A debilidade é grande e a tarefa ardua, pero a necesidade histórica de construir unha alternativa global ao capitalismo é mais evidente e urxente que nunca.

O meu perfil
correntevermelha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O 24 O, todos e todas a Compostela
sen traballo, sen casa, sen sanidade nin pensións, sen estudos
déixannos sen futuro e sen vida


Por moito que os gobernos do PP e os voceiros do capital repitan ata a saciedade que a economía recuperase, este 24 de Outubro, tras a convocatoria das Marchas da Dignidade, imos voltar ás rúas para esixir dos gobernos Pan, Traballo e Teito.
A tan repetida recuperación só afeta aos beneficios empresariais, comezando polos do IBEX 35, os que fai 15 dias xuntáronse na Coruña, que como din o ministro Montoro, están contentos con el. A costa dos salarios e as condicións de vida da poboación traballadora da sociedade, a riqueza dos capitalistas cresceu un 67%. A recuperación basease no incremento das desigualdades sociais, que desmente a falacia da “política do derrame” dos gobernos do PP, segundo a cal, a riqueza acumulada polos mais ricos chegaría ao conxunto da sociedade. A realidade é xusto a contraria.
Diante dista situación, á poboación traballadora non lle queda outro camiño que a loita social, a mobilización na rúa; non depositando nengunha confianza en que umha simple mudanza de persoas nos gobernos garantan, mais aló dos programas electorais, umha outra política ao servizo das necesidades da maioría traballadora.
O rotundo NON en Grecia, que o goberno de Syriza converteu en si, demonstra que as institucións que se manteñen dentro dos marcos da Unión Europea están condenados a facer políticas de recortes e austeridade para que gañen os bancos e os empresarios.
A conquista do Pan, do Traballo e do Teito, así como a defensa da sanidade e os servizos sociais públicos ou dos direitos laborais da clase traballadora só poden garantirse enfrentando aberta e claramente os gobernos e ás institucións que aplican as medidas, e que poñen á sociedade en risco de pobreza xeralizada.
No Estado Español e na Galiza, desde o pasado ano, tras o 22M, vívemos unha situación excepcional de crise dun réxime caduco, que cristalizou na dimisión do vello rei e a tomada o cargo polo seu fillo, mais presentable e “vendido” como a renovación.
Desde ese momento, todas as institucións e partidos do réxime, incluídos os que creceron prometendo o cambio, procuraron a paz social, o encarreiramento da mobilización social nas vías estreitas das eleccións. Mas, a sociedade real segue a se empobrecer, a perder salarios e condicións de traballo, a ver a destrución dos servizos públicos e sociais, mentres asistimos a umha bolla especulativa ao redor dos seguros privados.
O 24O é umha mobilización social que ten nos servir para artellar umha verdadeira MAREA DE UNIDADE POPULAR, para construír desde a base, desde os centros de traballo e estudo, desde os barrios e vilas, a unidade da loita social contra estes gobernos e este réxime caduco. O 24O ten que ser un paso na coordinación dos movementos sociais, da clase traballadora e a maioría social en loita contra as consecuencias da crise capitalista.
O remate da Marcha ao Obradoiro tería que se converter numha verdadeira Asemblea Popular onde se senten as bases desa Unidade. Temos que facer o posible por acordar, “en vivo e en directo”, como imos levar a esos centros de traballo e estudo, a eses barrios e vilas, a necesidade de nos organizar en asembleas populares para loitar.
Corrente Vermella chama á participación na Marcha ao Obradoiro, o vindeiro 24O, polo Pan, polo Traballo, polo Teito, SI!... Mas tamen, na defensa dos servizos públicos e das condicións laborais da clase traballadora, pola derrogación da Reforma Laboral e o Non Pagamento da Débeda, pola desobediencia desde as institucións nas que entrou a “nova política” da lei Mordaza, dos desafiuzamentos, etc. En fin, POLA APERTURA DE PROCESOS CONSTITUINTES QUE GARANTAN UMHA SAÍDA DE CLASE E SOCIAL Á CRISE.
Non collen medida paliativas, senon medidas radicais, que vaian á raiz do problema, o sistema capitalista e as suas institucións, os gobernos, o réxime e a Unión Europea.

UNIDADE PARA LOITAR
POLA DIMISIÓN DOS GOBERNOS
POLA RUPTURA CO REXIME DO 78 E A UE


Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 22-10-2015 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
Cumio do 1%: con uns ou con outros
non ha termo medio

O martes na Coruña xuntánse representantes do 1% que domina a terra, entre eles dous das catro persoas mais ricas do mundo, Isla no nome de Inditex (Ortega) e Slim, o gran capitalista mexicano, alén de outros de mais renome no Estado Español, representantes de grandes bancos e empresas como a xa antedita Inditex, Caixabank, Telefonica, Abertis, etc.. Con eles estarán o rei “vixente”, Rajoy, Feijoo… e o alcalde A Coruña.

Nun cadro no que os traballadores e as traballadoras, a sociedade en xeral ve como o empobrecimento da maioria é a norma mentras estes seguen aumentando as suas fortunas. Nun cadro no que a poboación tralladora están en loita contra as consecuencias dese empobrecemento, como os cadros de persoal de Atento, Alcoa, ex empregados da Fca de Armas na Coruña ou centos delas en todo o estado, ou contra os desafiuzamentos impostos pola banca, contra o desmantelamento de todos os servizos sociais, saude, educación, dependencia, xubilacións, etc., entregados ás grandes empresas e os grande bancos. Que se lle perdeu ao alcalde da Marea con eses representantes do 1 %?

Non debería estar chamando á poboación traballadora, á clase traballadora, a loitar contra as políticas da Unión Europea e os gobernos, coas suas reformas laborais, coa sua precarización do traballo, coa perda de direitos laborais... que se fan-nos mais ricos. Ou as fortunas destes sres caeron do ceo?

Non se pode gobernar para todos e todas, para o que vive do salario numha subcontrata de Inditex, en Atento ou de calquera outra das empresas alí representadas, e para quen se beneficia dese salario de miseria, o capitalista intermedio que fai de capataz e, sen lugar a dubidas a casa matriz. Ha que escoller.

A resposta temo-la que dar desde os centros de traballo e estudo, desde os barrios e vilas, facendo paros e asembleas, organizándonos para loitar desde a unidade de todos e todas, contra os gobernos e as politicas que só beneficían os ricos, os banqueiros e empresarios.

Gobernar para a maioria é gobernar para os asalariados e asalariadas, para esa maioria social empobrecida polas politicas que enriquecen á minoria capitalista, con medidas reais que devolvan á poboaciòn traballadora o que se lles rouba polas leis, os seus salarios, os seus postos de traballo, os seus direitos laborais e sociais, a seguridade social e os servizos sociais.

Gobernar para a maioria é loitar polos direitos laborais, sociais e politicos hoxe postos ao servizo do enriquecimento do 1%.

Con uns ou con outros, non ha termo medio
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 05-10-2015 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal