A debilidade é grande e a tarefa ardua, pero a necesidade histórica de construir unha alternativa global ao capitalismo é mais evidente e urxente que nunca.

O meu perfil
correntevermelha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Galicia: a clase obreira en escena, construíndo a unidade desde a base

Algúns poderían esperar que a maioría absoluta do PP nas últimas eleccións galegas ían garantir paz social, e nada máis lonxe da realidade. Desde que as gañou, as mobilizacións sociais non deixaron de crecer en extensión e cantidade de xente mobilizada, cunha dinámica de aumento de resistencia aos plans da Xunta de Feijóo.
Comezaron en decembro as traballadoras de política social contra a perda dos seus postos de traballo, como persoal laboral da Xunta, folgas en Ferroatlántica contra as ameazas sobre os postos de traballo, traballadoras do téxtil e Pescanova, traballadores/as de Correos, que se sumaron ás folgas nacionais e estatais no ensino, telemarketing e a conflitividade nos Portos.
Pola súa banda, as Marchas da Dignidade convocaron unha importante manifestación que foi aproveitada por sectores sociais para expresar a súa unidade fronte aos ataques, cos e as pensionistas á cabeza, mentres o domingo 5 e o 8 de marzo, miles de mulleres saían á rúa para esixir os seus dereitos, continuou o 10 de Marzo, Dia da Clase Obreira Galega e seguiu o 16 de marzo coa manifestación unitaria de varios sectores, en Santiago contra a precariedade laboral do persoal das administracións públicas, convocada desde a base.

A reorganización política
Neste tres longos anos de período electoral, foi cristalizando politicamente as réplicas sociais do terremoto do 15M e as Marchas da Dignidade do 22M do 2014. Primeiro foi a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), despois, a nivel estatal, Mover Ficha. Viñeron as Europeas e Podemos galvanizou electoralmente todo un sector do activismo. O pasado ano foron as Mareas municipalistas, Unidos Podemos, etc., que viñeron encher o espazo á esquerda do PSOE e EU, e en parte, do BNG.
En Marea, sucesora de AGE, é un claro paso atrás pois se sitúa desde o principio no marco Constitucional. Como dixo o seu portavoz o xuíz Villares,”todo dentro da lei, nada fóra da lei”. O BNG puido aguantar o tirón sen deixar o nacionalismo, con lemas vagamente rupturistas e mantendo a dirección da CIG.
A reorganización política está, neste momento, dentro dos límites do réxime burgués e cun programa socialdemócrata, sen estruturas e raíces na clase traballadora, nin sequera na súa base social, as clases medias asalariadas e a mocidade. Pero non é un fenómeno pechado, porque a crise do réxime monárquico non axuda e obrígalles constantemente a facer chiscadelas á súa esquerda, mais se é un feito que cristalizou ao redor dun programa socialdemócrata progresista con saudade do pasado do Estado do Benestar.

A reorganización sindical está nos seus comezos
Despois de anos de paz social, a clase obreira, como vimos, comeza a facer acto de presenza nun marco determinado por un gran retroceso na conciencia de clase imposto, entre outras, pola precarización das relacións laborais, e ligado á dexeneración e crise dos sindicatos estatais maioritarios, CCOO e UXT.
A CIG, ademais de ser parte do proxecto político do BNG, esta ligada a través das subvencións, cursos e liberados, ao aparello do estado; por iso, aínda mantendo un pasado combativo, a CIG está na pendente da burocratización e a acomodación na rutina sindical, como se manifestou abertamente en conflitos como o de Política Social/Consorcio.
A paz social destes anos tiña unha base material na conciencia da xente, moitas persoas creron iso de que “cando chegue a recuperación, todos/as beneficiarémonos”; pero isto era mentira, e obviamente non está a suceder, senón que seguen quitando dereitos.
Ante esta situación as direccións sindicais seguen coas mesmas receitas que no pasado de “bonanza”, o que lles permitiu ás empresas repartir algunhas migallas. Non entenden que iso se acabou, que hoxe as empresas necesitan máis precariedade, baixar os salarios, seguir destruíndo emprego; que para recuperar a taxa de ganancia teñen que aumentar a explotación da clase obreira e destruír ata as raíces as conquistas do Estado do Benestar, e que a Xunta, como todos os gobernos, actúan en consecuencia, como goberno burgués defende os intereses da súa clase.
Non entenderon nada de todo isto, por iso seguen coas súas receitas do sindicalismo de negociacións de salón, confiando no seu ?labia? e ?despacho?, cando enfronte o que hai son representantes dunha clase social, o capitalismo, que declarou a guerra á clase obreira e o pobo. Créronse as mentiras da democracia burguesa, de que podemos ?recuperar? os dereitos a través dun pouco de presión, un moito de negociación e un nada de asembleas decisorias onde non só os delegados e delegadas, senón os traballadores e traballadoras expresen a súa vontade.
Este choque entre unha realidade de loita de clases exacerbada e unhas políticas sindicais conservadoras, rutineiras, abre ocos polos que entra a loita espontánea dos traballadores e traballadoras. Como en política non existe o baleiro, estes ocos énchenos as persoas traballadoras como poden, apelando a pequenas organizacións como a CUT, SAGAP, PROSAGAL, COBAS, Modepen, etc. Todas teñen unha característica, expresan o cambio na relación entre a clase traballadora e as súas organizacións de sempre.
Pero non confundamos, este cambio na relación de confianza non garante que automaticamente vaian xurdir novas organizacións, mellores que as anteriores. A conciencia antipartido e antiorganización, a decepción e a pasividade, a radicalización ultraesquerdista, expresado no individualismo na resposta aos ataques, son ?monstros? que sempre están presentes na clase obreira.
A crise, as políticas da UE e a Xunta, os recortes e as privatizacións impoñen a máis ampla unidade na resposta; é criminal soster que é posible responder á virulencia destes ataques desde a autoafirmación sectaria. O camiño da reorganización das forzas sindicais e políticas da clase obreira é longo, e pasa por construír ferramentas unitarias de loita, por encima de siglas, para enfrontalos.
O sindicalismo de clase, combativo e democrático, baseado nas asembleas de base decisorias, tamén se reorganizará cando se entenda que a defensa da unidade da clase obreira pasa polo respecto aos dereitos nacionais do pobo galego.
O camiño que está a comezar é longo, e non exento de problemas; mais, imprescindible para enfrontar as políticas mentireiras e hipócritas dos gobernos de quenda.
Por iso a mobilización unitaria o pasado 16 de marzo en Santiago, do persoal traballador precario da administración pública, en defensa dos postos de traballo e dos servizos públicos é un bo comezo para avanzar e consolidar esa unidade da que partiu.

O cansazo ante tanta mentira
Feijóo, e os medios que subvenciona (todos), non se cansan de repetir que Galiza está “preto de alcanzar os niveis previos á crise”. E isto é unha mentira como unha casa. Nos anos de goberno do PP 234.000 galegos e galegas tiveron que emigrar, un 10% da súa poboación, 66 mil novos no últimos catro anos. Así o PP pode dicir que en Galicia o paro non é tan alto como noutras zonas do Estado: expulsando aos parados calquera non maquillas as cifras.
Este proceso baséase nunha calculada política de desindustrialización, coa caída de dous puntos na súa achega ao PIB, e apostando abertamente por unha economía ao servizo dunha Galicia “colonizada”, a “marisquería” de España, ... , baseada na máis absoluta precariedade -máis de 7 millóns de contratos de traballo asinados nos últimos díez anos, e os baixos salarios, onde se perderon máis de 100 mil postos de traballos, que aínda non foron recuperados.
Mentres Feijóo alardea de “Galicia Calidade”, o prezo do leite segue sendo o máis baixo do Estado sendo o primeiro produtor, as eléctricas contaminan coas súas térmicas e os seus encoros, mentres o pobo galego paga o mesmo prezo que o resto do estado e os seus impostos páganse en Madrid; os estaleiros piden esmolas á Unión Europea sen ter un plan a longo prazo, que permita aos traballadores/as non estar no fío, ou se segue prohibindo nos feitos a construción de buques civís no estaleiro máis moderno do Estado.
Todas estas mentiras, evidentes, están a acumularse entre a poboación traballadora, e non o dubidemos, como cando Nunca Mais, o feito máis imprevisible faraas explotar.



Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 28-03-2017 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
O 16 DE MARZO, DIANTE DO PARLAMENTO EM COMPOSTELA
CORRENTE VERMELLA SUMASE Á CONVOCATORIA DA PRIMEIRA MARCHA DO PERSOAL PRECARIO DAS ADMINISTRACIÓN PÚBLICAS

Este mes de marzo fai un ano que o persoal eventual do Sergas convocados polos sindicatos de SAGAP e PROSAGAL, sairon á rúa para denunciar a precariedade de seus contratos e a falta de direitos como persoal de segunda respeito ao persoal do fixo, todo elo contra das cúpulas dos sindicatos maoritarios no sector.
Este 16 de marzo a esta marcha sumanse outros coletivos, como Forestais, Política Social, Consorcio de Igualdade e Benestar, Bibliotecas Públicas, traballadores da CRTV, ....á invitación feita, vendo que ten en fronte ao mesmo patrón, a Xunta.
Dende que se "declarou" a crise económica, os e as traballadoras de todas administracións do Estado español estamos sufrindo grandes recortes en dereitos laborais.
O goberno da Xunta, como ven demostarndo dende fai 8 anos é un alumno aventaxado aplicando as políticas do goberno central e da UE, para reducir o déficit, entregando ás empresas privadas os servizos públicos. Este ano coa lei de acompañamento prantexase a funcionarización do persoal laboral da Xunta, um suposto “agasallo” que nas súas mans convertinse unha ferramenta para destruir postos de traballo, un ERE encuberto.
Con esta funcionarización do persoal laboral da Xunta non ofrece estabiliade nun sector onde a eventualidade en alguns casos chega ata 90% dos cadros de persoal, negan a posibilidade de indemnización de miles de contratos en fraude de lei, e también significa a perdida de dereitos e condicións salariais, anulando melloras como a incorporación das traballadores do Consorcio de Igualdade ao V Convenio de laborais.
O pasado mes de decembro as traballadoras de Política Social comenzaron a se mobilizar contra esta lei, ante o silencio cómplice das cúpulas dos sindicatos maioritarios. Elas coñecen ben o que supon este caramelo envenenado.
¡Usuarios/as e traballadores/as, defendamos os servizos públicos, defendamos os postos de traballo !
A falta do persoal afecta á calidade dos servizos prestados e por ende a todos e todas as usuarias.
A defensa dos postos de traballo e recuperar os que se perderon é inseparable do rexeitamento da súa privatización, e esixir uns servizos 100% públicos
Por iso os e as usuarias xunto cos traballadores/as dos sectores afectados ten que unirse e participar desta mobilización, como nas que veñan NA DEFENSA DOS POSTOS DE TRABALLO E OS SERVIZOS PUBLICOS.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 15-03-2017 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
8M: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA
É TEMPO DE LOITAR CONTRA A DESIGUALDADE

O 8 DE MARZO VOLVEMOS ÁS RÚAS!!


As mulleres cada vez máis e en moitas partes do mundo, estamos a saír ás rúas para loitar contra os ataques que os gobernos están a levar a cabo cara á clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos desta. As mobilizacións contra todas as opresións, os feminicidios e outras formas de violencia machista, toman cada vez máis forza. Unha violencia contra as mulleres, as persoas imigrantes ou os sectores LGBTI, é apenas a expresión máis visíbel da violencia económica, política, social e policial, deste sistema capitalista.

Aquí no Estado español, nós tamén resistimos. Coas Marchas da Dignidade, coas Plataformas que se están organizando en defensa das pensións públicas, na loita pola educación pública, contra a violencia machista. Porque nós, as traballadoras, as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, estamos a recibir os peores golpes das sucesivas reformas laborais, os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos e o saqueio da hucha das pensións.

Seguen os feminicidios
Unha vez máis, comezamos o ano con 15 mulleres asasinadas por violencia machista, das que só dúas denunciaran. A peor cifra rexistrada desde o 2008. Unhas mortes que mostran en toda a súa crueza a falta de recursos materiais que teñen moitas mulleres para escapar desta violencia, a desconfianza nun sistema xudicial que segue infestado de estereotipos machistas e o fracaso dunha Lei insuficiente á que nunca e menos desde que estalou a crise, dotouse do orzamento necesario.

E seguimos á cabeza do paro, a precariedade e a pobreza.
Segundo datos da EPA, o desemprego feminino sitúase nun 20%, tres puntos por encima do dos homes.

Actualmente hai 2.624.500 traballadores/as a tempo parcial, a maioría de forma involuntaria. Unha cifra que creceu nunhas 400.000 persoas desde que comezou a crise. Delas, o 73%, son mulleres. O principal motivo que aducen é ter que encargarse do coidado de menores ou persoas dependentes ou outras responsabilidades familiares. E é que as mulleres nos vemos obrigadas a levar a cabo máis de dous terzos dos 144 millóns de horas diarias de traballo non pagado de alimentación, hixiene e coidado dos demais.

A brecha salarial entre homes e mulleres non deixou de crecer, chegando ao 24 % nos sectores máis feminizados. Case o 70% de quen cobran o salario mínimo son mulleres.

Como consecuencia de todo iso, a prestación contributiva que recibimos é de media de 703 euros, fronte aos 869 euros dos homes e as nosas pensións son un 31% máis baixas. Dous millóns de persoas perciben pensións de xubilación por baixo do limiar de pobreza, das que o 67,3%, son mulleres. Pensións miserables despois de traballar toda a vida.

A brecha nas prestacións de desemprego, así como a diferenza das nosas pensións, é a expresión do machismo social existente e de toda-las discriminacións que sufrimos as mulleres no mercado laboral.

A esta situación hai que sumar a das empregadas de fogar, que en moitos casos non están nin sequera dadas de alta na Seguridade Social e no caso das mulleres inmigrantes, ademais da precariedade laboral e o machismo teñen que enfrontar o racismo e a xenofobia que é promovido en primeiro lugar polas políticas do goberno central e autonómicos, ou desde moitos Concellos.

O exemplo da Revolución Rusa
Este 8 de Marzo ten un significado especial para Corrente Vermella, xa que se cumpren 100 anos da Revolución Rusa. Unha revolución obreira e popular que comezou precisamente coa iniciativa espontánea de miles de mulleres obreiras téxtiles, que se lanzaron á rúa en demanda de Paz, Pan e Terra.

Aquela foi unha revolución vitoriosa en que as mulleres conseguiron grandes avances. Unhas conquistas que lamentablemente foron destruídas polo estalinismo e hoxe, para a vergoña e humillación de todas as mulleres do mundo, na Rusia capitalista de Putin, se descriminaliza a violencia machista a mulleres e nenas/os.

Cando o sistema capitalista mostra toda a súa podremia e miles de mulleres saen á rúa en todo o mundo, alertamos de que non será posible conseguir ata o final nin un só dos dereitos que hoxe nos son negados unha e outra vez, sen enfrontar as medidas que banqueiros, empresarios e gobernos imperialistas ao seu servizo, veñen implementando. Trump é a expresión máis clara e elocuente de como a burguesía imperialista utiliza as opresións para dividir á clase, para poder descargar os seus plans de sobrexplotación ás mulleres e ao conxunto da clase obreira, para tentar facer saír á economía capitalista da súa profunda crise e recuperar a taxa de ganancia dese 1% privilexiado, que acapara a maioría das riquezas a nivel mundial.

Reivindicamos os ensinos da Revolución Rusa e o papel que as mulleres xogaron nela, non como un feito histórico que mirar con nostalxia do pasado, senón como un exemplo a seguir e unha referencia que necesitamos coñecer para a revolución socialista que hoxe, cen anos despois, é máis necesaria que nunca.

Pola unidade de todas as loitas!
A situación das mulleres traballadoras co novo/vello goberno do PP non vai mellorar, pois as raquíticas subidas do SMI en 50 euros, do 0,25% en pensións ou o lixeiro incremento no orzamento para educación, sanidade, protección contra violencia machista ou dependencia aprovados no seu día, non logran reverter o efeito dos recortes de anos anteriores. Iso sen contar con que coa "inestimable" axuda do PSOE, non dubidará en continuar pola senda dos recortes, as privatizacións e as reformas estruturais que sexan necesarias para cumprir coas esixencias da UE e o FMI.

É imprescindible enfrontar este goberno, inimigo da clase traballadora, ao que non é posible derrotar mediante unha oposición institucional conforme ás regras do xogo desde o parlamento, senón mediante a loita e a mobilización na rúa. Máis que nunca, as mulleres traballadoras necesitamos organizarnos xunto a nosa clase, combatendo o machismo en todos aqueles lugares onde participamos e construír en unidade con todas as organizacións sociais, políticas e sindicais de clase, así como co movemento estudantil, un 8 de Marzo unitario, de clase e combativo.

Hai que seguir rodeando de apoio e solidariedade a todas as mulleres que loitan polos seus dereitos como é o caso en Andalucía das xornaleiras de Agrícola Espino e Baena Franco, ás que se quere facer cómplices da fraude cometida polo empresario que as contratou. Ou a das traballadoras do 061, 112 e Saúde Responde, que sofren as consecuencias da privatización dun servizo tan imprescindible como é o servizo de emerxencias sanitarias. Ou a das Mulleres estibadoras do Estado que están a loitar de xeito conxunto cos seus compañeiros na loita contra o decreto que o goberno pretende imporlles para "liberalizar" o sector. E tantas otras.

Dende Corrente Vermella chamamos a participar a dar continuidade á mobilización despois do 8 M, participando na Folga Estudiantil e da Comunidade Educativa o 9 M, e na Manifestación do Persoal Precario da Xunta o 16 M em Compostela.

E o próximo 8 de Marzo, todas e todos á rúa para esixir:

---Emprego estable e salarios dignos! Derrogación de toda-las reformas laborais! A igual traballo, igual salario! Non á precariedade, EREs e ERTEs!
---Pensións públicas dignas a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado!
---Nin unha menos! Esiximos recursos suficientes para prevención, atención e protección inmediata de todas as mulleres e de toda forma de violencia machista.
---Orzamento para a Lei de Dependencia! Educación, sanidade e servizos públicos de calidade!
---Non ao pago da débeda!
---Aborto público, libre e gratuíto na Seguridade social
---STOP homofobia, lesbofobia, transfobia e discriminación por orientación sexual!


Secretaría estatal de Muller de Corrente Vermella
Comentarios (0) - Categoría: Estado Español - Publicado o 04-03-2017 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal