Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que teñen interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Outras represalias
Manuel Aboi, militante da USGMellor sorte correron aqueles mestres e funcionarios que unicamente sufriron sancións económicas, ás veces acompañadas de embargo de bens, e depuracións ou inhabilitación para ser funcionarios. Entre eles mencionar a Aurelio Rei García e algúns dos seus fillos. O mesmo sucedeu co mestre de Xinzo Antonio Ríos, que sufriu a depuración permanente como mestre ademais da condena a cadea perpetua, aínda que anos despois logrou poñer unha academia particular en Compostela. Tamén foron inhabilitados funcionarios municipais como o oficial primeiro Francisco Lois Couso. Ao taberneiro de Meira Manuel Aboi Barros (fora militante dun partido de carácter nacionalista, a Unión Socialista Galega, fundada polo escritor e xornalista natural de Sebil, Xoán Xesús González) deportárono a Carballiño e pecháronlle o local, ao igual que fixeron coa tenda de Ramón Ferreiro, na Presiña. Deportaron tamén a Edilberto Lois en Negreira. Tampouco faltaron tundas brutais a persoas de esquerdas e desmedidos e indignantes cortes de cabelo ou mesmo pancadas e insultos en plena rúa a mulleres de familias republicanas para humillalas publicamente. E sorte tiveron de que non lles fixeran como a algunhas mulleres doutros lugares, onde se chegou a gravarlles con ácido na frente as siglas da Falanxe. Aos fillos do alcalde Manuel Rodríguez, sempre moi conscientes do que lles tiñan feito, pretendían obrigarlles a cantar o Cara al sol na escola, a súa negativa foi motivo de moitas tundas. Isto mesmo pasaba con moitos familiares de represaliados e normalmente accedían a humillarse ás pretensións dos mestres do Réxime, para evitar duros castigos físicos. Humillacións e indiferenza foi o que padeceu a familia de Rodríguez (tan admirado e gabado por todos pouco tempo atrás) e a doutros represaliados. Mesmo se daba o caso, por exemplo, de que na panadería de Pernas, en Cuntis, á filla do que fora alcalde na República, segundo o seu propio testemuño, lle teñen vendido o pan despois de arrincarlle o currusco, e ao protestar esta por ver que o pan xa estaba encetado, a muller indicáballe que se quería o levaba así e senón quedaba sen el, pois non lle daba outro.
Mais houbo moitas outras persoas que padeceron tamén castigos físicos e humillacións. Dada a miña relación persoal penso que cabería mencionar o trato dado ao querido gaiteiro Patelas, que mesmo chegou a recibir unha malleira que case o deixa eivado. Outras persoas que foron moi presionadas foron o director da Banda de Música de Cuntis Xoaquín Escariz, os irmáns Pallas, de Pisos, aínda que destes últimos descoñezo se chegaron a estar en prisión...
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 06-08-2014 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
Asasinados
O alcalde Manuel Rodríguez
Xa mencionamos o caso de Avelino Ares, asasinado e enterrado en Ponte Sampaio. Pero ademais temos que destacar ao alcalde Manuel Rodríguez Sangiao e Serxio González Paz que foron asasinados despois de entregárense inxenuamente para seren deportados respectivamente a Vila de Cruces e Lalín, de onde non regresaron con vida, pois falanxistas de Cuntis armados fóronos buscar á pensión onde se hospedaban, conducíronos a Costa Carballo, na parroquia de Pazos (Silleda) e alí matáronos o 16 de setembro do 36. Segundo o certificado de defunción morreron de “hemorragia interna”. Foron soterrados en Pazos até que os seus corpos foron recuperados polas familias anos despois e inhumados no cemiterio de Arcos de Furcos (Cuntis). Pola información oral que nos foi facilitada, o alcalde non morreu a causa dun disparo, senón que no momento en que o ían matar conseguiu golpear e arrebatarlle a arma a un dos falanxistas, que ao parecer eran de Cuntis, e facerlles frente. Mais un deles, que ao parecer era falanxista e chofer do propietario do hotel de Cuntis, Marcial Campos, e que era o que levaba o vehículo, pegoulle por detrás un forte golpe ao alcalde na cabeza coa manivela de prender o coche e matouno, de seguido mataron dun tiro a Serxio que, resignado co seu ineludíbel final, non ofreceu resistencia.
Remontándonos no tempo, e segundo o testemuño de Sabino que nos foi relatado por Alfonso Magariños Sueiro, cando os condenaran á deportación Manuel Rodríguez quedou citado con Sabino Sueiro para fuxiren xuntos ao monte antes de que o viñeran buscar para levalo deportado a Vila de Cruces, mais nun último momento debeu acordar e agardou a que foran por el os falanxistas. O mesmo erro que cometeu Serxio González, confiados ambos en que nada tiñan que temer pois non lle fixeran mal a ninguén. Sen embargo Sabino estivo a esperar, e ao ver que non chegaba o seu compañeiro decidiu marchar só. Desde o monte escoitou como da casa do alcalde en Ducío (Arcos de Furcos) proviñan berros e prantos das mulleres, e xa supuxo que ía pasar o peor. Doutro xeito nos contan os feitos os familiares de Manuel Rodríguez, que nos indican que cando o alcalde republicano foi á casa de Sabino á hora convida para fuxir para o monte, este xa marchara só ao considerar que deste xeito tiña máis posibilidades de sobrevivir. Entón M. Rodríguez decidiu voltar para casa e agardar a que os falanxistas viñeran por el, pois considerou que o máis probábel era que non lle pasara nada pois non fixera máis que cumprir co seu deber como autoridade electa. O mesmo argumento esgrimiu xa en Vila de Cruces, estando hospedado nunha pensión. Alí houbo boas persoas que lle indicaron que debía fuxir para preservar a súa vida, pois tiñan información de que ían pasealos; nin el nin Serxio fixeron caso ao consideraren que se os quixeran matar xa o terían feito. Ao parecer a detención do alcalde foi bastante violenta pois os falanxistas mesmo forcexaron coa súa muller, que quería impedir que o levaran. Mais o empurrón que recibiu dos camisas azuis fixo que a afouta muller caera polas escaleiras coa súa filla no colo, que daquela tiña tan só uns meses.
O fillo máis vello do alcalde, chamado Manuel Rodríguez Carballo, foi outra das vítimas mortais do fascismo. Foi destinado a Madrid rematada a guerra, no ano corenta, para facer o servizo militar en Aviación e alí matárono uns falanxistas cuntienses. Estes xa o quixeran liquidar en Cuntis cando nun bar acusou a un dos falanxistas de que o valioso reloxio de peto gravado que levaba pertencía ao seu pai, asasinado catro anos atrás, pois trouxérao de Arxentina (e non só lle roubaran o reloxio a Manuel Rodríguez pai despois de matalo, senón tamén o diñeiro e todo o que levaba de valor, mesmo nun bestial alarde de sadismo arrincáronlle os dentes de ouro). Voltando a Manuel fillo, comentar que no momento en que descubriu o reloxio e llo botou en cara ao que o portaba, quixeron levalo e darlle morte, mais impediuno un deles chamado Asorei, da aldea cuntiense de Vilar. Mais un tempo despois collérono en Madrid sen ninguén que o amparara e déronlle unha covarde e brutal malleira até deixalo por morto. E aínda que non o estaba, pouco durou pois ao cabo dunhas semanas falecía a consecuencia dos estragos internos que lle provocaran as pancadas recibidas. Foi soterrado en Carabanchel.
Un caso curioso tamén foi o de Secundino Limeres, sobriño de Serxio González Paz, que non puido aturar máis as condicións de vida en S. Simón nin o ansiedade que lle producía a incerteza de que o seu nome fose pronunciado polos paseadores que ían todas as noites nunha lancha a buscar xente para levalos a darlle o paseo, unha lancha da que todos coñecían perfectamente o son do motor, que lles causaba pánico, pois nunca sabían a quen levarían ese día. Ao parecer, normalmente ían cando estaban durmindo e chamábanos. Mais ao primeiro pronunciaban só o nome de pía, por exemplo “Xosé”, e no momento en que todos os Xosés estaban mortos de medo pensando que xa lles chegara a hora, dicían os apelidos do ou dos que serían paseados esa noite. Secundino Limeres, xunto a un compañeiro, tirouse ao mar por un lugar pouco visíbel. Mais debido ás correntes non logrou cruzar a Cesantes como tiña previsto e afogou cando estaba a piques de conseguir o seu anhelado propósito. Algún dos seus familiares, que por certo nunca chegaron a recuperar o seu cadáver, desconfía de que máis que dun intento de evasión se puido tratar dun asasinato a sangue frío en aplicación da denominada lei de fugas.
Caso non moi claro pero desde logo bastante sospeitoso é o de Pablo Baños Mariño, de Laxos (Cuntis), que desde S. Simón foi enviado ao penal de S. Cristóbal (Pamplona). Tempo despois envíase unha comunicación desde o San Simón pedindo a posta en liberdade do preso. A contestación que se dá desde Pamplona é que tramitan a orde de liberación do citado recluso xunto coa do caldense Francisco Búa Carou en marzo de 1942, agregando que ambos morreron na enfermería do establecemento penitenciario.

Outro dos represaliados asasinados foi Vázquez Grela, que participara activamente no movemento agrario Cuntiense ocupando o cargo de xefe das Sociedade Agraria de Cuntis e sendo un dos mellores redactores de El Bólido, órgano das sociedades Agrarias de Cuntis e Moraña, de feito o seu nomeamento como Xefe da Sociedade Agraria de Cuntis e as súas discrepancias coa liña de El Bólido fixeron que producira unha escisión e fundara na vila balnearia un novo xornal: El Bólido de Cuntis, que coexistiu co primeiro. Por outra banda tamén escribía para Acción Agraria, órgano da Federación de sociedades agrarias do Partido xudicial de Caldas, e no que colaboraban tamén outros agraristas de Cuntis e de Moraña.
Realmente non era natural de Cuntis senón que nacera en Padrón, mais casara con Xosefa Iglesias, natural de Cuntis, e tivo seis fillos: María Asunción, Antonio Manuel, Xulia, Alfredo e Xosé Gonzalo.
Cando se produciu o alzamento estaba de mestre en Nigrán. Sobre este período cómpre seguir a obra de Xoán A. González Perez Memoria dunha Guerra. Ao parecer, nestas terras participou moi activamente na campaña do Estatuto de Autonomía. Tomou parte como orador nun mitin o 21 de xuño de 1936 xunto cos irmáns Luís e Pepe de Inés, os Ineses, asasinados en Sabarís o 13 de outubro de 1936 e os tamén irmáns Villafines, Xosé e Agustín. O primeiro, presidente da Sociedade de agricultores de Sabarís. O segundo, alcalde de Baiona. Ambos condenados por rebelión militar a trinta anos de reclusión perpetua.
Co levantamento fascista e sabendo que estaba no punto de mira dos falanxistas intentou salvar a vida facendo achegas ao novo réxime, asistindo diariamente a misa, etc. O 12 de setembro ao mediodía fórono deter á escola diante dos seus alumnos. Ían varios falanxistas dirixidos polo sinistro tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez, alcumado o Rabioso. Metérono nun coche e perto das Angustias fixérono baixar e pegáronlle cinco tiros polas costas. Tiña cincuenta anos. Segundo o documento asinado pola Garda Civil a causa da morte foi por “heridas por proyectil de arma corta de fuego en la cabeza y el pecho” nunha esquina da folla do rexistro anotábase:”Accidente”.

Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 06-08-2014 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
Confinamento na illa de San Simón e outros cárceres
Pedro CarballoCo alzamento militar enchéronse de presos políticos os cárceres do país, o que fixo que se tivesen que habilitar con esta función moitos edificios: colexios, mosteiros, mesmo barcos... Neste contexto temos que encadrar a conversión do antigo lazareto das illas de San Simón, nun dos máis coñecidos cárceres franquistas a partir de outubro de 1936. Como o número de reclusos medraba de día a día botouse man dun vello buque vasco, o «Upo Mendi», que sería convertido en prisión-flotante a carón do arquipélago. O complexo carcerario non sería fechado até sete anos despois. Compre falar dun enorme estado de ateigamento tanto no lazareto e moito máis no barco que foi un dos motivos, xunto coa pésima e escasa comida, que explica a elevadísima taxa de mortalidade. Nalgunha etapa chegaron a producirse sobre 10 ou 12 mortes diarias por enfermidade, segundo fontes documentais, sen contar por tanto os que eran destinados ao paseo. Sobre o estado de masificación poden ser elocuentes as palabras de dous dos propios presos:

“HERIBERTO: Os pavillóns no lazareto de San Simón estaban distribuídos como salas de hospital, que era o que eran, efectivamente, antes; nesas salas, por exemplo, no edificio que tiña máis salas eran oito, que era o edificio que daba o oeste da illa, o que esta frente a Vigo, aí había oito salas, en cada sala había oitenta, oitenta persoas durmían en cada sala, así que había nese edificio solo seiscentos e pico, seiscentos e pico homes. Durmían en tres filas, e dicir, a cabeza para a parede dun lado, outros doutro e outros no medio, os pes de uns. Cando había que saír o servizo a veces pisábanse pernas, a veces cabezas, aí pisábase de todo.
PIÑEIRO: Tiñamos trinta e oito centímetros de anchura para durmir. ¡Trinta e oito centímetros nada mais! Alí o que daba a volta no medio da brigada xa quedaba sen sitio. Dábase a volta pero por sistema, ¿entende?, empezaba o da esquina a moverse (vai facendo o sentido dos xiros coas mans seguindo a narración), entonces empezaba todo o mundo durmindo, ras, ras, ras, ras e chegaba a outra esquina. Todo por sistema.”

En 1998 inícianse as obras para a rehabilitación, levadas a cabo polo arquitecto César Portela, co fin de recuperar as illas, nesta xeira cun novo carácter ben distinto do anterior, como espazo destinado ao ámbito cultural. A día de hoxe está sendo usado como o símbolo do proxecto do Ano da Memoria, da Consellería de Cultura e Deportes, con actos como exposicións, congresos, charlas, visitas guiadas...
