Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que teñen interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MANOLO O PERRUQUEIRO. A LOITA POLA REVOLUCIÓN SOCIAL
Manolo o perruqueiro debuxado polo seu fillo XandreQuen o diría daquel rapaz ao que mandaban mercar unha botella de auga mineral da marca Fontenova e que reiteradamente lle pedía, en correcto castellano, ao daquela boticario Xosé Rubira: “Don José, deme una botella de Fuentenueva”… Quen diría que chegaría a ser un dos máis teimudos nacionalistas e dos mais afervoados defensores da lingua e a cultura galega que pariu o concello de Cuntis. E é que no franquismo a colonización era tal que se daban as situacións máis absurdas que un se poida imaxinar.
Nacera Manuel Fernández Varela en plena posguerra, concretamente o 27 de Xaneiro de 1943, nun tempo en que a situación do país era verdadeiramente adversa, eran os anos da fame, e de seguro a súa familia como as do resto do país non nadaba precisamente na abundancia.
O seu pai Manuel Fernández Guerra era natural de Guldrigáns, na parroquia cuntiense de Troáns, e fora músico, ao igual que os seus irmáns, nas dúas bandas de música do concello, a da Bragaña e a de Cuntis. A súa nai Xoana Varela era, e segue sendo, do Porto de Gómez, onde naceu o seu único fillo, Manolo, un rapaz moi sociábel, moi integrado na contorna do seu lugar, onde contaba con moitas amizades. Soto, o seu mestre, e algúns familiares estaban empeñados en que fose para mestre de escola, xa que tiña dotes e era un gran amante da lectura, o que en ocasións sendo rapaz lle ten ocasionado máis dunha reprimenda polo gasto de luz que facía. Con todo a súa nai quixo que continuase o seu oficio na perruquería que ela mesma levaba, a coñecida Perruquería Juanita, situada daquela na rúa do Medio, e enviouno a facer un curso á Coruña. Posteriormente, despois de facer o servizo militar en Ferrol, incorporouse no negocio de súa nai, que nun comezo era unha perruquería de mulleres, mais que tan pronto como comezaron a estenderse pola xeografía galega as primeiras perruquerías unisex, como se lles chamaba daquela, comezou a ter algúns clientes varóns; non moitos pois á maioría dáballe vergonza ser acicalado alí entre mulleres.
Mais ademais do seu labor profisional e político, tamén foi sempre un home que gostaba moito de alternar, na taberna, e mesmo aproveitaba calquera ocasión en que non tiña xente no local para tomarlle unha chiquita no Traspaso ou na de Pipas; mesmo hai quen conta que nalgunha ocasión deixou a unha clienta coa cabeza metida no secador e tardou algo máis da conta polo que a topou ao regresar bastante desesperada e enfadada.

O nacionalismo contemporáneo

O renacer organizativo do nacionalismo galego de posguerra non se producirá até inicios da década de 19601 , coa aparición de dúas forzas galeguistas de esquerdas: a Unión do Pobo Galego (de tendencia marxista-leninista) e o Partido Socialista Galego (socialdemócrata; que nada ten que ver co actual PSdeG, sucursal galega do PSOE2 ).
Mais adiante, xa finado o ditador, vaise formar unha organización frentista cun amplo espectro ideolóxico que lle pode permitir ao nacionalismo a organización de militantes e simpatizantes. Trátase da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), organización de masas e asemblearia con vocación de integrar partidos e persoas sen militancia, buscando a implantación social do nacionalismo de esquerdas. Así nos primeiros comicios a Cortes e nas eleccións municipais da transición topámonos por un lado a plataforma denominada BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego, que se fundou en 1977 e incluía a AN-PG e a UPG) e por outro Unidade Galega, integrada polo PSG, o Partido Galeguista (refundado no 78) e o POG (Partido Obreiro galego, liderado por Camilo Nogueira). Manolo foi un dos primeiros militantes da AN-PG e axiña do BN-PG.
Nas primeiras autonómicas o PSG liderado por X.M. Beiras intégrase cos grupos do BN-PG que obterá tres deputados, aínda que serán expulsados por negárense a xurar a Constitución. Quedando como representante do nacionalismo no parlamento galego Camilo Nogueira, elixido por Esquerda Galega, herdeira do POG. A decisión do BN-PG de asumir catro anos despois o xuramento da constitución baixo a denominación de Bloque Nacionalista Galego foi un dos motivos de que esta organización, con Beiras á cabeza medre de xeito espectacular en eleccións posteriores e en 1995 acabe integrando ao PSG-EG, culminando a tan arelada unión do nacionalismo galego, e tamén, por suposto, do cuntiense.
Manolo presentárase como cabeza de lista polo BN-PG en 1979 como militante que era da UPG e da ANPG, nas que militara de xeito clandestino até 1978, cando son legalizadas estas organizacións. Por certo dun xeito bastante serodio pois por exemplo o Partido Comunista de España levaba na legalidade desde o ano anterior. Entre os seus compañeiros de militancia cumpriría destacar, entre outros, a Dores Rivas Espiño, Manolo Chao, Manuel Núñez Caeiro, Manuel Aboi Paz, Carme de la Torre ou a Xoán Xosé Renda Constenla (de Mesego), xoven morto en accidente cando ía camiño de mesego nunha malfadada Noiteboa, e de quen xa ten tratado nestas páxinas o compañeiro Alfonso Magariños3 . Nunha daquelas famosas purgas internas producidas por diferencias estratéxicas e políticas no seo do partido Manolo queda fóra.
Posteriormente convértese no Secretario Xeral do comité local do PSG-EG (Partido Socialista Galego-Esquerda Galega) de Camilo Nogueira, no que concorre ás seguintes eleccións municipais. Nesta nova xeira os seus compañeiros de viaxe serán Xosé Manuel Padín (que era practicante de Cuntis), Serafín Escariz (hoxe moi activo aínda na política municipal), Xosé Ramón Pintos Cancela, María do Carme de la Torre (a súa dona), David Otero (home da comadroa de Cuntis, naqueles tempos vivían en Cuntis e el era o secretario da Nova Escola Galega), Xosé Luís García Expósito, Magdalena Guimarei, Mario Ximénez Castro, a mestra de Troáns María do Carmo Feáns Suárez...
En 1987 presentan como cabeza de lista a María do Carmo Feáns e a Xesús Campos Suárez (de Portela) de segundo, indo Manolo de número 6. Non obteñen representación. Catro anos despois a candidata será a propia Carme, a súa dona, quen a pesar do duro traballo que realizou non obtivo asento no concello.
Unha vez disolto o PSG-EG, entra como case todos os seus compañeiros, incluído o seu líder nacional Camilo Nogueira, no Bloque Nacionalista Galego que fora fundado en 1982. Entrarían tamén algúns dos militantes do grupo local de Cuntis, entre eles Moncho Pintos, Serafín Escariz… O seu labor na asemblea municipal do partido seguiu a ser moi activo encanto llo permitiu a infame doenza que acabaría coa súa vida.
En eleccións posteriores, xa coa súa organización integrada no BNG non figura xa en ningunha lista pero si o fan por esta organización os seus fillos Diana e Xandre, herdeiros do facho que un día prenderan o seu pai e a súa nai.

No asociacionismo local

Por estes tempos será socio fundador da Asociación Cultural O Baño, que pese á súa corta andaina estivo tutelada nun comezo polo seu inspirador Antonio Paz (máis coñecido como o Comunista), posteriormente ocupan a presidencia primeiro Eduardo Rei, logo Manolo Chao e nos últimos tempos estivo en mans de Manolo o perruqueiro até a súa extinción. A Asociación xurdida sobre 1979, tivo un labor moi intenso. Mercaron as gaitas que despois serían empregadas polo grupo de gaitas do Patelas, quen foi precisamente convencido por Manolo para dirixir a agrupación; montaron un grupo de teatro, crearon unha biblioteca no local no que hoxe está situada a Asociación de Pensionistas. Entre outros membros que lembramos estaría Antonio Lois, Xaime Durán, Suso e María Xosé Fernández...
En 1993 é membro fundador da Asociación de Veciños Vagalume, da que será elixido presidente Xosé Rivas Espiño. Pese á súa corta existencia esta asociación veciñal fixo un notable traballo a prol de Cuntis e chegou a editar o seu propio boletín informativo moi crítico co goberno municipal socialista. Entre outros temas recordar a súa loita por conseguir unha traída de auga digna desde o punto de vista sanitario, a instalación de semáforos no cruce da Palma, a insistente aínda que inútil teima de que se limparan periodicamente os contenedores de lixo para evitar os cheiros, a aceleración dos labores de restauración do Hospitalillo (que logo sería a Casa da Cultura Blanco Torres), arranxo das beirarrúas da vila...

Outra

Con este título xorde en Cuntis en 1986, da man de Manolo, un boletín de política local, órgano do PSG-EG cuntiense, que daquela ten dado moito que falar. Nace en 1986 coa intención de ter un carácter bimensual e ademais sacar algúns números especiais ao longo do ano. Se ben tivo varias interrupcións, o certo é que sacaron unha boa cantidade de números especiais dedicados a algún escritor galego, en especial a aqueles aos que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas e outro con motivo da celebración do Día da Patria ou do Día das Letras Galegas, Eleccións Municipais... Destacar os monográficos dedicados a Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Pimentel, Alexandre Bóveda (con motivo do Día de Galiza Mártir)...
Neste voceiro os editoriais e a maior parte dos titulares eran da súa autoría, mais topamos algúns outros colaboradores como Xosé Manuel Padín Millán (que trata con moita frecuencia temas relacionados coa sanidade local), X. Ramón Pintos, R. A. J. Espiño Cabo (marido da mestra de Troáns que mesmo escribe un bo número de poemas), e mesmo persoas que non mostran a súa identidade e escriben con pseudónimo: Xan Cidadán (ás veces asina como X.C.), o Marqués de Arnois, o Candidato Numero 7...
Resulta curioso o caso do Marqués de Arnois que escribe sempre en castelán desculpándose pola súa falta de dominio do galego mais recalcando sempre o seu fondo galeguismo. A partir da insistencia de Xan Cidadán, en 1989 anímase, no número extra dedicado a Pimentel con motivo do Día das Letras Galegas, a escribir no noso idioma, o que provoca a felicitación explícita de varios dos redactores e o engadido duna nota da redacción: “Haxa festa e contento ¿Por fin o Sr. Marqués anímase a escribir na lingoa nosa!”
Son moitos os traballos reivindicativos referidos ao concello ou ao país. Así topamos a Manolo denunciando os problemas da depuradora municipal, a negativa inicial a súa proposta de poñerlle unha rúa a Castelao, tema polo que abre unha polémica con Juan Seijo que nun pleno fixera algún comentario inicial en contra aínda que finalmente acepta a iniciativa. Canto á política lingüística critica que o noso concello non acudise en 1987 a unha reunión para a defensa do idioma na que si estiveran outros moitos concellos como o de Dodro, Vilaboa, Redondela, Rois, A Rúa, Mugardos, Cervo, Moeche, Ares, A Estrada, Fene, Brión, A Capela, Tui, Ribadavia, Malpica... Critica tamén xa daquela a ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Urbana “para que non se permitan aberracións como a das Rúas Novas”. Mentres, Padín queixábase pola falta dun plan de medicina preventiva, a ausencia dunha praza de pediatría ou dunha Casa de Saúde, e Moncho Pintos criticaba con retranca en 1989 o decreto de exención do Galego no ensino como unha verdadeira monstruosidade por discriminar a nosa lingua frente ao español... e noutros traballos realizados con motivo do Día das Letras Galegas reivindicaba o orgullo de sermos galegos por lingua, por historia, por cultura...

Fernández Rodríguez, un republicano nacionalista e agrarista na Historia de Troáns

Non faltaban tampouco no boletín exaltacións de personaxes da nosa historia local, como é o caso de Manoel Fernández Rodríguez, Roberto Blanco Torres... De ambos se bosquexa unha breve biografía. No caso de Blanco Torres reprodúcese ademais o seu poema “Loitador”. Mais non imos falar agora de Blanco Torres pois sobre el, a día de hoxe hai bastante bibliografía e mesmo o temos abordado nestas páxinas.
Sobre Fernández Rodríguez topamos un traballo asinado por Manolo Fernández Varela no número extra do Día das Letras Galegas 1989. Ademais dunha biografía reprodúcense dous extensos poemas de tipo social agrarista e anticlerical en galego. O traballo aparece ilustrado cun autorretrato deste agudo poeta e combativo agrarista cuntiense (de Troáns) fundador da Sociedade Agraria de Troáns e arroutado republicano que viviu entre os anos 1873 e 1932. Segundo nos conta Manolo no seu artigo este Manoel Fernández González, que fora tío-avó seu, era fillo dun mestre de familia acomodada mais non gostaba da monarquía polo que axiña comezou a traballar a prol do republicanismo e o socialismo. Estudou tamén como o seu pai Maxisterio, aínda que non exerceu máis que dando clases particulares na súa parroquia. Comezou Dereito en Compostela, mais tal como nolo conta Manolo:

“Empezou a estudar Dereito, pero parece ser que se cansou de estudar sentado e decidiu estudar Dereito Universal na Universidade da Vida. Esto levouno a non estudar sentado, senón andando polo áspero camiño da loita pola Revolución Social.”4

Chegou a saír elixido deputado nas Cortes de Madrid en 1931, aínda que chegou a ter problemas cos socialistas, en cuxas filas se presentou, e con Casares Quiroga da ORGA, debido a que non apostaban por unha república federal senón por un republicanismo tan centralista como a propia monarquía. No mes de outubro do mesmo ano deuse de baixa no partido e entregou a credencial de deputado. Despois de morto, o 31 de xaneiro de 1932, o cura negouse a soterralo en sagrado, mais a protesta airada dos seus afoutos compañeiros agraristas fixo que se puidera enterrar “no panteón dos seus devanceiros”. Por iso Manolo considera que foi revolucionario até despois de morto.

Remate

Toda a vitalidade e actividade desta persoa que hoxe tratamos quedou case completamente asulagada en 1997 coa morte de Carme. Coñecéraa en Compostela, onde ía a visitala con frecuencia na súa moto acompañado de Pepe Castro (cuxa moza vivía con Carme). Tiveron sete fillas e un fillo, e era unha parella que andaba moito xuntos tanto no lecer como nas actividades políticas. Ela ademais era unha afanosa membro das ANPAS (Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as) do colexio e mesmo ten traballado co Meigallo na preparación do Magosto-Folc. Nunha das edicións comentounos con resignación que fora ao médico e que pensaba que non debía ser cousa boa o que tiña, polo que procuramos animala. Penso que convén lembrar un texto de Carme que apareceu no número extra das eleccións municipais 1991: “Consolidada a democracia formal, agora hai que dar un paso máis cara a democracia real, impedindo que nos quedemos no puro formulismo sen contido. É hora de aplicarlle ás cousas do común unha visión máis realista e moderna”.5
Despois da defunción de Carme, Manolo parecía outro home tanto pola ausencia de ánimo como polo aspecto físico avellentado. Se ben é certo que ía mentres puido ás asembleas locais do BNG, e aínda pasaba de cando en vez pola taberna a conversar un pouco, xa non tiña aquela ansia e aquela vitalidade doutros tempos. E foise indo sen queixarse e sen mencionarlle a ninguén o cancro que o ía consumindo día a día. O que fora sempre un home moi recto e esixente na educación das fillas6 e o fillo, grazas ao cal saíron persoas coherentes, traballadoras e verdadeiramente exemplares, agora que non podía valerse só, contou coa axuda e agarimo que precisaba; quizais para el foi unha morte doce. Como el dicía, xa tiña aos seus encamiñados/as para valerse de seu, e a persoa que máis amou, agardando por el. Do seu pasamento fíxose eco axiña o semanario nacionalista A Nosa Terra:

“Este martes 3 de outubro finou no seu domicilio de Cuntis aos 63 anos de idade o militante nacionalista máis veterano e emblemático deste concello, Manuel Fernández Varela (Manolo o peluqueiro). Foi militante do histórico BN-PG e do PSG-EG, organizacións polas que foi cabeza de lista en distintas eleccións municipais. Fora ademais fundador da Asociación Cultural O Baño e da revista de política local Outra. Nos últimos tempos formaba parte da asemblea local do BNG, na que mantiña unha activa participación até que o cancro, que anos antes lle arrincara covardemente a vida da súa dona, Carme de la Torre, o obrigou a ficar doente na súa casa. Os que o coñeceron non esquecerán a aquel extravagante personaxe fraco de cabelo e barbas longas sempre combativo e sempre fiel voceiro do seu ideario patriótico.”

Na mañá do catro de outubro era soterrado practicamente na intimidade. No funeral (se ben é certo que foi de mañá e en día de semana) había bastante xente nova (sen dúbida amigos das fillas e do fillo) mais non estiveron presentes moitos dos seus veciños e nin sequera a maioría dos camaradas de partido. Non houbo tampouco representación comarcal ou nacional do partido nin institucional. Os poucos compañeiros presentes encargáronse de que o seu cadaleito fose engalanado coa bandeira galega coa estrela vermella, perante a retadora mirada do cura párroco, que en ningún momento pronunciou unha soa palabra na nosa lingua..., na lingua de Manolo o Perruqueiro, con quen Cuntis, o nacionalismo e Galiza están en débeda.


NOTAS:

1 En 1963 nace o PSG que será dirixido por X. M. Beiras e en 1964 a UPG e que quere rachar co mero culturalismo con que actuou o nacionalismo galego durante o franquismo, propugnando a axitación social como arma para a conexión co pobo e difusión da súa ideoloxía marxista-leninista e partidaria da liberación nacional de Galiza.
2 De feito ambas formacións mantiveron unha forte polémica pola cuestión da propiedade das siglas.
3 MAGARIÑOS SUEIRO, A., “Mesego, 25 anos atrás”, A Taboada nº 3 (Cuntis-Moraña, xuño do 2001), pp. 87s.
4 FERNÁNDEZ VARELA. M., “Lembrando a un descoñecido (Manoel Fernández Rodríguez)”, Outra (Cuntis, Día das Letras Galegas 1989).
5 TORRE CASAL. Mª do CARMO, Outra, nº extra Eleccións Municipais 91, p.1.
6 Algunhas das fillas continúan ademais coa profesión do seu pai. É o caso de Diana e Uxía, co negocio aberto na rúa Xoán Xesús González en Cuntis co nome familiar de “Perruquería Juanita” nome da avoa paterna que vive na casa do Porto de Gómez, e o de Baia co seu establecemento en Moraña, que leva o rótulo co seu apelido materno “De la Torre”.
Comentarios (0) - Categoría: Os amigos - Publicado o 01-02-2015 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal