Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que teñen interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DOUS INTELECTUAIS CUNTIENSES ELIMINADOS POLO FRANQUISMO: XOÁN XESÚS GONZÁLEZ E ROBERTO BLANCO TORRES

Todo o esforzo intelectual, social e político dunha xeración nobre, idealista e xenerosa que loitou vehementemente pola democracia, o progreso e a liberación do seu país, veríase truncado de forma tráxica tras a sublevación militar do 18 de xullo de 1936, que trouxo consigo a masacre e a desolación. O asasinato converteuse en algo traxicamente cotián, do que non se libraron, e mesmo foron obxectivo predilecto, boa parte dos nosos escritores e xornalistas máis senlleiros: Blanco Torres, Xoán Xesús González, Xacinto Santiago, Lustres Rivas, Xaime Quintanilla, Ánxel Casal, Bóveda, Díaz Baliño, Víctor Casas, Arturo Noguerol, Xosé Xoán Pérez ‘Caramiñas’, Joán Carballeira e unha longa ringleira de persoas imprescindíbeis na construción do país, nun momento en que estabamos a iniciar un verdadeiro século de ouro en todas as artes.
Mais aquelas salvaxes represalias son algo máis que historia, pois as vítimas aínda as seguen a sufrir hoxe, despois de mortos, materializadas nun inxusto esquecemento e postergación que conta co silencio cómplice, tácito ou implícito, de moitos investigadores e políticos que en nome do progresismo e a concordia optan, de xeito covarde e inmoral, por non remexer no pasado; unha actitude totalmente contraria á que mantemos os que realmente amamos a paz e pretendemos o recoñecemento daqueles autores cuxa obra foi truncada pola xenreira fascista: se hoxe esquecemos ou infravaloramos o labor dos foron ultraxados durante a guerra e a posguerra estamos a ultraxalos nós novamente.
Podemos constatar en moitos estudos, especialmente no material didáctico dirixido aos estudantes, que se segue omitindo inxustamente todo tipo de referencia á obra creativa de moitos dos nosos represaliados, poñéndolle unha pesada lousa que impide o seu rescate. Un crime tan execrábel como o que cometeron os sanguinarios verdugos franquistas e unha actitude incomprensibelmente permisiva con aqueles brutais acontecementos e, polo tanto, con todos os que se poidan presentar en calquera período histórico.
Neste Ano da Memoria non poderiamos dar remate a unha visión, aínda que sexa sesgada, da represión en Cuntis sen incluír un breve estudo dos dous escritores e xornalistas mais soados que deu este concello e que foron asasinados lonxe do seu concello natal. Refírome, claro está, a Xoán Xesús González que por este tempo estaba en Santiago, e a Roberto Blanco Torres que andaba por terras ourensás.





XOÁN XESÚS GONZÁLEZ


En Compostela soterraron a semente
chamada Xohán Xesús González, porta
dun futuro suntuoso e proletario
que avanza cara nós con alboroto
e venme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo.

Con pólvora e magnolias (X. L. Méndez Ferrín)


Naceu en Sevil, aldea da parroquia de Cequeril (Cuntis) en novembro de 1895 no seo dunha familia labrega. Na primeira adolescencia comeza a traballar como peón de canteiro, tarefa que combinaba co traballo no campo, unha actividade na que se iniciara desde neno e á que nunca renunciaría. O contacto directo coa problemática campesiña e do mundo obreiro producirá en Xoán Xesús unha sensibilidade especial, que será a causa dun rexo compromiso social.
Na xuventude marcha para Santiago, onde comezaría a compaxinar o oficio da pedra cos estudos, rematando a carreira de Maxisterio, que exercerá durante pouco tempo, optando por dedicarse ao xornalismo, profesión na que axiña acadará tal prestixio que chegará a ser elixido secretario da Asociación da Prensa de Compostela en agosto de 1925. A súa carreira xornalística iniciáraa na redacción de El Compostelano. Posteriormente escribiría para moitos xornais galegos como o vigués El Pueblo Gallego, do que era correspondente en Compostela; o ourensán La Zarpa, que fora fundado polo crego e axitador Basilio Álvarez e no que coincidiría co seu veciño Blanco Torres; no tamén vigués La Concordia, dirixido entón polo seu amigo Miguel Fernández Lema; así como no xornal galeguista e de esquerdas Claridad, que sería antecesor do semanario Ser. Colaborou tamén no combativo xornal Trabajo (voceiro da Agrupación Socialista compostelá), no galeguista A Nosa Terra, en publicacións agrarias de diversos puntos de Galiza, como El Emigrado da Estrada, na prensa madrileña, especialmente en España, e en rotativos da emigración americana: Raza Celta de Montevideo, Galicia de La Habana, Céltiga de Buenos Aires... Tamén chegou a fundar e dirixir dous periódicos de grande prestixio, como foron o semanario santiagués El País Gallego e o quincenario Amañecer.
Desde a chegada á cidade verase plenamente integrado na loita a prol do galeguismo e o sindicalismo obreiro, converténdose ademais nun dos militantes máis activos do movemento agrario tanto na comarca de Compostela como no seu Cuntis natal, concello co que nunca chegou a perder o contacto, non só por motivos familiares e de amizade senón tamén culturais e sociais.
En 1927 comeza os estudos na Facultade de Dereito. Aquí entrará en contacto cunha xeración de estudantes galeguistas como Fole, Santiso Girón, Seoane, Bouza Brei, Fernández del Riego... que incentivarán a súa participación nas mobilizacións estudantís da época, nas que terá un papel destacado a FUE (Federación Universitaria Escolar). En 1929 o cuntiense acadará o cargo de vicepresidente da recén creada Asociación de Dereito. Rematados os estudos de dereito en tan só tres anos, chegou a exercer como avogado nos bufetes que estableceu en Compostela e na Estrada.
O intento de síntese das doutrinas socialista e nacionalista foi unha teima constante ao longo da súa traxectoria vital, algo no que coincidiu con intelectuais como Quintanilla, Suárez Picallo, X. Vicente Viqueira ou Vitoriano Buxán. Así X. Xesús nos inicios da República milita na Agrupación Nazonalista de Compostela, da que el mesmo fora promotor, ao tempo que ocupa o cargo de secretario da Agrupación Socialista de Compostela, desde a que funda a Federación de Entidades Socialistas, Obreiras, Agrarias e Mariñeiras da comarca de Santiago de Compostela. Porén, topámonos con continuas discrepancias coa liña oficial do Partido Socialista ao que increpa polo seu centralismo reseso e retrógrado, feito que producirá varios intentos de escisión. O primeiro deles foi o Partido Laborista Galego1 que crea a finais de 1930. Tras de múltiples debates internos, en agosto de 1932 funda o Seminario de Estudios Socialistas que desembocará na constitución dun novo partido, de carácter nacionalista, a Unión Socialista Galega na que se integraron, entre outros, Indalecio Castro, Antonio Fuentes, X. María Caramés, Ramón Guimil, Manuel Moure e o cuntiense Manuel Aboi Barros. No socialismo cuntiense debeu espertar bastantes simpatías a nova organización pois, ademais do mencionado Aboi Barros, que era concelleiro na vila balnearia e taberneiro de profesión2 , integrouse o tamén concelleiro Manuel Ferrín González, o tenente alcalde Xosé María Caramés Durán e o mestre Manuel Pena Sayáns, entre outros. A USG chegou a presentar candidatura nas catro provincias nas eleccións de 1933: Núñez Rodríguez por Ourense, Siervo González por Lugo, Francisco Guimarei por Pontevedra e Xoán Xesús pola Coruña.
A vitoria dos conservadores nas eleccións de 1933 e o comezo do que se deu en chamar o Bienio Negro foi o detonante da unión de múltiples forzas progresistas para constituír Izquierda Republicana, na que se integrará a USG, sendo designado o cuntiense secretario xeral na agrupación compostelá. Con todo, novas desavinzas producirán a súa expulsión. En agosto de 1935, despois dun fracasado intento de reactivar a USG, crea un novo partido, Vangarda de Esquerda Republicana, no que militarán políticos como Borobó, Maximino Castiñeiras, Ramón Esturao ou o sindicalista compostelán Xosé Pasín, que exercerá a presidencia.
Ademais dunha intensa actividade xornalística e política legounos unha abondosa obra literaria: múltiples e lúcidos traballos ensaísticos dos que só se consevan tres: Hacia una morfología de la vida Gallega, En pé campesiños e Regionalismo, nacionalismo, separatismo; varias obras narrativas como as tituladas Ana María, A filla da patrona, A modelo de Paco Asorei e Teresiña Novás. É tamén autor do poemario Agarimos, e de ao menos dúas pezas teatrais en galego: Carmiña, que chegou a ser estreada polo grupo teatral La Raza que dirixía o cuntiense Manuel Mesejo Campos3 (amigo seu desde a infancia), e o drama amoroso titulado Felisa. No campo teatral tamén destacou como actor no cadro de declamación Universidade que dirixía Cotarelo Valledor.
Co golpe militar, Xoán Xesús colabora co recentemente constituído Comité da Fronte Popular para loitar pola defensa da República. Encabezou a columna de máis de cincuenta obreiros e campesiños da zona de Teo, que el mesmo denominou o Terzo de Calo, que desfilou polas rúas de Compostela e tomou edificios estratéxicos como o de Correos e Telégrafos ou a fábrica da luz. Membros do Terzo de Calo, especialmente os irmáns Liste (Constante, Manuel, Eduardo e Faustino4 ). Algúns dos integrantes do Terzo de Calo, capitaneados polos irmáns Liste, participaron na detención dun tren que viña de Vigo cargado con armas, munición e explosivos para as tropas franquistas con base no cuartel de Artillaría de Santiago. Intentárono primeiro na Esclavitude e logo na estación de Osebe, facendo unha barricada con rollas de piñeiro e entrando en combate cos falanxistas e a Garda Civil. Supuñan que o tren, como de costume, unicamente viría escoltado por dúas parellas da Garda Civil, mais o cálculo fora errado e tiveron que enfrentarse con 12 gardas e 25 membros de falanxe e do requeté armados até os dentes. Producíronse dúas baixas entre os de Calo e tres foron feitos prisioneiros, entre eles Faustino Liste. Só un garda civil resultou ferido. Os detidos foron levados primeiro a Padrón e logo á prisión de Santiago. As cousas non saíron como contaban, frustrándose así a ilusión de acadar aquel armamento tan arelado para defender a República
A irmá e mais a nai de Faustino Liste andaron á procura de persoas respectadas no ámbito do novo poder que o puidesen axudar. Para iso entrevístanse cun home influínte de Cuntis que o debía de coñecer, con todo, este intento e outros similares que fixo a nai ata a extenuación resultaron inútiles, pois ninguén se ofreceu a axudalo. O seu irmán Constante presentouse inxenuamente para interceder por el, pois as autoridades comunicáranlle á familia que se se entregaba ceibaban ao irmán. Ambos serían fusilados.
Con todo, a pesar do que teño manifestado noutros traballos, o escritor de Sevil xa non debía andar neste momento nas accións de resistencia tal como manifestou a irmá dos Liste que non o menciona entre os que detiveron o tren en Osebe, acción pola que tampouco é acusado no sumario.
Despois de que as tropas insurrectas toman Compostela, Xoán Xesús andou fuxido algún tempo polos montes de Cuntis, a pesar de que unha persoa con influencias se ofreceu para axudalo a saír do país vía Portugal, este negouse en espera de que o bando leal gañase a guerra e todo voltara á normalidade. Unha imprudente cita nun día de feira na vila da Estrada foi fatídica, pois alí foi detido, trasladado á prisión de Santiago, sometido a consello de guerra e fusilado o 12 de setembro de 1936 xunto con Faustino Liste, Serafín Mariño, Xosé Pose Míguens e Xosé Cousís Castro, estes catro, acusados da detención do tren en Calo, mentres Xoán Xesús, ao que se lle fixo un sumario individual, unicamente se lle imputaba a organización e armamento de homes, o desfile por Compostela e a toma de Correos e a fábrica da luz.
Os seus restos repousan baixo unha lousa do cemiterio parroquial de Cequeril, despois de seren trasladados alí pola familia en 1941 desde Boisaca. A día de hoxe, nin unha soa inscrición recorda, para vergonza das nosas autoridades políticas, nin alí nin en ningún outro lugar, que existiu Xoán Xesús González, unha das persoas que máis loitou pola liberación nacional e social da súa terra, poñendo todas as súas capacidades como político, conferenciante, xornalista, ensaísta, e mesmo como actor, dramaturgo, novelista e poeta, ao servizo da rexeneración do seu país, empresa pola que lle foi arrebatada a vida.





ROBERTO BLANCO TORRES


faite música, faite verso.
volta a viaxar encol do vento.
acode a nós por riba da memoria
e préndenos por dentro
o lume da paixón pola xustiza
que che queimou os dedos.
érguete das sombras, roberto,
blanco das nosas miradas hoxe, e sempre
espello dos cativos que agora levan
o teu nome prendido nos seus beizos.

Manuel Pérez Lourido. “Érguete das sombras”

A casa dos Blanco Torres foi case unha institución na que se formaron Roberto e os seus irmáns. Os pais eran persoas dun bo nivel cultural: Carme Torres era mestra e Pedro Blanco fixera estudos eclesiásticos e dedicaba boa parte do seu tempo a actividades xornalísticas e literarias. Os alicerces da súa sólida cultura iranse así ancorando xa na infancia grazas á disposición dunha ben nutrida biblioteca familiar. Nacera o 18 de marzo de 1891, sendo o máis novo dunha numerosa prole. A morte temperá da súa nai fixo que o pai se entregase especialmente á educación do benxamín da familia, e mesmo que o iniciara no mundo do xornalismo e a literatura. Por estes anos eran moi frecuentes as visitas do coñecido xornalista vigués Xaime Solá, amigo e compañeiro de tertulia do seu pai, ao hotel de Cuntis, onde se hospedaba durante longos períodos... E precisamente en El Noticiero de Vigo, dirixido por Solá, será onde verán a luz os primeiros traballos de Roberto cando apenas contaba doce ou trece anos, claramente por mediación do seu pai.
En 1905 morre o seu pai, e ao ano seguinte, con tan só 15 anos, decide marchar para Cuba. Será frecuente a súa presenza nos parladoiros literarios da illa xunto a persoeiros da talla de Curros, Fontenla Leal, Adelardo Novo, Xulio Sigüenza, R. Cabanillas, A. Vilar Ponte..., chegando a coñecer e a trabar unha intensa amizade en 1913 co líder agrarista Basilio Álvarez nunha viaxe que este fai a Cuba; unha toma de contacto que marcará definitivamente ao cuntiense. O seu labor xornalístico nesta etapa é intensísimo; artigos, poemas e relatos do escritor mozo impregnan as páxinas de multitude de publicacións, non só de Cuba, onde chegou tamén a fundar e dirixir importantes publicacións de tendencia galeguista como foron La Alborada e La Tierra Gallega, senón tamén de distintos países latinoamericanos, así como de Galiza, Madrid e Barcelona. Cando en 1916 regresa á terra virá plenamente predisposto para loitar nas dúas frontes que constituirán os seus obxectivos esenciais: o nacionalismo e o agrarismo. A elas unirase axiña outra importante inquedanza social, o republicanismo.
Coa súa chegada a Cuntis, retoma o contacto coa familia e cos amigos da infancia. Frecuenta os faladoiros do Casino e os do salón do Balneario. Comezará unha estimulante relación con mozos de Cuntis que comezan a despuntar en distintos terreos, escritores e poetas como Manuel Mesejo Campos e Xoán Xesús González, co escultor e pintor Uxío Souto... Trátase dun tempo en que a vila ten unha intensa actividade social e cultural, chegando a fundarse varios xornais nalgún dos cales chegou a participar5 .
Ao pouco da súa chegada incorpórase á actividade xornalística no diario agrarista Galicia Nueva de Vilagarcía, en A Nosa Terra, El Ideal Gallego e El Noroeste da Coruña, El Correo Gallego de Ferrol, Progreso de Pontevedra... E comeza a súa atafegada militancia no que foi o gromo máis importante do nacionalismo galego, as Irmandades da Fala6 e no agrarismo, exercendo un importante labor teórico e organizativo, ao tempo que desempeña labores de dirección en importantes diarios de carácter progresista, nacionalista, agrarista e anticaciquil como La Zarpa de Ourense, o Galicia, Diario de Vigo ou El Pueblo Gallego de Vigo, no que permanecerá até novembro de 1927, cando dimite perante a pretensión do director e propietario, Manuel Portela Valladares, de poñer o xornal a disposición do réxime riverista. É condenado, por un delito de inxurias, a unha importante multas e foi desterrado de Vigo, véndose obrigado a retirarse á aldea natal da súa muller, no concello da Peroxa; retiro que aproveitará para a elaboración da que sería a súa única obra poética publicada: Orballo da Media Noite, que se editaría cun grande éxito de críticas en 1929. A partir de aquí as súas colaboracións tanto na prensa galega e madrileña como en publicacións da emigración continúan sendo moi frecuentes, así como a intervención en distintos postos directivos en xornais como La República de Ourense, El Noroeste da Coruña ou El País de Pontevedra, que era o xornal no que traballaba nos últimos tempos, cando residía en Pontevedra e mantiña unha intensa amizade con galeguistas como Castelao e Alexandre Bóveda.
Durante a República chegou a ocupar o cargo de Gobernador Civil de Palencia. Nestes anos son numerosos os artigos nos que propugna a necesidade da instauración dunha verdadeira República Federal que garantise unha ampla marxe de autogoberno para as distintas nacións do Estado. Unha aspiración que sempre defendeu non só como nacionalista membro das Irmandades da Fala, senón tamén desde a órbita de partidos como a ORGA, a Federación Republicana Galega e, nos últimos tempos, como militante do sector galeguista de Izquierda Republicana, o que lle ten levado a algunhas disputas verbais cos membros máis centralistas destes partidos.
En 1936, despois de tomar posesión da xefatura do gabinete de prensa do Ministerio da Gobernación e participar activamente en Madrid na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galiza, regresa na mesma semana en que se celebraba o comicio. O 28 de xuño acode a votar a Pontevedra, onde estaba empadroado, pois nos últimos tempos exercía de Xefe de Redacción no diario republicano pontevedrés El País, e despois marcha para A Peroxa para gozar dunhas merecidas ferias coa familia antes de incorporarse ás novas responsabilidades. Cando se produce a sublevación fascista, o teimudo xornalista desoe os consellos de veciños e amigos que lle din que se agoche, e mesmo lle ofrecen refuxio. A detención, na que participaron, entre outros falanxistas da Peroxa, algúns vellos amigos da familia(concretamente os irmáns: Xulio, Afonso e Xurxo)7 , produciuse o 22 de xullo, catro días despois do golpe militar. Foi confinado durante máis de dous meses na Prisión Provincial da cidade, e despois trasladado á de Celanova, onde pasa unha noite. O tres de outubro é paseado xunto con Euloxio Vázquez e Rizal Villamarín Iglesias8 , e o catro aparecían os corpos en San Fiz de Galez (Entrimo). Dúas balas inseridas na caluga (unha traumática hemorragia interna, segundo o certificado de defunción) poñían fin a corenta e catro intensos anos de ética e combate no plano vital, político e literario.
Tiveron que pasar máis de sesenta anos de silencio e ocultamento até que en 1999 se lle dedicaba o Día das Letras Galegas, comezándose entón a andar o camiño, aínda non acabado, para a recuperación de quen foi o xornalista máis fecundo e o autor dun dos mellores poemarios do seu tempo.


NOTAS:

1 Referencia que me fixo o investigador Dionisio Pereira.
2 Tiña a súa taberna en Meira.
3 Era natural de Laxos.
4 Naturais de Calo e irmáns do coñecido líder comunista Henrique Líster (que realmente era Liste de apelido).
5 Concretamente participa ao menos no primeiro número de El Eco de Cuntis, e forma parte, ao menos de xeito nominal, do seu equipo de redacción. Non temos constancia de que colaborase en xornais agraristas locais como foron El Bólido e El Bólido de Cuntis, mais as malas relacións dos agrarios cuntienses co seu irmán Mario Blanco Torres, secretario do xulgado, ao que acusaban continuamente de ser un dos máis destacados caciques locais, puideron ser suficiente motivo para non implicarse en proxectos que a nivel local puideran deteriorar as relacións familiares.
6 Posteriormente tamén será dirixente da ING (Irmandade Nazonalista Galega).
7 Entre os falanxistas que o foron a buscar a casa estaban estes tres irmáns, veciños da contorna, que apenas uns días antes estiveran na súa casa comendo un cabrito.
8 Euloxio Váquez de 42 anos, natural de Ourense e Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos, natural de Ourense. O corpo de Rizal, aínda que enterrado en San Fiz de Galez, foi reclamado posteriormente polos seus familiares; hoxe os seus restos repousan no cemiterio de San Francisco (Ourense).
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 01-02-2015 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal