A debilidade é grande e a tarefa ardua, pero a necesidade histórica de construir unha alternativa global ao capitalismo é mais evidente e urxente que nunca.

O meu perfil
correntevermelha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NACIONALIZACIÓN INMEDIATA DAS PLANTAS DE ALU IBÉRICA E ALCOA!!
Corrente Vermella apoia a Marcha dos traballadores e traballadoras da Alu Iberica A Coruña, o vindeiro xoves 28, ás 11.30 diante da Fábrica na Grela.

NACIONALIZACIÓN INMEDIATA DAS PLANTAS DE ALU IBÉRICA E ALCOA!!

Cada día que pasa, xs traballadorxs temos máis sensación de estar rodeados de ladróns e vagos de “colexio privado”.

No seu día, a poderosa empresa pública Inespal foi regalada a unha multinacional privada por Aznar, que é un señor que opina que os empresarios privados merecen moitos beneficios porque teñen moitos másteres e corren moitos riscos. Pero o único que fixo Aznar nos seus mandatos foi afeitar o bigote, meternos nunha guerra, e montar un tinglado de engominados que aínda viven do teto das privatizacións das empresas, dos servizos e dos cartos publicos.

E moito risco non parece que corran: despois de arruinar comarcas e nacións enteiras sempre, sempre seguen a vivir como dios; porque teñen a “papa estado” para resgatalos das suas aventuras, como fixeron na última crise cos bancos, aos que lles deron mais de 60 mil millóns de euros.

Pero a responsabilidade non é solamente dos da bandeiriña “rojigualda” porque o PSOE, que estaban antes deles no goberno, e que volven a estar agora, teñen tamén boa parte de culpa; foron os que comezaron as privatizacions e a desindustrialización coa reconversión industrial dos 80.

Cando os mangantes de Alcoa dixeron que marchaban porque o que lles daba o Estado lles parecía pouco, e as eléctricas non lles querían dar nada do que tamen chupaban do público, a ministra de Industria do PSOE daquela asi como o goberno actual, prometeron vixiar que Alcoa fose adquirida por un empresario solvente con ideas para reactivar a antiga gran empresa pública de aluminios.

Qué vixiaron?. A empresa mercouna un fondo suizo que por detrás lla vendeu a un impresentable que fai negocios cun DNI falso; xente que non ven a outra cousa que apañar o que poda e cando se arruine todo o problema é de quen veña detrás.

Porque iso é o capitalismo. Xa o vimos coa pandemia, que nin mascarillas de papel daba abastecido, cos estados roubanbase uns a outros os cargamentos, convertindo os aeoroportos en centros de subasta, e coas residencias de maiores privadas que agochaban os mortos debaixo das camas para que non se soubese o incompetentes e ladróns que son. Eses son os engominados estudiados capitalistas que disque fan progresar á sociedade.

Por outro lado, xa se ve a preocupación que teñen os do PSOE e Unidas Podemos polxs traballadorxs. Nin saben a quen lle venden a empresa, nin lles importa, nin tampouco deixan protestar: porque estamos baixo estado de alarma. Estado de alarma que podían aproveitar para facer algo como asegurar o traballo e a empresa, e nacionalizar XA as plantas de Alcoa e Alu Iberica.

Pero, se non o fixeron co sistema sanitario e coas empresas farmacéuticas e de suministros no peor momento da epidemia, por qué o van facer agora?, se é mais fácil usar o estado de alarma para mandar calar ó pobo traballador que para poñer a andar as empresas expropiándollas ós ladróns que as posúen.

Vivimos épocas estrañas nas que xusto os que máis protestan son os caseiros, os terratenentes, os amigos dos curas pederastas, os toureiros, os inversores en fondos como Parter e os engominados de “colexio privado”. A clase de impresentables que pensan que Domenech, o comprador de Alu Iberica, é un empresario emprendedor dos que levantan as economías dos estados. Os que máis protestan son os que comezan a ver que se lles acaba o conto porque o réxime que lles deu de mamar estes corenta anos comeza a agotarse. Evidentemente o pobo traballador non pode fiar nesa banda capitalista de saqueadores do público; lembremos a Gurtel e a centena de casos de corrupción nas que están envoltos.

Pero tampouco pode fiar no goberno débil de PSOE e Unidas Podemos, que demostrou sobradamente que non ten intención ningunha de garantir os direitos dos traballadores / as: a defensa a ultranza da vicepresidenta de economia da reforma laboral, demonstra que os direitos da clase traballadora non son os direitos a defender, senon os da CEOE e a banca.

A clase traballadora debe organizar XA o seu propio bando para obrigar a que se nacionalicen as empresas como Alu Ibérica e Alcoa, para asegurar o traballo e a transición ecolóxica que precisamos, asegurarnos as medidas de protección fronte ó virus, e en fin, para que os dos “colexio privado” calen un pouco a boca e se poñan a traballar coma todo quisque, que facendo desfiles con bandeiriñas dun réxime en crise non se levanta unha economía.

Mas non umha nacionalizacón “temporal” como propon a Unión Europa, que so vai servir para resgatar ás empresas socializando as perdas, para despois devolverllas ao capital privado, aos “emprendedores”; senon umha nacionalización no cadro dun control obreiro que planifique democraticamente os recursos ao servizo das necesidades sociais.

É obvio que esta nacionalización non colle dentro dos estreitos marxes dun rexime construido ao servizo dos “emprendedores” de “colexio privado”, senón esixe umha organización social e politica da clase traballadora, disposta a levalo ate o final, ata a ruptura con ese Rexime e a Unión Europa, e a transformación socialista da sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 26-05-2020 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
nin olvido nin perdon
O colapso da sanidade publica, o acontecido nas residencias de maiores e en todo o sistema sociosanitario, a incapacidade industrial para nos dotar de material de seguridade (mascaras, respiradores, EPIs, test, etc.), ten uns responsabeis directos: todos aqueles que durante anos aplicaron politicas de recortes, privatizacións e desindustrialización, pechando camas hospitalarias, privatizando servizos, destruindo miles de postos de traballo no sector socio sanitario, e deslocalizando empresas a paises coa man de obra máis barata, .... os empresarios, os inversors e especuladores financeiros; e os seus xestores da Unión Europea e os gobernos do PSOE e do PP, tanto a nivel estatal como nas CCAA.

Eles foron os que destruiron os servizos publicos que, de estar o completo,poderían xestionar doutra maneira a grave pandemia.

O actual goberno é responsable de non ter actuado con toda a contundencia contra os desastres que gobernos de autonomias como a de Madrid estaban a provocar. Deixaron facer, e pasou o que pasou. Foron mais contundentes noutros casos, recurrindo á Lei Mordaza do PP e a medidas represivas. Desaproveitaron o "mando único" que non so debeu ser para coordinar, senon para actuar onde a traxedia cerniase como foi nas residencias de maiores, coas mascarillas a precios de ouro ou coas empresas que obrigan a traballar sen medidas de protección adecuadas.

PP e PSOE debilitaron os servizos publicos coas suas privatizacións e non son quen de prometer ningunha rectificación; eles van seguir confiando nas leis do mercado, na propiedade privada, para agora "sair" da crise no que nos meteron. Faise preciso desenvolver as frontes unicas contra os gobernos e todos aqueles que queren sair da crise da man dos que nos meteron no lio.

Nin olvido nin perdon: Corrente Vermella apoia a mobilización que estase a impulsar para comezos de Xuño, para esixir responsabilidades polo acontecido nas residencias de maiores galegas, onde a Xunta do PP ainda non deu datos fiabeis do acontecido.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 12-05-2020 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
FRONTE Á RECONSTRUCIÓN DA ECONOMÍA O SERVIZO DO CAPITAL
UN PLAN DE CHOQUE SOCIAL

O que venderon como mellor sistema do mundo, o capitalismo, demonstrouse absolutamente inútil para enfrentar a pandemia e salvar vidas; foi o maior atranco a adopción das medidas imprescindibles para a defensa da saúde publica, desde a sanidade privada que mantívose o marxe da loita contra o Covid, mentres os hospitais públicos eran desbordados, ate a traxedia das residencias de maiores maioritariamente privatizadas, ou as esixencias constantes da patronal de abrir os centros traballo, houbera ou non medidas de seguridade.

A Xunta de Feijoo, tras a reunión do comité de Expertos para a reconstrución da economía, non deixa lugar a dubidas, a saúde publica non lle importa nada, toda a sua preocupación é “dotar de seguridade xurídica e certeza” aos empresarios, e que vai facelo desde o punto de vista “empresarial”. Tras a demonstración da inutilidade do capitalismo, é un insulto á poboación traballadora dicer que hai que reconstruír a economía desde un “un punto de vista empresarial”.

O que propón a Xunta é evidente; os beneficios e as contas dos empresarios e autónomos están por riba da seguridade dos traballadores e traballadoras, que poden ir a traballar aínda que sexa obvio para todos e todas que para outono vai haber outra onda de Covid 19, pois non ha vacina, segue sendo tan contaxioso como o comezo e ainda non se chegou o que os especialistas chamase “inmunidade de grupo”.

Garantir a saúde d@s traballador@s é o primeiro, é indiscutible, non é negociable con ou sen camas sobrantes nos hospitais. Non se pode permitir que ninguén adoeza se se pode evitar. Temos diante de nós un virus aínda descoñecido e, polo tanto, todo o coidado é pouco. Mas á Xunta e o seu comité de expertos preocúpalles mais a “seguranza” dos negocios dos “empresarios e autónomos”.

Tan pouco lle preocupa esta segunda onda, que xa despediron a centos de sanitarios e sanitarias que contrataran eventualmente, porque “xa non fan falla”, como se antes a Sanidade estivera no paraíso; non abren as camas hospitalarias pechadas estes anos, nin rompen cos concertos coa sanidade privada (POVISA, Quiron, HM, Rosaleda, etc.) para contar cos seus medios.

Frente a este recoñecemento aberto da Xunta de que goberna “desde o punto de vista empresarial”, aínda non se escoitou as cúpulas sindicais denuncialo nin chamar á clase traballadora a organizarse frente a umha “reconstrución” o servizo dos negocios de “empresarios e autónomos”; que esperan, entrar a negociar con esta Xunta?

Pola contra, as direccións sindicais e políticas temos que nos prepararnos para facer frente a desescalada que a Xunta e os empresarios/as teñen preparada e rexeitar estas medidas que como fan as e os traballadores/as de NISSAN, Alcoa, etc.

Corrente Vermella opina que as organizacións da clase obreira non poden entrar a negociar absolutamente nada; senón que temos que presentar unha frente de defensa da “seguranza” dos traballadores / as, un Plan de Choque Social, comenzando polos sanitarios e sanitarias, e con eles, o conxunto do pobo traballador que vai sufrir o desleixo da Xunta dos empresarios:

- Rompendo os concertos coa privada, nacionalizándoa e contratando o persoal sanitario necesario
- Para nacionalizar as residencias de maiores e evitar a traxedia que a súa privatización causou, tomando o control das empresas que podan fabricar respiradores, UCIs, e demais medios para combatir a pandemia...
- Para que os traballadores / as podan ir os centros de traballo con seguridade, pechando os que sexan precisos, e con mascaras e as luvas necesarias para garantir a saúde publica.
- Moratoria do aluger e hipotecas para a clase obreira.
- Nin EREs, nin rebaixas do salario, basta de precariedade laboral.
- Ningún recorte nin privatizacións dos servizos públicos, renacionalización dos privatizados.


Como eles mesmos recoñecen, a Xunta do PP é o maior atranco para a adopción de medidas de choque social e cada que pasen na Xunta mais problemas vai ter a clase traballadora e o pobo, poren, temos que comenzar urxentemente umha verdadeira campaña unitaria para botarllos fora da Xunta, a través dun plan de mobilización social discutido e aprobado desde a base, no momento que se relaxe o confinamento, e sen esperar a procesos electorais nos que todo xogase ao voto individual.

Non fiamos para nada nun goberno, o central, que tomou o “mando único” para aplicar a lei mordaza e as medidas represivas, mentres non facía nada ante o desastre das Residencias de Maiores ou a sanidade privada, que seguía baixo competencia das CCAA. Puideron evitar desastres como o de Madrid, e non moveron un dedo... Poren, se para adoptar este plan de choque social hai que romper co estado español e o “mando único”, rompese.


FORA A XUNTA DO PP E FEIJOO
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 08-05-2020 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Alcoa, Parter / Alu Iberica, Riesgo... que será o seguinte?

Nun momento no que a empresa privada tem demonstrado a súa inutilidade para respostar aos problemas de saúde pública ante a pandemia de Covid 19, co sucedido nas Residencias de Maiores, en mans de fondos de investimento e grandes empresas, como feito máis tráxico, a antiga Alcoa cambia de mans, vendida por Parter ao Grupo Riesgo; unha empresa da que hai serias dúbidas da súa solvencia.

Esta é a lóxica infame do capitalismo, dá igual que sexan seres humanos ou aluminio, o que interesa a calquera empresa é facer caixa a final de ano; xa sexa especulando como Parter, xa sexa aumentando a explotación dos traballadores /as. O que conta é repartir beneficios. Por iso, desde Corrente Vermella sempre defendemos que a única solución para defender os postos de traballo en Alcoa e o futuro industrial de tres comarcas, a da Mariña, aínda en mans de Alcoa, a de Aviles e a de Coruña, pasaba pola nacionalización das empresas.

A ameaza do peche é máis que real e a solución non é nin a venda a Parter, como se demostrou, nin a solución que buscaban desde Aviles, aceptando a entrada de Quantum só na súa fábrica e pechando as demais, nin moito menos, a de quedar en mans de Alcoa, como se está vendo en San Cibrao.

Hai xa dous anos que Alcoa quixo pechar as fábricas, e grazas á loita dos traballadores e traballadoras foise postergando até o acordo con Parter; pero o peche do aluminio primario no Estado Español é unha realidade e non só afecta a Aviles ou Coruña. Aos capitalistas sáelle máis barato producir en Arabia Saudi, unha das ditaduras máis sanguentas do mundo, ou ben importalo de China cun exceso de produción brutal. A falta de plans industriais, primeiro de Parter e agora de Risco, asi como os peches de cubas en San Cibrao demostra cal é o obxectivo real de todos eles, especular e punto.

O aluminio é un material necesario para multitude de usos sociais, desde o automovil até o papel de aluminio de uso diario; se o Estado Español queda sen fábricas de aluminio primario, os procesos industriais posteriores (extrusión, farmaceutica, etc.) terán que importalo de China, Arabia Saudita, de Islandia ou de Noruega. E xa se ha visto que cando un estado se desindustrializa, ante un acontecemento como o Covid 19 a resposta queda en mans das compras que se poidan facer aos que se apostan pola industria.

A nacionalización ten un dobre sentido, un, defender todos os postos de traballo, non só os da matriz, senón os das empresas auxiliares normalmente os máis precarios e os primeiros en desaparecer, dous, sentar as bases dun plan industrial imprescindible para que unha sociedade teña os medios materiais necesarios para desenvolverse. Por iso, non vale calquera nacionalización que rescate ao capital privado, chámese como se chame, e despois de “saneada” póñana á venda; senón unha nacionalización baixo control obreiro, que poña ao servizo das necesidades sociais.

Nesta crise do Covid 19 Alcoa-San Cibrao foi considerada polo goberno industria esencial, certo, pois como tal industria esencial teñen que ser nacionalizada con todas as demais, as electricas primeiramente; acabando así, cun dos lastres que ten a industria electrointesiva no Estado Español, ter que pagar a enerxía máis cara de Europa.

Esta é unha das consecuencias fundamentais da pandemia do coroa virus, o capitalismo en todas as súas manifestacións ou ben mata directamente, como as residencias de maiores, ou ben destrúe postos de traballo empobreciendo sociedades enteiras; de calquera xeito, a loita en defensa de todos os postos de traballo, en Aviles, en Coruña ou en San Cibrao, pasa por enfrontar a propiedade privada que só busca beneficios, enfrontando a uns con outros; dividindo-os coma se fosen problemas diferentes.

Aquí non cabe o “salvese quen poida”

O goberno “de progreso”, cunha ministra de Traballo “comunista”, non pode permanecer impasible ante esta nova manobra contra os traballadores e traballadoras do aluminio (dos tres centros!). A anterior ministra do PSOE, cando se lle esixiu nacionalizar as empresas, ao comezo do conflito, dixo que iso era facer “comunismo”; pois ben ministra “comunista”, este goberno ou toma medidas activas, nacionalizando xa o tres fábricas, ou demostra que o de “progresso” é pura fachada.

A recorrente crise do aluminio en Estado Español demostra que aos capitalistas pouco impórtalles a saúde publica e os empregos, cando de beneficios trátase. Á saída do confinamento, que xa se está relaxando, as organizacións obreiras e sociais deben ter como eixo a mobilización contra as raices que trouxeron aquí, a propiedade privada de fábricas, residencias de maiores, de hospitais privados non tocados ante o Covid, de empresas esenciais non postas ao servizo de traballar contra a pandemia como as farmeceuticas.

Para Corrente Vermella, ou se combaten esas politicas, ou se seguirá confiando en que veña un capitalista “bo” que saque á clase traballadora do abismo social. Os e as traballadoras do aluminio non poden confiar nin en Alcoa, nin en Parter/Quantum, ou Riesgo; só nas súas propias forzas e autoorganización para loitar por un plan industrial de futuro ao servizo das necesidades sociais, e decidido democraticamente.

En defensa de todos os postos de traballo
NACIONALIZACIÓN XA!

Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 04-05-2020 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal