A debilidade é grande e a tarefa ardua, pero a necesidade histórica de construir unha alternativa global ao capitalismo é mais evidente e urxente que nunca.

O meu perfil
correntevermelha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Eleccións 21O: mais crise politica e mobilizacions
Eleccións 21O: mais crise politica e mobilizacions

A importancia dunhas eleccións no cadro dun réxime burgués non están tanto no seu resultado -sexa o que sexa o seu resultado, vai ser un goberno ao servizo do capital-, mas tamén nas consecuencias que teñen nas organizacións políticas, nas que representan á clase traballadora e o pobo, e nas proprias da burguesía. Umhas eleccións son a visión desvirtuada da realidade social, mas reflicte esa realidade, e a súas consecuencias son lidas en profundidade por todos, mais que mais, nun tempo de crise, cando todas as institucións están postas en cuestión.

Este balance cínguese ás eleccións galegas, aínda que coincidiran no tempo coas bascas, e moitos dos elementos sexan comúns, nomeadamente dous, un, a debacle do partido que ate o de agora representaba ás clases medias e sectores da clase traballadora, o PSOE, segundo, a vitoria pírrica da burguesía, nun caso expresada no PNB, que non obtén a maioría absoluta, noutro o PP que perde 135 mil votos, malia grazas a antidemocrática lei D’Hont, teña a maioría absoluta (2-1=5, é o resultado que da a esa lei, segunda a cal tendo menos votos podes ter mais deputados).

En terceiro lugar a esquerda, Bildu con 21, BNG e AGE (entre estes dous acadaron 16 deputados, mais dos 12 que tiña o BNG só), aínda que en dous casos tiveron bos resultados, o de Bildu semella que non chegaron a cubrir as perspectivas que tiñan, e no caso galego asistimos o afundimento da organización que ate o momento era a expresión política maioritaria da esquerda social galega, o BNG. Pola contra, aparece un novo actor no escenario, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que recolle non só un sector do voto do BNG e o PSOE, mas tamén de sectores da xuventude, do 15M e dos “indignados”.

Se a elo engadimos a abstención/voto nulo/branco, que chega o 40%, resulta que na Galiza o PP vai gobernar co respaldo de 1 de cada catro galegos; ou dito doutra maneira, 3 de cada 4 galegos non votaron ó PP. É certo que van gobernar con 41 deputados, mas que non se trabuquen, non teñen mais apoio social, o envés, perderon apoios; que cara á galería -e para consumo interno na batalla polo control do PP- e nos titulares sacan peito, e tentan que a realidade non lles estrague o titular da vitoria electoral.

Dos resultados xorden outras preocupacións para as forzas do réxime, un, a mencionada debacle do PSOE pon en cuestión o bipartidismo na pata pola que amplos sectores da clase traballadora integrábanse nas institucións do réxime, dous, Feijoo fixo campaña afastándose claramente das políticas de Rajoy e agochando no posible as siglas do PP, e aínda así perdeu votos. Diste xeito, e con diferentes ritmos, os partidos centrais do réxime, o PSOE e o PP, saen tocados das eleccións. Esta claro que as mobilizacións sociais non van parar cos resultados electorais, e malia a “virtual” maioría absoluta do PP, Rajoy sae debilitado mesmo dentro do PP, onde xa existe umha alternativa (Esperanza Aguirre dixit), Feijoo.

Os datos e a lei D’Hont


O PP acadou nas eleccións do 2009 789 000 votos, o 46,68%, o PSOE 524 000, o 31.02, o BNG, 270 000, é dicer, o 16,01, e tiñan 38, 25 e 12 deputados respectivamente. A suma dos dous últimos era do 47% dos votos, que, marabillas da lei D’Hont, dan menos representantes que o 46.68 do PP. Nestas eleccións o PP baixa aos 653.900 votos, é dicer, o 45.72, o PSOE a 293.600, o 20.53%, o BNG fica nos 145.300, 10.16%, e aparece un cuarto en discordia, AGE, con 200.100 votos e o 13.99%. Unha diferenza de 1.04%, e de 17 mil votos resulta nunha diferenza de 7 deputados.

Esa é a maxia da antidemocrática lei D’Hont, que fai que con menos votos e practicamente igual proporción saquen mais deputados e teñan maioría absoluta para facer o que lles pete. É obvio que a responsabilidade desta lei non é do PP, que ben lle ven, senon daqueles, o PSOE e o BNG, que tiveron nas suas mans ha catro anos de denunciala publicamente e non o fixeron, así como de derrogar o tope do 5% para entrar no Parlamento -tope que agora beneficia ó PP pois impide a aparición dunha forza burguesa que compita con el-. O problema é que a sua claudicación as normas electorais antidemocráticas permite que o PP, con toda a sua ristra de ataques á poboación, teña maioría absoluta.

A derrogación destas leis restritivas comeza a se converter numha necesidade para garantir un mínimo de democracia na Galiza e no Estado Español. A anterior restauración monárquica, a finais do séculos XIX, baseouse tamén numha democracia farsa dominada por dous partidos, o conservador e o liberal, que se sucedían no goberno, e un sistema electoral baseado no caciquismo que garantía esa alternancia. Mas era evidente para todos que era umha farsa de democracia, con pouco que ver cun réxime verdadeiramente democrático. O actual réxime monárquico tamén basease nunha farsa democrática, agora fundamentada na lei eleitoral que favorece o bipartidismo e dentro del, o partido mais forte. A denuncia desta farsa foi uno dos eixos do 15M de pasado ano e fai parte da importante crise que teñen as estruturas do réxime actual.

A Alternativa Galega de Esquerdas ou a Syriza Galega

A gran novidade, e dalgún xeito, o triunfador destas eleccións é a AGE, a alianza entre Esquerda Unida e Anova, que acadou uns resultados históricos para umha forza que non ten mais dun mes de vida, con 200 mil votos e 9 deputados. A AGE é resultado de tres elementos chaves, un, a alianza entre umha forza politica que xa viña recollendo a decepcionados do PSOE, EU, e outra en ruptura co BNG, ANOVA; dous, a presenza dun dirixente de gran calibre, Beiras, e terceiro, mas o decisivo para futuro, o xiro á esquerda dun amplo sector da sociedade, que rompe co institucionalismo do PSOE, e esgotado polo discurso “acartonado”, sen forza, do BNG, por moito que o presentar como de esquerdas, non deixaba de seren visto como umha forza institucional.

Foi Beiras quen definiu o seu obxectivo: son a expresión política da indignación social contra os recortes. Mas, é un experimento empirico, que agora ten que respostar ás expectativas que criou, especialmente en sectores da xuventude, do funcionariado, profesionais liberais e intelectuais. De feito a posición inicial de que era “só” un proxecto electoral, para estas eleccións, en palabras de Beiras, mudou e agora comezan a falar dun proxecto de futuro.

Baixo a caracterizacion da “emerxencia social” que vívemos, e utilizando a experiencia do apoio dos nacionalistas galegos, Castelao e Boveda, á Fronte Popular, afirman que é posible nunhas circunstancias excepcionais acordos entre nacionalistas e forzas españolas.

A AGE é, sen lugar a dubidas, un fenómeno progresivo. Romper o “tripartidismo” que dominou a política galega por duas décadas, vehiculizar o debate político nun sector da xuventude, romper o “apoliticismo” de sectores do 15M,... son elementos que non se poden desprezar, senon que ha que telos moi en conta para o futuro.

Existe, alen diso, umha lectura estatal. O “experimento” da Syriza galega saíu ben, nomeadamente para EU, que de cero, e de que nas enquisas lle deran como moito 1 deputado, sacou 5. Canto tardarán en estender a idea o resto do Estado?

cal é na nosa opinión do carácter da AGE

O seu programa non é un programa de transformación socialista da sociedade, senon que é un programa electoral, que ten como obxectivo a “liberación social e nacional” da Galiza por medio do voto. A “revolución do voto”, chámanlle. A clase obreira non aparece por ningures, e as medidas anticapitalistas brillan pola sua ausencia.

É un programa socialdemócrata que non sae dos marcos do réxime capitalista nin nas formas, non o mencionan, nin nos medios; non se fala da folga xeral e da mobilización como alicerces do traballo e enfrontamento ente as clases. É claro que van facer umha oposición no parlamento mais dura da que hoxe existía, que van a ser “a voz dos oprimidos” no Parlamento, como dixeron o longo da campaña. Mas, no parlamento; a dinámica que eles defenden é “da sociedade ao parlamento”; isto é o que significa “ser a voz”, non o invés; os parlamentarios o servizo de organizar a loita da clase traballadora e o pobo. “Ser a voz” pon a mobilización o servizo dos parlamentarios,... é dicer, a orientación das loitas é cara á institución democrática da burguesía.

Esta no seu carácter o ser parte da reorganización politica, sindical e social da clase traballadora e o pobo. No Estado Español este proceso deu un salto de calidade o ano pasado, cando amplos sectores da xuventude romperan co PSOE no movemento do 15M. Mas na Galiza esta reorganización tiña umha outra mediación, o BNG. Os resultados destas eleccións puxeron branco sobre preto a gran crise que ten, e as forzas pode liberar. A AGE é umha das expresións de esa liberación de forzas, que pola presenza que o BNG ten na clase traballadora a través da CIG, vaise trasladar o movemento obreiro.

As perspectivas, mais crise política e mobilizacións

Tras a borracheira electoral voltamos á realidade, e a primeira na fronte: o goberno vía descontar o IRPF aos funcionarios/as da Paga Extra de decembro que non van cobrar. E xa provocou as primeiras mobilizacións.

O PP, nun alarde de irresponsabilidade para coa sua clase social, o que lle vai enfrontar con sectores da propria burguesía, atrasou a petición de resgate e as medidas que acompañan para despois das eleccións. Por umhas contas electorais, puxeron en perigro as medidas que “teñen” que tomar acordadas coa UE, como o recorte das pensións e o desemprego, o anunciado desconto do IRPF, pisar a fondo nas privatizacións, a paralización cuasi total da negociación colectiva, a aprobación masiva de EREs, etc., etc.

Mas, como xa dixemos noutras ocasións, o que era umha crise económica e social, é xa umha crise política de gran calado e cun final imprevisible. Esta en crise o seu proxecto europeo, e de feito están refundando a UE baixo a nova correlación de forzas. A maioría absoluta do PP vai servir para profundar no sentido de manter a Galiza no seu papel de sempre, subministrador de man de obra e materias primas, co empobrecemento do conxunto da poboación traballadora.

Por outra banda, o réxime fica cada vez mas claramente diante da poboación como unha farsa de democracia. A confianza nesta lei electoral e nas vías electoralistas dentro do seu marco é cada vez mais pequena, a confianza nas institucións do réxime, rei incluído, disminue a pasos de xigante; e a resposta desde o réxime e o goberno de quenda á polarización social crescente non é outra que aumentar os seus trazos autoritarios, con reformas como a do Código Penal, que considera delitos formas de loitas social.

As propostas de loita contra os ataques aos direitos sociais van ir da man cada vez mais da loita contra os recortes nos direitos políticos da poboación, e porán as organizacións da esquerda na obriga de denunciar o réxime monárquico, base de todo elo.

Fronte a elo, os resultados electorais coa irrupción da AGE demostran que existe un amplo sector da sociedade que quere que lle falen claro, que digan con claridade os obxectivos. Beiras coa sua forma de falar galvanizou a moita xente, o “non respectar a Feijoo”, ó dicer que “coas suas políticas mataba tanta xente como as organizacións terroristas”,... dicia publicamente o que moitos e moitas pensan, e que o discurso “acartonado” e “diplomaticamente institucional” do BNG non recollía.

A nosa proposta

CV encarou as eleccións cun eixo claro: goberne quen goberne, vamos ter que seguir loitando, e pola derrogación de todas as medidas do PPSOE. Esta claro que este obxectivo segue as ser central para a clase traballadora e o pobo se quere evitar que a crise segue caendo sobre as suas costas.

Nas circunstancias actuais isto non chega para enfrontar os duros ataques que desde a Unión Europea, a través do goberno e a Xunta están a aplicar, e que lévalles a cuestionar ou refundar as institucións e réximes políticos que lles serviron en tempos de crecemento e paz social. A clase traballadora e o pobo ten que ter claro que a crise económica e social solucionarase no eido político, na defensa das conquistas democráticas, ferramentas esenciais para a loita polos direitos sociais e laborais, e a construción doutras institucións verdadeiramente democráticas o seu servizo.

A crise do PSOE é a crise dumha “leal” oposición dentro do réxime, a crise do BNG é a crise dun discurso institucional, adornado con fraseoloxía nacionalista e de esquerdas, ... a AGE demonstra que existe un espazo para un discurso que enfronte os eidos políticos da crise. Mas a saída situase, primeiro, no recoñecemento que dentro destas institucións, a UE e o Tratado de Maastricht, e no réxime monárquico herdado do franquismo é imposible calquera saída obreira e popular á crise.

E segundo, a nosa perspectiva social é o da clase obreira, dos asalariados e asalariadas que sendo a maioría da poboación traballadora, vive da venda da sua forza de traballo por un salario. As propostas anticapitalistas que nos defendemos sintetizanse na “saída obreira e popular á crise” e na loita polo socialismo. Mas é un feito que no actual parlamento a clase traballadora fica fora de novo, ningún partido ou organización defende como centrais as suas reivindicacións, por iso, CV segue defendendo a necesidade da organización política independente da Clase Traballadora, para en alianza co resto dos oprimidos, enfronte os planes do capital.

Neste sentido, o noso primeiro comunicado remataba chamando aos Estados Unidos Socialistas de Europa. A crise da Unión Europea, a sua refundacion desde arriba, a confluencia dos ritmos económicos e sociais cada vez mais evidentes de todas as nacións europeas, e sobre todo a tendencia a unidade na resposta da clase traballadora, que xa ten umha data clara, o 14N, confirman a necesidade de que as organizacións da clase traballadora e o pobo recollan esta proposta como central.

Galiza, 25 de outubro de 2012

Corrente Vermella
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 28-10-2012 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal