Memoria de Cuntis


Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que poidan ter interese

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Algúns outros casos relacionados coa represión en Cuntis
A banda de Cuntis con Cambeses de directorSe temos que ser un pouco exhaustivos teriamos que mencionar o caso doutros represaliados que aínda non sendo propiamente cuntienses de nacemento si teñen unha importante transcendencia a nivel local como é o caso do que foi quizais o director máis importante que tivo a Banda Municipal de Cuntis. Estámonos a referir a Hixinio Cambeses Carrera , quen aos poucos días do comezo das detencións formou en Viveiro, onde vivía naquel entón, unha Comisión de Axuda aos Presos políticos xunto co mestre e membro das Mocidades Galeguistas Xosé Gueimunde López, comisión que durou moi pouco, pois axiña foi disolta por orde do comandante militar da praza. Posteriormente sería detido, encausado e suspendido de emprego como director da Banda de Música de Viveiro e de profesor da Escola de Musica Municipal. Foi director da banda de Cuntis entre 1943 e 1948. Era natural de Antas (A Lama). Todos o recordan como un gran músico, compositor e director. Fixo grandes amizades no pobo. Compoñía moitos dos temas que tocaba a banda: o pasodobre do "Zumba Loureiro", a xota "Campanas de Oro", ou a peza "Unha noite no Santo Cristo", "Flores de la Calle" e os pasodobres dos pasarrúas, que eran todos da súa autoría e mantiña sen títulos. Este home coñecía ben os seus músicos, e nos temas que compoñía, procuraba cargar nos instrumentos mellor manexados (así cargaba nas trompetas en determinadas pezas). Foi unha persoa innovadora, foi o responsábel de introducir as gaitas na banda. En Cuntis había moi bos gaiteiros polas aldeas e Cambeses axudouse da súa destreza para introducir o instrumento tradicional na banda de Cuntis. Desta maneira converteuse na primeira banda popular galega (non militar) que incorporou gaitas na súa formación. Incorporou tamén un novo uniforme de verán moi vistoso con sahariana e gorra branca. Isto fixo que foran coñecidos popularmente, como O Terzo Branco. Nos descansos da banda, tocaban os gaiteiros sos. Lembremos a letra do que fora en todo Cuntis un pasodobre de grande popularidade:

Somos de Róncalleopeito,
compañía Xan Fungueiro,
parentes de Carabuñas,
familia Zumba Loureiro.

Cantamos, aturuxamos,
temos cunchas e cuncheiros,
ferriñas e tamboriles,
foles, gaitas e gaiteiros.

Somos da vila de Cuntis,
onde a iajua sae fervendo
e os chorros curan á xente
aínda que veñan morrendo.

No 1948 marchou para Padrón como director da Banda Municipal, pero seguiu vindo continuamente a Cuntis, onde tiña moitos amigos. Sufría manía persecutoria. Quedara tocado debido á presión e ao medo a que fora sometido despois do alzamento militar do 36, con continuas detencións, malleiras e sancións laborais e económicas. Estando en Cuntis metíanselle cousas na cabeza, como que lle querían pegar ou matar. O certo era que lle tiña medo aos falanxistas e por iso, xa estando na banda de Padrón, cando viña a Cuntis durmía na fonda de Calveiro, pois era amigo de Baldomero Andrade, que militaba na Falanxe, e na súa casa sentíase máis seguro.
Polo ano 1948 ou 1949 quíxose suicidar cortando a xugular cun blíster de pastillas; despois tirouse desde o balcón da casa de Calveiro. Malferido, arrastrouse até a fonte da plazoleta, onde foi topado ao amencer polo sancristán. Trasladárono ao hospital de Pontevedra, onde, unha vez recuperado aganouse cunha saba. Sen dúbida aínda que cos debidos matices teriamos que consideralo unha vítima mortal do franquismo.
Por outra banda habería que ter en conta o numeroso de mortos que apareceron nas nosas cunetas. O lugar máis habitual para as execucións e torturas era a ponte Taboada. Unha testemuña oral da aldea cuntiense de Castrolandín, Mercedes Touriño, contounos como unha noite regresando de Moraña de levar a vaca ao boi, chegando á ponte Taboada o animal comezou a poñerse nervioso, a recuar e berrar. Axiña se decatou a moza do que sucedía: ouviu tiros... andaban a matar xente no camiño que indo de Moraña a Cuntis antes de chegar á ponte se mete á dereita, polo que decidiu dar unha longa volta a atrás e ir por Santa Cruz de Lamas (Moraña) e Troáns (Cuntis) para non ter que pasar por diante do arrepiante espectáculo e por medo ao que lle puideran facer. Mais teñen aparecido cadáveres de descoñecidos tamén noutros lugares do concello, sen que se saiba nalgún caso de quen se trataba dado o seu estado de descomposición.
Comentarios (0) - Categoría: Represíon franquista - Publicado o 07-08-2014 00:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0