Voltando ao ano 36, que é o que nos ocupa, os veciños de Cuntis Avelino Ares Villaverde, Manuel Alonso Rodríguez, Antonio Aboi Torres, Francisco Porto Touceda, Pablo Baños Mariño, Xosé Pena Sayáns, Ramón Fuentes Sayáns, Ramón Ferreiro Folgar, Manuel Pisos Villar, Xosé Campos Caneda, Secundino Limeres Campos, Maximino Pardal Fabeiro, Edilberto Lois Couso..., foron enviados primeiro á cadea de Caldas de Reis, onde xa estaban retidos o mestre de Xinzo Antonio Ríos Fernández e Pedro Carballo Blanco (sobriño de Roberto Blanco Torres que estivera un tempo agochado na reitoral de Lores protexido polo seu tío o párroco Xermán Blanco Torres), e despois á de Pontevedra e ao antigo lazareto de S. Simón, no que tamén foron confinados, entre outros cuntienses máis, os mestres Aurelio Rei García (unha persoa moi aprezada na vila termal) e Xosé Viéitez de Soto (que exercía na aldea cuntiense de Magán) . Este último non estaba por Cuntis xa que o golpe militar produciuse no verán, en tempo de ferias escolares. Foi detido pola Garda Civil das Neves o 22 de Agosto de 1936, pasando pola prisión de Pontevedra e por San Simón. É posto en liberdade en outubro despois de pagar unha forte multa. Incorpórano a filas no bando nacional. Estando no frente facía constantes manifestacións perante os compañeiros nas que criticaba ás autoridades da España nacional, denunciando as atrocidades que se estaban cometendo, dicindo que as leis militares eran criminais e que, rematada a guerra, non se podería vivir en España. Foi denunciado por algún compañeiro, xulgado e condenado a pena de morte en xuízo sumarísimo que tivo lugar en Talavera de la Reina, aínda que por sorte conseguiu que quedara reducida a 30 anos de cadea perpetua e a inhabilitación absoluta como mestre. Estivo na cadea de San Cristóbal (Pamplona), en San Simón e no cárcere de Vigo, na rúa do Príncipe. Nos anos corenta acóllese á amnistía que outorgou o franquismo para moitos presos debido a que as prisións estaban completamente abarrotadas de presos políticos, e estando en liberdade provisional, sospeitando que lle queren dar o paseo os falanxistas, como fora o caso do amigo da familia e médico tudense, Darío Álvarez Limeses, pai dun grande amigo seu, decide fuxir. Ao parecer a fuxida organizouse desde Vigo. Axudouno o socialista Pastor Rodríguez, que estivera con el no Penal de San Cristóbal (Pamplona), en Figueirido e en San Simón. Cruzou nunha batea o río Miño á altura de Sela (Arbo), de onde era natural, e na outra beira agardábao un médico portugués que o levou a Lisboa no seu coche. Púxoo en contacto con demócratas portugueses que o tiveron agochado en Lisboa. Alí, despois de seis meses pechado nunha pensión, unha organización de dereitos humanos, que se chamaba Unitarium, embarcouno nun cargueiro cara a México. Durante eses seis meses, un mozo portugués chamado Anibal, que era un extraordinario nadador, pasáballe as cartas a nado polo Miño até Sela, agochadas no gorro de baño, para súa muller que vivía alí con Ana, a filla. A súa muller e a súa filla, perante as trabas postas polo réxime, tiveron que agardar dous penosos anos antes de poder ir reunirse con Xosé en México. Dous anos nos que padeceron multas, vexacións, insultos de todo tipo, pancadas e berros na porta da casa a altas horas da noite, continuos rexistros en busca de documentación, detencións, interrogatorios sobre o paradoiro de Xosé... Despois do reencontro coa súa familia, Xosé Viéitez non duraría moitos anos pois estaba bastante tocado fisicamente a causa dos malos tratos e das deplorábeis condicións de vida que padecera na cadea. Morrería no exilio con tan só 46 anos. Unido á documentación do seu proceso xudicial aparece un documento de apoio e solidariedade co mestre de Magán, asinado por trinta e oito dos corenta veciños que tiña a aldea, proba do moi querido que era naquel lugar, como o era tamén noutros lugares do concello de Cuntis, especialmente por amigos tan entrañábeis como o asasinado Serxio González Paz, en cuxa casa de Pisos (Arcos de Furcos-Cuntis) pasaba con frecuencia animadas horas de conversa.
En S. Simón desaparecería Avelino Ares, sen que en principio se soubese o seu paradoiro (en realidade fora paseado e enterrado en Ponte Sampaio, onde continúan os seus restos a día de hoxe). No edificio da Deputación, en febreiro do 37, despois de numerosos interrogatorios e traslados, tivo lugar un xuízo colectivo. No expediente pedíase a pena de morte ou reclusión a perpetuidade. Algúns dos múltiples encausados foron condenados a cadea perpetua (30 anos) ou a penas que oscilaban entre os 12 e os 20 anos de prisión. O caso de Antonio Ríos é bastante suxestivo, pois foi condenado a tres penas de morte por republicano, axitador de masas, por participar en mitins e outros actos políticos e por rebelión militar, pois é un dos encausados cos que máis se ensañaran algunhas das testemuñas, que declararan que ademais de formar parte do Comité de Resistencia andou nun coche cargado de “escopeteiros” requisando armas por diversas parroquias do concello (segundo declaración do dereitista Antolín Mosquera Gómez, cuxo fillo tamén recibiu algunha perdigonada superficial cando membros da resistencia antifranquista da Frente Popular dispararon contra Vitorino Ameixeiras). As penas fóronlle conmutadas pola de cadea perpetua. Estivo, ademais de S. Simón, na prisión de San Cristóbal, e alí estaba xunto co seu sobriño Manuel Alonso cando en 1938 se produciu unha fuxida masiva na que se negou a participar dadas as nulas posibilidades que tiñan de cruzar os Pirineos e sobrevivir. El e outros presos deciden quedar na prisión. Entre os que intentan fuxir estaban o cuntiense Pablo Baños Mariño e Maximino Pardal, mais coñecido como Maximino da Toxeira (de San Mamede). Os poucos evadidos que lograron chegar aos Pirineos sen seren acribillados a tiros polos gardas, morrerían de frío e pola falla de provisións ou foron detidos. Hai quen indica que realmente se tratou do que se vén chamando lei de fugas, e que perante a multitude de presos que había no penal os militares franquistas decidiron este xeito de exterminio, pois cando chegaron á prisión que consideraban baleira e viron que aínda quedaba xente insultáronos, chamáronlles covardes, entre outras cousas, por non teren fuxido, e dispúñanse a fusilalos cando ao parecer unha monxa se puxo diante deles e conseguiu que desistiran de tan macabra intención. Só tres dos setecentos noventa e cinco fugados conseguiron chegar a Francia grazas á axuda do partido político no que militaban, que se encargou de recollelos e conducilos ao outro lado da fronteira. Foi unha das fugas máis espectaculares da historia contemporánea española. Estivo dirixida por 30 reclusos e nela participaron 795 presos republicanos que estaban encerrados en condicións infrahumanas na Fortaleza Militar, que albergaba a case 2.500 prisioneiros políticos republicanos que na noite do 22 de maio de 1938 desarmaron a varios gardas e fixéronse coas súas armas. A maioría dos que fuxiron -só había oito navarros- crían que Francia estaba perto. Cincocentos deles foron capturados, pero deles a maioría morreron antes de acabar a guerra civil. Entre eles poderiamos mencionar ao cuntiense Pablo Baños Mariño, de Laxos, que morrería en circunstancias non moi claras en setembro de 1940, e o seu compañeiro caldense Francisco Búa Carou, que fora Secretario do Concello de Cangas durante a Xestora da Frente Popular e que morrería en xuño do mesmo ano. Cento oitenta e cinco foron asasinados a sangue frío nas horas seguintes á evasión. Xa en tempos recentes algúns dos superviventes acudiron todos os anos a lembrar o episodio e aos seus compañeiros, abatidos a tiros nas ladeiras do monte ou fusilados na Praza do Castelo aos poucos días. Sen embargo, só un deles, o cerebro da evasión, Leopoldo Picó, figurou oficialmente como «fusilado». Douscentos noventa dos reclusos morreron ao pouco tempo de seren detidos e levados de novo á prisión «por enfermedad», segundo a documentación do franquismo. Un monólito na ladeira da montaña, coa inscrición «Por la libertad y la República dieron la vida», lembra aos evadidos.
Antonio Ríos Fernández era natural de Santiago de Compostela mais exerceu como mestre en Xinzo (Cuntis) desde 1917 até 1936. En 1927 casara coa moza de Xinzo Helena Rodríguez Silva.
Ríos, como a maior parte dos encausados de Cuntis, debía ser un bo amigo do escritor e xornalista de Sevil que sería fusilado no 36, Xoán Xesús González, pois cando aquel casa, Xoán Xesús, que asistira ao casamento, reproduce unha extensa nota de sociedade no xornal que el mesmo fundara e dirixía en Compostela, El País Gallego:

“En la iglesia parroquial de esta villa, santificaron sus amores la bella señorita Elenita Rodríguez Silva, maestra nacional y el culto maestro del término municipal don Antonio Ríos Fernández. Bendijo la union el parroco don Santiago Abuelo y actuaron como padrinos el distinguido industrial de Santiago don Eduardo Ríos Fernandez, hermano del contrayente y la señorita Lola Rodríguez, hermana de la desposada. Firman el acta como testigos el industrial de esta villa don Perfecto Alonso, don Eduardo Fernández, industrial de Santiago, y don Manuel Búa Dopazo, joven maestro nacional. Ostentó la representacion judicial el juez suplente don José María Campos. En la morada que posee la novia en la finca Villa Cornide se sirvió a los asistentes al acto un espléndido almuerzo. Entre los numerosos asistentes a la ceremonia recordamos a las bellísimas señoritas Maria Conchita e Irene Ríos, Merceditas Fernández, Carmiña López, Carmen Nogueira, Carmiña Fernández, Julita y Carmiña Castro, Lolita y Josefina Ochoa Arias, Corina y Consuelo Campos Paz, Emilia, Anita y Mercedes Rodríguez, Maruja Nartallo, Lola y Adoración Silva. La feliz pareja pasará la luna de miel en su finca de Villa Cornide. Hacemos votos porque sea eterna su ventura”.

Na década dos corenta é posto en liberdade, e ao non poder exercer o ensino publico, dada a súa inhabilitación, consegue que lle cedan un local para comezar a dar clases particulares. Terminará sendo o propietario dunha coñecida e prestixiosa academia na rúa do Franco compostelá que non deixará nin sequera cando en abril de 1963 é habilitado novamente, exercendo de xeito provisional como mestre en Bugallido (Ames) e despois con praza definitiva en Gándara (Oroso) a partir de 1964, mais mantendo activa a acreditada Academia Ríos.
Serían bastantes máis os que padeceron a privación da liberdade, como podería ser o caso de Manuel Folgar Rei “Murillo”, o gaiteiro de Fontecova, que estivo confinado no cárcere da Coruña. Tamén estiveron presos Manuel Sueiro (que era concelleiro coa República), Raúl Iglesias Villar, Xesús Mesego, Manuel Caeiro, Avelino Torres Fernández (da Casiña), Francisco Sueiro Rodríguez, Francisco Lois Couso, Manuel Aboi Barros, Antonio González, Ramiro Campos, Ramiro Sangiao, Manuel Torres García, Santiago Hervés, Aboi da Bragaña (que requisou armas na parroquia de Estacas)...
Mais a pretensión deste traballo non é relatar todos os casos, porque moitos deles son descoñecidos por min e noutros porque non tiven acceso, de momento, ás causas xudiciais.
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 06-08-2014 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
Exiliados
Uxío SoutoO exilio que se produce como consecuencia da Guerra Civil constituíu o maior desastre canto á fuga de cerebros que poderían contribuír ao desenrolo do país en múltiples aspectos. Foron moitos os escritores, xornalistas, xuristas, políticos, científicos, músicos, artistas plásticos..., que tiveron que coller o duro camiño do abandono da súa terra e a súa xente para salvagardar a súa liberdade e mesmo a integridade física. En Cuntis temos o mellor exemplo no caso do pintor e escultor Uxío Souto, bo amigo de intelectuais e activistas locais como Xoán Xesús González, Manuel Mesejo Campos e Roberto Blanco Torres, cos que compartía o ideario galeguista e esquerdista. Co levantamento Uxío, que nese momento estaba a converterse nun soado artista plástico e exercía como profesor de debuxo no instituto da Estrada, foxe cara a zona leal establecéndose como profesor en Igualada (Barcelona). Rematada a guerra co triunfo do bando franquista vese obrigado a cruzar os Pirineos e permanecer durante un penoso período de tempo nun campo de concentración en Saint Cyprien de Perpignan (Francia); experiencia que deixou unha fonda pegada nel e na súa obra, dado o trato infame, de momento pouco estudado, que os franceses deron aos nosos exiliados republicanos, amoreados en praias, co mar por un lado e valados de arame de espiños por outro, sen poder saír, padecendo frío e fame, e tendo que soportar o agravio de seren denominados co apelativo despectivo de Exército da Derrota (curiosa ironía chamar así a un exército popular que loitou e resistiu durante tres anos a un exercito profesional axudado coas armas e aviación dos nazis alemáns e os fascistas italianos e coa colaboración da Portugal salazarista). Isto provocou que moitos refuxiados voltaran para España e foran eliminados. Mais Uxío tivo máis sorte e conseguiu embarcar xunto con outros intelectuais republicanos, entre eles Lorenzo Varela, grazas á intercesión de varios artistas franceses que os axudaron para poder atravesar o océano e instalarse en México (no seu caso para o resto dos seus días), país onde consegue retomar o seu labor artístico e no que a súa obra goza a día de hoxe dun prestixio que, por motivos que todos nós podemos intuír, aínda non se lle tributa na súa propia terra natal. En México tamén estaría exiliado o mestre de Magán Xosé Viéitez, do que falaremos máis abaixo.
