A debilidade é grande e a tarefa ardua, pero a necesidade histórica de construir unha alternativa global ao capitalismo é mais evidente e urxente que nunca.

O meu perfil
correntevermelha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

25 N: ¡Ni violencia nin corrupción!
O DIÑEIRO PÚBLICO PARA PROTECCIÓN E ATENCIÓN AS MULLERES

O orzamento estatal destinado a previr a violencia machista e atender ás mulleres que a sofren, diminuíu até un 23%, desde o 2010. As políticas e organismos destinados a executar as leis de igualdade a nivel estatal recortáronse un 50% desde que empezou a crise, sobre todo a partir do Goberno de Rajoy.

Ante o goteo continuo de mulleres asasinadas, o recorte social aos programas para previr estas mortes indigna aínda máis cando case cada día destápase un novo caso de corrupción. Os 23,7 millóns para programas de prevención e atención á violencia machista nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2015, son case un insulto se se comparan cos máis de 160 millóns de euros en contratos amañados destapados pola “Operación Púnica”, ou os máis de 1.300 millóns cos que o goberno salvou á empresa ACS de Florentino Pérez, ou o diñeiro para a Igrexa católica e a Monarquía.

O gasto estatal en Políticas de muller e contra a violencia machista reduciuse en 17 millóns en catro anos

Este recorte afecta tamén aos gobernos autonómicos de todo signo político que, fieis ao pago da débeda cos bancos, e ao límite en gasto social e en déficit que lles impón o goberno central, recortaron en políticas de igualdade unha media dun 32%. A isto hai que sumarlle a reforma local que entrará en vigor o ano que vén e que directamente impide aos Concellos pór en marcha programas de igualdade e contra a violencia machista, con financiamento propio.

Mentres, o goberno segue con discursos vagos de promesas e medidas que nunca cumpre por falta de orzamento, e sobre todo por falta de intención e de políticas para reducir á mínima expresión esta secuela social. Insisten en “animar” ás mulleres a denunciar, pero saben moi ben que se o número de denuncias non aumenta- só 12 das 47 mulleres mortas este ano, o fixera-, débese ás numerosas trabas e fallas xudiciais que existen. E sobre todo débese a que as mulleres teñen medo e non senten suficientemente apoiadas. As sucesivas reformas laborais aprobadas por este e o anterior goberno manteñen á maioría das mulleres en desemprego ou con precariedade laboral.

Os recortes en sanidade e educación cárgannos co peso das tarefas de coidados de persoas menores, enfermas ou dependentes. As dificultades para acceder a unha vivenda digna con centos de desafiuzamentos diarios obrígannos a convivir co noso agresor. As mulleres traballadoras cada vez temos menos recursos para escapar da violencia machista.

A organización e a loita é a única saída

Sobran motivos para facer do 25 N un día de loita e de combate de toda a clase obreira, e non só para “as reivindicacións feministas”. As recentes mobilizacións pola retirada da reforma do aborto son o exemplo a seguir e a mostra de que a loita serve e é o único camiño.

O machismo divide e debilita á clase traballadora fronte aos ataques que estamos a sufrir, por iso somos as organizacións populares, sindicais e políticas de clase, as que debemos pornos á cabeza desta loita.

É necesario derrubar na rúa sen esperar ás urnas a este goberno burgués e machista e este réxime podrecido e antidemocrático. Porque mentres atacan coas súas medidas á clase traballadora e ás mulleres en particular dentro desta, amparan e protexen a corruptos e corruptores que seguen roubando diñeiro público con total impunidade. Porque o mesmo que impiden o dereito democrático das mulleres a dispor sobre o seu corpo, declaran ilegal o dereito dun pobo a votar sobre o seu futuro, e non nos deixan decidir sobre a monarquía, que é a principal institución do réxime.

Porque a recuperación económica da que nos falan é só para “os de arriba” e á conta de cada vez máis paro, precariedade, desafiuzamentos, recortes sociais e represión para a maioría.

Por todo isto, botar ao goberno e acabar con este réxime, é a primeira tarefa que a clase traballadora temos por diante.

Dende Corrente Vermella sumámonos ás mobilizacións do día 25 de Novembro e esiximos medidas urxentes para previr, atender e protexer ás mulleres contra a violencia machista:

- Recursos e medios suficientes para as mulleres agredidas (centros de acollida, puntos de información, asistencia médica, psicolóxica e xurídica gratuítas, etc..).

- Garantía por parte do Estado dun emprego para as mulleres maltratadas e subsidio de desemprego mentres se lles proporciona. Dereito efectivo e protexido por lei a cambios de postos de traballo e horarios para as mulleres traballadoras agredidas.

- Espazos gratuítos nos medios de comunicación para a difusión dunha cultura contra a violencia cara ás mulleres e os sectores máis oprimidos. Fóra xuíces machistas do aparello xudicial.

- Educación sexual e de igualdade de xénero no ensino público. Fora a relixión das aulas! Non máis subvencións para a igrexa católica.

- Non ao recorte do gasto público. Garderías públicas, gratuítas e de calidade! Non aos recortes na lei de dependencia que nos responsabiliza do coidado de anciáns e persoas con discapacidade.

- Educación, sanidade, transporte e servizos públicos de calidade. Non ás privatizacións!

- Por un parque público de vivendas en aluguer social cos miles de vivendas baleiras en mans de bancos e inmobiliarias, ao alcance das familias máis necesitadas, priorizando aquelas que teñen menores a cargo. Vivendas gratuítas para as mulleres maltratadas sen condicións.

- Prisión e confiscación dos bens de especuladores e corruptos. Que o diñeiro para o rescate aos bancos invístase en seguridade e atención ás vítimas de violencia machista.


VEN CONNOSCO A CORRENTE VERMELLA!

Dirixímonos a ti, activista, loitadora, traballadora ou estudante, non só para que participes con Corrente Vermella nas mobilizacións do día 25 N, senón para que nos axudes a construíla. Porque Corrente Vermella pretende ser unha ferramenta de loita polo cambio social profundo que necesitamos, e para acabar coa explotación e o machismo que sofres cada día.


www.corrienteroja.net; correntevermelha@gmail.com


Comentarios (0) - Categoría: Estado Español - Publicado o 21-11-2014 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Corrupción, o réxime que racha
Non ha día que a poboación traballadora non esperte cun novo caso de corrupción, aos “históricos” casos de Barcenas, Gurtel ou EREs, agora aparecen os cartóns “opacos” de Bankia ou a operación Púnica. Na Galiza temos os nosos casos “particulares”, a Pikachu, a Pokemon e ducias de cargos públicos imputados.

Por moito que teñan quitado dos titulares a Urdangarín e a Infanta, ou “xubilado” a Juan Carlos, por moito que todas as forzas políticas, incluídas as de esquerdas, deixen de pór no centro a critica á monarquía, o certo é que a corrupción atinxe todas as institucións do Estado, desde o mais alto ate calquera concello.

A corrupción é parte estrutural dun réxime, o do 78, que basease no esquecemento e o perdón dos que o longo de 40 anos de ditadura fixeron de “España” a sua finca privada; e así seguen considerándoa. Todo vale para se enriquecer a conta dos orzamentos públicos, sexan do estado, dunha comunidade, dun concello ou dunha deputación.

Por máis que teñan adornado estes anos de “democracia”, este fondo mantívose baixo as formas da democracia burguesa. Mas a corrupción é consubstancial, estrutural ao tipo de capitalismo, español, o “capitalismo castizo”; que nasce, cresce e se desenvolve nas proximidades do aparello do estado, das concesións en infraestruturas ou servizos privatizados, nas recalificacións do chan, nas subvencións para formación ou para a venda de automóbiles. Capitalistas subvencionados que precisan xestores, de alcaldes e “representantes” públicos corrompibles.

Por elo non se pode loitar contra a corrupción sen pór en cuestión o proprio capitalismo e as suas institucións.

Asistimos a unha verdadeira operacion de maquillaxe político, para suavizar e desviar o que está a acontecer. Retiraron o “vello” rei JC, e agora os xuizes lanzan umha campaña de detencións de corruptos.

Con novas caras na institución monárquica, nos partidos institucionais e “novas” forzas políticas, tentan una rexeneración do réxime do 78, sen chamar á

poboación a decidir sobre o seu futuro, do mesmo xeito que queren impedir que o pobo catalán decida sobre o seu. Ven perigrar o edificio que tanto lles custou levantar, e por iso teñen que “cambiar todo para non cambiar nada”.

O 15M gritou desde as prazas e rúas, “chámanlle democracia e non o é” e “non nos representan”; os que din representar este espiritu asembleario e de mobilización social queren reconducir esta forza transformadora a procesos electorais, mudando as persoas nas institucións, salvando as proprias institucións. A mensaxe do 15M, “o problema non son as persoas é o sistema”, convértese no contrario: o problema son as persoas, non o sistema.

Corrente Vermella considera que o 15M tiña toda a razón, o problema é o sistema e as suas institucións, regulamentadas por lei para favorecer a corrupción. Para que os capitalistas teñan acceso directo ás subvencións, ás obras públicas, aos servizos privatizados.

A corrupción esta desmontando todo o réxime non porque exista, senon porque demonstra seu verdadeiro sentido: favorecer aos máis ricos, aos empresarios e banqueiros, mesmo cando son xulgados. O Pte do Consello do Poder Xudicial tivo que recoñecer que a lei está feita para o “robagaliñas” e non para o corrupto.

Para Corrrente Vermella as organizacións sociais e políticas, de novo ou vello cuño, que queiran loiar contra a corrupción, teñen que retomar o que tras a dimisión de JC foi freado por todas, a loita contra o réxime da monarquía, baixo a esixencia dunha Asemblea Constituínte que resolva o carácter republicano do estado, o dereito á autodeterminación das nacións e a recuperación de todos os dereitos sociais e laborais destruídos polo PPSOE.

Corrente Vermella non ten a menor confianza en que desde as institucións actuais sexa posible o cambio; a limpeza do Estado Español só será posible baixo a mobilización autoorganizada da clase traballadora e o pobo. Só desde os centros de traballo, de estudo, desde os barrios e aldeas, pódese facer unha verdadeira democracia, onde a xente decida no día a día cal son as prioridades sociais que se teñen que garantir. Esta é a democracia directa, frente a democracia representativa, que limitase a escoller os cargos que van tomar esas decisións.

Corruptos e corruptores á prisión

Recuperación de todos os servizos privatizados baixo control social

Expropiación das empresas e bens dos empresarios e banqueiros corruptores

Por unha asemblea constituinte escollida polo pobo traballador
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 06-11-2014 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal