Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que teñen interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Algunhas reflexións sobre a represión franquista en Cuntis

Polo que podemos comprobar tanto en Cuntis como na práctica totalidade dos concellos os do bando gañador da guerra ademais de facerse co poder dun xeito totalmente ilexítimo dado que se impuxo pola forza e contra o goberno votado nas urnas por vontade popular, non contentos con esta ilegal toma de poder na que en Galiza apenas tiveron resistencia propiamente bélica, exerceron unha desmesurada represión contra os vencidos polo mero feito de causar sufrimento e escarmentar aos que tiñan cargos públicos nos tempos da República ou a aqueles que no momento que viron en perigo o sistema democrático, e obedecendo ordes superiores dos cargos lexítimos republicanos, se organizaron para manter a orde, nos primeiros momentos de confusión, requisando armas para impedir que se cometeran barbaridades. En Cuntis non houbo ningún descontrol, non se queimaron edificacións relixiosas, nin se asasinou a ningún dos que podían supor un perigo para a República. É máis, aínda que se retivo ao cura Toubes, a M. Ferro e un par de falanxistas máis, ninguén lles fixo dano e foron postos en liberdade logo dunhas horas. Mesmo se protexeu o convento bieito; o propio alcalde facilitoulle a fuxida ao cura Toubes; e Serxio González, que logo sería asasinado, deulle protección ao ultradereitista cura párroco Santiago Abuelo Lado. Xenerosidade que foi recompensada con homicidios, agoniantes procesos sumarísimos, longas penas de cadea, sancións económicas e/ou laborais que deixaron na ruína algunhas das máis honradas familias do concello, e un longo ronsel de viúvas e orfos. Non só debemos falar das penalidades dos que foron eliminados e as súas familias senón tamén dos moitos que pasaron longos períodos de tempo privados da liberdade, en precarias condicións hixiénicas, soportando a angustiosa humidade, o frío invernal, e o amoreamento humano das prisións nas que estaban deitados polo chan case sen espazo para moverse...; estas circunstancias orixinaban graves doenzas que en moitas ocasións acababan na morte de reclusos (sobre todo dos de máis idade), especialmente por tuberculose, bronquite, arrebatos de loucura que en ocasións remataban en suicidio, pneumonías, descomposicións (en S. Simón eran moi frecuentes debido ás bazofias que preparaban cos berberechos recollidos polos propios presos na praia, que teñen dado lugar a mortes por deshidratación), unha escasa e deficiente alimentación ... Resultan incompresíbeis tamén as sancións económicas ademais das físicas impostas mesmo ás familias dos que xa foran executados, por medio dunha penalización en metálico que na maioría dos casos, dada a enorme contía das multas, remataba en embargo de propiedades por non poder satisfacelas, ou a puxa dos bens, que case sempre terminaban en mans dos máis sinistros facciosos.
É unha triste evidencia que os franquistas nin souberon encaixar a derrota democrática nin souberon ser minimamente xenerosos con quen consideraron o seu inimigo cando xa o tiñan vencido pola vía militar, e a pesar de que foron eles os que se levantaron contra o réxime constitucional, acusaron paradóxica e absurdamente de rebelión a aqueles que unicamente intentaron manter a orde durante os primeiros momentos da insurrección fascista, cando os únicos rebeldes e traidores foron eles mesmos, os alzados.
Penso que hoxe ninguén desexa que se repitan situacións como aquelas e que traballos deste tipo, traten o tema desde unha perspectiva global ou local, como é o caso, non deben ser considerados un xeito de meter máis leña ao lume senón de coñecer uns feitos históricos e uns erros históricos que non deben voltar a se repetir. Por outra banda tamén é unha maneira de render unha homenaxe aos que pugnaron por un mundo mellor, sen mordazas, sen crimes de Estado, aínda que no intento deixaran a vida ou moitos anos de sufrimento e falta de liberdade. A todos eles e elas e ás súas familias vai dedicado este traballo.
Quixera manifestar que considero esencial a retirada da simboloxía franquista dos nosos rueiros, edificios públicos... Sen embargo penso que é unha iniciativa que compre facela desde a lexitimidade (como se fixo en Alemaña, Italia...) e non de xeito clandestino e moito menos deteriorando o noso patrimonio arquitectónico. Creo que todos nos temos que felicitar pola aprobación por parte do parlamento galego da proposición non de lei do BNG (co voto a favor de socialistas e a abstención do PP, que só aceptou o punto polo que se acorda facer un recoñecemento especial da figura de Bóveda na elaboración e impulso do Estatuto de 1936). A proposta aprobada inclúe que se adopten medidas para que se retiren progresivamente dos edificios e centros da administración as denominacións que fagan referencia a figuras ou feitos relacionados co franquismo e a rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e de todos os asasinados e represaliados polo franquismo.
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 07-08-2014 00:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal