo cara á casa de Perfecto Alonso, polo que fixeron disparos intimidatorios, entre outros, Ramiro Sangiao, para asustalo. Aao parecer, segundo este declarante, no momento da fuxida de Vitorino os cidadáns que estaban alí iniciaron a persecución un pouco apretados polas escaleiras e porta "y debido a la forma atropellada tropezaron algunos sobre su escopeta que inclinándola con el cañón hacia delante y en posición horizontal se le disparó el arma (...) cuyo tiro no hirió a nadie". Tamén di que non sabe que persoas estaban armadas na rúa pois ten un problema na vista e ve con moita dificultade.
Edilberto Lois foi preguntado pola detención de Xosé Toubes e Manuel Ferro, contestando que non sabe nada diso e que o que si veu foi o coche dun tal Caeiro (en referencia ao coñecido chofer Manuel Caeiro, que foi propietario da empresa El Rápido de Cuntis) que se dirixía a Pontevedra con xente da Anllada armada. Outras testemuñas afirman que viron a Raúl Iglesias conducindo un vehículo con milicianos armados. Foron varios os vehículos que se dirixiron a Pontevedra para intentar impedir que as tropas franquistas tomaran a cidade, e ademais do autocar que conducían Caeiro e mais Raúl tamén ían autos pequenos cheos de xente. En calquera caso chegaron tarde, cando xa dimitira o Gobernador Civil e a cidade estaba xa en mans dos militares e a falanxe, e terminaron dando a volta, como lles pasou aos de Lalín, Bueu, A Estrada e aos doutras moitas localidades da provincia.
Aurelio Rei García que considerando que pasara un tempo prudencial decidira entregarse, presta declaración por dúas veces. A segunda delas, seguramente a instancias dalgún avogado ou persoa con algúns coñecementos xurídicos, para matizar enxeñosamente que a arma que entregou foi para a defensa do arquivo municipal da xente armada e por orde do xuíz municipal, señor Pena. Facilita tamén o nome doutros cuntienses que fixeron o mesmo, algúns deles xente de dereitas: Antonio Gómez Arca, dúas escopetas; Antolín Mosquera, un rifle; Santiago Martínez Garrido, unha escopeta; Xosé Escariz Magán, unha escopeta; Luís Seoane Verea, unha escopeta; Manuel Pernas Paz, unha pistola; Manuel Reboredo Campos, outra; Avelino Rei, outra; Manuel Foxo Rivas, outra; Xosé Fernández Torres, outra; Xosé Campos Rodríguez, unha escopeta; Marcial Fuentes Castro, outra; Casimiro Fernández, outra; Emilio Pazo Picallo, outra; Antonio Silva Rivas, outra, Donato Bascoi Pérez, outra; indicando que non o facían para opoñerse ao ?movimiento salvador de la patria?. Esta intelixente declaración, que non afectaba negativamente a ninguén, puido ser moi importante para a atenuación de responsabilidades durante o seu proceso. O certo é que tanto el como os seus fillos eran de tendencia esquerdista e foron obxectivo da saña fascista, e así o seu fillo Aurelio Severino Rei Carou sería un dos nada menos que corenta e nove mestres depurados na bisbarra do Deza, pois exercía a docencia na parroquia de Arnego (Rodeiro). Tamén sufriu represalias outro dos seus fillos, Emilio, e o seu xenro Manuel Torres García.
Durante o tempo que durou a resistencia correu o rumor de que en Cequeril estaban Xoán Xesús González e un tal Escariz (quizá se refira ao músico de ideoloxía republicana Xoaquín Escariz, fundador da Banda de Música de Cuntis) cunha camioneta recrutando xente e que pretendían ir a por Marcial Campos García, suponse que para liquidalo. Todo foi un mito pois Marcial Campos andaba de vacacións en Portugal e Xoán Xesús estaba ao mando da resistencia democrática en Compostela.
En conclusión, Gutiérrez Peón decide proceder á detención do comité representativo da Frente Popular formado segundo el: polos socialistas, José Pena Sayáns, Ramón Fuentes, Edilberto Lois; pola sociedade de resistencia de Oficios Varios de Cuntis e contornos Francisco Porto Touceda, Antonio Aboi Torres; como autores dos disparos, Avelino Ares Villaverde, Secundino Limeres Campos, Maximino Pardal Fabeiro, Pablo Baños Mariño (que morrería na prisión de San Cristóbal, en Pamplona, en 1940) e Manuel Alonso Rodríguez. Por dedicarse á carga de cartuchos detense a Manuel Pisos Villar e Xosé Campos (ambos de Furcos) e como fomentador de reunións clandestinas a Ramón Ferreiro. Polo que respecta a outros como Antonio Ríos, Pedro Carballo, Sabino Sueiro, Francisco Lois , Serxio González e Manuel Aboi, por estar xa detido o primeiro, desaparecido o segundo e terceiro (Carballo estaba agochado na reitoral de Lores protexido polo seu tío o párroco Xermán Blanco Torres, e Sabino botárase ao monte, o que lle salvou a vida) e deportados en Negreira, Lalín e Carballiño respectivamente os tres restantes, non puideron ser detidos nese intre. Serxio González xa fora asasinado en Silleda xunto co alcalde Manuel Rodríguez (deportado en Vila de Cruces).
Os reos foron conducidos ao cárcere de Caldas de Reis e logo ao lazareto de San Simón, onde permaneceron até o 19 de novembro en que foron levados por orde do xuíz instrutor a Pontevedra, sendo encarcerados no instituto vello que se usou como cadea para presos políticos mentres duraba o xuízo colectivo no edificio da Deputación. Todo foi un ir e vir de S. Simón ao instituto vello ou á prisión Provincial até a resolución en febreiro de 1937. As declaracións de Antonio Ríos son claras e concluíntes, que ignora os motivos da súa detención pois o único que fixo, tanto el como os seus compañeiros, foi acudir a unha chamada do alcalde para manter a orde nuns momentos de confusión. No xuízo os encausados procuraron lexitimamente dirimir culpas acusando a aqueles que consideraban mortos ou desaparecidos como cabezas da incautación de armas, especialmente ao alcalde, mais tamén a Serxio e a Sabino.
Despois disto o xuíz instrutor envía un oficio ao cuartel de Cuntis interesándose pola busca e captura de Ramiro Sangiao e outro a Lalín para localizar a Serxio González e Manuel Rodríguez, que aínda que el non o sabía xa foran paseados. De Serxio indícase hipocritamente desde o cuartel de Lalín, con data de 28 de novembro, que fuxira da pensión en que se hospedaba o día 15 de setembro (o día antes de ser asasinado). O 21 de novembro foi detido Ramiro Campos na súa casa da Casiña (Arcos de Furcos-Cuntis), onde tiña unha taberna, pois algún dos encausados o implicaba nos actos do 20 de xullo, e levado á cadea de Pontevedra. Ramiro Campos era un destacado esquerdista que segundo o testemuño dalgúns dos declarantes no sumario estivo armado no concello e na taberna de Ramón Ferreiro (a arma fóralle incautada ao alguacil do xulgado Miguel Ares Rei), xunto co alcalde Rodríguez, Sabino Sueiro e Serxio González, todos eles tertulianos habituais da súa taberna da Casiña rexentada por el, e da de Ramón Ferreiro. Pola súa parte o municipal R. Sangiao declara que todo o que fixo foi obedecer as ordes do alcalde como municipal e por temor a ser fusilado. É curioso que todas as testemuñas declaran favorabelmente ao municipal mentres que este non se priva de mencionar nomes á hora de saldar responsabilidades. Segundo parece foi encargado de acudir ao convento das monxas bieitas para tranquilizalas, ofrecéndose ademais para custodialas por indicación do alcalde.
Finalmente, aínda que no expediente pedíase a pena de morte ou reclusión a perpetuidade, a sentencia quedou reducida, como xa indicamos liñas arriba, a cadea perpetua para algúns ou a penas que oscilaban entre os 12 e os 20 anos de prisión, que co tempo foron sendo reducidas perante o insostíbel estado de ateigamento que presentaban todas as cadeas. Non foi por tanto un acto de xenerosidade do réxime, senón de busca dun alivio para a súa economía, dado o custo que lle estaban a supor os presos. Aínda que tamén é certo que en moitos casos eran unha fonte de riquezas, pois os condenados a traballos forzados eran unha man de obra gratuíta que mesmo enxendrou fortunas entre algúns empresarios sen moitos escrúpulos.
|
|
|
|
O proceso contra Aurelio Rei |
|
 Aurelio Marcelino Rei García nacera en Lavadores en 1880. Casou en Cuntis coa tamén mestra Emilia Carou Blanco. Foi Presidente da Asociación de Mestres do Partido Xudicial de Caldas de 1925 a 1929 (polo menos). Tamén foi Tesoureiro da Asociación Provincial de Mestres. Foi mestre da Escola graduada de Cuntis desde principios dos anos 20 ata 1935 (en que se traslada á Graduada de Pontevedra).
Era un mestre moi innovador e cunha grande vocación pedagóxica, e así ademais de formar academicamente moitas xeracións de alumnos tamén impulsou no propio centro pola súa conta a formación profesional para que aqueles alumnos que non puideran aspirar a facer estudos universitarios tivesen unha boa base para incorporarse ao mercado laboral. Alí levou a distintos profesionais a ensinar actividades como modelado en arxila, carpintaría, encadernación, repuxado, torneado en madeira, cartografía...
Facían mapas en relevo para estudar a xeografía. E para comprender o que eran e como eran Galiza e España, dirixiu no patio da Escola Graduada de Rapaces (da que foi director) a construción dun xardín con forma de Galicia e outro coa forma de España. Este estaba dividido en rexións, separadas unhas das outras por mirtos. Cada rexión tiña os seus cultivos propios e era coidada por un grupo de rapaces. De Madrid saía un surtidor que regaba todo o xardín. Para poder aproveitar aos rapaces que tiñan capacidade para estudar e carecían de medios económicos, creou o que el chamou Cuarta Sección, onde se estudaba aproveitando os mesmos libros para todos eles. Desta aula saíron moitos bachareis, mestres, homes de empresa...
Mais tanto esforzo e dedicación foi pagado polos amantes da guerra e da morte cun duro e ingrato proceso xudicial, unha tempada na prisión de S. Simón ademais dos que tivera que estar agochado como unha alimaña para evitar o peor.
Xerardo Gutiérrez Peón, sarxento comandante da Garda Civil de Cuntis xunto co garda Manuel Vázquez Araujo comezaron unha serie de indagacións e interrogatorios a instancias dun atestado do Primeiro Xefe da Comandancia de Pontevedra, Xoaquín Velarde Velarde, con data de 24 de outubro de 1936. Tratábase de comprobar a o grao de participación do director da Escola Graduada de Cuntis, Aurelio Rei, na resistencia contra o golpe militar. O atestado di o seguinte:
"Teniendo noticias en esta jefatura de que el director de la Escuela Graduada de Cuntis, D. Aurelio Rey García, predicaba las excelencias del comunismo, asesoraba al Frente Popular, asistiendo a las reuniones de sus directivos en el domicilio del Maestro nacional de Ginzo, actualmente destituido, y en el comercio de ultramarinos de Ramón Ferreiro, que ha sido clausurado y que el día 20 de Julio último entregó a un vecino de Cuntis un rifle de su propiedad con sus proyectiles, enseñándole el manejo de dicha arma, para que viniera a esta capital con objeto de oponerse, en unión de los elementos marxistas, al glorioso movimiento nacional. Sírvase V. Proceder a instruir el correspondiente atestado para esclarecimiento de los hechos expuestos que remitirá al ilustrísimo Señor Delegado de Orden Público de la provincia de Pontevedra."
Os gardas citados levaron a cabo un interrogatorio a distintas persoas residentes na vila: Ramiro Campos Piñeiro (médico), Xosé Rubira Proupín (farmacéutico), Marcial Campos García (propietario do hotel), Xosé Bazaco López (secretario do Concello), Xoán Manzano Miguel (notario), Manuel Paz Rodríguez (veciño de Ríos en Xinzo desde había tres anos, aínda que era natural de Meira), Xerardo Ferreiro Ferro (de Cardecide), Ramón Sotelo Aboi (secretario xudicial), Xoaquín Ferro Toubes (mestre), Severina Sayáns Ocampo ... Esta última, veciña de Cardecide, declara que o seu fillo Xosé Pena Sayáns estaba enfermo na cama cando foron os sucesos, e que o mestre Aurelio Rei foi visitalo e díxolle que se erguese pois non se librarían ambos de ir ao cárcere, mais para tranquilizalo engadiu que alí xogarían unhas partidas e o pasarían ben.