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 06-08-2014 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
Fuxidos:
Foron moitos os cuntienses, que a raíz do levantamento militar e o inicio da guerra decidiron, con maior ou menor motivo (pois, como se viu, toda precaución era pouca), botarse ao monte, aínda que a maior parte o fixeron por un curto período de tempo. O máis emblemático dos nosos fuxidos foi Sabino Sueiro, quen para salvagardar a súa vida tivo que pasar trinta e tres tortuosos meses no monte, pasando tempadas oculto na casa. Despois confiando nas falsas promesas do réxime entregouse, sendo encarcerado durante máis de dous anos e chegando a ser condenado a morte, pena conmutada pola de cadea perpetua. En calquera caso entre o pago de multas, achegas para os nacionais (moitas veces figuran documentalmente denominadas como axudas voluntarias), avogados, intermediarios etc., un home que fixera unha pequena fortuna en América a base de moito esforzo acabou arruinado, e non só economicamente senón tamén física e moralmente.
De todos xeitos, como diciamos, foron bastantes máis os perseguidos políticos que andaron polos nosos montes, quizais perto dun cento, até que foron detidos ou decidiron entregarse (durante un curto período de tempo tamén andou polo monte Xoán Xesús González, mais axiña foi detido e fusilado). Tamén temos constancia da presenza dalgúns fuxidos da Estrada que andaron polos montes das parroquias de Portela, Arcos e Couselo, onde contaron coa solidariedade dalgúns veciños. Así no caso de Manuel Coto Chan, que residía na Estrada, aínda que era de Couselo, onde estivo agochado despois do levantamento, houbo veciños que compartiron con el a súa casa e mesmo os poucos alimentos de que dispuñan, e arriscaron a súa propia seguridade nun nobre e valente xesto que a algunhas persoas custoulles un proceso xudicial, interrogatorios, tundas, sancións e o propio cárcere despois de que o fuxido foi detido. Segundo a información do investigador Xoán Carlos Garrido: “En outono do ano 38 píllano xunto con outro que desertara. A un terceiro que estaba con eles mátano logo de ‘ofrecer resistencia’, el e toda a súa familia, xa que ao fin prenden á moza (estará presa até o 46) aos pais, á irmá e aos fillos (estes supoño que non serían detidos senón que os meterían coa nai) e a bastantes veciños de Couselo, acusados de acochalo. A Coto métenlle unha malleira e téñeno nun campo de Concentración en Madrid até que o ceiban pola súa enfermidade e vén morrer á Estrada.” Na páxina web do propio X. C. Garrido topamos máis información ao respecto:

“Así comezou a persecución [de Manuel Coto Chan e Manuel Campos Vázquez, membros da Xestora Municipal en calidade de 2º e 4º tenentes de alcalde], e ambos os dous foron avisados con tempo suficiente para poñerse a salvo. Manuel Campos ademais de prisión, logo de entregarse, por diferentes detencións posteriores, chegará a estar desterrado en Pamplona. O periplo de Manuel Coto Chan será máis duro e rematará por extinguir a súa saúde polas condicións do cativerio, por non dicir de escravitude na que tiñan que traballar para os novos amos. Manuel Coto, quen nacera no 1898 na Pena, en Couselo (Cuntis) e rexentara diversos negocios na Arxentina, casa con Ramona Abal de Barrantes e vén residir á florecente vila da Estrada onde abre unha carnicería na Praza de Abastos. Isto ocorre no 1926, cando volven de Arxentina xunto co seu fillo Gerardo. No 28 terán unha filla. Quedará viúvo no 32. E no 34, con motivo da revolta de Asturias é detido e acusado de cortar a liña de telégrafo, ingresando en prisión. No 36 é indultado con motivo do trunfo do Fronte Popular, pero o 19 de xullo é avisado de que figura na lista dos falanxistas [tanto na Estrada como noutros concellos, incluído o de Cuntis, os falanxistas elaboraron este tipo de listas negras nas que figuraban os nomes de esquerdistas aos que lles tiñan reservado o final máis adverso] e escapa polo monte de Ferreiros cara Couselo onde estaba a súa casa materna. A súa filla, Lolita, con 9 anos, é interrogada e acosada por falanxistas e mesmo mulleres de Garda Civís, co fin de que confese onde se acochaba o seu pai. Ela sempre afirmaba o mesmo: marchou para Arxentina. O seu fillo, con 17 anos, ingresa no exército para tentar salvar ao seu pai, é a remates da guerra, e finalmente prenden a Coto na casa de Carracedo da Somoza. Estivo preso na Estrada onde entrou atado ao rabo do cabalo do Garda Civil, e logo na Parda en Pontevedra, El Dueso, en Cantabria, e finalmente no Campo de Concentración de Brunete en Madrid, sometido a traballos forzados. Finalmente é indultado en outubro do 45, mais o seu estado de saúde está tan precario que cando chega libre á Estrada, logo de case 10 anos en condicións infrahumanas, falece finalmente con 47 anos de idade.”
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 06-08-2014 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
A represión franquista en Cuntis. Memoria de 1936
Nin cadeias nin leises o persiguen,
mais nunca será libre.
Os seus brazos sanguentos van atados
ao invisíbel cepo do remorso.
Pra il son as horrendas cárceres do insono
e as bágoas que levedan as angurias
alucinadas de silencio e noite,
Un escuro terror vaille nas veas
coma cávados mestos rebulindo,
ou coma treponemas sulagados
no transfondo do ser.
Pra il son as olladas derradeiras
que xermolan vindicta
nas revoltas de tódalas estradas.

Celso Emilio.‘‘O asesino’’,O soño sulagado


Introdución

Con este traballo non pretendo facer moito máis que uns breves apuntamentos sobre o contexto represivo do 36 en Cuntis, que coido que pode resultar de interese para os cuntienses e tamén para as persoas alleas ao noso concello como modelo extrapolábel do que aconteceu noutras vilas do país, e ademais por considerar que sempre é de xustiza reproducir os nomes de moitos cuntienses que padeceron as tráxicas consecuencias da súa coherente lealdade e entrega á causa galeguista e republicana. Sobre este tema xa abondou nesta mesma revista e noutras publicacións o historiador e escritor natural de Arcos de Furcos, Alfonso Magariños. Os seus detallados e ben documentados traballos son unha importante base sobre a que agardo facer achegas de interese para o lector, especialmente tendo en conta que no intre de rematar este traballo estamos rematando o denominado institucionalmente Ano da Memoria (2006), por cumprirense xa setenta desde o levantamento fascista contra o réxime democrático republicano e o inicio dese longo pesadelo de morte, destrución, fame, medo, opresión..., que durou perto de corenta anos. Como base utilicei tamén as memorias manuscritas de Edilberto Lois Colonia Penitenciaria del Lazareto de San Simón, Edilberto Lois Couso, preso político de Cuntis , así como o proceso sumarial contra Aurelio Rei García e outros encausados de Cuntis e mais numerosas fontes orais.

O 36 en Cuntis

O panorama cultural, económico, social e político da vila termal antes do 36 caracterizábase por un bo grao de prosperidade, especialmente durante a II República; prosperidade á que contribuíu en boa medida a eficaz executoria de quen quizais foi o mellor alcalde con que contou Cuntis na súa historia, o canteiro Manuel Rodríguez Sangiao, que ao parecer era fillo natural dun coñecido político pontevedrés, que chegaría a ser deputado republicano e que axudou a Manuel na adquisición dunha boa formación. No ambiente sociocultural é de destacar ademais dun culto e selecto ambiente organizado en torno ao Hotel Balneario (concorrido por coñecidos escritores, xornalistas, maxistrados, políticos...), o labor dunha activa e combativa xuventude que ademais de chegar a fundar xornais de carácter agrarista e anticaciquil e promover actividades poéticas e teatrais (especialmente no caso dalgúns mestres e estudantes), participaban moi activamente no galeguismo, no esquerdismo republicano e no movemento agrario local, enfrontados ao máis recalcitrante caciquismo representado polo Sindicato Católico Agrario, integrado polos máis reaccionarios oligarcas da vila, entre os que non podía faltar o clero, como é o caso de Santiago Abuelo Lado, abade da freguesía de Sta. María de Cuntis, e Xosé Toubes Pego, que aínda que era cuntiense (de Laxos) estaba ao cargo da parroquia coruñesa de S. Pedro de Mezonzo, e fora fundador do xornal conservador coruñés El Ideal Gallego.
En maior ou menor medida toda esta mocidade da que falábamos sufriu a represión coa sublevación fascista do 18 de xullo de 1936, que comezou en África Francisco Franco, un sinistro xeneral, que fora ascendido dun xeito non moi transparente a tan alto grao na xerarquía militar por Miguel Primo de Rivera durante a súa ditadura, sen pararse moito nos procedementos usuais fixados. Mais voltando ao tema que nos ocupa hai que sinalar que no noso concello topámonos con casos de fuxidos, maquis (aínda que no noso caso só coñecemos a presenza dalgún contacto ou enlace), exiliados, deportados, exilio interior, paseados e fusilados, represalias laborais e fiscais...
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 06-08-2014 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal