Historia de Cuntis. Especialmente no que atinxe á represión franquista |
|
Comezo este novo Blog co que intento recuperar outro que tiña anteriormente e que foi dado de baixa no seu tempo. Pretendo recuperar no posíbel todos os textos e imaxes que tiña e ademais continuar con outros traballos novos que considere que poidan ter interese |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Júlio Torres Couso |
|
Reproduzo neste espazo un artigo que publicara no semanario A Nosa Terra (22-28 de setembro de 2005) no propio ano da súa morte con motivo da homenaxe que se lle tributou a Júlio Torres en Vigo o día 5 de agosto.
Júlio Torres Couso
O día 1 de xuño do presente ano falecía nun hospital de Huelva Júlio Torres Couso, un personaxe moi coñecido e aprezado na cidade de Vigo. Tan só tiña 48 ou 49 anos. Fora un destacado activista na resistencia obreira contra a reconversión industrial que lle arrebatou, ao igual que lle sucedera a moitos dos seus compañeiros, o seu posto de traballo en Ascón, empresa na que levaba traballando moi duro practicamente desde a infancia. Ben coñecida foi a súa intervención como activo sindicalista en combativas iniciativas contra a reconversión e a denuncia constante do colaboracionismo dos sindicatos españois que se venderon ao goberno do PSOE, deixando aos traballadores na estacada.
Porén, a súa faceta máis coñecida foi a militancia no independentismo. Membro destacado do PGP e de Galicia Ceibe (OLN) tamén da organización antirrepresiva JUGA (Juntas Galegas pola Amnistia), como mostra da súa habilidade política e o bon trato cos distintos sectores da esquerda, a súa intervención para conseguir que militantes vigueses de organizacións como o MC ou a Liga Comunista Revolucionaria se integraran na JUGA. Militou tamén na primeira FPG e posteriormente en APU.
Eu compartín con Júlio moitas das súas arelas e vivencias no plano político, porén tamén formei parte como bon amigo de moitas outras facetas do malogrado compañeiro. A súa faceta de persoa sempre alegre, amigo das festas e dos cantares de taberna. Home extravertido, de intensísima vida social, que nunca ocultaba nin solapaba a súa opinión, ben fora para eloxiar ou para lanzar as súas máis incisivas críticas; extraordinario cociñeiro que aderezaba as máis deliciosas creacións na peña gastronómica que tíñamos na Ronda de don Bosco; catador sibarita que sabía dos mellores sitios para tomar unha garrafa de albariño, condado ou rosal, aínda que houbera que desprazarse a Salvaterra, onde contaba con grandes amigos, a Cambados, onde o compañeiro Isidoro, ao bar Chiquito en Meira, a Vilaboa, á rebotica do amigo tamén desaparecido Antón Bértolo, ou a degustar un bon tinta femia a Beluso ou escanciar sidra en Benbribe, no furancho de Xosé Henrique...; e cando a noite se prolongaba demasiado poñerlle o remate xa de mañá na Pedra cunhas ostras e unha garrafa de ribeiro...
Con todo, o que nunca poderei esquecer era aquela súa obsesión por ir á costa do Morrazo. Aínda que nunca tivo carro, sempre conseguía enredarme e sos ou con outros compañeiros desprazábamonos desde Vigo para contemplar desde un espectacular cantil de Cabo Home, en completo silencio, aquel mar embravecido que como diría Rosalía “estaba a chamar por el”. En diversas ocasións me ten manifestado implícita e explicitamente o desexo de rematar o seu ciclo vital fundíndose con aquelas augas de Cabo Home, onde un día se despedira dos compañeiros que se decidiran polo camiño da clandestinidade e onde o verdor do mar se fundía co dos seus ollos románticos e esculcantes. Penso que no momento en que a familia o considere oportuno sería de xustiza liberar as cinzas, que hoxe repousan no panteón familiar do seu Cuntis natal, espallándoas naquelas augas nun acto de homenaxe xunto cos seus familiares, amigos e coñecidos, completando así o emotivo acto que na súa lembranza tivo lugar o día 5 de agosto en Vigo fronte á taberna de Elixio, da que en vida fora cliente habitual, e no que interviñeron, para narrar as súas vivencias xunto a Júlio, compañeiros como: Antón Arias, Vilanova, Muntxaraz, o seu cuñado Miguel (en representación da familia), Olga Herrero, Gonçales Blasco (Foz) ou eu mesmo.
Todos coñecemos numerosos dramas persoais que trouxo consigo a reconversión naval de 1978. Cada vez que vexo a película Os Luns ao Sol non podo evitar o recordo de Júlio e de moitos dos seus vellos camaradas que coñecín na súa compaña. Foron moitos os casos que acabaron con problemas de alcoholismo, depresións, rupturas de parellas, negocios fracasados, emigración e mesmo suicidios. Júlio fora dos que máis tempo termaran sen cobrar a indemnización polo deshaucio laboral. Foron varios anos de paro nos que unha modesta paga lle permitía combinar a actividade política cunha vida ociosa que fixo del un personaxe emblemático da noite viguesa. Todos o coñecían ben no Máis Alá, no Uf, no Trincheira ou no Catro. Cando no ano 91 cobrou por fin o despido, optou, como fixeran moitos compañeiros anos atrás, por montar un negocio...e fracasou como fixeran outros tantos. A asfixia económica, o orgullo e os problemas persoais encamiñárono a unha emigración que en principio se prevía pasaxeira, primeiro á vendima a Francia, logo a Valencia e por último a Andalucía, onde se dedicaba a facer traballos temporais no campo. Non regresou nunca máis a Galiza nin volveu a contactar coa familia e os compañeiros. Aquela persoa que estivera sempre rodeada de amigos pasou só, lonxe da patria que tanto amaba e pola que tanto loitou, os últimos 13 anos da súa vida. Mudou o clima húmido da súa terra natal pola seca sufocante dun pequeno pobo onubense, e o exquisito viño do Condado por un vulgar cartón de tetrabric (quizá non sexa casualidade que o mencionado pobo onde se estableceu se chamase Rociana del Condado). E morreu só, no completo anonimato. Era xa un home vencido, destruído, aínda que serodiamente, pola denominada eufemisticamente “reconversión industrial”, quizais a última vítima daquel maldito proceso.
|
|
|
|
MANUEL MESEJO CAMPOS, O POETA DE GULDRÍS |
|
OS NOSOS XORNALISTAS: MANUEL MESEJO CAMPOS, O POETA DE GULDRÍS
O día trece de agosto de 1901 naceu en Laxos (Cuntis) Manuel Mesejo Campos, sendo inscrito polo seu pai no xulgado da vila un día despois ante o xuíz municipal, o avogado Xoaquín Barreiro e o secretario do xulgado, o escritor e xornalista Pedro Blanco Crespo, pai de Roberto Blanco Torres. Foi o fillo máis vello dos dous que tivo o matrimonio formado por Antonio Mesejo Mesejo e Manuela Campos Gómez; despois del nacería o seu irmán Antonio. A condición de emigrante do pai, que estivo algúns anos en La Habana e despois en Buenos Aires, facilitoulle ao rapaz o acceso aos estudos de Maxisterio, carreira que comezaría na Escola Normal de Pontevedra (onde se hospedaba nunha pensión situada no 55 da Rúa da Oliva) e despois continuaría na de Santiago de Compostela.
Persoa afable e extrovertida, contaba con moitas amizades entre a xuventude cuntiense do seu tempo. Especialmente importante foi a súa relación con Uxío Souto, veciño da aldea limítrofe de Cardecide, que chegaría a ser un grande escultor, aínda que hoxe insuficientemente recoñecido e valorado na súa terra. Tamén era bo amigo de Manuel Lois (Manuel do Capitán), de Xosé Gómez Rubio (de San Mamede) e moi especialmente de Xoán Xesús González (de Sebil), quen sendo canteiro na mocidade chegaría a ser mestre, avogado e un dos máis destacados xornalistas, escritores e políticos do seu tempo.
Na súa xuventude Mesejo foi noivo de Helena Rodríguez Silva (Helena de Cornide), que acabaría por casar, andando o tempo, despois de morto Manuel, con Antonio Ríos Fernández, que aínda que era natural de Santiago exercía como mestre na aldea cuntiense de Xinzo e establecera unha íntima relación coas persoas máis esquerdistas e comprometidas do Cuntis daqueles anos, levando a cabo un incesante labor no plano político e cultural, que mesmo callou na posta en marcha de actividades teatrais nas que tamén participaba a súa moza. O activismo exemplar daquela activa e combativa mocidade cuntiense no agrarismo, no galeguismo e no republicanismo faría que nos tempos da Guerra Civil, unha época que Manuel non chegaría a coñecer, moitos deles foran represaliados de distintos xeitos. Así, Uxío verase obrigado a exiliarse en México, Manuel do Capitán é inhabilitado e deposto da súa praza de mestre nacional, Antonio Ríos será confinado no Lazareto de San Simón e Xoán Xesús chegará a ser executado polos franquistas debido á súa activa militancia no nacionalismo e o socialismo. Destacar tamén a afectuosa relación que Mesejo tivo coa súa afillada Teresa Núñez -Teresiña, como lle chamaba o seu padriño, que comentaba: «non hai día que non faga rir aos meus amigos»-, e que aínda vive e lembra con verdadeira devoción o agarimo que por ela sentía o seu padriño que tanto gustaba de levala cando el a todas partes.
A pesar de que xa desde a adolescencia mostraba verdadeiros dotes literarios, o certo é que non sempre foi un estudante exemplar. Durante os seus anos en Compostela recibía decote substanciosas cantidades de diñeiro do seu pai, para sufragar os gastos dos seus estudos. A súa vida bohemia de estudiante moceiro e libertino -seguramente acompañado en moitas correrías polo seu amigo Xoán Xesús que tamén estudou Maxisterio na cidade- e, en consecuencia, os seus adversos resultados académicos, fixeron que o pai, desgustado, decidise mandalo de novo para casa. En moitas das súas cartas á familia reclama constantemente que comprendan que os seus múltiples labores intelectuais fan que non poida dedicar á carreira todo o tempo que sería preciso para obter uns bos resultados.
E efectivamente, Manuel era un mozo cunha intensa actividade cultural; ademais de ser un lector voraz de todo o que se publicaba en galego e castelán e ter fondos coñecementos de literatura portuguesa e francesa, foi membro das Irmandades da Fala, actor de teatro en varias compañías estudantís de Santiago, vicepresidente da Asociación Normalista, na que o seu amigo de Sevil tiña o cargo de bibliotecario, publicou artigos e poemas en distintos medios (entre eles A Nosa Terra, El Compostelano, El Eco de Santiago, Diario de Galicia, El Ideal Gallego...). Foi ademais autor de varias novelas cortas e do poemario Manoxo; obras que permanecen inéditas.
Durante os períodos vacacionais, especialmente no verán, acostumaba a baixar á vila do Baño, a Guldrís, como el a denominaba literariamente. Alí gustaba de pasear co seu amigo Xoán Xesús e con Marcial Campos, propietario do Hotel-Balneario da Virxe. Nas tertulias do salón do Balneario chegará a coñecer, por mediación de Marcial Campos, a intelectuais da talla de Wenceslao Fernández Flórez, Eugenio Montes, Leonardo Rodríguez ou Ramón Cabanillas, cos que sostiñan dilatadas e entretidas conversas literarias e políticas na azotea do hotel. Precisamente nunha destas reunións Cabanillas, con quen chegou a ter unha moi boa relación que callou nun frecuente cruce de correspondencia, recibiu de Manuel Mesejo un libro de versos inédito e prometeulle levalo a Madrid para ser publicado; mais a morte inminente do que ía ser o editor, Leonardo Rodríguez, fixo que o proxecto non se puidera levar a cabo.
En 1922, despois de deixar os estudos admoestado polo seu pai, marchou a facer o servicio militar a Melilla, desde onde foi correspondente de guerra do Galicia. Diario de Vigo cando o seu veciño Roberto Blanco Torres ocupaba o cargo de xefe de redacción; sen embargo o compromiso de traballar para o diario adquiriuno por medio da relación epistolar que mantivo con Lustres Rivas, que precedeu no cargo ao autor de Orballo da media noite. Para este diario vigués enviaba os seus "Mosaicos del Rif", asinados co pseudónimo de Fray Antón de Laíño e nos que, a pesar de que chegou a ser sarxento de complemento, se mostraba fortemente crítico coa actitude colonial dos españois en África. Durante a súa estancia en Melilla era unha persoa moi admirada e querida, como o demostra a homenaxe de que foi obxecto e cuxa crónica foi reproducida no Galicia baixo o epígrafe de"Agasajo a Fray Antón de Laiño".
Ao regresar á terra seguiu mantendo unha interesante sección no Galicia titulada "Motivos". Compartiu tribuna en moitas ocasións con Xoán Xesús e outros agraristas cuntienses en actos do movemento agrario local, nos que xostreaba sen tregua o caciquismo imperante na vila dos baños, feito que lle procurou a antipatía de moitos caciques do pobo e a condena explícita, desde o púlpito, do cura da parroquia, Santiago Abuelo Lado. Manuel era un importante membro do agrarismo local, no que ocupou o cargo de xefe das Sociedades de Agricultores, colectivo fortemente enfrentado co Sindicato Católico-Agrario, que presidía o alcalde Xosé Rubira. Pola súa traxectoria chegou a ser proposto para dirixir as escolas laicas locais no momento da súa fundación e, tal como el manifesta en carta ao seu pai, ofrecéuselle a dirección dun «Diario Agrícola que como órgano defensor del agrarismo se va a fundar en Pontevedra».
Testemuña da rexa amizade que unía a ambos escritores cuntienses é o prólogo poético composto por Manuel para o poemario Agarimos do escritor de Sevil, que leva o título de "Xan Xesús": "Fai versos porque esparxe a súa y-alma /que ten chea de sofrir e de penar... /E da do que ten /que tamén /a roseira da rosiñas, /porque non ten mais de seu que dar... /E poeta porque adoura ó que é subrime / como uns ollos meigos dunha meiga muller... (...)". O poema aparece precedido por un breve texto en prosa do propio Mesejo no que nos presenta ao autor do poemario: "Para ti leutor amado que en espreita de saber quen é, e como é, que dí e como dí, vas lér ao autor deste LIBRIÑO". Ademais o último poema do libro, "sofrimento", aparece dedicado: "A o meu amigo e grande compañeiro, Manoel Mesejo, que sabe de penas o sofrimentos". Ademais de que mantiveron un abondoso cruce de correspondencia, as alusións mutuas son frecuentes nos seus traballos en prensa. Por un artigo de Xoán Xesús no que disinte amigablemente dunhas opinións expresadas por Mesejo no diario Galicia de Paz Andrade, sabemos que durante as vacacións de verán pasaban moitas tardes conversando no parque do Castro en Cuntis, a carón do balneario:
""Fray Antón de Laiño" se olvida por lo visto de aquellas conversaciones, y a veces discusiones, que él y yo teníamos en el parque del Castro en Cuntis, en aquellas hermosas tardes de verano, después de su conversión al galleguismo. Ignora "Fray" que muchas veces hemos hablado de este mismo tema y hemos convenido en que Galicia tendrá su novela cuando se haya desarrollado el sentimiento galleguista (...)"
Sendo o de Sebil xefe de redacción en Compostela do diario vigués El Pueblo Gallego reseña nalgunhas ocasións as visitas que Mesejo fai a Compostela durante a convalecencia da doenza que o levaría á tumba, para ser examinado polo prestixioso doutor Novoa Santos, coñecido de Xoán Xesús, quen evoca ademais os momentos vividos en común durante as vacacións:
"Las conversas amistosas bajo los álamos del Castro con el fraternal Mesejo Campos, el estudiante vitalicio, exaltado, romántico y nacionalista que siempre hablaba gallego despues de su conversión en Compostela bajo el sentimentalismo de las rúas que le hicieron retornar al sentido idealista de la vida (...)"
En decembro de 1924 falecía na súa casa de Laxos Manuel Mesejo, con tan só vintetrés anos, a causa dunha tuberculose pulmonar, que viña arrastrando desde a súa estancia en África, que nos privou dun autor que ía camiño de acadar un destacado lugar na historia da literatura e o xornalismo galego. Foron moitos os artigos que neste momento publicou o seu veciño de Sebil enxalzando as súas cualidades humanas, ideolóxicas e literarias.
A morte de Mesejo foi un moi duro golpe para Xoán Xesús que presidirá a comisión organizadora dos actos de homenaxe que se celebraron en Cuntis o vintecinco de decembro. Pola mañá houbo unha misa na igrexa parroquial, posteriormente unha ofrenda floral no cemiterio, na que falou Xoán Xesús. Ás seis da tarde celebrouse unha velada necrolóxico-literaria que, aínda que estaba previsto que tivera lugar no balneario, levouse a cabo no salón do Café Rivas, situado na actual Praza do Ferrol, na que falaron ou recitaron contos e poemas do escritor falecido: Vicente Carballo Blanco, perito electricista, os mestres Manuel Lois, Manuel Pena Sayáns e Xosé Búa, o poeta Francisco Sueiro, o estudante Xosé Pena Sayáns, o tenedor de libros Xesús Ameijeiras e, por suposto, o seu grande amigo de Sebil. Ocupaban a presidencia do acto o alcalde Xosé Rubira, o párroco Santiago Abuelo e o xuíz municipal Xosé María Ramos. Estiveron presentes ou mandaron carta de adhesión coñecidos intelectuais galegos, entre os que podemos mencionar ao seu amigo o escritor Xosé Posada Curros. As palabras de Xoán Xesús foron fielmente reproducidas na prensa do momento:
"Este homenaje que hoy hacemos, no es a lo que fue un individuo, sino a lo que pudo ser, no es al hecho, es a la causa, a la posibilidad. Ahí creemos descubrir nuestra originalidad. No homenagear a lo que fue sino a lo que sería si viviese, a lo que llegaría si la vida le fuera más sensata y más larga (...) Queremos en este acto cantar al posible hombre, al posible valor, a la posible capacidad y a la posible Galicia en una palabra: a la posible nación o patria (...) Es un acto necrológico en honor a muchos hijos de Galicia que mueren antes de tiempo. Es el acto necrológico a los jóvenes sembradores que mueren, antes de que el fruto de su semilla madure unos, y otros antes de que germine. D. Luis Porteiro Garea, D. Leonardo Rodríguez, D. Elisardo Sayáns Ocampo y otros apóstoles, otros cruzados más de la santa causa gallega que abandonaron el mundo cuando las vanguardias que habían de seguirles estaban en pleno período de gestación. Nuestro homenaje es a esos, a los que nos pudieran redimir, a los que aún no estaban maleados por el convencionalismo social, a los que aún no habían claudicado y por ello eran puros aún, tenían la frente y el alma limpias y apatenadas (...)"
Segundo o diario El Pueblo Gallego, este foi o acto máis grandemente cívico que se celebrou en Cuntis, o único que se recorda.
|
|
|
|
SUSO VAAMONDE. AMIL NO CORAZÓN1 |
|
Os setenta e o boom da canción protesta galega
A miña primeira toma de contacto coa música de Suso Vaamonde tivo lugar aló polo ano 1976 nun daqueles festivais folk que se celebraban por aquel entón en diversos puntos do país. Creo que a primeira vez que presenciei unha actuación súa en directo foi na Estrada, nun concerto celebrado na praia fluvial do río Liñares. Voltaría a velo de novo en breve, nunha actuación en Campo Lameiro, no festival folk da Festa dos Mozos, onde actuou a carón de Fuxan os Ventos e Amancio Prada. Axiña me fixen asiduo daquel tipo de conclaves nos que o elemento musical convivía forzosamente co elemento social, nuns intres en que, aínda que xa morrera o ditador, ficaban por acadar una restra de obxectivos, tanto no plano político e social como desde o punto de vista do proceso de desenvolvemento nacional de Galiza. A amnistía para os presos políticos, a liberdade de expresión, a legalización de todos os partidos políticos, o dereito das persoas e dos pobos a decidiren o seu destino..., todo iso sintetizado nunha frase que coreábamos ao aire con paixón unha e outra vez naqueles concertos: «Galiza ceibe, poder popular».
Eran os tempos de boom da denominada canción protesta. Tratábase de empregar a música como medio natural para achegarse ao pobo, denunciar a situación opresiva á que estaba sometido e transmitirlle a mensaxe da necesidade da emancipación nacional e social do país, frente ao fascismo, frente ao caciquismo e o centralismo reseso ao que estaba sometida a nosa clase traballadora (especialmente os labregos), e que tanto danaron o noso progreso e a nosa autoestima.
Esta práctica musical non era unha novidade en Galiza. Viña duns anos atrás. Comezárana un grupo de rapaces, de cantautores organizados no seo da denominada Nova Canción Galega, que axían nos últimos anos do franquismo (1968-1974) máis ben como colectivo que a nivel individual, a pesar de que entre eles había músicos cunha pegada tan singular como a de Benedicto, Miro Casabella, Xoán Rubia, Emilio Cao, Biniano, Xavier del Valle, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas? De facto nos seus concertos en ocasións nin aparecían os nomes dos cantautores nos cartaces anunciadores, nos que figuraban necesariamente como Voces Ceibes; intérpretes que actuaban especialmente en círculos universitarios esquerdistas e nacionalistas, e aos que eu coñecería despois, escoitando aqueles cassettes que se seguían vendendo moito, mesmo despois de retirárense do panorama musical. Convén valorar o que a este respecto dicía o propio Benedicto en xuño de 2007: «A defensa do colectivo pasaba a constituír ou prevalecer sobre a do individual e os valores sobre os que queríamos construír a nova sociedade estaban cimentados na solidariedade».2
Un grupo que marcou toda unha época e que chegou a contar co seu propio himno, que era cantado en ocasións no remate dos festivais, e que non era outro que a versión galega do «We shall overcome» que popularizara naqueles tempos Joan Baez :
Venceremos nós,
venceremos nós,
algún día venceremos,
dende o fondo da noite
dime o corazón
que algún día venceremos.
Collidos das mans,
collidos das mans,
coas mans de todos faremos
un camiño na noite,
dime o corazón
que algún día venceremos.
Nós non temos medo,
nós non temos medo,
nós non temos medo hoxe,
dende o fondo da noite
dime o corazón
que algún día venceremos.
Ademais destas reivindicacións de carácter xenérico, por dicilo dalgunha maneira, influíron no xurdir e na difusión deste música combativa algúns episodios concretos que xa entraron a formar parte da historia recente das aldraxes de que foi obxecto a nosa terra: as Celulosas, o conflito das Encrobas no 74, a nuclear de Xove (1977), o encoro de Castrelo de Miño, a recuperación dos montes en Man Común? Unha época socialmente moi conflitiva que alumeou a aparición de personaxes míticos, entre os cales sobresaíu dun xeito especial Moncho Valcarce, o crego das Encrobas, símbolo da resistencia e da defensa infatigábel da Terra.
O Suso, un mozo cargado de inquedanzas que polos comezos dos setenta andaba argallando grupos de tendencia roqueira, axiña se incorpora ao proxecto de Voces Ceibes, e será considerado un membro máis desta xeración. Trátase dun fenómeno non exento da influencias da enorme dimensión que a nivel internacional estaba a acadar a música de autor, entre cuxos intérpretes máis destacados podemos subliñar a Joan Baez, Bob Dylan, José Afonso, Serrat, Raimón, Labordeta, Lluis Llach? En Galiza a pesar de que no 74 podemos considerar rematado o fenómeno denominado Voces Ceibes, prodúcese unha arremuda que comeza a estenderse polo país dando lugar á aparición de voces tan emblemáticas como a de Pilocha, Batallán, María Manuela, Amancio Prada ou grupos como Fuxan os Ventos, Saraibas, Xocaloma... Un proceso no que inflúe dun xeito especial o éxito do disco en catalán con música con contido político, moita dela clandestina, na que o máis importante era o texto, mais sobre todo a lingua en que este estaba vertido. Mesmo músicos como Emilio Cao, aínda que non tiñan letras de carácter comprometido ou interveniente, facían patria á súa maneira simplemente coa súa teima de recuperación e dignificación da música galega, ás veces apostando por unha liña de evolución e reformulación da música tradicional, e facéndoo na nosa propia lingua, o que por si mesmo significaba un acto de afirmación patriótica.
Algo similar, aínda que dentro do panorama do pop e a un nivel que sobrepasou todo tipo de expectativas, sucedeu con fenómenos como o de Andrés do Barro, quen a pesar de cantar en galego conseguía a nivel estatal un éxito sen precedentes tanto do punto de vista discográfico como a nivel televisivo e radiofónico; moi por riba do que acadaba, por exemplo, Pucho Boedo, que xa levaba difundindo a nosas músicas desde finais dos anos 50. Perante a dimensión que estaba a acadar a difusión da música galega comézase a producir a entrada oportunista neste terreo de cantantes como María Ostiz, en clave unicamente de recreación folklórica, e Juan Pardo, que pon música a poemas comprometidos dalgúns dos nosos máis destacados poetas.
Con todo, os atrancos eran moitos, especialmente os motivados pola ausencia de liberdade de expresión, o que facía que antes dun festival as letras que se ían cantar tivesen que pasar pola peneira do censor e, en caso de incumprimento das súas indicacións, había que aterse ás consecuencias penais derivadas. De todos xeitos a asfixia liberticida agudizaba o enxeño e así chegaban a usarse socorridos recursos como o de deformar algunhas palabras. Foron soados, por exemplo, berros como o de «abaixo a dentadura», co que todos entendían sen que se dixese explicitamente «abaixo a ditadura». Todo partiu da letra de «Can de palleiro» de Bibiano, que na versión escrita enviada á censura dicía: «A túa forte dentadura/ virase abaixo, abaixo a dentadura.» Mais era difícil de controlar se na actuación en directo se cantaba así ou na versión orixinal; e desde logo o público cantaba esta última. Mais xa Benedicto con anterioridade usara esta estratexia na interpretación do poema de Celso Emilio «Carta a Fuco Buxán», que orixinariamente dicía: «Fuco Buxan, non sintes que na Iberia/ feden a podre os homes e as paisaxes?» e que el mudaba na versión enviada ao censor por: «Fuco Buxán non sintes que en Liberia/ feden a podre os homes e as paisaxes» 3
Algo similar fixo Miro Casabella no romance dedicado ao encoro de Castrelo de Miño (Ourense), que tamén foi cantado por Suso Vaamonde. En lugar de mencionar directamente ao Conde de Fenosa cantaban: «Hastra que chegou un día/ nunha mañá moi fermosa/ en que chegou a Castrelo/ o conde señor Famosa».
Outra maña semellante era a que usaba Suso na súa célebre estrofa: «Cando me falan de España/ sempre teño una disputa/ que se España é miña nai/ eu son un fillo de puta.» El calaba a última locución, deixando que fora o público quen a coreara a viva voz. Con todo, de pouco lle serviu a astucia en xuño de 1979 naquel soado festival antinuclear en Pontevedra, pois foi acusado de inxurias á patria con publicidade e condenado, en novembro de1980, a seis anos e un día de prisión, sentencia que o levaría padecer o exilio forzoso (en Londres, Alemaña e Venezuela) e posteriormente á cadea.
A etapa venezuelana foi tamén a pesar das circunstancias moi importante no seu percorrido vital. Pois alá tomou contacto coa Irmandade Galega, que o recibiu e tratou con moito agarimo. Como recompensa a este trato Suso fixo un traballo cultural formidábel e totalmente desinteresado no seo da institución, na que achegou as súas ideas, colaborou nas distintas actividades, compuxo cancións xunto con algúns dos membros da Irmandade afeccionados á música galega, aprendeulle a tocar a guitarra a algúns cativos e participou en múltiples concertos nos arredor de tres anos que permaneceu no país caribeño. Alí fixo novas amizades que perdurarían no tempo, e ademais tomou contacto de novo con algúns amigos da infancia como Ramiro Núñez, de Amil, que levaba anos emigrado, ou con Antonio Ruibal, da Bouza (Moraña), ademais dalgunhas outras persoas procedentes de Pontevedra e doutros puntos do país. En 1984 regresa á Galiza nun momento en que se estaban a revisar causas de carácter político. Foi indultado non sen antes pasar unha tempada na cadea. Ao pouco ofrecerá un recital solidario no penal de Ourense dedicado aos que foran os seus compañeiros de prisión durante 46 longos días. Algo que non chegaría a repetir sería a polémica estrofa que deu lugar á súa causa xudicial, aínda que nunca se mostraría arrepentido de tela cantado:
«Vale a pena arriscarse aínda que sexan cincuenta anos de cadea se fas as cousas con honestidade. Eu concretamente xa son dez anos de historia, dez anos de atrancos, dez anos de represión. Ao facer unha canción deste tipo xa sabía que ía haber problemas. Hai quen di que xa non fai falta cantar así en Galiza, pero para min estamos igual que antes, as miñas ideas, polo que se ve, seguen estando prohibidas. Moitas veces non podes falar como queres, pero falar hai que falar e demostrar, entre outras cousas, que aquí non hai liberdade de expresión»4
Polos anos 80 entramos nunha etapa de desprestixio da música galega, con campañas guindadas a nivel institucional e desde os medios de comunicación. Quen non recorda o famoso lema da TVG que dicía: «Deixémonos de gaitas» e mostrábamos un mozo cunha guitarra eléctrica que arredaba de si unha gaita con desdén, algo que amolou profundamente a diversos colectivos de música tradicional do país. Eran os tempos da chamada «movida», nos que Madrid presentábasenos como a Meca da modernidade e os grupos que comezaban a se pór de moda, foran ou non madrileños, apostaban por unha estética urbana que repudiaba todo signo de galeguidade. Lembremos aquel slogan viguista que dicía: «Madrid se escribe con V de Vigo», no que se recalcaba en negriña o tramo central da letra M, que se vía como un V. Os que coñecemos o Vigo daquel momento ben lembramos como foron pechando a maior parte das emblemáticas tascas da zona de viños do Berbés, onde tantas veces puidemos escoitar aos membros de A Roda e ao propio Suso Vaamonde cando andaban de esmorga. No seu lugar abríronse locais modernos, decorados, por certo, con moi mal gusto, nos que en vez da típica cunca de viño do Ribeiro, servían aqueles combinados a base de cava e quen sabe que máis, ao que denominaban coa snob cualificación de cup.
As arelas de entrar en Europa tíñannos absorbido o cerebro até o punto de renegar completamente de todos os nosos sinais de identidade, esquecéndonos quizais da lección maxistral que antano nos deran os membros da xeración Nós, que consideraban preciso ter unha singularidade para poder pasar a formar parte da colectividade, e necesario ser nacionalista para poder, sen papanatismos, acadar o verdadeiro internacionalismo. Mais por fortuna non foi máis que unha etapa efémera da nosa historia recente e un síntoma máis do autoodio que sempre caracterizou a Galiza como país colonizado.
A situación non comezará a superarse até a aparición de novas xeracións de músicos galegos, de entre os que compre destacar a Milladoiro. De novo nacía un movemento de rescate da nosa tradición. Neste caso habería que encadrala na eclosión da chamada «música celta», terminoloxía que pretendía acabar co rexeitamento que producía a identificación de gaita e folclore con atraso e ruralismo, a base de ollar cara a culturas nas que a gaita era un orgullo nacional. Ademais, o fenómeno panceltista era percibido como unha porta aberta a unha música de masas lexitimamente gorentosa para os artistas con certa ambición. Este tipo e manifestacións xa proviñan de anos atrás, pois desde o 1978 xa se viña celebrando o festival intercéltico de Ortigueira e desde o 80 o de Pardiñas (Guitiriz). Nacía, sen embargo, este movemento cunha eiva importante, a ausencia da voz e por tanto da mensaxe directa. Con todo cómpre dicir que a pesar de que a música era exclusivamente instrumental, todo tipo de comunicación co público facíase en galego, non faltando nunca as arengas de tipo reivindicativo.
Unha vida de coherencia
Se hai una cousa que singulariza especialmente a Suso Vaamonde entre os seus compañeiros de xeración é que el nunca mudou. Continuou na mesma loita, co mesmo tipo de música e co mesmo tipo de letras.
Non flirteou nunca co poder e sempre participou desinteresadamente en canto certame solidario era requirida a súa presenza, fose por motivos ecolóxicos, de afirmación nacional, culturais, laborais: desde as Encrobas até o movemento veciñal de oposición ao encoro do Umia, pasando polo soado concerto en solidariedade cos traballadores de Astano celebrado en Ferrol en 1985, do que aqueles obreiros desazados, como consecuencia dunha reconversión brutal levada a cabo polo goberno de Felipe González e que se cebou especialmente con Galiza, gardan un fondo recordo e do que, por fortuna, aínda podemos ver as imaxes en internet. No mesmo sentido poderiamos enumerar centos de concertos como o levado a cabo en setembro de 1986 en homenaxe as vítimas do franquismo no templo de Debod en Madrid, a actuación na homenaxe aos militantes galeguistas da II República en Redondela (23/7/1996), a actuación en homenaxe ao 60 aniversario do asasinato de Johan Carballeira en Bueu (no que participaron Cáccamo, Bernardino Graña e Anxo Angueira), o concerto na Ferrería de Pontevedra contra as Celulosas en 1991, o Festival Pro-Cuba en Pontevedra en 1995, a actuación en Merza pola retirada da liña de alta tensión, o concerto celebrado en 1998 pola recuperación da Carballeira de San Xusto que fora usurpada pola Igrexa aos veciños.
Participa tamén nos actos levados a cabo na sé da Fundación Neira Vilas en Gres e, como non podía ser doutra maneira, na homenaxe que Vila de Cruces tributa ao seu amigo e autor das Memorias dun neno labrego en 1999. Tamén participa na homenaxe que lle brindou a ASPG a Manuel María na Coruña no teatro Rosalía de Castro en 1995. Alí cantou a coro «O cuco», xunto con María Manuela e A Quenlla.
Foron frecuentes as xiras polos centros galegos, como a que realizou en 1989 por Suíza (Zurich, Lousanne, Xenebra), recuncando en 1991 (Aarau, Xenebra e Lucerna) e en 1999 percorrendo distintos lugares de Suíza e Alemaña (Xenebra, Lousanne, Bassel, Colonia, Hamburgo?). A súa irmandade cos máis febles tena amosado en concertos como o celebrado en 1985 en beneficio da ONCE, e no Concerto no Festival de Auxilia «Asociación para a promoción social e cultural de diminuídos físicos» de Lugo do ano 1997.
A súa paixón polos nenos é outra constante que se repite ao longo dos anos. De todos é sabido que o seu tema máis emblemático e repetido é precisamente unha canción infantil, «O cuco». Ademais ten feito moitas actuacións para os máis pequenos, sendo asiduo das festas de Infantilandia en Ponteareas e chegando a cantar vestido de Papá Noel en Nadal de 1990 nunha gravación en Porriño para o programa infantil da TVG Tarde Taina, do que era coguionista Afonso Álvarez Caccamo.
No campo do nacionalismo é ben coñecido por todos o seu labor como comunicador, activista e axitador. Suso, ademais de cantar participa como poñente nunha mesa redonda con Santiago Jaureguizar e Xurxo Souto nos actos das III Xornadas de nacionalismo en Lugo celebradas en 1996. Mais sempre foi, no seu interior, un rapaz novo. De aí que a súa conexión co galeguismo organizado fose maior coa organización xuvenil Galiza Nova que co propio BNG. Non hai máis que fixarse na multitude de actos desta organización nos que toma parte, como na «Campaña pola lingua» no Odeón Café Teatro de Vigo (1995), o concerto celebrado no mesmo ano na Praza do Correxidor en Ourense, a 2ª Arenga da Mocidade en Compostela no 1997, a carón dos seus amigos de A Quenlla, a actuación na Praza de San Martiño en Ourense na Noite de Irmandade en 1997, e como colofón a participación como padriño do 1º Encontro da Mocidade organizado por Galiza Nova en Celanova.
Toda unha xeira de solidariedade que en 1999 sería correspondida co grandioso homenaxe a Suso en Salvaterra nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado. Alí xa se sabía que padecía un cancro. Congregáronse arredor de tres mil asistentes que puideron escoitar a música fraternal de artistas galegos como: A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda. Treixadura... Suso Vaamonde tamén subiu moi emocionado ao palco para asegurar que entre todos conseguirían matar o «becho».
Teimou sempre no combate por mudar un mundo do que non gostaba, no que continuaba a existir a censura, aínda que se mostrara ataviada coas sedutoras roupaxes da democracia burguesa. Algúns daqueles mozos e mozas que andaran envoltos naquelas combativas xeracións de músicos e nas súas leas remataron lexitimamente recollendo os trebellos e marchando para casa. Outros continuaron á súa maneira e abandonaron o principio de que a música había ser en galego e con contido abertamente social. Mesmo houbo quen axiña mudou completamente de ideoloxía e se soubo adaptar, como os camaleóns, ás novas circunstancias que ofrecían cómodas prebendas a cambio da renuncia, aberta ou encuberta, aos ideais que defendían anos atrás.
As cousas a Suso, aínda que sobreviviu musicalmente a Voces Ceibes, a Fuxan os Ventos e a case todos aqueles grupos que funcionaban nos anos setenta, non lle foron demasiado ben, pois tivo que pagar un alto prezo pola súa actitude coherente. Seguiu compondo, actuando tanto con temas novos como con algún dos de sempre, e ademais rematou conseguindo fundar en 1997 o seu propio selo discográfico, Producións Trebón, co cal impulsou distintos grupos galegos e bandas de música populares. Perante o baleiro de que foi obxecto por parte do sistema, polos medios de comunicación e por algún dos antigos compañeiros de batalla, procurou camiños alternativos. Así, co obxectivo de chegar ao público máis novo, explorou o campo da música enfocada cara os cativos. E non resultou algo artificial pois a temática infantil xa aparecía nalgúns dos seus temas máis emblemáticos como pode ser «O cuco». Ademais sempre gostou de estar rodeado de rapaces, e así nas súas actuacións adoitaba convidar a subir ao escenario aos nenos que andaban brincando por alí para que cantaran cando el. Buscou mercado discográfico nos expositores de bares e gasolineiras, e non só por razóns de índole económica, senón tamén na procura dunha verdadeira difusión popular da música galega e dos versos dos nosos poetas. Un xeito de distribución comercial cuestionado por moitos músicos, mais cun rendemento que, ao seu xeito de ver, non obtería nas escasísimas tendas de música das cidades galegas, que ademais, na súa opinión, eran núcleos demasiado reducidos, fechados, selectivos e pequeno-burgueses. De todo o proceso de produción e comercialización encargábase el mesmo, que andaba sempre coa súa maletiña dun lado para outro, traballando dun xeito especialmente intenso no Nadal e no verán, que tal como subliñaba era o tempo en que viñan de ferias os nosos emigrantes que gostaban de volver marchar cargados cun feixe de discos galegos.
Chegou a reeditar un álbum con temas de Voces Ceibes, que causou o enfado dalgún dos seus membros, o que deu lugar a unha absurda denuncia polos dereitos de autor que conlevou a retirada do disco do mercado. Un proceder, ao meu modo de ver, ilóxico e inxusto, especialmente se temos en conta a situación pola que pasaba o cantante.
En relación a esta mudanza da que falábamos poden ser bastante ilustrativas as palabras de Bibiano Morón nun artigo, integramente en castelán, que publicou con motivo da morte de Suso:
«(...) Más tarde la vida nos alejó aunque los dos vivíamos en Vigo. El se movía por el Casco Vello y yo por los centros por donde la estética comenzaba a cambiar con la movida. Yo dejé de ser cantautor para ser empresario y entonces pusimos entre ambos más kilómetros por medio. La política nos alejó porque el era un radical, un rebelde, y yo un independiente y un empresario.»5
O amigo na memoria
Tiven a fortuna de contar coa amizade de Suso durante os seus últimos anos. Aló polos finais da década dos 80 estiven falando con el nunha das derradeiras edicións do festival folk da Festa dos Mozos de Campo Lameiro na que, se non recordo mal, actuou a carón de Saraibas e Xocaloma. Acababa de baixar do escenario e tivemos unha breve conversa sobre unha peza que acababa de presentar nun aceno un tanto experimental. Tratábase dunha canción que criticaba indirectamente a actitude do BNG por xurar a Constitución, cedendo ás pouco democráticas presións das curias autonómicas que, no seu afán de afogar o nacionalismo improvisando xurisprudencia sobre a marcha, intimidaban aos nacionalistas coa expulsión dos deputados da organización, se non xuraban un texto regulamentar co que non estaban de acordo por non responder ás aspiracións de Galiza como nación. E nin sequera lles valía que usasen o enunciado: «Xuro por imperativo legal». A decisión fora difícil e Suso sabíao, por iso foi das poucas veces en que o vin dubidoso, e de feito creo que foi a única vez que cantou esta peza, que nunca chegaría a gravar e que dicía algo así como: «Hainos que acatan a Constitución/ nós, non.»
En anos posteriores temos compartido escenario no festival que se celebraba en Amil na véspera do día da Festa do Porquiño á Brasa, na que eu participei como gaiteiro do grupo tradicional Verbo Xido.
En febreiro de 1992 coincidín con el nun festival que organizaba a Universidade de Vigo no Campus pontevedrés e no que eu actuaba coa recentemente creada Quinta Feira. Nesta xeira xa falamos máis devagar, chegándome a propor un proxecto discográfico para Quinta Feira, que rematamos absurdamente por non aceptar por non coincidir nos criterios de distribución; pois non estábamos de acordo con que o disco, ou máis ben a cassette, se vendese polas gasolineiras. Con todo o que si aceptei eu a nivel individual foi colaborar como zanfonista nun dos seus traballos. Participando así no disco titulado As palabras dos galegos (1998), acompañándoo nun tema que presenta baixo o título «Romance de cego», que non é outro que o mítico romance do encoro de Castrelo de Miño.
Os reencontros eran continuos. Así cadramos nalgún concerto solidario, daqueles nos que se participaba desinteresadamente, como no festival antiempacadora en Vilaboa ou nalgunha actividade da plataforma antiencoro de Caldas, Cuntis e Moraña. No 1999, con motivo da concesión do Día das Letras Galegas a Blanco Torres, voltamos traballar xuntos. Concretamente paseille os textos para o seu disco Cousas da Lúa, no que musicaba versos do poeta cuntiense asasinado no 36, que axiña cantaría ao vivo en maio de 1999 en Cuntis con motivo do Día das Letras Galegas. Nestes intres ademais de sacar á luz o seu propio traballo discográfico sobre Blanco Torres tamén desenvolveu un papel esencial para animar ao cantante cuntiense Manoele a tomar a decisión de editar o que sería o seu primeiro traballo discográfico Orballo, no que pon música a varias composicións integradas no poemario Orballo da media noite.
Por este tempo víamonos a cotío tanto no seu piso en Chapela, no que temos pasado bos momentos de música e conversa, como na miña casa en Cuntis, onde paraba sempre que lle cadraba, e sempre me viña coa súa lideira da necesidade de coñecer e empregar os recursos que a informática ofrecía no terreo musical. De feito sempre me instalaba algún programa no ordenador que eu nunca chegaba a utilizar.
Amil no corazón
Moraña foi un Concello ao que sempre lle tivo un apego especial. Foron moitas as actuacións que ten feito en distintas parroquias, de entre as que cómpre destacar a de Amil, onde ten actuado nos anos setenta na Rapa das Bestas, e nun festival folk reivindicativo que se celebrara con ocasión da Festa do Arrieiro na súa primeira edición, aló polo ano 75 e no que compartira escenario con outro músico do momento chamado Buxán. Fora un festival que acabara cunha gran polémica xa que houbo quen se sentiu ofendido polo seu carácter político, xa que abondaron as arengas nacionalistas e os mozos andaban a ondear bandeiras galegas coa estrela vermella, e sobre todo polo seu ton anticlerical, que amolou especialmente a algúns cregos indignados por terse celebrado a actividade na carballeira da capela, propiedade da Igrexa. O certo é que, por este ou por outro motivo, o festival non se voltou celebrar en anos sucesivos.
Tamén ten actuado en distintas ocasións na Festa do Carneiro ao Espeto e na do Porquiño á Brasa de Amil, así como en San Martiño, acompañado do grupo A Roda, xunto co seu irmán Luís, contratados polo activo teleclub do que xa se ten tratado nesta revista6. Ten cantado ademais na propia capital municipal, por exemplo nos xa mencionados actos antiencoro ou na festa de xubilación do seu amigo, e compadre dos seus pais, Xosé Eiras, que creo que foi a derradeira actuación que fixo neste concello.
Suso nacera en Regodobargo en decembro de 1950, onde a súa nai, Araceli, exercía como mestra. A familia desprazouse para Amil en setembro de 1.957 (cando aínda Suso non cumprira os 7 anos), pois nese ano a súa nai obtivo o destino como mestra nesta parroquia, a onde chegará preñada do seu sétimo fillo. Segundo testemuña da familia, a causa principal da partida de Regodobargo fora a saúde de Luís, o quinto fillo da mestra, que padecía fortes pulmonías, e ao que nada favorecían os duros accesos da aldea, estreitos e angostos sendeiros de monte polos que se transitaba con moito esforzo e dificultade. En Amil foi onde verdadeiramente se criaron el e os seus seis irmáns, pois permanecen na parroquia morañesa até o ano 1964. Quixera reproducir a impresión que a primeira casa de Amil produciu na familia. Segundo Senén Vaamonde, irmán do cantante:
«Chega Araceli á súa nova casa. Pareceralle un palacio. A casa érguese sobre vigas e baixo ela hai cuadras baleiras, aparellos de labranza e un pozo. Á casa éntrase por unha ringleira de escaleiras. O oco destas serviralle de corte ao porco. Entras e á dereita unha pequena cociña, nun recanto unha porta de madeira dálle acceso a un cuartucho pequeno que contén un altiño contra o fondo feito de madeira e cun buraco no medio. E o váter que verte o que recibe na baleira corte.
Frente a porta de entrada un habitáculo cheo de mesas con dous tinteiros de louza branca en cada unha, e un encerado na parede. Noutra parede hai unha porta que dá acceso ao dormitorio da mestra.
Xa visitamos a casa enteira. Nese cuarto apáñase Araceli para meter dúas camas matrimoniais, un berce, un armario e unha mesiña. Unha cama é para os pais e a outra para os fillos.
Frente á casa hai un monte comunal. A casa está nun barrio alto, o barrio da Torre. Nos piñeiros do monte vai a familia tendendo a roupa e gastando bromas, moito ría o noso pai cando nos asustabamos coa cabaza cunha vela dentro que el nos colocara.»
Posteriormente múdanse á nova casa-escola que foi emprazada no campo da Chan, a carón da carballeira dos Milagres, unha casa máis moderna, espazosa, aquelada e con mais comodidades para dar acubillo a unha familia tan numerosa.
«(?) Araceli entra feliz no seu novo palacio. Á casa accédese por detrás directamente á cociña, e por diante a unha pequena entrada. De frente hai unha pequena saliña cunha mesa camilla no centro e cadeiras arredor. Sete fillos arredor dela escoitan a radio mentres arranxa a roupa da casa. Á esquerda topamos o comedor da casa. Dende el tamén se accede á cociña e a un pequeno corredor que dá entrada a tres dormitorios e un baño con lavabo, váter e ducha.»7
Nestes anos debeu ser cando se comezou a fraguar a consciencia galeguista do futuro cantautor que, por máis empeño que puña a nai en evitalo, só falaba en galego. Suso vaise vivir á cidade de Pontevedra co pai que traballa alí, e matricúlase no colexio Sagrado Corazón «onde lle obrigarán a falar a lingua do imperio». Con todo a familia permanece xunta os fins de semana, nas vacacións e sempre que poden, facendo os desprazamentos a Amil no coche de liña de Manolo Garrido.
O que máis lembra a familia desta etapa de Suso son as carreiras polo monte ou polas corredoiras para ir buscar o leite a casa dos veciños, e as típicas actividades e xogos de aldea nos que se manifesta un rapaz que presenta semellanzas co Balbino das Memorias dun neno labrego, con cuxa lectura tanto gozará anos despois:
«(?)Visitando todas as casas da aldea no día da mallada. Montando a cabalo polos camiños de Amil. Xogando ao futbolín na tenda-bar de Marcial, baixando a escalinata da chan. Axudando a montar a carpa do circo diante da escola. Rastrexando o campo da chan despois da festa para atopar cartos e cousas perdidas. Saltando os muros do campo da Chan, baixando do monte nun carro enriba dos toxos, acompañando aos amigos que levaban as vacas a pacer nos campos, rubindo polos cereixos e as figueiras, collendo uvas das parras, facendo bonecas coa espiga do millo, quitándolle ovos ás galiñas, botándolle de comer ao porco, xogando ao balón cos amigos, bebendo na fonte dos Milagres, tocando as campás da igrexa, levando o estandarte na procesión, de monaguillo con D. José (Tío Pepito na familia), comendo ao meu carón na mesa, de troula na festa dos Milagres, abrindo os regalos de reis, xogando coa nova cociñiña eléctrica que queimamos xa no primeiro día. Daba igual, para nós quedábanos sempre ben a comidiña.
Unha bromiña, unha vez xogando ás casiñas os irmáns e nenos e nenas da aldea faciamos empanada con terra. E os nenos metéronnos no medio un lagarto vivo. Os berros das nenas ao abrilo para facer que se comía foi tan estrondoso como as risas dos nenos. Suso fora o que maquinara a idea.»
Marchou de Amil para Vigo cando xa era un adolescente de 15 anos, mais durante anos seguiría indo pasar tempadas na parroquia morañesa. Durante moitos anos van ir convidados á casa de Lola da Bouza. Alí irán sempre na primeira quincena de setembro para acudir á festa dos Milagres, á que Suso nunca faltaba.
Unha noite de esmorga. O reencontro coas raíces
Un momento que recordo dun xeito moi especial foi unha noite na que eu estaba na casa e me chamou por teléfono desde o bar Júcar de Cuntis, para que baixara a tomar un viño e botar unha parrafada. Cando cheguei estaba a falar co veterano militante nacionalista Manolo Fernández (O Perruqueiro). Traía as probas dun disco de temática infantil que estaba a elaborar: Rapaces, rapazas e rapazadas (1997), e pediunos, tanto a Manolo como a min, que lle procuráramos fotos dos nosos fillos para a portada. Manolo deulle unha fotografía familiar, na que aparecían os fillos e a dona, finada había pouco. Eu deille unha foto de carné do meu fillo que levaba na carteira. E é que desde que levaba o seu propio selo discográfico non paraba de editar traballos, dada a súa capacidade para compor:
«Son autodidacta, póñome diante do poema e el mesmo me pide a música, xa que unha das vantaxes do idioma galego é que xa el che dá a música».8
Axiña me indicou as súas intencións. Quería ir a Amil, unha parroquia na que vivira durante a infancia e da que tiña moitas lembranzas. Agora que xa levaba tempo sen ir, entráralle a nostalxia e quería reencontrarse con vellos amigos e coñecidos, mais non lle apetecía ir só. Eu, que tamén tiven una infancia itinerante debido á profesión do meu pai, axiña o entendín. Supoño que sentiría algo similar por Amil ao que eu por Navia de Suarna. Fronte a esa visión de persoa loitadora e dura, Suso adoitaba mostrar con frecuencia o seu carácter fráxil e romántico, así como algunhas debilidades incomprensíbeis nunha persoa de mundo como el, máis propias dun rapaz; daquel rapaz que andaba a choutar polas corredoiras de Amil. Ben recordo telo amoestado como a un neno en máis dunha ocasión pola súa teima serodia de malgastar o diñeiro nas máquinas comecartos dos bares, coidando quizais que as podía enganar.
E fomos cara o reencontro. Recordo que de camiño regaloume unha cassette titulada Loitando, que fora gravada furtivamente en Barcelona, nos últimos anos do franquismo, nun estudio de gravación clandestino chamado Iberia Cultura. Este traballo gravárao en tempo real e sen ningún tipo de trebello que facilitase ou mellorase o resultado final. Nel topamos un Suso cunha voz moi moza cantando temas como: Spritoal, Miserere, A paz, Loitando, A derradeira vontade de Fuco Buxán, O dedo na chaga, Compañeiros, En corso, Romance de cego, Uah, Os labregos e Co pan de cada día. Un agasallo que aínda gardo como un pequeno tesouro.
Unha vez en Amil, visitamos a casa de Agustina, no lugar da Torre, que nun tempo fora escola e a casa onde vivira coa súa familia, por certo, unha moi boa casa labrega. Alí Agustina, a súa filla e o xenro convidáronos a un viño cun pouco xamón a carón da lareira, e Suso gozou moito da conversa, na que, como non podía ser doutra maneira, saíron a relucir unha chea de pequenas historias da infancia, coas que se divertiu como un meniño. Despois fomos á taberna de Marcial, onde foi recibido con moito agarimo tanto por Marcial e a súa muller como por algúns clientes cos que demoramos até altas horas charlando e baixando uns vasos de viño de máis. O fillo de Marcial, Marcelo, fora un bo amigo da infancia, con el fumara o seu primeiro cigarro e pasou moi bos momentos. Outros bos amigos foran o tamén morañés Antonio Ruibal e o Amilense Ramiro Núñez, cos que contactara de novo en Venezuela, como xa comentei, e cos que continuou relacionándose até os últimos momentos, especialmente con Ramiro que tiña un bar en Pontevedra, na zona de Balaídos, que se chamaba O Cequeril, no que Suso ten pasado bos momentos de conversa, e do que foi cliente habitual até os seus últimos momentos.
Creo lembrar que desde a taberna de Marcial chamou polo móbil á súa compañeira Yuli para dicirlle que non se preocupara, que chegaba a casa nunha horiña. Ela ben sabía como eran as horas de Suso e axiña debeu entender que a cousa ía demorarse un bo treito, como de costume. As historias da infancia rememoradas no local voltaban a encher de alborozo ao cantor, que pasou uns momentos inesquecíbeis.
A derradeira batalla
Debeu ser aló polo mes de setembro de 1999. Chamei por teléfono a Suso para ver se me podía pór en contacto coas rapazas do grupo Ávalon, que tiñan gravado algunha cousa con el, para ver se lles interesaba actuar no Magosto Folk en Cuntis. Contestoume cunha voz moi aguda e fráxil, que nada tiña que ver coa voz notabelmente grave que o caracterizaba.
- Ti non es Suso, pásame con el e déixate de caralladas.
- Si que son, oh! O que pasa é que me están dando unhas sesións de quimio que me deixan escarallado.--e perante a miña lóxica sorpresa e preocupación, axiña engadiu con seguridade:
- Mais non te preocupes que imos saír adiante.
Foi a derradeira vez que falei con el. A pesar de que seguiu loitando e de que contou coa apoio dos amigos e de grande parte dos músicos galegos, cinco meses despois presenciei o espallamento das súas cinzas no río Oitavén, en Regodobargo, no concello de Pontecaldelas, onde nacera 49 anos antes. Foi sen dúbida a velada necrolóxica máis emotiva que presenciei. As cancións do cantor de Regodobargo e de Amil soaban con inquedante tristura nas voces de moitos dos que foran compañeiros de ruta nas xeiras musicais ao longo dos anos.
Coda
No lugar onde as súas cinsas foron esparexidas foi colocada unha placa conmemorativa. Tamén en distintas cidades e vilas, como Vigo, Chapela (Redondela) e Salvaterra o seu nome figura en letras de molde no rueiro.
O Concello de Moraña ten por norma non outorgar o nome de rúas e prazas a ningún persoeiro, e unicamente distinguilas facendo uso dos numerais. Creo que mesmo respectando, que non compartindo, que se actúe seguindo este criterio, non se acaba de entender que a estas alturas Moraña, e especialmente Amil, non teña dedicado algún tipo de recoñecemento a este persoeiro esencial da cultura galega. Por iso aproveito desde estas páxinas para pedir en nome do colectivo que elabora esta revista que se repare dunha vez esta eiva, ben sexa coa instalación dun busto na parroquia de Amil ou calquera alternativa que pareza pertinente para lembrar a relación que o uniu con estas terras polas que tanto ten brincado de rapaz «a persoa máis representativa na historia da música do noso país», segundo as palabras do poeta Manuel María.
NOTAS:
1 Quixera expresar o meu agradecemento polas achegas orais e/ou polos documentos gráficos a Marcelino Silva Rodríguez, Ramiro Núñez, Xan Bú
a, Roxelia Gago, á comisión da Festa do Porquiño á Brasa (principalmente
a Lourdes e a Miguel), a Avelino Garrido, a Xosé Eiras e ás súas fillas Mar
e Ana, e dun xeito especial a Yuli, compañeira de Suso, e a Senén Vaamonde, o seu irmán.
2 http://www.blogoteca.com/chiscandounollo/, Páxina web visitada o día 1 de xullo de 2008.
3Cf. GARCÍA VILLAR, B., «A nova canción galega e a transición», en
http://www.ghastaspista.com/historia/tbenedicto.htm. Páxina consultada o 9-07-2008.
4 «Vintecinco anos en vintecinco voces», A Nosa Terra. Cadernos de pensamento e cultura, nº 25, p. 13.
5 MORÓN, B., «Un rebelde», La Voz de Galicia (A Coruña, 17-02-2000), p. 82.
6 FONTÁN OCAMPO, M.-GARRIDO MONTEAGUDO, A., «O teleclub de San Martiño da Laxe (1968-1979)», A Taboada VIII (Cuntis-Moraña, decembro de 2003), pp. 141 s.
7 Segundo a información directa de Senén Vaamonde, cuxas palabras reproduzo textualmente.
8 Cf. Cancións para todos nós. Crónica de 30 anos de música galega, Cadernos A Nosa Terra de pensamento e cultura, p.23.
|
|
|
|
MANOLO O PERRUQUEIRO. A LOITA POLA REVOLUCIÓN SOCIAL |
|
Quen o diría daquel rapaz ao que mandaban mercar unha botella de auga mineral da marca Fontenova e que reiteradamente lle pedía, en correcto castellano, ao daquela boticario Xosé Rubira: "Don José, deme una botella de Fuentenueva". Quen diría que chegaría a ser un dos máis teimudos nacionalistas e dos mais afervoados defensores da lingua e a cultura galega que pariu o concello de Cuntis. E é que no franquismo a colonización era tal que se daban as situacións máis absurdas que un se poida imaxinar.
Nacera Manuel Fernández Varela en plena posguerra, concretamente o 27 de Xaneiro de 1943, nun tempo en que a situación do país era verdadeiramente adversa, eran os anos da fame, e de seguro a súa familia como as do resto do país non nadaba precisamente na abundancia.
O seu pai Manuel Fernández Guerra era natural de Guldrigáns, na parroquia cuntiense de Troáns, e fora músico, ao igual que os seus irmáns, nas dúas bandas de música do concello, a da Bragaña e a de Cuntis. A súa nai Xoana Varela era, e segue sendo, do Porto de Gómez, onde naceu o seu único fillo, Manolo, un rapaz moi sociábel, moi integrado na contorna do seu lugar, onde contaba con moitas amizades. Soto, o seu mestre, e algúns familiares estaban empeñados en que fose para mestre de escola, xa que tiña dotes e era un gran amante da lectura, o que en ocasións sendo rapaz lle ten ocasionado máis dunha reprimenda polo gasto de luz que facía. Con todo a súa nai quixo que continuase o seu oficio na perruquería que ela mesma levaba, a coñecida Perruquería Juanita, situada daquela na rúa do Medio, e enviouno a facer un curso á Coruña. Posteriormente, despois de facer o servizo militar en Ferrol, incorporouse no negocio de súa nai, que nun comezo era unha perruquería de mulleres, mais que tan pronto como comezaron a estenderse pola xeografía galega as primeiras perruquerías unisex, como se lles chamaba daquela, comezou a ter algúns clientes varóns; non moitos pois á maioría dáballe vergonza ser acicalado alí entre mulleres.
Mais ademais do seu labor profisional e político, tamén foi sempre un home que gostaba moito de alternar, na taberna, e mesmo aproveitaba calquera ocasión en que non tiña xente no local para tomarlle unha chiquita no Traspaso ou na de Pipas; mesmo hai quen conta que nalgunha ocasión deixou a unha clienta coa cabeza metida no secador e tardou algo máis da conta polo que a topou ao regresar bastante desesperada e enfadada.
O nacionalismo contemporáneo
O renacer organizativo do nacionalismo galego de posguerra non se producirá até inicios da década de 19601 , coa aparición de dúas forzas galeguistas de esquerdas: a Unión do Pobo Galego (de tendencia marxista-leninista) e o Partido Socialista Galego (socialdemócrata; que nada ten que ver co actual PSdeG, sucursal galega do PSOE2 ).
Mais adiante, xa finado o ditador, vaise formar unha organización frentista cun amplo espectro ideolóxico que lle pode permitir ao nacionalismo a organización de militantes e simpatizantes. Trátase da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), organización de masas e asemblearia con vocación de integrar partidos e persoas sen militancia, buscando a implantación social do nacionalismo de esquerdas. Así nos primeiros comicios a Cortes e nas eleccións municipais da transición topámonos por un lado a plataforma denominada BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego, que se fundou en 1977 e incluía a AN-PG e a UPG) e por outro Unidade Galega, integrada polo PSG, o Partido Galeguista (refundado no 78) e o POG (Partido Obreiro galego, liderado por Camilo Nogueira). Manolo foi un dos primeiros militantes da AN-PG e axiña do BN-PG.
Nas primeiras autonómicas o PSG liderado por X.M. Beiras intégrase cos grupos do BN-PG que obterá tres deputados, aínda que serán expulsados por negárense a xurar a Constitución. Quedando como representante do nacionalismo no parlamento galego Camilo Nogueira, elixido por Esquerda Galega, herdeira do POG. A decisión do BN-PG de asumir catro anos despois o xuramento da constitución baixo a denominación de Bloque Nacionalista Galego foi un dos motivos de que esta organización, con Beiras á cabeza medre de xeito espectacular en eleccións posteriores e en 1995 acabe integrando ao PSG-EG, culminando a tan arelada unión do nacionalismo galego, e tamén, por suposto, do cuntiense.
Manolo presentárase como cabeza de lista polo BN-PG en 1979 como militante que era da UPG e da ANPG, nas que militara de xeito clandestino até 1978, cando son legalizadas estas organizacións. Por certo dun xeito bastante serodio pois por exemplo o Partido Comunista de España levaba na legalidade desde o ano anterior. Entre os seus compañeiros de militancia cumpriría destacar, entre outros, a Dores Rivas Espiño, Manolo Chao, Manuel Núñez Caeiro, Manuel Aboi Paz, Carme de la Torre ou a Xoán Xosé Renda Constenla (de Mesego), xoven morto en accidente cando ía camiño de mesego nunha malfadada Noiteboa, e de quen xa ten tratado nestas páxinas o compañeiro Alfonso Magariños3 . Nunha daquelas famosas purgas internas producidas por diferencias estratéxicas e políticas no seo do partido Manolo queda fóra.
Posteriormente convértese no Secretario Xeral do comité local do PSG-EG (Partido Socialista Galego-Esquerda Galega) de Camilo Nogueira, no que concorre ás seguintes eleccións municipais. Nesta nova xeira os seus compañeiros de viaxe serán Xosé Manuel Padín (que era practicante de Cuntis), Serafín Escariz (hoxe moi activo aínda na política municipal), Xosé Ramón Pintos Cancela, María do Carme de la Torre (a súa dona), David Otero (home da comadroa de Cuntis, naqueles tempos vivían en Cuntis e el era o secretario da Nova Escola Galega), Xosé Luís García Expósito, Magdalena Guimarei, Mario Ximénez Castro, a mestra de Troáns María do Carmo Feáns Suárez...
En 1987 presentan como cabeza de lista a María do Carmo Feáns e a Xesús Campos Suárez (de Portela) de segundo, indo Manolo de número 6. Non obteñen representación. Catro anos despois a candidata será a propia Carme, a súa dona, quen a pesar do duro traballo que realizou non obtivo asento no concello.
Unha vez disolto o PSG-EG, entra como case todos os seus compañeiros, incluído o seu líder nacional Camilo Nogueira, no Bloque Nacionalista Galego que fora fundado en 1982. Entrarían tamén algúns dos militantes do grupo local de Cuntis, entre eles Moncho Pintos, Serafín Escariz? O seu labor na asemblea municipal do partido seguiu a ser moi activo encanto llo permitiu a infame doenza que acabaría coa súa vida.
En eleccións posteriores, xa coa súa organización integrada no BNG non figura xa en ningunha lista pero si o fan por esta organización os seus fillos Diana e Xandre, herdeiros do facho que un día prenderan o seu pai e a súa nai.
No asociacionismo local
Por estes tempos será socio fundador da Asociación Cultural O Baño, que pese á súa corta andaina estivo tutelada nun comezo polo seu inspirador Antonio Paz (máis coñecido como o Comunista), posteriormente ocupan a presidencia primeiro Eduardo Rei, logo Manolo Chao e nos últimos tempos estivo en mans de Manolo o perruqueiro até a súa extinción. A Asociación xurdida sobre 1979, tivo un labor moi intenso. Mercaron as gaitas que despois serían empregadas polo grupo de gaitas do Patelas, quen foi precisamente convencido por Manolo para dirixir a agrupación; montaron un grupo de teatro, crearon unha biblioteca no local no que hoxe está situada a Asociación de Pensionistas. Entre outros membros que lembramos estaría Antonio Lois, Xaime Durán, Suso e María Xosé Fernández...
En 1993 é membro fundador da Asociación de Veciños Vagalume, da que será elixido presidente Xosé Rivas Espiño. Pese á súa corta existencia esta asociación veciñal fixo un notable traballo a prol de Cuntis e chegou a editar o seu propio boletín informativo moi crítico co goberno municipal socialista. Entre outros temas recordar a súa loita por conseguir unha traída de auga digna desde o punto de vista sanitario, a instalación de semáforos no cruce da Palma, a insistente aínda que inútil teima de que se limparan periodicamente os contenedores de lixo para evitar os cheiros, a aceleración dos labores de restauración do Hospitalillo (que logo sería a Casa da Cultura Blanco Torres), arranxo das beirarrúas da vila...
Outra
Con este título xorde en Cuntis en 1986, da man de Manolo, un boletín de política local, órgano do PSG-EG cuntiense, que daquela ten dado moito que falar. Nace en 1986 coa intención de ter un carácter bimensual e ademais sacar algúns números especiais ao longo do ano. Se ben tivo varias interrupcións, o certo é que sacaron unha boa cantidade de números especiais dedicados a algún escritor galego, en especial a aqueles aos que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas e outro con motivo da celebración do Día da Patria ou do Día das Letras Galegas, Eleccións Municipais... Destacar os monográficos dedicados a Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Pimentel, Alexandre Bóveda (con motivo do Día de Galiza Mártir)...
Neste voceiro os editoriais e a maior parte dos titulares eran da súa autoría, mais topamos algúns outros colaboradores como Xosé Manuel Padín Millán (que trata con moita frecuencia temas relacionados coa sanidade local), X. Ramón Pintos, R. A. J. Espiño Cabo (marido da mestra de Troáns que mesmo escribe un bo número de poemas), e mesmo persoas que non mostran a súa identidade e escriben con pseudónimo: Xan Cidadán (ás veces asina como X.C.), o Marqués de Arnois, o Candidato Numero 7...
Resulta curioso o caso do Marqués de Arnois que escribe sempre en castelán desculpándose pola súa falta de dominio do galego mais recalcando sempre o seu fondo galeguismo. A partir da insistencia de Xan Cidadán, en 1989 anímase, no número extra dedicado a Pimentel con motivo do Día das Letras Galegas, a escribir no noso idioma, o que provoca a felicitación explícita de varios dos redactores e o engadido duna nota da redacción: ?Haxa festa e contento ¿Por fin o Sr. Marqués anímase a escribir na lingoa nosa!?
Son moitos os traballos reivindicativos referidos ao concello ou ao país. Así topamos a Manolo denunciando os problemas da depuradora municipal, a negativa inicial a súa proposta de poñerlle unha rúa a Castelao, tema polo que abre unha polémica con Juan Seijo que nun pleno fixera algún comentario inicial en contra aínda que finalmente acepta a iniciativa. Canto á política lingüística critica que o noso concello non acudise en 1987 a unha reunión para a defensa do idioma na que si estiveran outros moitos concellos como o de Dodro, Vilaboa, Redondela, Rois, A Rúa, Mugardos, Cervo, Moeche, Ares, A Estrada, Fene, Brión, A Capela, Tui, Ribadavia, Malpica... Critica tamén xa daquela a ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Urbana ?para que non se permitan aberracións como a das Rúas Novas?. Mentres, Padín queixábase pola falta dun plan de medicina preventiva, a ausencia dunha praza de pediatría ou dunha Casa de Saúde, e Moncho Pintos criticaba con retranca en 1989 o decreto de exención do Galego no ensino como unha verdadeira monstruosidade por discriminar a nosa lingua frente ao español... e noutros traballos realizados con motivo do Día das Letras Galegas reivindicaba o orgullo de sermos galegos por lingua, por historia, por cultura...
Fernández Rodríguez, un republicano nacionalista e agrarista na Historia de Troáns
Non faltaban tampouco no boletín exaltacións de personaxes da nosa historia local, como é o caso de Manoel Fernández Rodríguez, Roberto Blanco Torres... De ambos se bosquexa unha breve biografía. No caso de Blanco Torres reprodúcese ademais o seu poema ?Loitador?. Mais non imos falar agora de Blanco Torres pois sobre el, a día de hoxe hai bastante bibliografía e mesmo o temos abordado nestas páxinas.
Sobre Fernández Rodríguez topamos un traballo asinado por Manolo Fernández Varela no número extra do Día das Letras Galegas 1989. Ademais dunha biografía reprodúcense dous extensos poemas de tipo social agrarista e anticlerical en galego. O traballo aparece ilustrado cun autorretrato deste agudo poeta e combativo agrarista cuntiense (de Troáns) fundador da Sociedade Agraria de Troáns e arroutado republicano que viviu entre os anos 1873 e 1932. Segundo nos conta Manolo no seu artigo este Manoel Fernández González, que fora tío-avó seu, era fillo dun mestre de familia acomodada mais non gostaba da monarquía polo que axiña comezou a traballar a prol do republicanismo e o socialismo. Estudou tamén como o seu pai Maxisterio, aínda que non exerceu máis que dando clases particulares na súa parroquia. Comezou Dereito en Compostela, mais tal como nolo conta Manolo:
"Empezou a estudar Dereito, pero parece ser que se cansou de estudar sentado e decidiu estudar Dereito Universal na Universidade da Vida. Esto levouno a non estudar sentado, senón andando polo áspero camiño da loita pola Revolución Social".4
Chegou a saír elixido deputado nas Cortes de Madrid en 1931, aínda que chegou a ter problemas cos socialistas, en cuxas filas se presentou, e con Casares Quiroga da ORGA, debido a que non apostaban por unha república federal senón por un republicanismo tan centralista como a propia monarquía. No mes de outubro do mesmo ano deuse de baixa no partido e entregou a credencial de deputado. Despois de morto, o 31 de xaneiro de 1932, o cura negouse a soterralo en sagrado, mais a protesta airada dos seus afoutos compañeiros agraristas fixo que se puidera enterrar ?no panteón dos seus devanceiros?. Por iso Manolo considera que foi revolucionario até despois de morto.
Remate
Toda a vitalidade e actividade desta persoa que hoxe tratamos quedou case completamente asulagada en 1997 coa morte de Carme. Coñecéraa en Compostela, onde ía a visitala con frecuencia na súa moto acompañado de Pepe Castro (cuxa moza vivía con Carme). Tiveron sete fillas e un fillo, e era unha parella que andaba moito xuntos tanto no lecer como nas actividades políticas. Ela ademais era unha afanosa membro das ANPAS (Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as) do colexio e mesmo ten traballado co Meigallo na preparación do Magosto-Folc. Nunha das edicións comentounos con resignación que fora ao médico e que pensaba que non debía ser cousa boa o que tiña, polo que procuramos animala. Penso que convén lembrar un texto de Carme que apareceu no número extra das eleccións municipais 1991: ?Consolidada a democracia formal, agora hai que dar un paso máis cara a democracia real, impedindo que nos quedemos no puro formulismo sen contido. É hora de aplicarlle ás cousas do común unha visión máis realista e moderna?.5
Despois da defunción de Carme, Manolo parecía outro home tanto pola ausencia de ánimo como polo aspecto físico avellentado. Se ben é certo que ía mentres puido ás asembleas locais do BNG, e aínda pasaba de cando en vez pola taberna a conversar un pouco, xa non tiña aquela ansia e aquela vitalidade doutros tempos. E foise indo sen queixarse e sen mencionarlle a ninguén o cancro que o ía consumindo día a día. O que fora sempre un home moi recto e esixente na educación das fillas6 e o fillo, grazas ao cal saíron persoas coherentes, traballadoras e verdadeiramente exemplares, agora que non podía valerse só, contou coa axuda e agarimo que precisaba; quizais para el foi unha morte doce. Como el dicía, xa tiña aos seus encamiñados/as para valerse de seu, e a persoa que máis amou, agardando por el. Do seu pasamento fíxose eco axiña o semanario nacionalista A Nosa Terra:
"Este martes 3 de outubro finou no seu domicilio de Cuntis aos 63 anos de idade o militante nacionalista máis veterano e emblemático deste concello, Manuel Fernández Varela (Manolo o peluqueiro). Foi militante do histórico BN-PG e do PSG-EG, organizacións polas que foi cabeza de lista en distintas eleccións municipais. Fora ademais fundador da Asociación Cultural O Baño e da revista de política local Outra. Nos últimos tempos formaba parte da asemblea local do BNG, na que mantiña unha activa participación até que o cancro, que anos antes lle arrincara covardemente a vida da súa dona, Carme de la Torre, o obrigou a ficar doente na súa casa. Os que o coñeceron non esquecerán a aquel extravagante personaxe fraco de cabelo e barbas longas sempre combativo e sempre fiel voceiro do seu ideario patriótico".
Na mañá do catro de outubro era soterrado practicamente na intimidade. No funeral (se ben é certo que foi de mañá e en día de semana) había bastante xente nova (sen dúbida amigos das fillas e do fillo) mais non estiveron presentes moitos dos seus veciños e nin sequera a maioría dos camaradas de partido. Non houbo tampouco representación comarcal ou nacional do partido nin institucional. Os poucos compañeiros presentes encargáronse de que o seu cadaleito fose engalanado coa bandeira galega coa estrela vermella, perante a retadora mirada do cura párroco, que en ningún momento pronunciou unha soa palabra na nosa lingua..., na lingua de Manolo o Perruqueiro, con quen Cuntis, o nacionalismo e Galiza están en débeda.
NOTAS:
1 En 1963 nace o PSG que será dirixido por X. M. Beiras e en 1964 a UPG e que quere rachar co mero culturalismo con que actuou o nacionalismo galego durante o franquismo, propugnando a axitación social como arma para a conexión co pobo e difusión da súa ideoloxía marxista-leninista e partidaria da liberación nacional de Galiza.
2 De feito ambas formacións mantiveron unha forte polémica pola cuestión da propiedade das siglas.
3 MAGARIÑOS SUEIRO, A., "Mesego, 25 anos atrás", A Taboada nº 3 (Cuntis-Moraña, xuño do 2001), pp. 87s.
4 FERNÁNDEZ VARELA. M., "Lembrando a un descoñecido (Manoel Fernández Rodríguez)", Outra (Cuntis, Día das Letras Galegas 1989).
5 TORRE CASAL. Mª do CARMO, Outra, nº extra Eleccións Municipais 91, p.1.
6 Algunhas das fillas continúan ademais coa profesión do seu pai. É o caso de Diana e Uxía, co negocio aberto na rúa Xoán Xesús González en Cuntis co nome familiar de "Perruquería Juanita" nome da avoa paterna que vive na casa do Porto de Gómez, e o de Baia co seu establecemento en Moraña, que leva o rótulo co seu apelido materno "De la Torre".
|
|
|
|
|
|