Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

AS TROITAS DO BALEO

O río que cruza a miña parroquia é o Baleo, que fai esteiro para desembocar na ría de Ortigueira.
Cando eu era novo, era un río moi troiteiro, aínda hoxe o é. Recordo, cando se achicaba a auga das regas, como quedaban as troitas alí paradas e era doado collelas. Escorregadizas, brillantes e cuns puntiños vermellos no lombo; algunha chegaba a medir cuarta e media.
Lembro ir algunha vez ás troitas cunha vara de canabeira e unha tanza atada na punta, un anzol cativo e un cacho de chumbo. Antes había que apañar unhas poucas miñocas, remexendo no esterco; pero como picaban mellor, era cos saltóns e sobre todo cos besbellos, o manxar da troita.
Había quen poñía armadas; aínda que non estaba permitido, os gardas non o miraban moito. Facíanse na casa. Nun cacho de tanza, dun metro máis ou menos, poñían un anaco de chumbo e o anzol, e neste facían un nó de lazo coa seguinte tanza; así ata a cantidade que se quixera poñer. Enrolábanse todas nun carozo con coidado e levábanse ao río, de noite. Chantábase un carabullo no lugar do río que che parecía mellor, metíase a miñoca no anzol e anoábase unha das armadas ao pau, tirando un pouco da tanza ata que se ceibaba do anzol da anterior. Tras armalas todas, volvías á primeira e ías recollendo as troitas que xa picaran.
Outro sistema era coa cesta de vimbios. Unha cesta coa forma dunha copa que por dentro tiña un embude, para impedir que as troitas que entraban poideran saír. A cesta había que afundila nunha zona estreita do río, coa boca contra corrente, e despois ir máis arriba e vir batuxando o río con varas para que as troitas entraran na cesta.
Os máis avispados ían á man; había que buscar a troita río arriba para que non te vira, tocarlle na barriga, disque así non se movía, e sacala para fóra.
A troita atópase nas pozas ou nas raigadas dos salgueiros e ameneiros, mirando contra a corrente para ver o que o río lle trae. Se vai calor está máis no medio do río e se vai frío afonda. Cando mellor pican é estando de tronada ou se o río leva doibo. Co nordés non vaias a elas que non vas coller unha.
O mellor do día de pesca era chegar á casa co cesto petado e fritilas cunha lesna de touciño no sitio das tripas.
Hoxe a troita escasea polos verquidos das fábricas e granxas, os encoros e a xente que colle a cría ou as femias en época de reprodución. Se non coidamos o que temos non só o perderemos nós, senón que os que nos veñan detrás nin o van ver.
Comentarios (8) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 30-09-2011 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
SABORES DA NENEZ

Hai sabores que están embebidos de nenez. O das amoras é un.
No final do verán, aparecían as amoras nas silveiras dos camiños e iamos a elas, despois de xogar. Tiñamos que ter coidado de non nos rabuñar as pernas ou as mans coas espiñas da silva ou, o que era peor, caer nela, pois as máis apetitosas sempre habían de estar na pola máis alta. Xa dicía a copla:
Ás amoras nunca vaias,
que a silveira ten espiñas,
non suceda que ao collelas
saques as mans feridiñas.
É curioso que unha planta tan pouco valorada como a silva dea unha froita tan vistosa e saborosa. As amoras pasan por tres cores: a verde, non hai que as coma; a encarnada, moi acedas, pero había a quen lle gustaban así; e o morado case que negro, cando están maduras e mellor saben.
Os pícaros tiñamos dous xeitos de preparación culinaria desta froita: a máis silvestre que era metela na boca directamente da silva, e a máis elaborada, colliamos unha bolsiña, enchiámola de amoras, machucabámolas ben machucadiñas e despois chuchabamos daquel zume por quendas. En calquera caso, chegabamos á casa feitos uns nazarenos. Miña nai metía a roupa no pilón e a min na tina de cinc, e refregaba ben todo.
De maiores xa aprendemos a facer licor de amoras; metíanse dous litros de caña de Holanda, un quilo de amoras, un quilo de azucre e un paíño de canela nun garrafón de vidro, deses que estaban cubertos de vimbios. Había que deixalo macerar un par de meses, batuxándoo ben cada dous ou tres días. Despois coábase ben e botábase nunha botella con tapón de corcho, para que non se lle fora a forza. Sabía a gloria un groliño despois do xantar das festas.
Tamén se podía facer marmelo de amoras e torta de amoras, pero eu nunca cheguei a tanto.
De calquera xeito as amoras son unha froita barata, accesible e sa. Hoxe os pícaros e pícaras das vilas e cidades perden estes sabores de sempre que, cando os probamos, nos traen ao pensamento os mesmos xogos e risas dalgún día.
Comentarios (3) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-09-2011 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
A LENDA DE TRISTIMIL

O outro día parolando con Lolita Villar, traballadora deste centro, sobre a procedencia dos nosos antergos, contoume unha fermosa historia sobre o lugar de Tristimil, na parroquia de San Claudio,en Ortigueira,de onde eran os seus avós paternos, Tomás e Genara (que aparecen con ela, de nena, na fotografía).
A lenda conta que hai miles de anos na parroquia de San Claudio había un lugar onde vivían felices máis dun milleiro de persoas.Coma un pobiño, pequeno pero moi unido.Neste lugar había unha fermosa igrexa e moi preto dela un regato.
Un día, toda esta felicidade viuse truncada cando o pobo quedou sepultado,según dín, por causa dun terremoto e dos veciños e veciñas non se soubo máis nada.
Pasado o tempo aínda que non se sabe ben canto, ese lugar rexurdiu co nome de Tristimil en memoria do pobo que desapareceu e de toda a xente que perdeu a vida ese triste día.
Aínda hoxe, esta lenda segue viva non só entre os veciños e veciñas de Tristimil senón en todo San Claudio, pois seguramente, como no caso de Lolita, tiveran algún familiar vivindo naquelas terras.
Grazas Lolita!! por compartir esta lenda e o teu álbum de fotos familiar, cheo de lembranzas.

*Na foto aparecen Lolita coa súa nai Lola, os seus avós Tomás e Genara, a tía Lola e o seu curmán Secundino (tamén de Tristimil), a tía Maruxa e a súa avoa materna, María da Aira do lugar da Rocha.
Comentarios (8) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 30-09-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
A HISTORIA DUN GRAN HOME

As súas claras lembranzas dunha vida plena chegaron ata o derradeiro intre.
Naceu José María hai case que un século. Tivo asma dende ben pequerrecho o que marcou a súa saúde. Aos 7 anos os Irmáns Vaquero, médicos da Coruña, quitáronlle as anxinas e, tanto cortaron, que el cría desmaiar con tanta dor.
Fixo o servizo militar en Ferrol, na Capitanía Xeneral Marítima no ramo de enxeñeiros, recomendado para estar de amanuense, xa que tiña moi boa ortografía. Tivo sorte xa que podía ir tódalas fines de semana á casa con ?franco de ría?.
No ano 1.931 marchou ao Uruguai, cunha pasaxe que lle custou 750 pesetas e unha travesía que durou 22 días, parando en Río de Xaneiro a cargar bananas. Estivo en Montevideo onde traballou na Mala Real Inglesa, a mellor compañía de tranvías de cidade que a atravesaba de norte a sur (as liñas transversais eran propiedade dunha empresa alemá). Tiña a vantaxe de que lles facían descontos para os desprazamentos en ferrocarril. Descansaba os xoves, porque os domingos ía aos touros. Mandaba a Galicia sete pesos e medio uruguaios, que facían 10 pesos dos de aquí. A familia con eses cartos podía mercar un saco de fariña de 100 quilos que lle duraba uns dous meses. Cando regresou a Galicia, veu traballando no barco de camareiro gañando 9 pesetas ao día ata atracar en Vigo.
Empezou a mocear con Angustias, pero o 29 de xuño de 1.937 foi mobilizado, xunto a outros 2.000, para ir á guerra; seguiulle escribindo durante dous anos. Mandáronos para a Serra de Albarracín, un sitio seco con moitos quilómetros de piñeirais. José María dicía que alí nunca tiña catarro e que a súa asma mellorara, pero había que durmir cos zapatos postos para estar preparado. Nunca foi quen de tirar un tiro.
Cando rematou a guerra casou con Angustias e montaron o restaurante Bahía en Miño, co que a súa familia saíu a diante.
Os seus últimos tempos os compartiu con nós.
Esta é a pequena a historia dun gran home.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 30-09-2011 15:53
# Ligazón permanente a este artigo
AS MAZÁS DAS CASCAS

O concello de Ortigueira dispón o seu territorio na marxe esquerda do río Mera, agás dúas parroquias: Mera que está a ámbalas dúas bandas e San Adrián de Veiga situada na marxe occidental da ría. Son dúas parroquias prolíficas en maciñeiras. No mes de maio, cando florean, o val do Mera cóbrese dun manto branco coa flor da mazá, tan bonita coma unha rosa pois non deixa de ser da súa familia. Ata alí, ao lugar das Cascas, achegámonos este martes soleado; Abelardito, o afillado de Avelina, acolleunos na súa casa e, xunto con Loli de Mera, parolamos á sombra dos seus pomares, de mazás e de cousas da vida.
Entre os séculos XVI e XIX, Galicia era boa exportadora de froita e no principio do século XX, aínda era unha principal produtora de mazá. Coa industrialización da fruticultura, a produción galega descendeu, pois o minifundismo da nosa terra impide que a rendibilidade económica dos pomares aumente, xa que non se pode meter maquinaria para a colleita e esta séguese a facer de xeito manual. Malia todo, dende hai máis de 50 anos, as empresas asturianas veñen recoller a mazá do norte de Galicia. Ortigueira é principal exportadora de mazás a Asturias e Euskadi, fundamentalmente para a elaboración de sidra e vinagre de mazá. Parece que o 80% da sidra asturiana faise con mazá galega.
A campaña da colleita comeza en setembro e remata sobre novembro (estamos no tempo) e o xeito de facelo non mudou moito. Antigamente cargábanse a man nos camións, agora os compradores veñen preparados para recollelas e deixar limpo o campo. Os prezos roldan os 13 céntimos para a mazá caída e os 22 céntimos por quilo para a que se recolle directamente da árbore.
Non tódalas mazás son iguais, hai máis de 7.500 variedades de mazás. En San Adrián e Mera danse as de ollo mouro e as de ollo branco, as de pedra dura, os peros, as de peraza, as de plátano, as encarnadiñas e as de príncipe. Cada unha da súa cor (mareliñas, verdes, coloradas, veadas), máis ou menos duras (se están moi duras pétase con elas no cóbado un pouco e xa amolecen), algunhas dociñas e outras máis acedas, pero todas moi ricas e sas.
A mazá é a froita máis completa xa que aporta vitaminas e minerais, actúa como adelgazante, carece de colesterol, sodio e graxas saturadas e ademais é diurética e depurativa. A podemos comer directamente da árbore, raiada, asada ou en compota; podemos facer con ela zume, marmelo, torta, licor, sidra ou vinagre.
Calquera que sexa a variedade, a mazá debe estar presente na nosa vida case dende que nacemos e se é de San Adrián de Veiga mellor, non en balde Avelina, criada entre maciñeiras, ten 99 floridos anos.
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 23-09-2011 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
O MUSEO DE MEIXIDO

Moitos de vos non coñeceredes Meixido, un lugar apartado da parroquia de San Paio de Freires. É probable que tampouco saibades que alí teñen a súa casa Herminia e Narciso. Pero tedes que saber que neste lugar hai un dos museos máis enxebres que se poidan ver en Galicia, montado paseniño polo matrimonio e mantido día a día con cariño.
Recibíronos este luns como quen se achega a un amigo. A Lola de San Paio xa a coñecían; Narciso lembrou que ían escoitar a radio á súa casa, que foi a que primeiramente tivo luz eléctrica na parroquia. Tamén coñecían a Isabelita do Forno e preguntaron por Domingos da Xilde que foi un dos primeiros en ter tractor de toda a volta.
O cariño polas cousas antigas venlles de vello, por iso foron xuntando peza a peza e agora teñen máis de 3.000; todas foron recollidas, catalogadas, limpadas e colocadas con agarimo por ámbolos dous.
O lugar e a disposición das pezas dálles aínda máis encanto. Nun galpón puidemos ver rodas de carro (algunha que se lle botan 300 anos), caínzos, arados, gradóns; nun cabanón hai un carro do país, con xugos, baños para beber os cabalos, un baño de pisalo toxo, unha alvariza e ata unha limpadora de cacao da antiga fábrica de chocolates de Ortigueira; nunha cabana está montada a forxa e noutra ten unha amasadora e unha máquina para estirala masa, unha alacena feita dunha cañota e non sei cantas pezas máis; na parte baixa da palleira hai unha cociña con lareira, potes, trespés, alzadeiro, chineiro, mesa de levante, vertedeiro, sellas... Teñen tamén unha parte adicada a obxectos de botica e outra aos de barbeiro. Na parte de riba da palleira teñen outras tantas pezas de diferentes oficios antigos: carpinteiro, zoqueiro, zapateiro, cesteiro, mariñeiro, louseiro, escribano, costureira, fiandeira, tecedora, palilleira... e unha parte adicada ao escolar.
De tódalas pezas saben dar explicación do nome, da súa procedencia, do uso que se lle daba, da persoa que a doou e dos comentarios acertados que a xente que pasa polo museo vai aportando. Só teñen unha peza da que non coñecen o seu uso específico: un curioso machado que vos poñemos na blogoteca xunto con outras fotos; se alguén usou un machado similar pódenos facer un comentario neste blog e llo transmitiremos a Narciso.
Nos, pola nosa parte, voltamos un pouco ao pasado. Lola disfrutou vendo a cociña coa mesa de levante, tan semellante á da súa casa; Saturnino mirou con interese o carro do país; Isabelita deunos conta dos útiles de facer o pan; a Manolo chamoulle a atención unha peza para coller os ourizos das castañas; Estrella soubo dar explicación dos aperos de labranza cos que tantas veces traballou; Angustias contou como fiaba no liño cos fusos; Luísa recordou que na casa de Meixido se poñía escola antigamente... Todos e todas tivemos unha lembranza do noso pasado que contar.
Narciso rematou a visita adicándonos o seu libro ?Memorias do tío Santos? e prometendo unha pronta visita para transmitirnos o seu saber.
Deixamos unha ligazón na que podedes ver o museo e como chegar a aló.
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 22-09-2011 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
FEFA DE ORJALES

Todo o mundo a coñecía por Fefa de Orjales, pero a ela gustáballe que a chamaran Josefa ?porque foi o nome que me puxeron meus pais?. Era unha muller pequeniña, como os frascos que agochan o mellor perfume, e cos ollos da cor da ría que a veu nacer, espello dunha persoa sincera.
A Josefa sempre lle gustou ir elegante, non en balde era irmá de xastre, escollía a súa roupa e os seus zapatos de tacón e así a viamos pasear de cote tan pespiñela polos corredores.
Lembro o día en que unha das xerocultoras saudou a Pepe de Castro de Rei e Josefa recitou:
Pepe repepe camisa cagada,
tira que tira por unha pescada.
E a xero respondeulle:
Pepe repepe metido nun saco,
coas pernas pa?riba fumando tabaco.
Soniquetes que se aprenden de nenas e nunca se esquecen. Nunca esqueceremos a Josefa que se foi caladiña o día da Patroa.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 20-09-2011 15:33
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA Á GRANXA DO SOUTO

A semana pasada un bo grupo de xente desta casa foi dar unha volta por Mera. Eu non fun, pero vou ver se non me esquezo de todo o que me contaron.
O día foi o mellor deste verán. Chegaron á Granxa do Souto onde estaba esperando para dar a benvida Loli, a mellor anfitriona das terras de Mera. O dono da granxa, Manuel, amosoulles as instalacións preparadas para o ensino da monta a cabalo, pero tamén outros animais como a vaca Daisy, o coello Roger, e as cabras ananas. Disfrutaron durante a mañá dunha clase de saltos a cabalo e de ver como Araceli alindaba nunha vaca por primeira vez na súa vida (ou era a vaca a que alindaba a Araceli?). Tedes o enlace da granxa neste blog para que poidades ver tódalas instalacións e servizos.
O xantar o fixeron na illa, unha insua no río Mera convertida en área recreativa. Lola do Gaiteiro, a nai de Loli que tamén os acompañou, contou que de nena ía apañar leña á illa pero que non lle gustaba moito porque era un lugar solitario e o único acceso era por un tronco atravesado por derriba do río. Moito cambiou. Agora hai ata cafetería. Os donos Marisol e Pedro abrírona no seu día de descanso para o grupo; moito llo agradecemos, pois lles tiñan preparada mesa e mantel e os invitaron a un café de pota que sabía a gloria. Levaron empanada e tortilla da casa e Loli invitou ás bebidas e a torta xeada.
Grazas a toda a xente de Mera que acolleu ao grupo de maiores con tanto cariño.
Despois de xantar aínda cantaron e saíu aquela copliña que di:
No hai quien pueda,
no hai quien pueda
con la juventud de Mera...
Que envexa non ter ido. Estou pensando que non volvo a perder ningunha outra saída. Hai que gozar do bo que nos presenta a vida, que so temos unha.
Se queredes ver máis desta saída tedes unha carpeta na blogoteca.
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 15-09-2011 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
ROMARÍA A TEIXIDO

Hoxe é o día de facer a romaría a Teixido, pois irás de morto se non vas de vivo. A maioría de nós xa ten cumprida a peregrinación, pero un nunca cansa de voltar aló.
Esta romaría ten as súas orixes hai moitos séculos, antes de que os romanos chegaran á nosa terra. Ten elementos comúns con outras: a relación co ?outro mundo?, a realización de amilladoiros como testemuña da romaxe, a mestura de símbolos pagáns e cristiáns?
Entre os celtas críase que cando morres vas máis alá do mar, ata onde o sol se pon, na Illa dos Benaventurados. Nas épocas máis antigas non precisaban un templo, xa que o que tiña carácter sagrado era o propio lugar non os edificios. Cando sobes ao alto da Herbeira dáste de conta do fácil que é pensar na mitolóxica illa, mirando dende os cantís como o mar se perde no horizonte.
Esta romaría de sempre estivo asociada con elementos protectores. Un deles é a Nai de Augas, a serpe protectora relacionada coa auga e os mouros. Aquí vos deixo un romance sobre a serpe e Teixido.

Heilles agora contar
un sucedido curioso
que lle aconteceu a un rapaz
nun cotarelo rochoso.

Nesa serra máis ao norte,
nos montes da Capelada,
xunto a un penedo atopou
unha gran serpe enroscada.

El quedou teso de medo,
a serpe fita o mirou,
o paxolo pegou un chimpo,
ela ferreña falou.

?A min chámanme Nai de Augas
porque das fontes nacín
verdeal coñezo a vida
pois do seu cerne bebín.

O chan bravú de Teixido
mantenme moi gorentoso.
O ceo máis estrelado
acólleme ben avogoso.

Procuro a miña misión
entrando ao mundo dos mortos
guiándoos cara a nova vida
alén da mar e sen viortos.?

?Polo que dis, feiticeira,
disque perdín esta vida.?
?Non tal, mais non debes contar
esta conversa mantida.

Pouco aos vivos me amosei,
no eido dos mouros habito
en penedos agochada,
pescudarme non permito.

As persoas que me vexan
vida por sempre terán,
xa sexa de forma humana
xa no corpo de alacrán.

Porén ao vir a Teixido
ningún ser has de danar,
pode ser o teu veciño
que anda camiño da mar.?

Despois disto se arredaron,
nunca se volveron ver.
Respectar aos seres vivos
é unha sentenza a aprender.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 08-09-2011 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0