Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista |
|
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que poidan ter interese |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
O mestre como motor de progreso. A Guerra Civil e a depuración do maxisterio |
|

Durante todo o seu periplo histórico, o papel máis destacado no ámbito educativo desempeñaríao a figura do mestre, o grande protagonista de todo este proceso. Cun traballo duro, humilde e mal pago desde a máis remota antigüidade, na que ten sido un oficio exercido por persoas de rexa cultura, moitas veces pertencentes a familias adiñeiradas que padeceron algún revés económico.
Os ensinantes foron sempre ao longo da historia, os difusores do coñecemento, da cultura, das artes e das ciencias. Un colectivo que constituíu un verdadeiro motor de progreso para a humanidade. Ben conscientes disto, todos os réximes totalitarios, todos os tiranos que os pobos padeceron ao longo da historia tiveron como obxectivo esencial a eliminación daqueles individuos considerados culpábeis do triunfo das ideas progresistas, que defendían aspiracións que hoxe parecen tan básicas como a liberdade e a igualdade entre os seres humanos e o dereito lexítimo dos cidadáns a defenderse frente a calquera tipo de opresión. Neste sentido quixera dedicar dun xeito especial este traballo a aqueles mestres que cumpriron unha misión esencial que frutificaría na grande xeira de prosperidade nas máis variadas disciplinas que se produciría no primeiro terzo do século XX, especialmente na II República. O inédito sistema democrático que representou a república supuxo unha verdadeira revolución no plano social, laboral e político, da que poden ser exemplos a reforma agraria, o matrimonio civil, o divorcio, a concesión do dereito a voto para as mulleres, o desenrolo das organizacións de traballadores e do diálogo social, impulso das artes, creación de bibliotecas e museos ou as célebres Misións Pedagóxicas, coas que se conseguiu incrementar o nivel cultural das xentes do rural por medio de charlas, bibliotecas itinerantes, exposicións, proxeccións de cine, espectáculos ao aire libre… Mais quixera centrarme agora no terreo da educación, na que se acadaron importantes avances, con Marcelino Domingo á frente do Ministerio de Instrucción Pública, exemplificados en grandes reformas no sistema educativo, especialmente a instauración dun ensino laico, aconfesional e mixto, melloras laborais e salariais para o profesorado, aumento espectacular do número de escolas, creación dos institutos, modernización e incorporación de novos medios e métodos pedagóxicos… Prosperidade que non podía ser consentida polos sectores máis reaccionarios da nosa sociedade, pola Igrexa e por boa parte do exército, que se levanta en armas contra a legalidade democrática republicana e contra o goberno electo polo pobo.
Un dos colectivos que sufriron a represión dun xeito máis significativo foron precisamente os mestres. Moitos dos ensinantes máis esforzados e innovadores foron procesados, encarcerados, exiliados, inhabilitados para levar a cabo o seu labor pedagóxico, mesmo algúns deles asasinados.
«Se houbo un sector social na que o franquismo se cebou especialmente ese foi o dos mestres. A cultura era perigosa, as ideas novas e a crítica eran disolventes dos dogmas relixiosos e da sagrada unidade da patria española, por tanto, os mestres eran todos sospeitosos polo simple feito de ter nas súas mans a capacidade de que as mentes infantís maduraran e se fixeran autónomas e pensaran por si mesmas (…)»1
Despois do alzamento franquista créase unha Comisión Depuradora do Persoal do Maxisterio que dirixe unha circular aos alcaldes, curas párrocos e comandantes de posto da Garda Civil. Constituíuse esta Comisión «para la depuración del personal del Magisterio con el fin de proceder a instruir rápidamente los expedientes de los maestros que tuvieran cargo el día 18 de julio»:
«Se interesa de V. S. con la mayor urgencia y siempre dentro de un plazo máximo de 15 día, el informe correspondiente a todos aquellos que comprenda su jurisdicción en el que harán constar de modo directo y concreto, la conducta profesional, religiosa, social del Maestro, así como sus actuaciones políticas, si las tuviera, señalando entonces el partido en el que ha militado, asociaciones secretas de que formó parte o su simpatía por aquellos y estas, especialmente después de la revolución de Octubre, y si orientó la enseñanza o su actuación profesional en sentido disolvente. Estos informes deberán extenderse separadamente para cada maestro (…) para que en este solemne momento pueda lograrse la radical y definitiva reorganización del personal docente y sean unos ratificados en sus destinos con el prestigio y las consideraciones que requiere la función educadora que les está encomendada y removidos los que con sus predicaciones y falsas doctrinas han envenenado las conciencias infantiles y se han hecho acreedores a la severa sanción que ahora requiere la salud de la Patria (…)»2
