Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista |
|
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que poidan ter interese |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
MANUEL MESEJO CAMPOS, O POETA DE GULDRÍS |
|
OS NOSOS XORNALISTAS: MANUEL MESEJO CAMPOS, O POETA DE GULDRÍS
O día trece de agosto de 1901 naceu en Laxos (Cuntis) Manuel Mesejo Campos, sendo inscrito polo seu pai no xulgado da vila un día despois ante o xuíz municipal, o avogado Xoaquín Barreiro e o secretario do xulgado, o escritor e xornalista Pedro Blanco Crespo, pai de Roberto Blanco Torres. Foi o fillo máis vello dos dous que tivo o matrimonio formado por Antonio Mesejo Mesejo e Manuela Campos Gómez; despois del nacería o seu irmán Antonio. A condición de emigrante do pai, que estivo algúns anos en La Habana e despois en Buenos Aires, facilitoulle ao rapaz o acceso aos estudos de Maxisterio, carreira que comezaría na Escola Normal de Pontevedra (onde se hospedaba nunha pensión situada no 55 da Rúa da Oliva) e despois continuaría na de Santiago de Compostela.
Persoa afable e extrovertida, contaba con moitas amizades entre a xuventude cuntiense do seu tempo. Especialmente importante foi a súa relación con Uxío Souto, veciño da aldea limítrofe de Cardecide, que chegaría a ser un grande escultor, aínda que hoxe insuficientemente recoñecido e valorado na súa terra. Tamén era bo amigo de Manuel Lois (Manuel do Capitán), de Xosé Gómez Rubio (de San Mamede) e moi especialmente de Xoán Xesús González (de Sebil), quen sendo canteiro na mocidade chegaría a ser mestre, avogado e un dos máis destacados xornalistas, escritores e políticos do seu tempo.
Na súa xuventude Mesejo foi noivo de Helena Rodríguez Silva (Helena de Cornide), que acabaría por casar, andando o tempo, despois de morto Manuel, con Antonio Ríos Fernández, que aínda que era natural de Santiago exercía como mestre na aldea cuntiense de Xinzo e establecera unha íntima relación coas persoas máis esquerdistas e comprometidas do Cuntis daqueles anos, levando a cabo un incesante labor no plano político e cultural, que mesmo callou na posta en marcha de actividades teatrais nas que tamén participaba a súa moza. O activismo exemplar daquela activa e combativa mocidade cuntiense no agrarismo, no galeguismo e no republicanismo faría que nos tempos da Guerra Civil, unha época que Manuel non chegaría a coñecer, moitos deles foran represaliados de distintos xeitos. Así, Uxío verase obrigado a exiliarse en México, Manuel do Capitán é inhabilitado e deposto da súa praza de mestre nacional, Antonio Ríos será confinado no Lazareto de San Simón e Xoán Xesús chegará a ser executado polos franquistas debido á súa activa militancia no nacionalismo e o socialismo. Destacar tamén a afectuosa relación que Mesejo tivo coa súa afillada Teresa Núñez -Teresiña, como lle chamaba o seu padriño, que comentaba: «non hai día que non faga rir aos meus amigos»-, e que aínda vive e lembra con verdadeira devoción o agarimo que por ela sentía o seu padriño que tanto gustaba de levala cando el a todas partes.
A pesar de que xa desde a adolescencia mostraba verdadeiros dotes literarios, o certo é que non sempre foi un estudante exemplar. Durante os seus anos en Compostela recibía decote substanciosas cantidades de diñeiro do seu pai, para sufragar os gastos dos seus estudos. A súa vida bohemia de estudiante moceiro e libertino -seguramente acompañado en moitas correrías polo seu amigo Xoán Xesús que tamén estudou Maxisterio na cidade- e, en consecuencia, os seus adversos resultados académicos, fixeron que o pai, desgustado, decidise mandalo de novo para casa. En moitas das súas cartas á familia reclama constantemente que comprendan que os seus múltiples labores intelectuais fan que non poida dedicar á carreira todo o tempo que sería preciso para obter uns bos resultados.
E efectivamente, Manuel era un mozo cunha intensa actividade cultural; ademais de ser un lector voraz de todo o que se publicaba en galego e castelán e ter fondos coñecementos de literatura portuguesa e francesa, foi membro das Irmandades da Fala, actor de teatro en varias compañías estudantís de Santiago, vicepresidente da Asociación Normalista, na que o seu amigo de Sevil tiña o cargo de bibliotecario, publicou artigos e poemas en distintos medios (entre eles A Nosa Terra, El Compostelano, El Eco de Santiago, Diario de Galicia, El Ideal Gallego...). Foi ademais autor de varias novelas cortas e do poemario Manoxo; obras que permanecen inéditas.
Durante os períodos vacacionais, especialmente no verán, acostumaba a baixar á vila do Baño, a Guldrís, como el a denominaba literariamente. Alí gustaba de pasear co seu amigo Xoán Xesús e con Marcial Campos, propietario do Hotel-Balneario da Virxe. Nas tertulias do salón do Balneario chegará a coñecer, por mediación de Marcial Campos, a intelectuais da talla de Wenceslao Fernández Flórez, Eugenio Montes, Leonardo Rodríguez ou Ramón Cabanillas, cos que sostiñan dilatadas e entretidas conversas literarias e políticas na azotea do hotel. Precisamente nunha destas reunións Cabanillas, con quen chegou a ter unha moi boa relación que callou nun frecuente cruce de correspondencia, recibiu de Manuel Mesejo un libro de versos inédito e prometeulle levalo a Madrid para ser publicado; mais a morte inminente do que ía ser o editor, Leonardo Rodríguez, fixo que o proxecto non se puidera levar a cabo.
En 1922, despois de deixar os estudos admoestado polo seu pai, marchou a facer o servicio militar a Melilla, desde onde foi correspondente de guerra do Galicia. Diario de Vigo cando o seu veciño Roberto Blanco Torres ocupaba o cargo de xefe de redacción; sen embargo o compromiso de traballar para o diario adquiriuno por medio da relación epistolar que mantivo con Lustres Rivas, que precedeu no cargo ao autor de Orballo da media noite. Para este diario vigués enviaba os seus "Mosaicos del Rif", asinados co pseudónimo de Fray Antón de Laíño e nos que, a pesar de que chegou a ser sarxento de complemento, se mostraba fortemente crítico coa actitude colonial dos españois en África. Durante a súa estancia en Melilla era unha persoa moi admirada e querida, como o demostra a homenaxe de que foi obxecto e cuxa crónica foi reproducida no Galicia baixo o epígrafe de"Agasajo a Fray Antón de Laiño".
Ao regresar á terra seguiu mantendo unha interesante sección no Galicia titulada "Motivos". Compartiu tribuna en moitas ocasións con Xoán Xesús e outros agraristas cuntienses en actos do movemento agrario local, nos que xostreaba sen tregua o caciquismo imperante na vila dos baños, feito que lle procurou a antipatía de moitos caciques do pobo e a condena explícita, desde o púlpito, do cura da parroquia, Santiago Abuelo Lado. Manuel era un importante membro do agrarismo local, no que ocupou o cargo de xefe das Sociedades de Agricultores, colectivo fortemente enfrentado co Sindicato Católico-Agrario, que presidía o alcalde Xosé Rubira. Pola súa traxectoria chegou a ser proposto para dirixir as escolas laicas locais no momento da súa fundación e, tal como el manifesta en carta ao seu pai, ofrecéuselle a dirección dun «Diario Agrícola que como órgano defensor del agrarismo se va a fundar en Pontevedra».
Testemuña da rexa amizade que unía a ambos escritores cuntienses é o prólogo poético composto por Manuel para o poemario Agarimos do escritor de Sevil, que leva o título de "Xan Xesús": "Fai versos porque esparxe a súa y-alma /que ten chea de sofrir e de penar... /E da do que ten /que tamén /a roseira da rosiñas, /porque non ten mais de seu que dar... /E poeta porque adoura ó que é subrime / como uns ollos meigos dunha meiga muller... (...)". O poema aparece precedido por un breve texto en prosa do propio Mesejo no que nos presenta ao autor do poemario: "Para ti leutor amado que en espreita de saber quen é, e como é, que dí e como dí, vas lér ao autor deste LIBRIÑO". Ademais o último poema do libro, "sofrimento", aparece dedicado: "A o meu amigo e grande compañeiro, Manoel Mesejo, que sabe de penas o sofrimentos". Ademais de que mantiveron un abondoso cruce de correspondencia, as alusións mutuas son frecuentes nos seus traballos en prensa. Por un artigo de Xoán Xesús no que disinte amigablemente dunhas opinións expresadas por Mesejo no diario Galicia de Paz Andrade, sabemos que durante as vacacións de verán pasaban moitas tardes conversando no parque do Castro en Cuntis, a carón do balneario:
""Fray Antón de Laiño" se olvida por lo visto de aquellas conversaciones, y a veces discusiones, que él y yo teníamos en el parque del Castro en Cuntis, en aquellas hermosas tardes de verano, después de su conversión al galleguismo. Ignora "Fray" que muchas veces hemos hablado de este mismo tema y hemos convenido en que Galicia tendrá su novela cuando se haya desarrollado el sentimiento galleguista (...)"
Sendo o de Sebil xefe de redacción en Compostela do diario vigués El Pueblo Gallego reseña nalgunhas ocasións as visitas que Mesejo fai a Compostela durante a convalecencia da doenza que o levaría á tumba, para ser examinado polo prestixioso doutor Novoa Santos, coñecido de Xoán Xesús, quen evoca ademais os momentos vividos en común durante as vacacións:
"Las conversas amistosas bajo los álamos del Castro con el fraternal Mesejo Campos, el estudiante vitalicio, exaltado, romántico y nacionalista que siempre hablaba gallego despues de su conversión en Compostela bajo el sentimentalismo de las rúas que le hicieron retornar al sentido idealista de la vida (...)"
En decembro de 1924 falecía na súa casa de Laxos Manuel Mesejo, con tan só vintetrés anos, a causa dunha tuberculose pulmonar, que viña arrastrando desde a súa estancia en África, que nos privou dun autor que ía camiño de acadar un destacado lugar na historia da literatura e o xornalismo galego. Foron moitos os artigos que neste momento publicou o seu veciño de Sebil enxalzando as súas cualidades humanas, ideolóxicas e literarias.
A morte de Mesejo foi un moi duro golpe para Xoán Xesús que presidirá a comisión organizadora dos actos de homenaxe que se celebraron en Cuntis o vintecinco de decembro. Pola mañá houbo unha misa na igrexa parroquial, posteriormente unha ofrenda floral no cemiterio, na que falou Xoán Xesús. Ás seis da tarde celebrouse unha velada necrolóxico-literaria que, aínda que estaba previsto que tivera lugar no balneario, levouse a cabo no salón do Café Rivas, situado na actual Praza do Ferrol, na que falaron ou recitaron contos e poemas do escritor falecido: Vicente Carballo Blanco, perito electricista, os mestres Manuel Lois, Manuel Pena Sayáns e Xosé Búa, o poeta Francisco Sueiro, o estudante Xosé Pena Sayáns, o tenedor de libros Xesús Ameijeiras e, por suposto, o seu grande amigo de Sebil. Ocupaban a presidencia do acto o alcalde Xosé Rubira, o párroco Santiago Abuelo e o xuíz municipal Xosé María Ramos. Estiveron presentes ou mandaron carta de adhesión coñecidos intelectuais galegos, entre os que podemos mencionar ao seu amigo o escritor Xosé Posada Curros. As palabras de Xoán Xesús foron fielmente reproducidas na prensa do momento:
"Este homenaje que hoy hacemos, no es a lo que fue un individuo, sino a lo que pudo ser, no es al hecho, es a la causa, a la posibilidad. Ahí creemos descubrir nuestra originalidad. No homenagear a lo que fue sino a lo que sería si viviese, a lo que llegaría si la vida le fuera más sensata y más larga (...) Queremos en este acto cantar al posible hombre, al posible valor, a la posible capacidad y a la posible Galicia en una palabra: a la posible nación o patria (...) Es un acto necrológico en honor a muchos hijos de Galicia que mueren antes de tiempo. Es el acto necrológico a los jóvenes sembradores que mueren, antes de que el fruto de su semilla madure unos, y otros antes de que germine. D. Luis Porteiro Garea, D. Leonardo Rodríguez, D. Elisardo Sayáns Ocampo y otros apóstoles, otros cruzados más de la santa causa gallega que abandonaron el mundo cuando las vanguardias que habían de seguirles estaban en pleno período de gestación. Nuestro homenaje es a esos, a los que nos pudieran redimir, a los que aún no estaban maleados por el convencionalismo social, a los que aún no habían claudicado y por ello eran puros aún, tenían la frente y el alma limpias y apatenadas (...)"
Segundo o diario El Pueblo Gallego, este foi o acto máis grandemente cívico que se celebrou en Cuntis, o único que se recorda.
|
|
|
|
|
|