Suspender os pagos da Débeda pública.
Facer unha Auditoria pública que desvele a verdade
Por Pagina Vermella
É unha necesidade urxente pór en pé unha campaña unitaria de longo alcance, baseada na dobre esixencia de declarar a suspensión dos pagos da Débeda pública e pór en marcha unha Auditoria pública da débeda.
Trátase de iniciar unha auditoria en profundidade que desvele a verdade: de onde vén a débeda, quen son os seus responsables, quen a contraeu e baixo que condicións, cal é a súa auténtica contía, a verdade das axudas aos bancos e das súas operacións fraudulentas, quen se beneficia da débeda. Hai que desvelar con detalle quen debe realmente a quen e cal é a verdadeira débeda social. Hai que mostrar a relación entre a débeda pública e a pertenza ao Euro e a UE, entre a Débeda e o sistema tributario, desvelar por que canto máis se paga máis débeda hai.
En Grecia, organizacións sindicais, políticas e numerosos intelectuais veñen impulsando desde hai meses unha Comisión Auditora. A orixe deste movemento foi a proposta, en decembro de 2010, dos deputados Sophia Sakorafa (ex PASOK) e Alexis Tsipras (Synapsismos) de formar unha comisión parlamentaria de auditoría da Débeda. Unha iniciativa que Esquerda Unida, Amaiur, BNG e ERC deberían adoptar.
A Comisión de Auditoría da Débeda Pública de Grecia declaraba recentemente ?a necesidade de declarar de forma inmediata a suspensión de pagos e a formación dunha auditoria cidadá da débeda de carácter democrático e liderada polos traballadores.? (...) ?Non debemos, non vendemos, non pagamos?(...) ?A cancelación da débeda baséase na soberanía do pobo grego, que obriga aos acredores a aceptar os seus termos?. Este é un exemplo do que se debe tomar boa nota.
É necesaria unha iniciativa unitaria para crear unha Comisión de Auditoría da débeda pública no Estado español, da que formen parte organizacións sindicais, políticas e sociais da esquerda, entidades que veñen desde hai moito tempo traballando nos temas da débeda externa, intelectuais de prestixio que veñen rexeitando as medidas do goberno e profesionais e técnicos de Facenda que veñen denunciando a fraude fiscal. Unha iniciativa así serviría sen dúbida para impulsar unha ampla mobilización popular, ramificada en todo o territorio, que exixa masivamente a suspensión dos pagos da débeda pública e para establecer os elementos de proba para xulgar e castigar aos responsables de delitos económicos e a violación de dereitos sociais básicos, así como para fundamentar o repudio desta débeda ilexítima e esixir a reparación dos danos causados. |