Sanción da que foron obxecto mestres moi queridos no noso concello que serían detidos, encarcerados e cesados polo Xefe de Servizo Nacional de Primeira Ensinanza. Este sería o caso de Xosé Viéitez de Soto (mestre de Magán, encarcerado, inhabilitado e exiliado en México)3, Antonio Ríos (mestre de Xinzo, encarcerado durante anos, posteriormente foi inhabilitado con separación do servizo e baixa no escalafón), Aurelio Rei García (mestre na Graduada de Cuntis, que sería encarcerado, inhabilitado con separación do servizo e baixa no escalafón4), o seu fillo Aurelio Rei Carou (que exercía en Arnego-Carbia, suspenso de emprego e soldo, traslado forzoso e inhabilitado para cargo directivo5), o seu xenro Manuel Torres García (que exercía en Prado da Canda-concello de Covelo-, estivo en prisión preventiva, sufriu traslado forzoso e foi inhabilitado para cargo directivo), Uxío Souto (profesor de debuxo no instituto da Estrada, tivo que exiliarse en México), Santiago Díaz Jiménez (mestre de Mesego que sería cesado e suspendido de emprego e soldo por un ano e máis tarde condenado a traslado forzoso por tres anos6), Xosé Torres González (detido na súa casa de Magán, aínda que exercía como mestre na parroquia estradense de Ouzande, foi encarcerado e máis tarde condenado a separación do servizo con baixa no escalafón7), Luís Vidosa Mozo (mestre de San Mamede de Piñeiro, suspendido de soldo e desterrado a Huelva)8, Manuel Pena Sayáns (que fora militante da Unión Socialista Gallega de Xoán Xesús González, e que cando estalou a guerra sería un dos mestres depurados na provincia de Lugo)… No veciño concello de Moraña a represión tamén se cebaría nos mestres. Serían depurados Xosé Gago Fariña (mestre de Cosoirado), Xosé Ramón Gamallo Silva (mestre de Amil) e Xosé Montáns Ruibal (de Rebón).9
Mención á parte merece o mestre e xornalista agrario Xosé Vázquez Grela. Foi un autentico axitador cultural e social. Participara activamente no movemento agrario cuntiense, ocupando o cargo de xefe das Sociedade Agraria de Cuntis e sendo un dos mellores redactores de El Bólido e fundador de El Bólido de Cuntis. Nacera en Padrón, mais casara con Xosefa Iglesias, natural de Cuntis, con quen tivo seis fillos. Cando se produciu o alzamento estaba de mestre en Nigrán. O 12 de setembro de 1936 ao mediodía fórono deter á escola diante dos seus alumnos varios falanxistas e o tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez, alcumado o Rabioso. Pegáronlle cinco tiros polas costas.10
Milleiros de mestres rupturistas e entusiastas, como podía ser o propio Aurelio Rei, que ben poderíamos identificar co perfil do bondadoso don Gregorio de A Lingua das bolboreltas, de Manolo Rivas, foron humillados, amordazados e imposibilitados para realizar un verdadeiro labor docente que contribuíse á consecución dese mundo mellor polo que estaban a loitar.
«(…) Don Gregorio representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta (…) Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública. Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas (…)»11
NOTAS:
1 http://www.blogoteca.com/autoestrada/index.php?cod=11477
Blog de Xoán Carlos Garrido. Visitado o 25-3-2009.
2 Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 25-12-1936).
3 Chegou a Magán en 1935 despois de permutar a praza que tiña en Vilanova de Arousa con Cándido López Poyo, que fora o anterior mestre na aldea cuntiense, e que tamén sería depurado. Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 11-1-1935). No que respeita á súa depuración consultar no mesmo xornal o 11-5-1940.
4 Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 11-5-1940).
5 Destinado nesta praza desde 1934. Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 11-11-1934). Segundo esta mesma publicación en data de 15 de febreiro de 1943 solicita o reingreso no servizo activo.
6Foille negada a reposición que solicitou en 1938, Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra 4-8-1038), cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 11-10-1038). Sobre o seu traslado forzoso a Covelo pódese consultar a mesma fonte o 15-10-1939 e 11-12-1939. O seu expediente aparece como resolto na mesma fonte o 11-5-1940. O 25-19-1941 El Noticiero Gallego dá conta da súa solicitude de revisión de expediente.
7 Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 11-5-1940).
8 Cf. El Noticiero Gallego (Pontevedra, 4-9-1939).
9 Cf. PORTO UCHA, A. S., Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo, eds. Alén Miño (Ponteareas 2008), p. 254.
10 http://www.minhor.org/modules.php?name=News&file=article&sid=74
Visitado o 25-3-2009. Ver tamén GONZÁLEZ PÉREZ, X. A., Nigrán. Memoria dunha guerra, 1936-1939, eds. do Cumio; PORTO UCHA, A. S., Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo, cit., p. 175.
11 http://bretemas.blogspot.com/2006/11/da-escola-das-bolboretas-noite-de.html
Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Visitado o 25-3-2009.
|
|
|
|
|
|