Algúns dos interrogados indican que descoñecen se o mestre asistía ás reunións en Xinzo, na casa de do seu colega Antonio Ríos ou en Cuntis na taberna de Ramón Ferreiro, mais todos están ao tanto da entrega do fusil e munición a Xerardo Ferreiro en presenza do médico Ramiro Campos Piñeiro, do notario Xoán Manzano, de Ramón Sotelo e do secretario Xosé Bazaco, todos eles republicanos, aínda que despois algún rematou adaptándose á nova situación. En calquera caso do que se trataba era de cumprir as ordes do Comité de Resistencia da Frente Popular que se formou na vila presidido polo alcalde e que andou a incautar armas polas casas para impedir que estiveran en mans de persoas afíns á Falanxe. Certo é tamén que ao menos un autocar, un camión e outros vehículos cargados de milicianos republicanos saíron de Cuntis para a capital de provincia para auxiliar ás autoridades civís republicanas, entre os condutores irían dous choferes ben coñecidos no municipio: Manuel Caeiro e Raúl Iglesias.
Pola súa banda Xosé Rubira (definido no sumario como persoa "de indudable adhesión al movimiento militar salvador de la patria") declarou que Aurelio foi activo participante e propagandista da Frente Popular nas eleccións. Marcial Campos "de significación derechosa" di que ten conceptuado a Aurelio Rei como "perteneciente a partidos de izquierdas y desde que advino la República observó que no cumplía con los deberes religiosos de la Iglesia y que le consta que intervino en las últimas elecciones pidiendo votos para los partidos de izquierda". Sobre o do fusil declarou que polo 20 de xullo estaba en Lisboa (Praia de Caparica) e non pode dar testemuño directo dos feitos.
Bazaco, secretario do concello, limítase a indicar que viu estes feitos por pasar de casualidade xunto co notario, sen dar máis información que puidera prexudicar ao encausado. Outra actitude menos leal foi a do notario Xoán Manzano que indicou innecesariamente que "le consta por habérselo oido a él personalmente en diferentes ocasiones que, al menos ideológicamente, simpatizaba con el comunismo (...)" En calquera caso parece que tanto estas dúas testemuñas como o médico Ramiro Campos eran de ideoloxía republicana e aínda que non adoptaron unha postura activa na resistencia, a súa presenza na entrega do fusil non se debeu á casualidade de pasar por alí naquel momento.
Xerardo Ferreiro Ferro, de Cardecide, que fora o que recibira o fusil de mans do director da Graduada, indica, coa clara intención lexítima de zafarse, que axudara á incautación de armas para ir cara a Pontevedra, que o rifle llo entregou voluntariamente Aurelio Rei sen que llo pedisen e que el tivo que aceptalo obrigado polo alcalde. Ben debía supor que a este xa non lle podían facer mal pois estaba en paradoiro descoñecido, morto con toda probabilidade.
Malintencionadas foron as declaracións do mestre da graduada Xoaquín Ferro Toubes, sobriño do crego Xosé Toubes Pego. Indicou que Aurelio Rei adoitaba ter na súa mesa xornais da Frente Popular:
"y la enseñanza la hacía puramente materialista y en algunas ocasiones ponderaba el régimen soviético. En la calle le he notado siempre que conversaba de asuntos sociales y políticos, ser simpatizante furibundo del Frente Popular, y el veinte de Julio entregó un rifle con municiones a Gerardo Ferreiro Ferro. Asistió al último congreso pedagógico de Trabajadores de la Enseñanza de Vigo, que fue cerrado con un discurso de la Nelken, a la que él pertenecía como socio."
E non por casualidade a partir deste momento Xoaquín Ferro Toubes pasou a ocupar a dirección da graduada en substitución do cesado Aurelio Rei. Sen embargo este mesmo declarante fixo de testemuña de descargo do seu parente Xerardo Ferreiro, ao que segundo informa o propio Xoaquín, foi el mesmo quen lle indicou, cando o topou coa arma que lle dera Aurelio, que custodiase ao cura Toubes durante a detención e o traslado á casa do concello, pois confiaba nel e ?para evitar algún mal mayor por parte de otros".
Xerardo Ferreiro, Antonio Ríos e outros ingresaron axiña na prisión de Pontevedra. O sarxento Gutiérrez Peón enviou dous grupos cun garda e falanxistas cuntienses para buscar a Aurelio Rei.
O día 28 o garda Florencio Pavón acompañado do falanxista Cándido Pardal Iglesias (que foi subdirector da banda de música) e por Luís Vidoza Moro e Antolín Mosquera Gómez foi deter na súa casa a Aurelio pero a muller, Emilia Carou, dixo que saíra había un mes cara ao domicilio do seu fillo Emilio Rei Carou, ignorando desde aquela o seu paradoiro. Procedéndose a un minucioso rexistro domiciliario sen éxito. Pola súa parte o outro garda, Manuel Vázquez, acompañado dos falanxistas Xosé Liméns Iglesias e Xosé Chicharro Lajos, dirixiuse á casa de Marina Torres Campos , nora do fuxido, na aldea do Pazo. Alí cachearon todo, alpendres, palleira, cortes, adega, vivenda e faiado, tampouco tiveron éxito. Aínda que no sumario se baralla a posibilidade de que estivese en Compostela, polo que temos entendido de testemuñas orais tíñano agochado os da ferraxaría de Torres na coñecida como casa da Parra, que entón usaban como almacén.
Na causa xudicial contra Aurelio Rei tamén se aporta unha acta de claustro de mestres do centro escolar, datada en 1933. Nela o encausado manifestaba aos outros mestres a necesidade de sacar das enciclopedias Porcell que empregaban os nenos as páxinas dedicadas a Historia Sagrada e as apoloxías da monarquía e da cesada familia real (os Borbóns). Só intentaba seguir o criterio da necesidade dun ensino laico tal como indicaban as autoridades do novo réxime republicano. Os mestres Olimpio Liste Nabeira e Xoaquín Ferro Toubes opóñense e piden que se garden as enciclopedias mentres non se poidan conseguir unhas novas sen os contidos mencionados. O director indica que, aínda que tamén consideraba que o ideal era poder usar novos libros, por non haber posibilidade de mercalos, e xa que tiñan no centro un pequeno taller de encadernación, a única opción era sacar as follas referidas e encadernar de novo pois así os libros ficarían como novos, sen contidos contrarios ás indicacións do novo réxime republicano e sen ningún custo económico; e dese xeito se acabou facendo. Este documento ao parecer facilitado por Xoaquín Ferro puido ser decisivo na sentenza da Comisión de Depuración: separación definitiva do servizo e baixa no escalafón (dada o 11-5-1940). No propio 1940 Aurelio solicítalle ao Ministerio de Educación, autorización para poder impartir clases particulares dada a mala situación económica na que o deixaron . A día de hoxe o colexio de Cuntis e mais a principal rúa da vila levan o nome deste insigne e prezado mestre, que foi o único represaliado político de Cuntis ao que se lle outorgou un merecidísimo recoñecemento público de tal dimensión.
|
|
|
|
Outras represalias |
|
Mellor sorte correron aqueles mestres e funcionarios que unicamente sufriron sancións económicas, ás veces acompañadas de embargo de bens, e depuracións ou inhabilitación para ser funcionarios. Entre eles mencionar a Aurelio Rei García e algúns dos seus fillos. O mesmo sucedeu co mestre de Xinzo Antonio Ríos, que sufriu a depuración permanente como mestre ademais da condena a cadea perpetua, aínda que anos despois logrou poñer unha academia particular en Compostela. Tamén foron inhabilitados funcionarios municipais como o oficial primeiro Francisco Lois Couso. Ao taberneiro de Meira Manuel Aboi Barros (fora militante dun partido de carácter nacionalista, a Unión Socialista Galega, fundada polo escritor e xornalista natural de Sebil, Xoán Xesús González) deportárono a Carballiño e pecháronlle o local, ao igual que fixeron coa tenda de Ramón Ferreiro, na Presiña. Deportaron tamén a Edilberto Lois en Negreira. Tampouco faltaron tundas brutais a persoas de esquerdas e desmedidos e indignantes cortes de cabelo ou mesmo pancadas e insultos en plena rúa a mulleres de familias republicanas para humillalas publicamente. E sorte tiveron de que non lles fixeran como a algunhas mulleres doutros lugares, onde se chegou a gravarlles con ácido na frente as siglas da Falanxe. Aos fillos do alcalde Manuel Rodríguez, sempre moi conscientes do que lles tiñan feito, pretendían obrigarlles a cantar o Cara al sol na escola, a súa negativa foi motivo de moitas tundas. Isto mesmo pasaba con moitos familiares de represaliados e normalmente accedían a humillarse ás pretensións dos mestres do Réxime, para evitar duros castigos físicos. Humillacións e indiferenza foi o que padeceu a familia de Rodríguez (tan admirado e gabado por todos pouco tempo atrás) e a doutros represaliados. Mesmo se daba o caso, por exemplo, de que na panadería de Pernas, en Cuntis, á filla do que fora alcalde na República, segundo o seu propio testemuño, lle teñen vendido o pan despois de arrincarlle o currusco, e ao protestar esta por ver que o pan xa estaba encetado, a muller indicáballe que se quería o levaba así e senón quedaba sen el, pois non lle daba outro.
Mais houbo moitas outras persoas que padeceron tamén castigos físicos e humillacións. Dada a miña relación persoal penso que cabería mencionar o trato dado ao querido gaiteiro Patelas, que mesmo chegou a recibir unha malleira que case o deixa eivado. Outras persoas que foron moi presionadas foron o director da Banda de Música de Cuntis Xoaquín Escariz, os irmáns Pallas, de Pisos, aínda que destes últimos descoñezo se chegaron a estar en prisión...
|
|
|
|
Asasinados |
|
Xa mencionamos o caso de Avelino Ares, asasinado e enterrado en Ponte Sampaio. Pero ademais temos que destacar ao alcalde Manuel Rodríguez Sangiao e Serxio González Paz que foron asasinados despois de entregárense inxenuamente para seren deportados respectivamente a Vila de Cruces e Lalín, de onde non regresaron con vida, pois falanxistas de Cuntis armados fóronos buscar á pensión onde se hospedaban, conducíronos a Costa Carballo, na parroquia de Pazos (Silleda) e alí matáronos o 16 de setembro do 36. Segundo o certificado de defunción morreron de "hemorragia interna". Foron soterrados en Pazos até que os seus corpos foron recuperados polas familias anos despois e inhumados no cemiterio de Arcos de Furcos (Cuntis). Pola información oral que nos foi facilitada, o alcalde non morreu a causa dun disparo, senón que no momento en que o ían matar conseguiu golpear e arrebatarlle a arma a un dos falanxistas, que ao parecer eran de Cuntis, e facerlles frente. Mais un deles, que ao parecer era falanxista e chofer do propietario do hotel de Cuntis, Marcial Campos, e que era o que levaba o vehículo, pegoulle por detrás un forte golpe ao alcalde na cabeza coa manivela de prender o coche e matouno, de seguido mataron dun tiro a Serxio que, resignado co seu ineludíbel final, non ofreceu resistencia.
Remontándonos no tempo, e segundo o testemuño de Sabino que nos foi relatado por Alfonso Magariños Sueiro, cando os condenaran á deportación Manuel Rodríguez quedou citado con Sabino Sueiro para fuxiren xuntos ao monte antes de que o viñeran buscar para levalo deportado a Vila de Cruces, mais nun último momento debeu acordar e agardou a que foran por el os falanxistas. O mesmo erro que cometeu Serxio González, confiados ambos en que nada tiñan que temer pois non lle fixeran mal a ninguén. Sen embargo Sabino estivo a esperar, e ao ver que non chegaba o seu compañeiro decidiu marchar só. Desde o monte escoitou como da casa do alcalde en Ducío (Arcos de Furcos) proviñan berros e prantos das mulleres, e xa supuxo que ía pasar o peor. Doutro xeito nos contan os feitos os familiares de Manuel Rodríguez, que nos indican que cando o alcalde republicano foi á casa de Sabino á hora convida para fuxir para o monte, este xa marchara só ao considerar que deste xeito tiña máis posibilidades de sobrevivir. Entón M. Rodríguez decidiu voltar para casa e agardar a que os falanxistas viñeran por el, pois considerou que o máis probábel era que non lle pasara nada pois non fixera máis que cumprir co seu deber como autoridade electa. O mesmo argumento esgrimiu xa en Vila de Cruces, estando hospedado nunha pensión. Alí houbo boas persoas que lle indicaron que debía fuxir para preservar a súa vida, pois tiñan información de que ían pasealos; nin el nin Serxio fixeron caso ao consideraren que se os quixeran matar xa o terían feito. Ao parecer a detención do alcalde foi bastante violenta pois os falanxistas mesmo forcexaron coa súa muller, que quería impedir que o levaran. Mais o empurrón que recibiu dos camisas azuis fixo que a afouta muller caera polas escaleiras coa súa filla no colo, que daquela tiña tan só uns meses.
O fillo máis vello do alcalde, chamado Manuel Rodríguez Carballo, foi outra das vítimas mortais do fascismo. Foi destinado a Madrid rematada a guerra, no ano corenta, para facer o servizo militar en Aviación e alí matárono uns falanxistas cuntienses. Estes xa o quixeran liquidar en Cuntis cando nun bar acusou a un dos falanxistas de que o valioso reloxio de peto gravado que levaba pertencía ao seu pai, asasinado catro anos atrás, pois trouxérao de Arxentina (e non só lle roubaran o reloxio a Manuel Rodríguez pai despois de matalo, senón tamén o diñeiro e todo o que levaba de valor, mesmo nun bestial alarde de sadismo arrincáronlle os dentes de ouro). Voltando a Manuel fillo, comentar que no momento en que descubriu o reloxio e llo botou en cara ao que o portaba, quixeron levalo e darlle morte, mais impediuno un deles chamado Asorei, da aldea cuntiense de Vilar. Mais un tempo despois collérono en Madrid sen ninguén que o amparara e déronlle unha covarde e brutal malleira até deixalo por morto. E aínda que non o estaba, pouco durou pois ao cabo dunhas semanas falecía a consecuencia dos estragos internos que lle provocaran as pancadas recibidas. Foi soterrado en Carabanchel.
Un caso curioso tamén foi o de Secundino Limeres, sobriño de Serxio González Paz, que non puido aturar máis as condicións de vida en S. Simón nin o ansiedade que lle producía a incerteza de que o seu nome fose pronunciado polos paseadores que ían todas as noites nunha lancha a buscar xente para levalos a darlle o paseo, unha lancha da que todos coñecían perfectamente o son do motor, que lles causaba pánico, pois nunca sabían a quen levarían ese día. Ao parecer, normalmente ían cando estaban durmindo e chamábanos. Mais ao primeiro pronunciaban só o nome de pía, por exemplo ?Xosé?, e no momento en que todos os Xosés estaban mortos de medo pensando que xa lles chegara a hora, dicían os apelidos do ou dos que serían paseados esa noite. Secundino Limeres, xunto a un compañeiro, tirouse ao mar por un lugar pouco visíbel. Mais debido ás correntes non logrou cruzar a Cesantes como tiña previsto e afogou cando estaba a piques de conseguir o seu anhelado propósito. Algún dos seus familiares, que por certo nunca chegaron a recuperar o seu cadáver, desconfía de que máis que dun intento de evasión se puido tratar dun asasinato a sangue frío en aplicación da denominada lei de fugas.
Caso non moi claro pero desde logo bastante sospeitoso é o de Pablo Baños Mariño, de Laxos (Cuntis), que desde S. Simón foi enviado ao penal de S. Cristóbal (Pamplona). Tempo despois envíase unha comunicación desde o San Simón pedindo a posta en liberdade do preso. A contestación que se dá desde Pamplona é que tramitan a orde de liberación do citado recluso xunto coa do caldense Francisco Búa Carou en marzo de 1942, agregando que ambos morreron na enfermería do establecemento penitenciario.
Outro dos represaliados asasinados foi Vázquez Grela, que participara activamente no movemento agrario Cuntiense ocupando o cargo de xefe das Sociedade Agraria de Cuntis e sendo un dos mellores redactores de El Bólido, órgano das sociedades Agrarias de Cuntis e Moraña, de feito o seu nomeamento como Xefe da Sociedade Agraria de Cuntis e as súas discrepancias coa liña de El Bólido fixeron que producira unha escisión e fundara na vila balnearia un novo xornal: El Bólido de Cuntis, que coexistiu co primeiro. Por outra banda tamén escribía para Acción Agraria, órgano da Federación de sociedades agrarias do Partido xudicial de Caldas, e no que colaboraban tamén outros agraristas de Cuntis e de Moraña.
Realmente non era natural de Cuntis senón que nacera en Padrón, mais casara con Xosefa Iglesias, natural de Cuntis, e tivo seis fillos: María Asunción, Antonio Manuel, Xulia, Alfredo e Xosé Gonzalo.
Cando se produciu o alzamento estaba de mestre en Nigrán. Sobre este período cómpre seguir a obra de Xoán A. González Perez Memoria dunha Guerra. Ao parecer, nestas terras participou moi activamente na campaña do Estatuto de Autonomía. Tomou parte como orador nun mitin o 21 de xuño de 1936 xunto cos irmáns Luís e Pepe de Inés, os Ineses, asasinados en Sabarís o 13 de outubro de 1936 e os tamén irmáns Villafines, Xosé e Agustín. O primeiro, presidente da Sociedade de agricultores de Sabarís. O segundo, alcalde de Baiona. Ambos condenados por rebelión militar a trinta anos de reclusión perpetua.
Co levantamento fascista e sabendo que estaba no punto de mira dos falanxistas intentou salvar a vida facendo achegas ao novo réxime, asistindo diariamente a misa, etc. O 12 de setembro ao mediodía fórono deter á escola diante dos seus alumnos. Ían varios falanxistas dirixidos polo sinistro tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez, alcumado o Rabioso. Metérono nun coche e perto das Angustias fixérono baixar e pegáronlle cinco tiros polas costas. Tiña cincuenta anos. Segundo o documento asinado pola Garda Civil a causa da morte foi por "heridas por proyectil de arma corta de fuego en la cabeza y el pecho" nunha esquina da folla do rexistro anotábase: "Accidente".
|
|
|
|
Confinamento na illa de San Simón e outros cárceres |
|
Co alzamento militar enchéronse de presos políticos os cárceres do país, o que fixo que se tivesen que habilitar con esta función moitos edificios: colexios, mosteiros, mesmo barcos... Neste contexto temos que encadrar a conversión do antigo lazareto das illas de San Simón, nun dos máis coñecidos cárceres franquistas a partir de outubro de 1936. Como o número de reclusos medraba de día a día botouse man dun vello buque vasco, o «Upo Mendi», que sería convertido en prisión-flotante a carón do arquipélago. O complexo carcerario non sería fechado até sete anos despois. Compre falar dun enorme estado de ateigamento tanto no lazareto e moito máis no barco que foi un dos motivos, xunto coa pésima e escasa comida, que explica a elevadísima taxa de mortalidade. Nalgunha etapa chegaron a producirse sobre 10 ou 12 mortes diarias por enfermidade, segundo fontes documentais, sen contar por tanto os que eran destinados ao paseo. Sobre o estado de masificación poden ser elocuentes as palabras de dous dos propios presos:
"HERIBERTO: Os pavillóns no lazareto de San Simón estaban distribuídos como salas de hospital, que era o que eran, efectivamente, antes; nesas salas, por exemplo, no edificio que tiña máis salas eran oito, que era o edificio que daba o oeste da illa, o que esta frente a Vigo, aí había oito salas, en cada sala había oitenta, oitenta persoas durmían en cada sala, así que había nese edificio solo seiscentos e pico, seiscentos e pico homes. Durmían en tres filas, e dicir, a cabeza para a parede dun lado, outros doutro e outros no medio, os pes de uns. Cando había que saír o servizo a veces pisábanse pernas, a veces cabezas, aí pisábase de todo.
PIÑEIRO: Tiñamos trinta e oito centímetros de anchura para durmir. ¡Trinta e oito centímetros nada mais! Alí o que daba a volta no medio da brigada xa quedaba sen sitio. Dábase a volta pero por sistema, ¿entende?, empezaba o da esquina a moverse (vai facendo o sentido dos xiros coas mans seguindo a narración), entonces empezaba todo o mundo durmindo, ras, ras, ras, ras e chegaba a outra esquina. Todo por sistema."
En 1998 inícianse as obras para a rehabilitación, levadas a cabo polo arquitecto César Portela, co fin de recuperar as illas, nesta xeira cun novo carácter ben distinto do anterior, como espazo destinado ao ámbito cultural. A día de hoxe está sendo usado como o símbolo do proxecto do Ano da Memoria, da Consellería de Cultura e Deportes, con actos como exposicións, congresos, charlas, visitas guiadas...
Voltando ao ano 36, que é o que nos ocupa, os veciños de Cuntis Avelino Ares Villaverde, Manuel Alonso Rodríguez, Antonio Aboi Torres, Francisco Porto Touceda, Pablo Baños Mariño, Xosé Pena Sayáns, Ramón Fuentes Sayáns, Ramón Ferreiro Folgar, Manuel Pisos Villar, Xosé Campos Caneda, Secundino Limeres Campos, Maximino Pardal Fabeiro, Edilberto Lois Couso..., foron enviados primeiro á cadea de Caldas de Reis, onde xa estaban retidos o mestre de Xinzo Antonio Ríos Fernández e Pedro Carballo Blanco (sobriño de Roberto Blanco Torres que estivera un tempo agochado na reitoral de Lores protexido polo seu tío o párroco Xermán Blanco Torres), e despois á de Pontevedra e ao antigo lazareto de S. Simón, no que tamén foron confinados, entre outros cuntienses máis, os mestres Aurelio Rei García (unha persoa moi aprezada na vila termal) e Xosé Viéitez de Soto (que exercía na aldea cuntiense de Magán). Este último non estaba por Cuntis xa que o golpe militar produciuse no verán, en tempo de ferias escolares. Foi detido pola Garda Civil das Neves o 22 de Agosto de 1936, pasando pola prisión de Pontevedra e por San Simón. É posto en liberdade en outubro despois de pagar unha forte multa. Incorpórano a filas no bando nacional. Estando no frente facía constantes manifestacións perante os compañeiros nas que criticaba ás autoridades da España nacional, denunciando as atrocidades que se estaban cometendo, dicindo que as leis militares eran criminais e que, rematada a guerra, non se podería vivir en España. Foi denunciado por algún compañeiro, xulgado e condenado a pena de morte en xuízo sumarísimo que tivo lugar en Talavera de la Reina, aínda que por sorte conseguiu que quedara reducida a 30 anos de cadea perpetua e a inhabilitación absoluta como mestre. Estivo na cadea de San Cristóbal (Pamplona), en San Simón e no cárcere de Vigo, na rúa do Príncipe. Nos anos corenta acóllese á amnistía que outorgou o franquismo para moitos presos debido a que as prisións estaban completamente abarrotadas de presos políticos, e estando en liberdade provisional, sospeitando que lle queren dar o paseo os falanxistas, como fora o caso do amigo da familia e médico tudense, Darío Álvarez Limeses, pai dun grande amigo seu, decide fuxir. Ao parecer a fuxida organizouse desde Vigo. Axudouno o socialista Pastor Rodríguez, que estivera con el no Penal de San Cristóbal (Pamplona), en Figueirido e en San Simón. Cruzou nunha batea o río Miño á altura de Sela (Arbo), de onde era natural, e na outra beira agardábao un médico portugués que o levou a Lisboa no seu coche. Púxoo en contacto con demócratas portugueses que o tiveron agochado en Lisboa. Alí, despois de seis meses pechado nunha pensión, unha organización de dereitos humanos, que se chamaba Unitarium, embarcouno nun cargueiro cara a México. Durante eses seis meses, un mozo portugués chamado Anibal, que era un extraordinario nadador, pasáballe as cartas a nado polo Miño até Sela, agochadas no gorro de baño, para súa muller que vivía alí con Ana, a filla. A súa muller e a súa filla, perante as trabas postas polo réxime, tiveron que agardar dous penosos anos antes de poder ir reunirse con Xosé en México. Dous anos nos que padeceron multas, vexacións, insultos de todo tipo, pancadas e berros na porta da casa a altas horas da noite, continuos rexistros en busca de documentación, detencións, interrogatorios sobre o paradoiro de Xosé... Despois do reencontro coa súa familia, Xosé Viéitez non duraría moitos anos pois estaba bastante tocado fisicamente a causa dos malos tratos e das deplorábeis condicións de vida que padecera na cadea. Morrería no exilio con tan só 46 anos. Unido á documentación do seu proceso xudicial aparece un documento de apoio e solidariedade co mestre de Magán, asinado por trinta e oito dos corenta veciños que tiña a aldea, proba do moi querido que era naquel lugar, como o era tamén noutros lugares do concello de Cuntis, especialmente por amigos tan entrañábeis como o asasinado Serxio González Paz, en cuxa casa de Pisos (Arcos de Furcos-Cuntis) pasaba con frecuencia animadas horas de conversa.
En S. Simón desaparecería Avelino Ares, sen que en principio se soubese o seu paradoiro (en realidade fora paseado e enterrado en Ponte Sampaio, onde continúan os seus restos a día de hoxe). No edificio da Deputación, en febreiro do 37, despois de numerosos interrogatorios e traslados, tivo lugar un xuízo colectivo. No expediente pedíase a pena de morte ou reclusión a perpetuidade. Algúns dos múltiples encausados foron condenados a cadea perpetua (30 anos) ou a penas que oscilaban entre os 12 e os 20 anos de prisión. O caso de Antonio Ríos é bastante suxestivo, pois foi condenado a tres penas de morte por republicano, axitador de masas, por participar en mitins e outros actos políticos e por rebelión militar, pois é un dos encausados cos que máis se ensañaran algunhas das testemuñas, que declararan que ademais de formar parte do Comité de Resistencia andou nun coche cargado de ?escopeteiros? requisando armas por diversas parroquias do concello (segundo declaración do dereitista Antolín Mosquera Gómez, cuxo fillo tamén recibiu algunha perdigonada superficial cando membros da resistencia antifranquista da Frente Popular dispararon contra Vitorino Ameixeiras). As penas fóronlle conmutadas pola de cadea perpetua. Estivo, ademais de S. Simón, na prisión de San Cristóbal, e alí estaba xunto co seu sobriño Manuel Alonso cando en 1938 se produciu unha fuxida masiva na que se negou a participar dadas as nulas posibilidades que tiñan de cruzar os Pirineos e sobrevivir. El e outros presos deciden quedar na prisión. Entre os que intentan fuxir estaban o cuntiense Pablo Baños Mariño e Maximino Pardal, mais coñecido como Maximino da Toxeira (de San Mamede). Os poucos evadidos que lograron chegar aos Pirineos sen seren acribillados a tiros polos gardas, morrerían de frío e pola falla de provisións ou foron detidos. Hai quen indica que realmente se tratou do que se vén chamando lei de fugas, e que perante a multitude de presos que había no penal os militares franquistas decidiron este xeito de exterminio, pois cando chegaron á prisión que consideraban baleira e viron que aínda quedaba xente insultáronos, chamáronlles covardes, entre outras cousas, por non teren fuxido, e dispúñanse a fusilalos cando ao parecer unha monxa se puxo diante deles e conseguiu que desistiran de tan macabra intención. Só tres dos setecentos noventa e cinco fugados conseguiron chegar a Francia grazas á axuda do partido político no que militaban, que se encargou de recollelos e conducilos ao outro lado da fronteira. Foi unha das fugas máis espectaculares da historia contemporánea española. Estivo dirixida por 30 reclusos e nela participaron 795 presos republicanos que estaban encerrados en condicións infrahumanas na Fortaleza Militar, que albergaba a case 2.500 prisioneiros políticos republicanos que na noite do 22 de maio de 1938 desarmaron a varios gardas e fixéronse coas súas armas. A maioría dos que fuxiron -só había oito navarros- crían que Francia estaba perto. Cincocentos deles foron capturados, pero deles a maioría morreron antes de acabar a guerra civil. Entre eles poderiamos mencionar ao cuntiense Pablo Baños Mariño, de Laxos, que morrería en circunstancias non moi claras en setembro de 1940, e o seu compañeiro caldense Francisco Búa Carou, que fora Secretario do Concello de Cangas durante a Xestora da Frente Popular e que morrería en xuño do mesmo ano. Cento oitenta e cinco foron asasinados a sangue frío nas horas seguintes á evasión. Xa en tempos recentes algúns dos superviventes acudiron todos os anos a lembrar o episodio e aos seus compañeiros, abatidos a tiros nas ladeiras do monte ou fusilados na Praza do Castelo aos poucos días. Sen embargo, só un deles, o cerebro da evasión, Leopoldo Picó, figurou oficialmente como «fusilado». Douscentos noventa dos reclusos morreron ao pouco tempo de seren detidos e levados de novo á prisión «por enfermedad», segundo a documentación do franquismo. Un monólito na ladeira da montaña, coa inscrición «Por la libertad y la República dieron la vida», lembra aos evadidos.
Antonio Ríos Fernández era natural de Santiago de Compostela mais exerceu como mestre en Xinzo (Cuntis) desde 1917 até 1936. En 1927 casara coa moza de Xinzo Helena Rodríguez Silva.
Ríos, como a maior parte dos encausados de Cuntis, debía ser un bo amigo do escritor e xornalista de Sevil que sería fusilado no 36, Xoán Xesús González, pois cando aquel casa, Xoán Xesús, que asistira ao casamento, reproduce unha extensa nota de sociedade no xornal que el mesmo fundara e dirixía en Compostela, El País Gallego:
?En la iglesia parroquial de esta villa, santificaron sus amores la bella señorita Elenita Rodríguez Silva, maestra nacional y el culto maestro del término municipal don Antonio Ríos Fernández. Bendijo la union el parroco don Santiago Abuelo y actuaron como padrinos el distinguido industrial de Santiago don Eduardo Ríos Fernandez, hermano del contrayente y la señorita Lola Rodríguez, hermana de la desposada. Firman el acta como testigos el industrial de esta villa don Perfecto Alonso, don Eduardo Fernández, industrial de Santiago, y don Manuel Búa Dopazo, joven maestro nacional. Ostentó la representacion judicial el juez suplente don José María Campos. En la morada que posee la novia en la finca Villa Cornide se sirvió a los asistentes al acto un espléndido almuerzo. Entre los numerosos asistentes a la ceremonia recordamos a las bellísimas señoritas Maria Conchita e Irene Ríos, Merceditas Fernández, Carmiña López, Carmen Nogueira, Carmiña Fernández, Julita y Carmiña Castro, Lolita y Josefina Ochoa Arias, Corina y Consuelo Campos Paz, Emilia, Anita y Mercedes Rodríguez, Maruja Nartallo, Lola y Adoración Silva. La feliz pareja pasará la luna de miel en su finca de Villa Cornide. Hacemos votos porque sea eterna su ventura?.
Na década dos corenta é posto en liberdade, e ao non poder exercer o ensino publico, dada a súa inhabilitación, consegue que lle cedan un local para comezar a dar clases particulares. Terminará sendo o propietario dunha coñecida e prestixiosa academia na rúa do Franco compostelá que non deixará nin sequera cando en abril de 1963 é habilitado novamente, exercendo de xeito provisional como mestre en Bugallido (Ames) e despois con praza definitiva en Gándara (Oroso) a partir de 1964, mais mantendo activa a acreditada Academia Ríos.
Serían bastantes máis os que padeceron a privación da liberdade, como podería ser o caso de Manuel Folgar Rei ?Murillo?, o gaiteiro de Fontecova, que estivo confinado no cárcere da Coruña. Tamén estiveron presos Manuel Sueiro (que era concelleiro coa República), Raúl Iglesias Villar, Xesús Mesego, Manuel Caeiro, Avelino Torres Fernández (da Casiña), Francisco Sueiro Rodríguez, Francisco Lois Couso, Manuel Aboi Barros, Antonio González, Ramiro Campos, Ramiro Sangiao, Manuel Torres García, Santiago Hervés, Aboi da Bragaña (que requisou armas na parroquia de Estacas)...
Mais a pretensión deste traballo non é relatar todos os casos, porque moitos deles son descoñecidos por min e noutros porque non tiven acceso, de momento, ás causas xudiciais.
|
|
|
|
Exiliados |
|
O exilio que se produce como consecuencia da Guerra Civil constituíu o maior desastre canto á fuga de cerebros que poderían contribuír ao desenrolo do país en múltiples aspectos. Foron moitos os escritores, xornalistas, xuristas, políticos, científicos, músicos, artistas plásticos..., que tiveron que coller o duro camiño do abandono da súa terra e a súa xente para salvagardar a súa liberdade e mesmo a integridade física. En Cuntis temos o mellor exemplo no caso do pintor e escultor Uxío Souto, bo amigo de intelectuais e activistas locais como Xoán Xesús González, Manuel Mesejo Campos e Roberto Blanco Torres, cos que compartía o ideario galeguista e esquerdista. Co levantamento Uxío, que nese momento estaba a converterse nun soado artista plástico e exercía como profesor de debuxo no instituto da Estrada, foxe cara a zona leal establecéndose como profesor en Igualada (Barcelona). Rematada a guerra co triunfo do bando franquista vese obrigado a cruzar os Pirineos e permanecer durante un penoso período de tempo nun campo de concentración en Saint Cyprien de Perpignan (Francia); experiencia que deixou unha fonda pegada nel e na súa obra, dado o trato infame, de momento pouco estudado, que os franceses deron aos nosos exiliados republicanos, amoreados en praias, co mar por un lado e valados de arame de espiños por outro, sen poder saír, padecendo frío e fame, e tendo que soportar o agravio de seren denominados co apelativo despectivo de Exército da Derrota (curiosa ironía chamar así a un exército popular que loitou e resistiu durante tres anos a un exercito profesional axudado coas armas e aviación dos nazis alemáns e os fascistas italianos e coa colaboración da Portugal salazarista). Isto provocou que moitos refuxiados voltaran para España e foran eliminados. Mais Uxío tivo máis sorte e conseguiu embarcar xunto con outros intelectuais republicanos, entre eles Lorenzo Varela, grazas á intercesión de varios artistas franceses que os axudaron para poder atravesar o océano e instalarse en México (no seu caso para o resto dos seus días), país onde consegue retomar o seu labor artístico e no que a súa obra goza a día de hoxe dun prestixio que, por motivos que todos nós podemos intuír, aínda non se lle tributa na súa propia terra natal. En México tamén estaría exiliado o mestre de Magán Xosé Viéitez, do que falaremos máis abaixo.
|
|
|
|
Fuxidos: |
|
Foron moitos os cuntienses que a raíz do levantamento militar e o inicio da guerra decidiron, con maior ou menor motivo (pois, como se viu, toda precaución era pouca), botarse ao monte, aínda que a maior parte o fixeron por un curto período de tempo. O máis emblemático dos nosos fuxidos foi Sabino Sueiro, quen para salvagardar a súa vida tivo que pasar trinta e tres tortuosos meses no monte, pasando tempadas oculto na casa. Despois confiando nas falsas promesas do réxime entregouse, sendo encarcerado durante máis de dous anos e chegando a ser condenado a morte, pena conmutada pola de cadea perpetua. En calquera caso entre o pago de multas, achegas para os nacionais (moitas veces figuran documentalmente denominadas como axudas voluntarias), avogados, intermediarios etc., un home que fixera unha pequena fortuna en América a base de moito esforzo acabou arruinado, e non só economicamente senón tamén física e moralmente.
De todos xeitos, como diciamos, foron bastantes máis os perseguidos políticos que andaron polos nosos montes, quizais perto dun cento, até que foron detidos ou decidiron entregarse (durante un curto período de tempo tamén andou polo monte Xoán Xesús González, mais axiña foi detido e fusilado). Tamén temos constancia da presenza dalgúns fuxidos da Estrada que andaron polos montes das parroquias de Portela, Arcos e Couselo, onde contaron coa solidariedade dalgúns veciños. Así no caso de Manuel Coto Chan, que residía na Estrada, aínda que era de Couselo, onde estivo agochado despois do levantamento, houbo veciños que compartiron con el a súa casa e mesmo os poucos alimentos de que dispuñan, e arriscaron a súa propia seguridade nun nobre e valente xesto que a algunhas persoas custoulles un proceso xudicial, interrogatorios, tundas, sancións e o propio cárcere despois de que o fuxido foi detido. Segundo a información do investigador Xoán Carlos Garrido: "En outono do ano 38 píllano xunto con outro que desertara. A un terceiro que estaba con eles mátano logo de "ofrecer resistencia", el e toda a súa familia, xa que ao fin prenden á moza (estará presa até o 46) aos pais, á irmá e aos fillos (estes supoño que non serían detidos senón que os meterían coa nai) e a bastantes veciños de Couselo, acusados de acochalo. A Coto métenlle unha malleira e téñeno nun campo de Concentración en Madrid até que o ceiban pola súa enfermidade e vén morrer á Estrada. Na páxina web do propio X. C. Garrido topamos máis información ao respecto:
"Así comezou a persecución [de Manuel Coto Chan e Manuel Campos Vázquez, membros da Xestora Municipal en calidade de 2º e 4º tenentes de alcalde], e ambos os dous foron avisados con tempo suficiente para poñerse a salvo. Manuel Campos ademais de prisión, logo de entregarse, por diferentes detencións posteriores, chegará a estar desterrado en Pamplona. O periplo de Manuel Coto Chan será máis duro e rematará por extinguir a súa saúde polas condicións do cativerio, por non dicir de escravitude na que tiñan que traballar para os novos amos. Manuel Coto, quen nacera no 1898 na Pena, en Couselo (Cuntis) e rexentara diversos negocios na Arxentina, casa con Ramona Abal de Barrantes e vén residir á florecente vila da Estrada onde abre unha carnicería na Praza de Abastos. Isto ocorre no 1926, cando volven de Arxentina xunto co seu fillo Gerardo. No 28 terán unha filla. Quedará viúvo no 32. E no 34, con motivo da revolta de Asturias é detido e acusado de cortar a liña de telégrafo, ingresando en prisión. No 36 é indultado con motivo do trunfo do Fronte Popular, pero o 19 de xullo é avisado de que figura na lista dos falanxistas [tanto na Estrada como noutros concellos, incluído o de Cuntis, os falanxistas elaboraron este tipo de listas negras nas que figuraban os nomes de esquerdistas aos que lles tiñan reservado o final máis adverso] e escapa polo monte de Ferreiros cara Couselo onde estaba a súa casa materna. A súa filla, Lolita, con 9 anos, é interrogada e acosada por falanxistas e mesmo mulleres de Garda Civís, co fin de que confese onde se acochaba o seu pai. Ela sempre afirmaba o mesmo: marchou para Arxentina. O seu fillo, con 17 anos, ingresa no exército para tentar salvar ao seu pai, é a remates da guerra, e finalmente prenden a Coto na casa de Carracedo da Somoza. Estivo preso na Estrada onde entrou atado ao rabo do cabalo do Garda Civil, e logo na Parda en Pontevedra, El Dueso, en Cantabria, e finalmente no Campo de Concentración de Brunete en Madrid, sometido a traballos forzados. Finalmente é indultado en outubro do 45, mais o seu estado de saúde está tan precario que cando chega libre á Estrada, logo de case 10 anos en condicións infrahumanas, falece finalmente con 47 anos de idade."
|
|
|
|
|
|
|
|
|