Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que poidan ter interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Júlio Torres Couso
Reproduzo neste espazo un artigo que publicara no semanario A Nosa Terra (22-28 de setembro de 2005) no propio ano da súa morte con motivo da homenaxe que se lle tributou a Júlio Torres en Vigo o día 5 de agosto.

Júlio Torres Couso

O día 1 de xuño do presente ano falecía nun hospital de Huelva Júlio Torres Couso, un personaxe moi coñecido e aprezado na cidade de Vigo. Tan só tiña 48 ou 49 anos. Fora un destacado activista na resistencia obreira contra a reconversión industrial que lle arrebatou, ao igual que lle sucedera a moitos dos seus compañeiros, o seu posto de traballo en Ascón, empresa na que levaba traballando moi duro practicamente desde a infancia. Ben coñecida foi a súa intervención como activo sindicalista en combativas iniciativas contra a reconversión e a denuncia constante do colaboracionismo dos sindicatos españois que se venderon ao goberno do PSOE, deixando aos traballadores na estacada.
Porén, a súa faceta máis coñecida foi a militancia no independentismo. Membro destacado do PGP e de Galicia Ceibe (OLN) tamén da organización antirrepresiva JUGA (Juntas Galegas pola Amnistia), como mostra da súa habilidade política e o bon trato cos distintos sectores da esquerda, a súa intervención para conseguir que militantes vigueses de organizacións como o MC ou a Liga Comunista Revolucionaria se integraran na JUGA. Militou tamén na primeira FPG e posteriormente en APU.
Eu compartín con Júlio moitas das súas arelas e vivencias no plano político, porén tamén formei parte como bon amigo de moitas outras facetas do malogrado compañeiro. A súa faceta de persoa sempre alegre, amigo das festas e dos cantares de taberna. Home extravertido, de intensísima vida social, que nunca ocultaba nin solapaba a súa opinión, ben fora para eloxiar ou para lanzar as súas máis incisivas críticas; extraordinario cociñeiro que aderezaba as máis deliciosas creacións na peña gastronómica que tíñamos na Ronda de don Bosco; catador sibarita que sabía dos mellores sitios para tomar unha garrafa de albariño, condado ou rosal, aínda que houbera que desprazarse a Salvaterra, onde contaba con grandes amigos, a Cambados, onde o compañeiro Isidoro, ao bar Chiquito en Meira, a Vilaboa, á rebotica do amigo tamén desaparecido Antón Bértolo, ou a degustar un bon tinta femia a Beluso ou escanciar sidra en Benbribe, no furancho de Xosé Henrique...; e cando a noite se prolongaba demasiado poñerlle o remate xa de mañá na Pedra cunhas ostras e unha garrafa de ribeiro...
Con todo, o que nunca poderei esquecer era aquela súa obsesión por ir á costa do Morrazo. Aínda que nunca tivo carro, sempre conseguía enredarme e sos ou con outros compañeiros desprazábamonos desde Vigo para contemplar desde un espectacular cantil de Cabo Home, en completo silencio, aquel mar embravecido que como diría Rosalía “estaba a chamar por el”. En diversas ocasións me ten manifestado implícita e explicitamente o desexo de rematar o seu ciclo vital fundíndose con aquelas augas de Cabo Home, onde un día se despedira dos compañeiros que se decidiran polo camiño da clandestinidade e onde o verdor do mar se fundía co dos seus ollos románticos e esculcantes. Penso que no momento en que a familia o considere oportuno sería de xustiza liberar as cinzas, que hoxe repousan no panteón familiar do seu Cuntis natal, espallándoas naquelas augas nun acto de homenaxe xunto cos seus familiares, amigos e coñecidos, completando así o emotivo acto que na súa lembranza tivo lugar o día 5 de agosto en Vigo fronte á taberna de Elixio, da que en vida fora cliente habitual, e no que interviñeron, para narrar as súas vivencias xunto a Júlio, compañeiros como: Antón Arias, Vilanova, Muntxaraz, o seu cuñado Miguel (en representación da familia), Olga Herrero, Gonçales Blasco (Foz) ou eu mesmo.

Todos coñecemos numerosos dramas persoais que trouxo consigo a reconversión naval de 1978. Cada vez que vexo a película Os Luns ao Sol non podo evitar o recordo de Júlio e de moitos dos seus vellos camaradas que coñecín na súa compaña. Foron moitos os casos que acabaron con problemas de alcoholismo, depresións, rupturas de parellas, negocios fracasados, emigración e mesmo suicidios. Júlio fora dos que máis tempo termaran sen cobrar a indemnización polo deshaucio laboral. Foron varios anos de paro nos que unha modesta paga lle permitía combinar a actividade política cunha vida ociosa que fixo del un personaxe emblemático da noite viguesa. Todos o coñecían ben no Máis Alá, no Uf, no Trincheira ou no Catro. Cando no ano 91 cobrou por fin o despido, optou, como fixeran moitos compañeiros anos atrás, por montar un negocio...e fracasou como fixeran outros tantos. A asfixia económica, o orgullo e os problemas persoais encamiñárono a unha emigración que en principio se prevía pasaxeira, primeiro á vendima a Francia, logo a Valencia e por último a Andalucía, onde se dedicaba a facer traballos temporais no campo. Non regresou nunca máis a Galiza nin volveu a contactar coa familia e os compañeiros. Aquela persoa que estivera sempre rodeada de amigos pasou só, lonxe da patria que tanto amaba e pola que tanto loitou, os últimos 13 anos da súa vida. Mudou o clima húmido da súa terra natal pola seca sufocante dun pequeno pobo onubense, e o exquisito viño do Condado por un vulgar cartón de tetrabric (quizá non sexa casualidade que o mencionado pobo onde se estableceu se chamase Rociana del Condado). E morreu só, no completo anonimato. Era xa un home vencido, destruído, aínda que serodiamente, pola denominada eufemisticamente “reconversión industrial”, quizais a última vítima daquel maldito proceso.
Comentarios (0) - Categoría: Bos e xenerosos - Publicado o 24-03-2023 14:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0