Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que teñen interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS VENRES DA MEMORIA
Ana Biéitez con antigas alumnas e veciñas do seu paiDurante todo o mes de xullo de 2007 a Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e a Comisión pola Memoria Sinhor Afranio viñeron desenvolvendo todos os venres na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres os Venres da Memoria, xornadas convocadas coa intención de homenaxear aos represaliados do franquismo.
A primeira convocatoria tivo lugar o día 6 coa presentación de dúas obras relacionadas co escritor cuntiense fusilado en 1936, Xoán Xesús González. Tratábase dunha biografía do escritor publicada pola editorial Ir Indo e a edición da obra teatral titulada Felisa, que permanecía inédita. No acto foron convidados o estradense Carlos Loureiro en nome da editorial Fervenza, Bieito Ledo por Ir Indo (que se desculpou pola súa ausencia), Marcos Seixo, autor da biografía, e Matías Rodríguez, secretario da Comisión Sinhor Afranio. A xornada do día 13 trataba sobre “o dereito a saber e a liberdade de investigar” e nela estiveron presentes Dionisio Pereira, investigador que está a ser enxuizado nun acto de verdadeira censura polo seu labor como historiador deste período histórico que aínda non temos superado totalmente. No acto contamos ademais coa participación do escritor Xosé Luís Santos Cabanas, membro da Asociación A Oliveira de Teo. O 27 tivo lugar o acto de clausura das xornadas a cargo de Ana Viéitez, filla do que era mestre de Magán (Estacas-Cuntis) en 1936 e que padeceu a saña do franquismo (persecución, presidio, multas, exilio…) e a Concelleira de Cultura.
Pasamos a reproducir a intervención desta última, que ao remate do acto fixo ademais entrega, en nome da Concellaría que preside, uns agasallos aos fillos dos membros do Comité de Resistencia da Frente Popular de Cuntis asasinados polos fascistas, Manuel Rodríguez, Avelino Ares e Serxio González en recoñecemento ao seu labor na defensa da democracia.
Reproducimos de seguido o discurso previo da concelleira e tenente de Alcaldesa, Belén Pazos:

“O pasado ano, a Consellería de Cultura acordou que o 2006 debería ser recordado como o Ano da Memoria, por cumprirse setenta desde o levantamento fascista contra o réxime democrático republicano. En torno a este ano, unha chea de historiadores investigaron este período que era e segue a ser, sen dúbida, a parte máis descoñecida da nosa historia. Saíron á luz moitos nomes de homes e mulleres que non existían. Isto é moi importante. Non existían porque eran os vencidos.
O golpe militar provocou que os rebeldes, os golpistas, xulgaran e acusaran aos defensores do goberno democrático da República de 1931, algo impensable nos nosos días.
Os golpistas fixéronse co poder político do país, pero tamén co poder da historia. Anularon ás víctimas. E conseguiron algo peor: conseguiron que a sociedade tivera a crenza que todos os asasinados, os paseados, os que sufriron prisión, torturas, vexacións, os que foron desprovistos do seu traballo, do seu patrimonio eran merecedores dese castigo, pasáralles isto porque fixeran algo. En moitos casos mesmo as propias familias renegaban das víctimas. “eu tiven un avó roxo pero non quero falar del”.
Cuntis non foi unha excepción. No ano 36 presentaba un panorama cultural, económico, social e político próspero, con mozos que participaban moi activamente no galeguismo, no esquerdismo republicano e no movemento agrario e sindical.
Esta mocidade sufriu a represión coa sublevación fascista e así, no noso concello, topámonos con casos de fuxidos, maquis, deportados, exilio interior e exterior, paseados, fusilados, represalias laborais, fiscais...

Entre os fuxidos, destacar a Sabino Sueiro, que pasou case 3 anos no monte. Confiando nas falsas promesas do réxime entregouse, sendo encarcerado durante máis de dous anos e chegando a ser condenado a morte, pena conmutada pola de cadea perpetua. En calquera caso entre o pago de multas, achegas para os nacionais (moitas veces figuran documentalmente denominadas como axudas voluntarias), avogados, intermediarios etc., un home que fixera unha pequena fortuna en América a base de moito esforzo acabou arruinado, e non só economicamente senón tamén física e moralmente.
Durante un curto período de tempo tamén andou polo monte Xoán Xesús González, mais axiña foi detido e fusilado.
O exilio, concretamente a México conseguiu escapar o pintor e escultor cuntiense Uxío Souto, e en México tamén estaría exiliado o mestre de Magán Xosé Viéitez de Soto.
Houbo confinamentos na illa de San Simón e noutros cárceres:
Avelino Ares Villaverde, Manuel Alonso Rodríguez, Antonio Aboi Torres, Francisco Porto Touceda, Pablo Baños Mariño, Xosé Pena Sayáns, Ramón Fuentes Sayáns, Ramón Ferreiro Folgar, Manuel Pisos Villar, Xosé Campos Caneda, Secundino Limeres Campos, Maximino Pardal Fabeiro, Edilberto Lois Couso... foron enviados primeiro á cadea de Caldas de Reis, onde xa estaban retidos Pedro Carballo Blanco e o mestre de Xinzo Antonio Ríos Fernández (este home, que era de Santiago, casou en Cuntis e estivo exercendo nesta aldea entre 1917 e 1936) e despois á de Pontevedra e ao antigo lazareto de S. Simón, no que tamén foron confinados, entre outros cuntienses máis, os mestres Xosé Viéitez de Soto e Aurelio Rei García, unha persoa moi aprezada no noso concello. De feito, a escola pública da vila leva o seu nome dende a súa creación e tamén a rúa de Circunvalación.
En S. Simón desaparecería Avelino Ares, sen que en principio se soubese o seu paradoiro (en realidade fora paseado e enterrado en Ponte Sampaio, onde continúan os seus restos a día de hoxe). Algúns dos múltiples encausados foron condenados a cadea perpetua ou a penas que oscilaban entre os 12 e os 20 anos de prisión.
Serían bastantes máis os que padeceron a privación da liberdade: Manuel Folgar Rei “Murillo” o gaiteiro de Fontecova, que estivo confinado no cárcere da Coruña; Manuel Sueiro (que era concelleiro coa República), Raúl Iglesias Villar, Xesús Mesego, Manuel Caeiro, Avelino Torres Fernández (da Casiña), Francisco Sueiro Rodríguez, Francisco Lois Couso, Manuel Aboi Barros, Antonio González, Ramiro Campos, Ramiro Sangiao, Manuel Torres García, Santiago Hervés, Aboi da Bragaña (que requisou armas na parroquia de Estacas)...
Pero tamén houbo outras represalias como sancións económicas, ás veces acompañadas de embargo de bens, e depuracións ou inhabilitación para ser funcionarios, entre eles mencionar a Aurelio Rei García e algúns dos seus fillos. O mesmo sucedeu co mestre de Xinzo Antonio Ríos, que sufriu a depuración permanente como mestre ademais da condena a cadea perpetua, aínda que anos despois logrou poñer unha academia particular en Compostela. Tamén foron inhabilitados funcionarios municipais como o oficial primeiro Francisco Lois Couso. Ao taberneiro de Meira Manuel Aboi Barros (fora militante dun partido de carácter nacionalista, a Unión Socialista Galega, fundada polo escritor e xornalista natural de Sebil, Xoán Xesús González) deportárono a Carballiño e pecháronlle o local, ao igual que fixeron coa tenda de Ramón Ferreiro, na Presiña. Deportaron tamén a Edilberto Lois en Negreira.
Tampouco faltaron tundas brutais a persoas de esquerdas e desmedidos e grotescos cortes de pelo ou os insultos en plena rúa a mulleres de familias republicanas para humillalas publicamente. Aos fillos do alcalde Manuel Rodríguez, sempre moi conscientes do que lles tiñan feito, pretendían obrigarlles a cantar o Cara al sol na escola, a súa negativa foi motivo de moitas tundas.Isto mesmo pasaba con moitos familiares de represaliados que non tiñan máis remedio que acceder a esas humillacións para evitar duros castigos físicos. Humillacións e indiferenza foi o que padeceu a familia de Rodríguez (tan admirado por todos pouco tempo atrás) e a doutros represaliados. Entre os asasinados ademais de Xoán Xesús González e Roberto Blanco Torres, están tres membros do Comité de Resistencia da Frente Popular de Cuntis: Avelino Ares, quen, como vos decía estivo en San Simón e foi paseado e enterrado en Ponte Sampaio, o alcalde republicano de Cuntis Manuel Rodríguez Sangiao, de Ducío e Serxio González Paz, amigo entrañábel de Xosé Vieitez, quen frecuentaba moito a súa casa en Pisos, en Arcos de Furcos. Estes dous últimos entregáronse inxenuamente para seren deportados Vila de Cruces e Lalín, de onde non regresaron con vida.
Esta é a historia. Estes son os nosos nomes. Recuperar a historia e sobre todo contar a historia, facer a historia viva, é un recoñecemento, xusto e necesario, que chega demasiado tarde para moitos, a estes homes e mulleres que entregaron partes importantes das súas vidas, mesmo a súa vida pola defensa da liberdade. E este traballo debe vir da man dos investigadores, pero tamén da man das institucións e da sociedade civil. Polo que a nos respecta, dende a Concellaría de Cultura traballaremos por esta causa e apoiaremos calquera iniciativa que neste sentido poida xurdir dende calquera agrupación.
‘Non estou con quen fai a historia, senón ao servizo de quen a padece’ dixo Albert Camus. Vai por eles.”


Reproducimos a continuación aínda que de xeito fragmentario o discurso de Ana Viéitez como mostra do seu coherente parecer e o da organización que preside sobre este tema: “La Ley de Memoria y el reconocimiento jurídico de las víctimas del franquismo”

“Cuando hace pocos años, muchos de los que estamos en la lucha por la recuperación de la memoria histórica y el reconocimiento de los represaliados por el franquismo, conseguimos tener acceso a los expedientes de nuestros familiares víctimas de la represión, quedamos sobrecogidos de estupor e indignación por las infamias vertidas en los mismos y las violaciones graves a los derechos humanos y las libertades que se cometieron en aquellos juicios sumarísimos. El resultado fue la ejecución de millares de personas, encarcelamientos, torturas, trabajos esclavos, expolios y todo lo que se derivó de aquellos juicios sin garantías, sin pruebas y sin defensa.
Tras el sentimiento de indignación, uno toma conciencia de que ellos fueron víctimas de una injusticia, y de que es necesario repararla. Ante esto, y con la obligación como familiares y amigos de aquellas víctimas, nos organizamos en asociaciones para luchar por el reconocimiento de aquellas atrocidades olvidadas en el DERECHO y en la HISTORIA.
Entendemos que la única forma de hacer justicia y conseguir cicatrizar heridas y obtener una reconciliación duradera, es mediante el reconocimiento jurídico de las víctimas. El reconocimiento moral, en forma de disposiciones o declaraciones (por muy solemnes que sean), homenajes y actos similares (incluso los institucionales), es de agradecer pero no suficiente.
Los familiares y amigos de los represaliados por el franquismo reclamamos JUSTICIA. La consideración de venganza que apuntan determinados sectores negacionistas de la historia, es una falacia para no remover su pasado. Tratar de envilecer el tema, mezclando la JUSTICIA con venganza es un maniqueísmo que pretende confundir a la sociedad y tratar de ponerla en contra. Pretender, como hacen, argumentar que no se deben de reabrir heridas, es una forma perversa de considerar que estuvieran cerradas las de los que no han sido reconocidos en ningún aspecto de sus derechos, ni siquiera de los morales. Para que se puedan cerrar definitivamente, es necesaria la justicia que reclamamos. La verdadera reconciliación se conseguirá cuando se culmine la reparación de la doble injusticia de que fueron víctimas: la primera cuando la dictadura vertió toda clase de injurias sobre ellos, y hubieron de pagar con la cárcel, el exilio o la muerte; la segunda, cuando la Transición los olvidó, curiosamente a los que expusieron sus vidas por conservar o recuperar un régimen de libertades. El reconocimiento jurídico debe conllevar, entre otros, la nulidad de las sentencias dictadas en Consejos de Guerra mediante procedimientos sumarísimos y demás tipos de juicios penales y militares del régimen franquista.
La petición de nulidad de dichas sentencias tiene su fundamento en la condición de ilegalidad del régimen franquista. Continuar otorgando validez a aquellas sentencias o aún someterlas a revisión, equivale a dar legitimidad al régimen que se asentó mediante un golpe de Estado que supuso la vulneración del orden jurídico republicano. La legitimidad de éste emanaba del principio de soberanía popular, y las leyes de la República nunca se derogaron. Por tanto está fundamentada la ilegalidad del régimen franquista a nivel interno, pero es que, a nivel internacional, se reconoce igualmente su ilegalidad a partir de la consideración por las Naciones Unidas de que “en sus orígenes, naturaleza, estructura y conducta general, el régimen de Franco es un régimen fascista modelado sobre, y en gran medida establecido gracias a, la ayuda recibida de la Alemania nazi de Hitler y la Italia fascista de Mussolini”.
Se argumenta por parte de quienes se oponen a la recuperación de la memoria histórica, que en los dos bandos enfrentados en la Guerra Civil Española se cometieron crímenes. Sin embargo no fue lo mismo, y la diferencia esencial está en que la represión en el lado sublevado respondía a un plan premeditado de exterminio: el general Mola hablaba de que había que sembrar el terror; el general Franco en declaraciones a la BBC decía que no le importaba acabar con media España con tal de alcanzar sus objetivos. Esto es lo que da el carácter de Crímenes contra la Humanidad a los cometidos por el régimen franquista.
En lo que respecta a la Segunda República, no puede calificarse ninguno de sus actos como Crímenes contra la Humanidad. En el caso de asesinatos o ejecuciones extrajudiciales, no sólo constituían ilícitos penales según el código penal, sino que la justicia ordinaria debía perseguirlos y, como así ocurrió en muchos casos, se procedía al juicio y condena de los hallados responsables. Los documentos jurídicos de las instituciones republicanas dejan perfectamente claro que su finalidad era la defensa de las libertades civiles y el régimen democrático.
Hay que añadir que los Crímenes contra la Humanidad en razón de su naturaleza, como ofensa a la dignidad del ser humano, son imprescriptibles y no amnistiables.
El Congreso instó al Gobierno en noviembre de 2004 a retirar los símbolos franquistas y que regule este mandato por ley. ¿Puede alguien imaginar un solo monumento, estatua, o placa de reconocimiento hacia el nazismo en alguna ciudad de Alemania o el fascismo en Italia?
Si el Gobierno español es capaz de resolver esta cuestión de impunidad y facilita el reconocimiento jurídico de las víctimas mediante la Ley de Memoria, habrá cumplido con su obligación, habrá puesto la cultura política y la justicia del país al nivel de los de su entorno que vivieron circunstancias históricas similares, y habrá conseguido evitar que sus ciudadanos comprometidos con los valores democráticos, tengan que avergonzarse ante las preguntas de las nuevas generaciones sobre la Historia reciente de España, ocultada premeditadamente durante décadas en los libros de texto de todos los niveles de enseñanza de este país. De no contemplar este reconocimiento, se habrá producido una Segunda Transición cerrada en falso.”


Ademais o día 28 tivo lugar un emotivo encontro entre Ana Viéitez e algunhas persoas de Magán que foran alumnas ou coñecidas do seu pai mentres exerceu o maxisterio nesta aldea (desde xaneiro de 1935 a xullo de 1936).
Na reunión de Magán estaban presentes Placeres Torres Rey, de 81 anos, filla de Xosé Torres González, natural de Arnois. Este home era mestre en Ouzande (A Estrada), pero no verán de 1936 estaba de vacacións en Magán, de onde era a súa muller. Alí foi detido e trasladado a San Simón. Cando o detiveron, estaba agochado nunca adega subterránea que o seu sogro tiña na casa de Magán. “Levádeo e Deus queira que non volte!”, contan que dicía un activo falanxista da zona cando o detiveron. O conto foi que pouco despois este falanxista foi chamado a filas, morrendo na frente. Paradoxos do destino…
Ao falar de San Simón, de novo aparece a mesma historia: “Cada noite sacaban seus e el estaba esperando cando lle tocaba a el” conta Placeres que dicía o seu pai.
Esclavitud Viaño Lorenzo ten 85 anos. Ela non foi á escola de Xosé Viéitez, pero si seu irmán Antonio. Recorda que o mestre lles ensinara “o cantar dos rumorosos”, loxicamente, o himno galego.
Quen si recorda perfectamente ao mestre é Esther Fuentes Castro, de Gontade. Ten 80 anos e unha extraordinaria memoria que lle permite recordar as visitas diarias de Viéitez á súa casa para interesarse polo seu estado de saúde cando padeceu de meninxite.
Tamén se achegaron á escola de Magán Mª Josefa Souto Senín e Estrella Fuentes Blanco. Esta última non estivo na escola de Viéitez, pero recordábao perfectamente, e tamén ao seu criado. Aclarou Ana que este home era unha persoa sen recursos que viviu co seu pai, a cambio de sustento, mentres este con casou coa súa nai.
Contábase por Magán, despois da detención de Viéitez, que a garda civil fixo un rexistro na casa na que vivía o mestre coa súa familia e atopou cravado na cabeceira da cama unha cruz, aínda que Ana Viéitez matizou que en realidade era un rosario. Ante isto parece ser que os gardas comentaron pola aldea que parecía que “non era tan fiero o león como o pintaban”.
Tamén falamos dos escapados que había pola zona. Manifestaban que había moitos, “detrás do monte Xesteiras e perto do Xiabre”.
Recordaba Esclavitud que un día estaba no toxo no Xesteiras coa súa nai, preparando o carro, e un home aparécelles polo monte abaixo escapando delas. Era fraco, moreno e co pelo longo. A nai deulle o corpo que había ser un fuxido e chamouno. Apareceu cos pés ao aire, unicamente cubertos por unhas gomas dunhas zapatillas e preguntoulle se había gardas cívicos na aldea. Ao dicirlles que si contoulles que levaba 4 días polo monte unicamente bebendo auga nas Fontes Bravas. Coa sorte de que coceran o pan o día anterior, a muller mandou á súa filla buscar comida á casa e ofreceulla. Tempo despois, cando xa rematara a guerra, un mozo achegouse a Magán, á escola de Xosé Torres, o pai de Placeres, retratando aos rapaces. Deulle ao mestre a descrición física das mulleres e preguntoulle se as coñecía. Foi a maneira de que este home as visitara para agradecerlle o que fixeran por el.
Esclavitud recorda moitas historias: que prohibían vestir de encarnado e ela, con 15 anos, foi á festa de S. Mamede coa súa nai e un falanxista da zona díxolles que marcharan para a casa, que alí non podían estar por ter o vestido encarnado.
Tamén conta cando seu pai foi ao Sto. Cristo en Estacas e o cura non lle deixou subir o santo polo calvario, que está polo monte arriba, por ter posta unha garabata encarnada.
Ana Viéitez achegou á reunión a carta que practicamente todos os veciños e veciñas de Magán asinaron en apoio do seu pai no momento da súa detención. Un xesto de valentía que emocionou a Ana:

“Los abajo firmantes, padres de los alumnos de la escuela mixta de Magán (Cuntis) se consideran en el deber de manifestar:
1º Que el maestro don José Viéitez de Soto es persona correcta y generosa que en el pozo tiempo que lleva al. Frente de la escuela ha sabido ganarse la simpatía de sus alumnos y la estimación de sus padres.
2º que como tales padres podemos asegurar que el maestro Sr. Viéitez de Soto no enseñaba a sus alumnos nada contra la Religión, la moral y la Patria.
3º Que dentro de la escuela no hizo nunca el maestro propagandas de carácter político alguno.”
4º Que durante la última campaña electoral de Febrero el Sr. Viéitez no solicito de los padres voto ni apoyo alguno para los distintos candidatos que luchaban.
Y para que conste firmamos en Magán (Cuntis) a 5 de septiembre de 1936.”


Asinan a carta: “Manuela Blanco, Rosendo Viaño Rey, Manuel Torres, Erundino Arca, Antonio Blanco, Agustín (Conles), Manuel Magariños, Estrella Castro, Baldomero Rei, Elena Torres, Luzdivina Santos, Amador Rei, Manuel Pérez, Pedro Rei, Manuel Souto, Ramón Conde, Ramona Correa, Antonio Souto, Marcelino Treviño, Juan M. Conde Fuentes, Carmen Blanco, José Duarte, Gerardo Magariños, Antonio Fuentes, José Torres y Torres, Antonio Blanco, Manuel Rei, Eduardo Agra, Antonio Gil, Rosendo Magariños Bragaña, Jesús Rei, Emilio Aboy Blanco, Ramón Conde Fuentes, Manuel Gamardo, José Torres”. E posteriormente indícase: “Como se puede comprobar, esta parroquia se compone de cuarenta vecinos, y firman como se puede observar treinta y seis.

Outro paseado, Xosé Vázquez Grela

Aos nomes que figuran no traballo que aquí expuxemos sobre a represión franquista en Cuntis cumpriría engadir algúns nomes máis, entre eles Xosé Torres González, de Magán, que estaba de mestre en Ouzande (A Estrada), Rosendo Viaño, da mesma aldea, e algúns máis. Poren compre engadir tamén o nome dun asasinado, do que se ten falado xa nestas páxinas, aínda que non en calidade de tal. Refírome ao mestre e xornalista agrario Xosé Vázquez Grela.
Foi outro dos represaliados asasinados. Participara activamente no movemento agrario Cuntiense, ocupando o cargo de xefe das Sociedade Agraria de Cuntis e sendo un dos mellores redactores de El Bólido, órgano das sociedades Agrarias de Cuntis e Moraña, de feito o seu nomeamento como Xefe da Sociedade Agraria de Cuntis e as súas discrepancias coa liña de El Bólido fixeron que producira unha escisión e fundara na vila balnearia un novo xornal: El Bólido de Cuntis, que coexistiu co primeiro. Por outra banda tamén escribía para Acción Agraria, órgano da Federación de sociedades agrarias do Partido xudicial de Caldas, e no que colaboraban tamén outros agraristas de Cuntis e de Moraña.
Realmente non era natural de Cuntis senón que nacera en Padrón, mais casara con Xosefa Iglesias, natural de Cuntis, e tivo seis fillos: María Asunción, Antonio Manuel, Xulia, Alfredo e Xosé Gonzalo.
Cando se produciu o alzamento estaba de mestre en Nigrán. Sobre este período cómpre seguir a obra de Xoán A. González Perez Memoria dunha Guerra. Ao parecer, nestas terras participou moi activamente na campaña do Estatuto de Autonomía. Tomou parte como orador nun mitin o 21 de xuño de 1936 xunto cos irmáns Luís e Pepe de Inés, os Ineses, asasinados en Sabarís o 13 de outubro de 1936 e os tamén irmáns Villafines, Xosé e Agustín. O primeiro, presidente da Sociedade de agricultores de Sabarís. O segundo, alcalde de Baiona. Ambos condenados por rebelión militar a trinta anos de reclusión perpetua.
Co levantamento fascista e sabendo que estaba no punto de mira dos falanxistas intentou salvar a vida facendo achegas económicas ao novo réxime, asistindo diariamente a misa, etc. O 12 de setembro ao mediodía fórono deter á escola diante dos seus alumnos. Ían varios falanxistas dirixidos polo sinistro tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez, alcumado o Rabioso. Metérono nun coche e, perto das Angustias, fixérono baixar e pegáronlle cinco tiros polas costas. Tiña cincuenta anos. Segundo o documento asinado pola Garda Civil a causa da morte foi por “heridas por proyectil de arma corta de fuego en la cabeza y el pecho” nunha esquina da folla do rexistro anotábase:”Accidente”.
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 07-08-2014 01:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal