A debilidade é grande e a tarefa ardua, pero a necesidade histórica de construir unha alternativa global ao capitalismo é mais evidente e urxente que nunca.

O meu perfil
correntevermelha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NOSA APOSTA É POLA LOITA COMO EN FRANCIA
Polo Pan, o Traballo e o Teito

A campaña electoral decorre no medio de slogans baleiros, mentres a desigualdade social segue aumentando. O 22,1% da poboación vive con menos de 8.000 euros ao ano. O soldo medio de 11 millóns non chega a 700 €. O salario medio é inferior ao de hai 22 anos. Máis de nove millóns de pensionistas cobran entre 600 e 650 €. Os contratos precarios e a tempo parcial son xeneralizados e o desemprego masivo (máis de 4 millóns de persoas), é algo crónico.
Moitos mozos e mozas emigran e péchanse as portas da universidade aos fillos e fillas da clase traballadora, que non poden custear unhas taxas e matrículas das máis elevadas de Europa. Os servizos públicos seguen baixo mínimos e continúan pechándose fábricas impunemente, con EREs e ERTEs. Esta é a realidade social da gran maioría. En cambio, para os máis ricos, entre 2011 e 2014, o patrimonio incrementouse en 300.000 millóns.

A UE e a Troika ditan o programa do próximo goberno
Mentres prosegue o aparato electoral, Bruxelas xa deixou claro que, non importa cal sexa a votación, eles xa decidiran o programa do próximo goberno. A UE esixe “profundar nas reformas” que baixen os salarios,  precaricen o emprego e novos recortes de miles de millóns de euros que van afectar á sanidade, a educación e á atención social. Anunciou tamén que fiscalizará recortes trimestre a trimestre, como a un país sometido.

Non hai cambio se o goberno é vasalo de Bruxelas e do Ibex 35
Se non se planta cara e desobedécese á UE e a Troika, as promesas serán papel mollado. Non só non haberá melloras, senón unha nova onda de recortes e reformas. Plantar cara significa  pór como prioridade absoluta o pan, o traballo e o teito, porque a economía non pode estar ao servizo de banqueiros e especuladores.
Gobernos do cambio?
Sen plantar cara á UE e recuperar a loita obreira e popular, o goberno que veña, aínda que se denomine de “esquerdas”, non será máis que un instrumento que aplique os plans da UE, a Troika e o Ibex35.
Basta ver o goberno Tsipras en Grecia, que se converteu no brazo executor dos plans de miseria da UE e é a proba irrebatible de onde quedan as promesas cando se pon os ditados da UE e a Troika por encima das necesidades do pobo. Basta ver o xiro das CUP, das cales nos desvinculamos cando se someteron estrañamente ó proxecto de dereitas de Convergència. Basta ver os “concellos do cambio”, que se someteron á “necesidade de gobernar para todos”, ao respecto a leis inxustas e ao temor a enfrontarse cos poderosos, convertendo as promesas en papel mollado. Gobernar para as traballadoras e traballadores respectando “as leis e a orde” é imposible.
As empresas construtoras seguen campando ás súas anchas nos concellos, que monopolizan os principais servizos públicos, e a maioría das promesas de remunicipalización levoullas o vento; por exemplo, o concello de A Coruña ainda non remunicipalizou ningún servizo esencial (ORA, Transporte, recollida de lixo,…), agás as bibliotecas municipais e pactou os orzamentos co PP e o PSOE, sabendo que estes no regalan nada. A incorporación do PSC-PSOE (o que mandou durante 35 anos no Concello de Barcelona) ao equipo de goberno de Ada Colau é todo un símbolo.

PP E PSOE: NIN EN DIRECTO NIN EN DIFERIDO
O “socialista” Hollande, ao ditado da UE, impón por decreto unha reforma laboral salvaxe á española. Pero os traballadores e traballadoras como a mocidade francesa botáronse á rúa, con folgas, manifestacións e bloqueos para impedilo. Ese é o único camiño para cambiar o estado de cousas.
Desde mediados do 2014 vivimos un baixon das mobilizacións. O movemento de protesta foi arrastrado, desde as eleccións europeas, ao terreo electoral, institucionalizado a mans das chamadas forzas emerxentes, en particular Podemos, e da burocracia sindical de CCOO-UXT. Cidadáns, é un PP reciclado, creado polo IBEX 35 para dar unha aparencia de renovación á desgastada dereita española. Votar Cidadáns é votar PP en diferido. O PSOE está inmerso nunha crise que podería ser terminal. Unha gran parte das traballadoras e traballadores deixaron de votar a un partido de homes, institucional, corrupto e prol patronal..
A coalición Unidos Podemos (Podemos-EU), levanta importantes expectativas entre sectores populares. Pero todas as súas promesas sociais están supeditadas aos acordos coa UE. Da mesma maneira, os cambios político-institucionais que propoñen, en particular ante a cuestión catalá, quedan supeditados a unhas maiorías nas Cortes que dependen, si ou si, dun imposible apoio da dereita española. O centro do seu proxecto é lograr un acordo de goberno co PSOE, o partido das reformas laborais, os recortes, a submisión á Troika e á OTAN. Van meter pola xanela o que os traballadores e traballadoras están a botar pola porta. É o voto en diferido para que o PSOE volva gobernar.
As Mareas en Galiza, se presentan como nas eleccións do 20D facendo parte de Unidos - Podemos, sen nengumha diferenciación politica respecto os posibéis acordos co PSOE, e polo tanto é votar en “diferido” a submisión á UE e á OTAN. O BNG, pola sua banda, presenta-se como a única organización que pode defender os intereses de Galiza no parlamento do estado, sen facer eixo no direito a decidir e a capacidade de lexislar sobre as nosas necesidades; senon para constituir un grupo parlamentar Galego no Parlamento Español, que sexa un lobbi de presión, agrupando así a sectores da direita burguesa galega nun acordo nacional sen un sentido anticapitalista.

Goberne quen goberne, os dereitos deféndense! A nosa opinión
O pasado 20D participamos nalgunhas provincias como parte de Sindicalistas pola Unidade Popular (SSxUP) na candidatura Unidade Popular-EU, presentando candidatos/as que defenderon a ruptura ante a emerxencia social. Dixemos que, fora cal fose o resultado, os votos e deputados/as debían estar ao servizo da loita. O xiro que deron o PCE-EU e Alberto Garzón, esquecendo o programa electoral e abanderando a proposta dun goberno presidido polo PSOE, tirou pola borda o camiño andado con SSxUP
Este 26J desexásemos presentar candidatura propia, aproveitando as eleccións para difundir un programa socialista e organizar a activistas obreiras e da mocidade. As trabas dunha lei electoral antidemocrática e sobre todo o apagamento mediático a toda candidatura que non sexa a do cuatripartidismo fixeron que presentar lista e levar a cabo unha campaña elecotral se convertise nun esforzo desproporcionado.
Non chamamos a votar a ningunha candidatura porque ningunha presenta unha resposta real á guerra social desatada polos grandes capitalistas do Estado español e de Europa contra o pobo pobre e traballador. Queremos dicir a todas as que van votar á coalición Unidos Podemos, ó BNG ou van-se abster, que non hai cambio sen retomar a loita, sen un programa de emerxencia a favor de as traballadoras e o pobo, sen enfrentar aos banqueiros, á Troika e ao réximen monárquico e o centralismo. Sexa cal sexa o resultado, hai que retomar as rúas despois do 26 Xuño. Esta é a idea que queremos discutir coas activistas.


Ven a Corrente Vermella!

As traballadoras e a mocidade só podemos confiar na nosa propia mobilización e desde alí ir construíndo organismos democráticos de loita que se estendan, unifíquense e cheguen a ser a base do único goberno do cambio, un goberno dos traballadores/as e o pobo. Seguiremos na loita de todos os días, cos traballadores/as de Extruperfil de Sevilla, coa Coordinadora Antipivatización da Sanidade Pública na Coruña, cos do transporte público de Barcelona, coas xornaleiras andaluzas e todas as que defenden os seus postos de traballo; cos mozos/as que loitan polo dereito á educación e contra o 3+2; coas refuxiadas que esixen o dereito de acollida e unha vida digna; cos pobos que esixen o dereito democrático a decidir.
Somos anticapitalistas e revolucionarios/as, porque este sistema non ten reforma posible. Fronte a este sistema capitalista de guerras, fame e barbarie, chamámos-te a organizar-te para seguir loitando contra toda forma de opresión e explotación, por un mundo socialista onde non exista máis a apropiación do traballo da maioría por unha minoría.
Ven a Corrente Vermella! Un partido que loita polo socialismo.

POR UN PLAN DE RESCATE DOS TRABALLADORES E O POBO
Plantar cara á UE para poñer por riba de todo o pan, traballo e teito nosos, esixe entre outras medidas:
1.- Plan de choque contra o desemprego
-Derrogación das reformas laborais do PP e do PSOE
-Reposición de todos os postos de traballo perdidos en Sanidade,
educación e servizos sociais
- Nacionalización da Banca e as industrias craves
- Redución da xornada laboral a 35 horas, sen reducir o salario
- Xubilación aos 60 anos, con contratos de substitución
2.- Decretar unha moratoria no pago da débeda e iniciar unha auditoría pública. Non se pode pagar un euro aos bancos mentres as necesidades básicas da poboación non estean atendidas e non saibamos de quen é a débeda e como foi contraída. Agora, só en intereses, páganse 35 mil millóns anuais.
3.- En defensa dos salarios, recuperar o poder adquisitivo e subir o salario mínimo a 1000 euros
4.- Prohibición dos desafiuzamentos de primeira vivenda así como cortes de auga e luz.
5.- Defender os dereitos democráticos básicos, derrogación da Lei Mordaza; nova lei electoral, garantir un referendo de autodeterminación das nacionalidades históricas; liberdade de todos os presos e presas por loitar, a amnistía total.


Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 20-06-2016 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Solidariedade con LAURA BUGALHO
Desde Corrente Vermella mostramos toda a nosa solidariedad coa compañeira Laura Bugalho que este martes 7 de xuño celébrase xuízo contra ela, onde a fiscalia acúsa-a dun suposto delito de falsificación documental continua, piendo 3 anos de carcel.

Na 2009 Laura Bugalho, sindicalista da CIG, técnica do Departamento de Migración e membro da dirección, militante desta organización desde hai 24 anos. O seu labor dentro deste departamento era atender tanto ás persoas emigrantes retornadas como a inmigrantes en cuestións laborais, tambien na escolarización de nenos e nenas, asistencia médica, vivenda, etc.

Laura axudou a destapar en 2009 un armazón que desembocou na denominada Operación Peregrino, que investigou a chegada de 57 persoas de orixe marroquí, traídas ao Estado baixo promesa dun emprego, previo pago de preto de 10.000€. Tras ser abandonadas literalmente durante un mes en Andalucía, foron reclamadas por diferentes empresas do metal galego para traballar por menos da metade do soldo que figuraba nas súas nóminas. Nesta trama, ademas do empresario estaba implicado un traballador do Centro de Información para Traballadores Estranxeiros de CC.OO e tamén alguén de Estranxeiría da comisaria de Compostela. Desde ese momento, denuncia publicamente a mafia empresarial e policial, e comenza a sufrir un acoso continuado por parte da policía, é vixiada, hai un roubo na súa casa. A policía irrompe no seu despacho da CIG, confisca o seu computador e detena durante 48 horas, onde sofre vexacións relacionas coa súa condición de trans e galego falante. O comisario xefe diríxese a ela cun "por fin collinche, Laura".

O seu historial de activista pasa por ser a cara visible do movemento trans galego, feminista, independentista, de defensa dos dereitos das persoas presas e daquelas presas políticas vinculadas á soberanía dos pobos, especialmente galego e vasco. Por mor desta traxectoria, Bugalho recibe agora o apoio de centos de colectivos e miles de persoas que, a nivel internacional, piden que a súa causa sexa desestimada xudicialmente, xa que consideran que este proceso é unha vinganza por toda esta traxectoria e concretamente por axudar a destapar a trama mafiosa que operaba en Galicia en conivencia con parte do empresariado e axentes de policía.

Este xuízo contra Laura é un máis dos centos de xuízos políticos que, desde hai anos, veñen-se producindo contra a clase traballadora e os sectores oprimidos, desde os traballadores de Vigo Carlos e Serafin, pasando polos traballadores do mar aos que lles piden 48 anos de cárcere, até Bodalo, Alfon,…, a represión e os xuízos son a resposta que desde o goberno e o réxime teñen para os movementos sociais que enfrontan os seus politicas de recortes e austeridade.

Como non é un problema individual non chega con pedir indulto a indulto, desde as organizacións sindicais, sociais e politicas a loita pasa por esixir ao novo goberno que decrete a amnistia total para todas as persoas activistas procesadas ou sancionadas por defender os dereitos laborais, sociais e políticos da poboación.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 06-06-2016 08:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal