Educación Sexual para Decidir,
Anticoncepctivos para non Abortar e
Aborto Legal para non Morrer
Cada vez vai quedando máis claro que detrás das confusas declaracións do Ministro de Xustiza e a de Sanidade, escóndese a intención do Goberno de sacar o aborto da carteira de prestacións básicas da Seguridade Social, limitando este a aqueles casos ?autorizados por prescrición médica?, e vulnerando así un dereito fundamental das mulleres como é o de dispor libremente sobre a maternidade. ¿De que democracia fálannos cando as mulleres non teñen nin o dereito a decidir sobre o seu propio corpo?
Esta medida non só responde as presións da Igrexa e os sectores máis reaccionarios, que co novo goberno do PP senten máis apoiados, senón que sobre todo enmárcanse dentro dos brutais recortes en Sanidade, que o goberno central e distintos gobernos autonómicos veñen levando a cabo, e dos que tampouco se libra o aborto.
Pois aínda que a reforma da lei de 2010 permite actualmente que a muller poida abortar de forma legal e gratuíta, sen ter que cumprir ningún suposto até as 14 semanas, na práctica, o exercicio deste dereito segue sendo un auténtico ?via crucis? para nós. A gran maioría das IVE efectúanse en clínicas privadas concertadas, ás que os gobernos autonómicos foron atrasando os pagos, polo que na actualidade moitas delas néganse a realizalas ou piden ás mulleres o pago por adiantado.
Pero é que ademais hai comunidades onde non existen clínicas públicas nin privadas que realicen a IVE, polo que os obstáculos son aínda maiores. Isto sen contar a enorme presión ideolóxica que habemos de soportar, xa que se obriga á muller a esperar tres días ?de reflexión? e entrégaselle un sobre no que numerosas veces hai información dos grupos ?provida?, coma se a muller fose unha criatura confusa que necesita ser esclarecida.
O goberno arremete contra os sectores máis oprimidos
Os recortes en sanidade e o intento de privatización da mesma, do mesmo xeito que o resto de axustes sociais, están ao servizo do pago da débeda pública e do salvamento aos bancos, pero os seus efectos recaen sobre toda a clase traballadora cada vez máis empobrecida, que na súa gran maioría non pode custearse nin probas médicas nin intervencións como a dun aborto, na sanidade privada. Á súa vez, dentro da clase traballadora, os colectivos máis vulnerables como son menores, jubilad@s, pensionistas e inmigrantes en situación irregular, son os máis afectados os recortes sanitarios.
Así, a partir do 1 de Setembro, as inmigrantes sen papeis quedarán sen asistencia sanitaria gratuíta, e aínda que terán dereito a ela en caso de urxencia ou embarazo, si que perderán o dereito á interrupción voluntaria do embarazo nas primeiras 14 semanas, posto que só poderán acceder sen custo a este servizo, cando se deba a ?motivos terapéuticos? Pero é que seica un embarazo non desexado por unha muller, non é unha urxencia sanitaria? Deste xeito, quen de forma hipócrita condenan o aborto por ?atentar contra a vida? van pór en perigo coas súas políticas reaccionarias e xenófobas, a vida de moitas destas mulleres sen recursos que se verán obrigadas a recorrer a abortos clandestinos e inseguros.
Ademais, o goberno estuda restrinxir o acceso á anticoncepción post-coital, que se demostrou moi eficaz para reducir o número de abortos, esixindo prescrición médica previa para poder obtelo. Os recortes sanitarios e en Educación tamén supoñen o peche dos centros de información sexual, e impiden a posta en marcha de programas de educación afectivo sexual nas escolas, agora case inexistentes, e que son imprescindibles para reducir os embarazos non desexados entre a poboación nova e adolescente.
Para Defender Os nosos Dereitos, Unificar As Loitas
A loita en defensa do dereito ao aborto non é cousa das mulleres unicamente, nin é só unha loita contra a Igrexa e os sectores reaccionarios, senón tamén contra a ofensiva do capitalismo decadente que ataca sen escrúpulos aos sectores máis oprimidos da clase traballadora para salvagardar os seus intereses. As mulleres debemos estar á fronte para defendernos dos ataques e conseguir definitivamente o dereito ao aborto libre, gratuíto, público e sen obxección de conciencia que desde Corrente Vermella reclamamos. Pero é necesario que as organizacións da esquerda e os sindicatos de clase sómense a esta loita porque as reivindicacións e os dereitos das mulleres traballadoras son unha tarefa do conxunto da clase obreira.
E se queremos pararlle os pés a este goberno ao servizo da Troika e o Capital, é necesario ademais unificar esta loita ao resto de loitas que se están dando contra os recortes sociais e as reformas que arrincan os dereitos da clase traballadora e os pobos.
Non aos recortes e a privatización dos servizos públicos! Non máis diñeiro á banca!
Aborto legal e sen obxección de conciencia na seguridade social! Que sexa libre, seguro e gratuíto!
Fora relixión das aulas, non máis subvencións á igrexa católica!
Unifiquemos as loitas! Polos dereitos das mulleres traballadoras!
21 de xuño de 2012 |