Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

XURXIÑO, O INGLÉS

Emprestounos un libriño o noso don José, ?A biblia en España: ou viaxes, aventuras e prisións dun inglés na procura de difundir as Escrituras pola Península?. É un libro de viaxes que conta as andainas do pastor protestante George Borrow (a quen chamaban don Xurxiño o inglés) polos camiños de España hai 175 anos. O libro está traducido ao castelán con prólogo e tradución de Manuel Azaña. Póñovos a parte na que conta o seu paso por Ortigueira, mantendo con cursiva as palabras que aparecen en francés ou galego no orixinal e entre corchetes as miñas suposicións.
Dous ou tres días levaba eu en Ferrol agardando a Antonio e non acababa de chegar; á fin, estando eu alucando a rúa entre lusco e fusco, vino vir, levando pola corda o noso único cabalo. Contoume que a unhas tres leguas da Coruña, o cabalo, sufocado pola calor e polas moscas, caera ao chan cunha especie de ataque, do que só reanimara a forza de sangrías, razón pola que tivo que parar un día mais no camiño. O cabalo estaba, abofé, moi feble; tiña un estertor que de principio me asustou; pero dinlle unhas menciñas e aos poucos días pareceu que mellorara dabondo para continuar a viaxe.
Partimos así de Ferrol, despois de alugar una besta para min e de axustar un guía que nos levase a Ribadeo, a vinte leguas de Ferrol, nos confíns de Asturias. O día, á primeira, estivo despexado; pero antes de chegar a Novales [Pontenoval?], a tres leguas de camiño, escureceuse o ceo e caeu a néboa, acompañada de chuvisca. O país que atravesabamos era moi pintoresco. Sobre das dúas da tarde enxergamos entre a néboa, á nosa esquerda, Santa Marta, pequena cidade de pescadores, cunha fermosa badía. Seguindo ao longo dos cumios dunha cadea de montañas, entramos nun castañal que parecía inacabable; a chuvia continuaba, repenicando sen parar nas anchas follas verdes.
- Xa empezan as chuvias do outono- dixo o guía-. Moito se van mollar vostedes, meus amos, antes chegar a Oviedo.
- Estivo vostede algunha vez en Oviedo?- preguntei.
- Non; só cheguei ata Ribadeo e para iso nada máis que unha vez. Falando con franqueza, non sei como nos apañaremos cando cheguemos aos campeiros que hai preto de aquí; de noite e con chuvia será moi difícil atopar o camiño. Quixera estar xa de volta en Ferrol porque este camiño, o pero de Galicia por moitas razóns, non me gusta; pero onde vai a besta do meu amo teño que ir eu tamén: tal é a nosa vida dos guías.
Encollín os ombreiros cando recibín estas novas, pouco agradables de verdade e din a calada por resposta.
Por fin, cando caeu a noite, saímos do bosque e ao pouco baixamos a un profundo val, ao pé de elevadas montañas.
- Onde estamos agora?- preguntei ao guía, no intre que no fondo do val cruzabamos por unha rudimentaria ponte un regato ruidoso e escumante, medrado polas chuvias.
- No val de Coisa Doiro [Couzadoiro]- respondeu-; a miña opinión é que pasemos aquí a noite para non aventurarnos nos montes por onde pasa o camiño de Viveiro, porque entrar neles e perdernos vai ser todo un e entón, adeus! morremos todos.
- Hai algún pobo por aquí preto?
- Si, señor; o pobo está fronte a nós e nun instantiño chegaremos a el.
Ao pouco entramos nunha aldea que se erguía, entre árbores altísimas, á entrada do desfiladeiro.
Antonio apeouse, entrou en dúas ou tres chozas e volveu de seguida, dicindo:
- Non podemos quedarnos aquí, mon maître, sen que nos coma a miseria; mellor estaremos entre eses outeiros. Non hai lume nin luz nestas chozas e a chuvia cala os teitos.
O guía, porén, negouse a continuar.
- Coa luz do día custarame traballo atopar o camiño- berrou malhumorado-; peor será de noite, coa treboada e a brétima.
Mercamos un pouco de viño e de pan de maínzo nunha das chozas e, mentres comiamos, Antonio dixo:
- Mon maître, o mellor que podemos facer nesta situación é axustar a calquera deste pobo para que nos leve por esas montañas a Viveiro. Aquí non hai camas, e se nos botamos na palla cos vestidos mollados, colleremos unha terciana galega. O guía que traemos non vale para nada; imos buscar un que o substitúa.
Sen agardar resposta guindou a codia de broa que estaba comendo e desapareceu. Andou camiño, como despois souben, até a choza do alcalde e pediu, no nome da raíña, un guía para o embaixador grego, que se perdera no camiño de Asturias. Volveu aos dez minutos na compaña da autoridade local, quen, con gran sorpresa pola miña parte, me fixo unha profunda reverencia e parou coa cabeza descuberta baixo a chuvia.
- A súa excelencia- exclamou Antonio- precisa dun guía para ir a Viveiro. As persoas da nosa clase non están obrigadas a pagar os servizos que necesiten; porén, a súa excelencia é de entrañas compasivas e dará gustoso tres pesetas a calquera persoa competente que o acompañe a Viveiro e todo o pan e o viño que queira comer e beber ao chegar.
- A súa excelencia será servida- respondeu o alcalde-. Porén, como o camiño é longo e difícil e na montaña hai moita brétima, paréceme que, ademais do pan e do viño, a súa excelencia non debe ofrecer menos de catro pesetas ao guía que o leve a Viveiro e non coñezo ningún mellor que o meu xenro, Juanito.
- Concedido, señor alcalde- repliquei eu-. Traia vostede o guía e a peseta de aumento sairá tamén a relucir no momento oportuno.
Non tardou en aparecer Juanito cun farol na man. Saímos ao punto. Os dous guías comezaron a falar en galego.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 28-09-2012 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
O VIADUTO DE MERA
A bisbarra do Ortegal sempre careceu de infraestruturas de comunicación modernas: non hai aeroporto, nin un porto grande, nin sequera autovía ou tren de alta velocidade. É máis, a chegada do tren foi moi lenta. No século XIX comezou a demandarse unha liña ferroviaria que unise os acuartelamentos de artillería de Ferrol coas fábricas de armas e explosivos de Asturias. O que despois deu en chamarse o Tren da Costa.
Principiou o proxecto cunha lei de 1.883, na que se instaba aos enxeñeiros do goberno a realizar, coa maior brevidade, os estudos para un ferrocarril que saíse dende Ferrol pasando por Ortigueira, Viveiro e Ribadeo para chegar a Xixón. En 1.886 o Congreso dos Deputados aproba a liña férrea de vía estreita cun orzamento por quilómetro construído de 100.000 pesetas (600?), que xa era pesetas!.
En 1.902 chegaron a Ortigueira os enxeñeiros que realizaron o estudo da vía, mais, por discrepancias sobre a idoneidade do trazado, as obras non dan comezo ata 1.921, facéndose cargo das mesmas o estado español. O desastre de Annual, a guerra civil e a posguerra retardaron a obra. Inaugúrase o primeiro tramo, en Asturias, en 1.950. O tren a Ortegal aínda tardaría máis de 10 anos. O 29 de xaneiro de 1.962 inaugúrase a liña Ferrol-Mera e o 7 de setembro de 1.964 a liña Mera-Ortigueira; para chegar de Ortigueira a Viveiro tivemos que esperar a 1.966 e o proxecto rematou en 1.972. Para entón a liña de vía estreita estaba desfasada con respecto aos avances da época. Despois disto seguiuse construíndo hacia o País Vasco e hoxe a liña da costa chega ata Bilbao.
A construción das vías do ferrocarril deu traballo a moita xente da zona como Otilia Blanco. Esta muller, quen foi veciña desta casa, contaba que as mulleres colocaban o morrillo e os homes as travesas.
Para que chegara o tren tamén houbo que levar a cabo grandes obras de enxeñería (estacións, apeadeiros, pontes, viadutos ou túneles) que salvasen a complicada orografía do norte. Unha destas grandes obras foi o viaduto de Mera, construído en 1.921 polo enxeñeiro vasco Jesús Uribarri, un discípulo de Gustave Eiffel, o arquitecto da Torre de París. O alto viaduto de formigón atravesa o val do Mera no seu curso medio, pouco antes de que este forme a súa máis grande insua. Cun largo de 95 metros, consta de once arcos de medio punto que apoian en grosos piares reforzados con piastras.
Os máis vellos do lugar lembran unha historia que non sabemos canto ten de certa. Disque o construtor do viaduto se empeñou para poder levalo a termo. Como o goberno non lle aceptou o traballo en tempo, e por tanto non pagou, el viuse arruinado e parece que se suicidou tirándose do viaduto abaixo. Corenta anos despois disto comezou a pasar o tren pola súa construción e continúa hoxe en día.
Comentarios (10) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 28-09-2012 08:36
# Ligazón permanente a este artigo
ARACNOFILIA

Ana, unha das nosas tripulantes, atopou un deses tesouros naturais que tanto nos gustan e que poden aparecer tanto no exterior como no interior da casa. Desta vez foi unha araña, a Saetis Barbipes. A esta clase non lle coñecemos nome común porque ela en si é especial, pero a partir de agora chamarémoslle araña enfermeira.
A xente que sofre de aracnofobia, apuran a matar ao pobre do animaliño. Miña xoia! Pero, medo a que? A nosa amiga, aínda que saltona, é moi diminuta, as femias non pasan dos seis milímetros e os machos aínda son máis pequerrechos.
É unha das arañas máis presumidas de Europa, polas cores dos seus machos; non así as femias que teñen unha cor marrón, como un abrigo de leopardo pouco favorecedor. O que destaca máis son os fermosos ollos dos machos, verdes cunha banda encarnada sobreposta.
O seu nome científico significa pés con barba. Isto é porque, como tódolos arácnidos, ten catro pares de patas, estas con bandas negras e brancas. Porén os machos teñen o terceiro par de patas considerablemente máis grande, de cor vermella preto do corpo que vai fundíndose a negra cara á punta das patas, cuns guechos brancos que lle dan nome.
Non hai que pensar que por ser unha araña peluda significa que sexa fea. Todo o contrario. Ao macho barbipes, estas patas sonlle moi útiles para namorar a femia no cortexo nupcial. Cando un macho ve unha femia que lle cadra, non lle chega con mirala fixamente con eses catro olliños verdes. Ten que esmerarse un pouquiño mais. Entón é cando ergue as súas súper patas, abaneándoas a xeito de muiñeira, para achegarse á súa amada. Se a femia está disposta, deixarase cozar, de principio nas patas. Despois poñerase papo arriba para a cópula.
Animaliños! Talmente coma as persoas, fóra a alma!
Comentarios (6) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 27-09-2012 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
DESPEDIDA DO VERÁN

O pasado xoves, derradeiro día do verán e co fin de facer unha boa despedida deste, realizamos un pequeno roteiro sociocultural.
Logo de almorzar, un grupiño de maiores marchamos en dirección a Mera, nome que en época prerromana denominaba todo o relativo á auga (omnipresente nestas terras) e berce da nosa Maruxa de Barcón, que gozou especialmente da visita. Alí agardábanos a nosa veciña Loli de Mera do medio, a filla de Lola a Gaiteira, para exercer de anfitrioa e guía turística á vez.
A guía levounos ata pasar por riba da Pontenoval sobre o río que lle dá nome á parroquia e que nace no Monte Caxado, onde se xuntan os concellos de As Pontes, Somozas, Cerdido e Ortigueira. Comeza a súa andaina na parroquia de Insua e xa entra na de Mera por onde antigamente facían a festa de Mera de Riba ou Santa María de Mera, zona ben montañosa.
Vimos de paso, o cartel dos muíños de Pontenoval, hoxe restaurados e habilitados para o turismo rural e que aínda conservan un muíño de maquía e un batán, onde curtían a lá e os coiros.
Pasando Pontenoval atopamos o escolar de indianos que, tras a súa rehabilitación, hoxe cumpre funcións de local social. Foi construído en 1.917 saíndo dos petos das persoas que marcharon para A Habana a principios do século XX. Fundaron para este fin a Sociedade de Instrución e Recreo Santa María de Mera, a través da cal pretendían a difusión e modernización do ensino no seu lugar de procedencia, indispensable para a promoción social e laboral dos que quedaban e para a dignificación da súa comunidade de orixe.
A continuación paramos baixo o viaduto do tren de FEVE que comunica Ferrol con Bilbao por toda a costa cantábrica. Agora temos que confesar, si, fomos nós. Alí roubamos catro pexegos que repartimos entre todos e que estaban moi bos. Porén Emilio e Maruja comentaron que na súa finca teñen pexegos borrachos, unha clase que son encarnadiños por dentro e por fóra. Hai que ir a eles!
A seguinte parada foi na illa do Mera, a insua máis grande que forma o río antes de chegar a Pontemera onde comeza a gran ría de Ortigueira. Contamos contos, paseamos á beira do río, disfrutamos do día de solaina e comemos mazás e un biscoito que fixo Matilde, a nosa tripulante (ten moi boa man para os doces e que non a perda nunca).
Esta saída a Mera a temos que establecer como tradición do final de verán e o ano que vén quedar a xantar e pasar o día.
Comentarios (6) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 26-09-2012 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
A FEIRA DE SAN CLAUDIO

San Claudio é unha parroquia de Ortigueira que garda lembranzas dun pasado esplendor. Aquí foi onde se celebrou a primeira e máis destacada feira do Ortegal e de toda a redonda creada pola Real Cédula de Henrique de Trastámara en 1.405. Era una feira mensual que se celebra ou cada terceiro domingo de mes nun campeiro, no lugar que aínda hoxe se coñece como Feira, ata 1.989. Nela comerciábase basicamente con gando: vacas, becerros, cabalos, burros e algún porco, que chegaban á feira a pé, en por si ou pagando un arrieiro.
O máis importante da feira era o trato. Podíase facer entre paisanos ou cun tratante, que se recoñecía pola bata azul ou gris, a boina, a vara e as tesoiras (para marcar os animais que compraba). O trato tiña un aquel de representación teatral na que cómpren a paciencia e a astucia. Iniciaba o tratante chufando o animal como se fora o mellor sobre a terra, mentres o comprador facía que non lle cadraba nada. Ningún quería empezar nin a pedir nin a ofrecer cartos. Cando algún dos dous poñía a primeira cantidade iniciábase un longo regateo, arredor do cal xurdía unha conversa na que ambos se daban a coñecer e ían arrimando pareceres. Remataba o regateo cun home bo, normalmente unha persoa de confianza para comprador e vendedor, que facía de intermediario para fixar a derradeira cantidade e promover o choque de mans, a sinatura do trato.
Na feira tamén se poñían os outros feirantes: zoqueiros con zocas e zocos, taberneiros con viño e caña, panadeiras con bolos e empanadas, rosquilleiras coas brancas e mouras, polbeiras cos seus caldeiros de cobre e ata retratistas coa súa cámara, como aquel ao que o pai de Lola de Freires a levou sendo moi nena para marchar cun recordo dela para a Habana. Tampouco faltaba quen che vendera o almanaque ou un cego pregoando os seus fantásticos romances. Nuns pendellos de cachote e tellado de lousa poñían os postos as mulleres das súas casas que levaban: fabas, patacas, verdura, froita, mel, ovos, queixos, algunha pela de manteiga... En San Claudio aínda se poden ver en pé algún destes pendellos e tamén o alpendre onde se instalou a primeira báscula de pesar gando do norte da Coruña.
Á feira íase pasar o día pois non era só un lugar de transacións económicas. Era un lugar de relación social. Xantábase cunha pouca empanada e un xerro de viño mentres se daban noticias da veciñanza e contábanse contos.
Unha vez na feira pasou un caso cun home de Moeche que era un pouco parado. Foi no tempo da fame, cando o racionamento. O home trouxo queixos e ovos de estraperlo pero os gardas vírono e collérono preso. O home empezou a berrarlle a unha veciña de Lavacengos: Lola, Lola, muller. Dille á miña nai que me levan os gardas, que me levan preso polos ?ghuevos?. E toda a feira a rir. Ben é verdade, que cada un fala da feira como lle vai nela.
Comentarios (5) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 17-09-2012 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
CANTOS DE CEGO

Cando non había nin radio, nin televisión, nin internet o medio máis habitual de comunicarse era cara a cara en festas, romarías, feiras e mercados, lugares habituais de reunión de xentes de varias parroquias ou concellos. Alí sabíase dos nacementos e das mortes, dos moceos e das vodas, das leas e dos acordos...
A estas xuntanzas tamén acudían persoas, moitas delas cegas, que gañaban a vida interpretando cantos e romances.
Estes cegos foron os herdeiros da tradición trobadoresca galega e os auténticos cronistas da época. Traían novas ás aldeas e vilas de xeito lúdico. Pretendían captar a atención da maioría da xente, para obter unha esmola, polo que utilizaban unha linguaxe simple e coloquial e contaban historias de interese popular cun marcado carácter sensacionalista sobre milagres, relatos de vida, valentías de homes e mulleres, amoríos prohibidos, crimes paixonais, aventuras de bandidos...
Co seu canto producían unha inconfundible ladaíña gutural ou nasal que ás veces acompañaban co son da zanfona. Para ilustrar a súa historia amosaban varias maltrañas, uns cartelóns grandes, pendurados dun cordel, con imaxes a xeito de viñetas relacionadas co canto, exemplo claro do imaxinario popular.
Podían tamén ter á venda uns caderniños dunhas poucas follas atadas cunha fina cordiña, eran os chamados pregos de cordel. Eran obras breves co texto escrito do canto ou do romance e algunhas ilustracións. Non pedían moito por elas e así fosen asequibles para tódolos petos. Era unha literatura fugaz, de usar e tirar, aínda que había quen os coleccionaba e encadernaba xuntos formando cancioneiros.
Deste xeito, creouse un subxénero da literatura popular denominado literatura de cordel, típico de España e Portugal, moitas veces con mais valor sociolóxico que literario, polo baixo nivel de instrución dos seus autores ou autoras, que tamén as había. Porén serviron como divulgadores das tradicións populares e da arte cotiá, foron sostemento dos autores locais menos reputados e axudaron a crear hábitos de lectura entre a xente máis humilde.
Contounos don José, o noso capelán, que lembraba a Antonio Lexide Fernández que era de Mondoñedo e quedara cego con oito anos a causa dunha varíola. Era coñecido polo Cego das Mirandas e acompañaba os seus cantos tocando o violín. Vendía uns relatos ben escritos e sen faltas, porque lle pedía a Cunqueiro que llos corrixira, como o Romance das dúas xemelgas, Catro nenos envelenados, Vinde mociños e mozas, Carta de Pepe a Rosa ou A tola de Cangas de Onís, que quixo comer ao seu home pola noite. Cunqueiro di presentábase o cego co recorte do xornal no que viña a nova do crime e eu non tiña máis que aderezar a historia e poñela en verso.
Comentarios (1) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 07-09-2012 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0