Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ANDRÉS CO GAITEIRO RILO DE BETANZOS

A xente que sobe por vez primeira ás oficinas municipais de Ortigueira saúda instintivamente a quen permanece máis horas no concello, sen ser parte do persoal. É o vello Rilo, o mellor gaiteiro galego de hai 120 anos, inmortalizado nunha escultura.
Don Manuel Rilo Pardo naceu en Betanzos na primeira metade do século XIX. Ferreiro por profesión, labrego e gandeiro por subsistencia e gaiteiro por sentimento.
Tiña habilidade, facía de buxo o roncón e o punteiro da súa gaita, e tiña habelencia, era un bo narrador e copleiro, facendo rir a esgallo a quen o escoitaba.
Para recoñecelo había que buscar un home pequenote pero rexo, cunhas anchas patillas que lle ocupaban tódalas fazulas. Sorría picaramente cos ollos e os beizos.
Vestía calzón, chaqueta e monteira, coma os gaiteiros dalgún día, e tocaba ao xeito tradicional, sen filigranas nin variacións, muiñeiras, alboradas e alalás. Tocou en festas patronais e romarías, en fiadas e vodas, en foliadas e seráns, sen darlle folgo á gaita máis que para mollar a palleta.
Era unha época na que proliferaban os certames de gaiteiros por cidades e vilas con premios gorentosos, dos que o Rilo de Betanzos gañou alomenos 27. O máis importante conseguiuno polas festas do apóstolo en Compostela, no ano 1.893. Tocou unha peza da súa autoría, a Muiñeira de Piadela. Gañou a astronómica cifra de 100 pesetas e o simbólico título de Mellor Gaiteiro de Galicia.
En 1.906 Rilo foi o gaiteiro nas festas da patroa de Ortigueira, a súa derradeira actuación pública. Poucos meses máis tarde finou en Oza dos Ríos.
De vagariño a súa lembranza foi esmorecendo.
Os gaiteiros están presentes en moitos contos. Como aquel que contou o meu veciño Andrés, dun que faleceu e pedira que o soterraran coa súa gaita. Non collía ben na caixa e houbo que poñerlla no medio das pernas. Cando o levaban para o camposanto ía a súa viúva atrás laiándose: ai, meu homiño, que te fuches para non volver e que soíña quedo. Ai co ben que o temos pasado co que levas entre as pernas?
Aquí en Ortigueira é famoso o conto de Chumín de Céltigos, que unha noite de luar, volvendo dunha festa por carreiros pechados de bouza, topou cun lobo. Co medo que colleu premeu o fol da gaita e o son do roncón arredou ao animal. Por se acaso, Chumín non deixou de tocar a gaita ata chegar á casa. Hai quen di que o lobo ouveaba ao son da música, o caso é que non o volveu ver.
O gaiteiro é a encarnación da festa galega e Andrés ten ido a moitas. Co bo humor e retranca que o caracteriza e cos contos que sabe, dá gloria parolar con el dos tempos mozos e de tantas ?ghatadas? coma ten feito. Poñamos en valor todo o que nos é propio e nos distingue coma galegos e galegas, escoitando as voces de quen aínda o lembra tal cal foi. Viva a memoria colectiva da nosa xente maior!!.
Lembroume Andrés, que cada vez que suba ao concello lle dea recordos ao grande gaiteiro Rilo da súa parte, e así farei con todo o respecto.
Comentarios (2) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 31-08-2012 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
PASEO TERAPÉUTICO A LADRIDO

Nestes meses de verán, nos que os días de calor son abondosos, compre saír ben preparados ao exterior a dar un paseo que resulta do máis terapéutico. Non debemos de expornos ao sol moito tempo, debemos estar ben hidratados e protexidos coa crema solar e buscar unha sombriña xeitosa.
Sen saír ás horas centrais do día, podemos aproveitar igual o beneficio deste tempo, sobre todo, se a saída faise en boa compaña. Así, sentíronse Satur, Chuco e Paco, pois fixeron onte o seu particular paseo terapéutico a Ladrido, pautado por Ana, a enfermeira. Escolleron ben o guía pois, foi David, o noso psicólogo paxareiro, quen aproveitou para falarlles da riqueza natural da Ría de Ladrido e Ortigueira e amosoulles algunha fauna local (camaróns, cangrexos, gaivotas choronas, Gabitas e ata as cabuxas de Manolo, o irmán de Satur).
Non hai máis que ver a cara de Paco para saber que de seguro repiten a saída.
Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 29-08-2012 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
A CASA DA VELA

Nós temos un barco moi pacífico e hospitalario, pero nos mares sempre houbo de todo.
Os piratas atacaron as nosas costas dende a Idade Media, primeiro viquingos e normandos e lles seguiron ingleses, holandeses, franceses e ata bérberes. Saqueaban as vilas levando todo o que consideraban de valor. Piratas, bucaneiros, filibusteiros e corsarios parecían todos iguais: arrasaban, mataban e roubaban. Mais non era así. Os corsarios tiñan patente do goberno do seu país para exercer a piratería a cambio dunha parte das ganancias. Un dos piratas máis famosos que chegaron ás nosas costas foi o inglés Francis Drake a quen a súa raíña lle concedeu un título nobiliario polos servizos prestados á Coroa inglesa.
Os barcos piratas adoitaban ser naves lixeiras, rápidas e ben armadas para conseguir abordaxes doadas, e tamén de quilla baixa para poderse achegar á costa con facilidade. Non era estraño ver goletas, balandras ou bergantíns abordando outros barcos, poida que coas as súas adegas cheas de tesouros procedentes das guerras de Flandes.
Tamén nestas augas ocorreu un episodio da historia moderna, a Batalla de Cabo Ortegal. O 4 de novembro de 1.805, desenvólvese a derradeira acción da campaña de Trafalgar, na que un barco francés, aliado de España e capitaneado por Pierre Dumanoir foi capturado preto das costas de Ortigueira polo capitán inglés Richard Strachan.
Cando os barcos piratas vían a nosa costa entre Punta Candieira e Estaca de Bares non deixaban de temer un posible naufraxio. A zona é de moito vento do sudoeste rolando ao norte, con choiva e pouca visibilidade, que provoca forte marusía. Ademais as augas próximas á costa están cheas de cons que en marea alta son invisibles. Esta era a nosa protección natural. Pero non chegaba.
Por iso, en tempos do rei Carlos III, foron levantadas unhas pequenas casetas ao longo de toda a costa galega, no alto dos cantís. Hoxe aínda se poden ver algunhas. A súa construción é sinxela: catro paredes duns tres metros por dous, de cachote e algunha sillaría de granito nas esquinas; cuberta do mesmo cachote, a dúas augas por fóra e en bóveda no interior; unha porta, algún ventanuco e un lar no interior para facer lume. Nelas apostábanse sentinelas que mediante sinais de fume se comunicaban con outros postos. A estratéxica panorámica que contemplaban era fundamental para artellar a defensa.
No Porto de Espasante, na Punta dos Prados, atopamos unha destas construcións, a Casa da Vela. No ano 1.703 o párroco de San Xoán pediu protección ante os ataques piratas de ingleses e holandeses. Construíuse a garita a mediados dese século e contou cunha dotación militar. Dende ela, en días claros, pódense albiscar outras dúas edificacións similares a Vixía da Herbeira, na Serra da Capelada, e a Garita de Vares, no alto de Maeda, xa case agochada tras os eucaliptais.
A visión do horizonte onde se confunde ceo e mar dános a medida da natureza.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 29-08-2012 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
BÉVERAS E MIGUELIÑOS

Hai uns meses Isabelita do Forno decidiu traer unha figueira para a casa, pois achaba de menos a que houbo hai uns anos no xardín.
Na antiga Grecia, cando se fundaba unha cidade, plantábase unha figueira entre a ágora e o foro para sinalar o lugar onde se xuntarían os anciáns. Nós tamén temos a figueira plantada nun lugar de xuntanza de persoas maiores: o patio do comedor. Non é a Figueira do Meco pero para nós é unha árbore senlleira.
Nun principio non sabiamos se prendería, pero aí está. Xa ten unha pila de figuiños que non debemos arrincar, pois xa nos avisaron moito que se se lle quitan os primeiros despois seca o pau.
Aínda que as figueiras proceden de Asia aclimatáronse ben a Galicia. Non son delicadas, pódense ver xermolos ou pés medrando en vellos muros ou entre as rochas, como no arribón tras o Porto de Espasante.
Posiblemente a figueira fora o primeiro caso coñecido de agricultura na humanidade. Pero non hai que pensar que a figueira dá froito. De feito os figos son sicóns, onde están gardadas as flores da árbore, e dos que nacerán os froitos, que son as pebidas que atopamos dentro do figo.
As figueiras adoitan ter figos dúas veces no ano. No verán saen as béveras e a finais de setembro os migueliños, máis pequenos pero moito máis saborosos. Aos paxaros tamén lles saben polo que haberá que tomar precaucións.
Da figueira axou un merlo
con béveras no peteiro.
Escusa volver por outras
heinas comer eu primeiro.
Antigamente consideraban que os figos era a mellor menciña para se recuperar dunha enfermidade longa e que mantiñan ás persoas maiores con boa saúde e facéndolles parecer máis novas. Se por iso é, o ano que vén darémonos unha enchente.
Outra cousa moi importante que dá a figueira é sombra. Quen non botou unha soneca no verán despois do xantar debaixo dunha figueira, non sabe o que son os praceres desta vida. O arrecendo que teñen garante doces soños. Probade e veredes.
Comentarios (1) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 29-08-2012 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
NATURAIS DE ORTIGUEIRA

O asociacionismo entre os emigrantes na Habana comeza xa a principios do século XIX. A comezos do século XX aparecen sociedades moi vencelladas ao lugar de procedencia, pois aínda se pensa no retorno. Eran unha estrutura de apoio na integración social dos recén chegados, prestándolles seguridade psicolóxica e sendo axentes de aculturación. Outro dos seus fins máis senlleiros é a mellora dos seus lugares de orixe, construíndo lavadoiros, fontes, camiños, pontes, escolas, bibliotecas? Para isto valíanse dunha delegación na parroquia, formada xeralmente por emigrantes retornados. As bisbarras con máis asociacións deste tipo son a Terra Cha e Ortegal.
Na Habana había un veciño da parroquia de San Adrián de Veiga, Antonio Couzo García. O 13 de xuño de 1.928, co gallo do seu santo, fixo unha reunión na súa casa. Foi moi comentado o pasamento dun coñecido que se atopara desamparado nos seus derradeiros días. Para tentar evitar estas situacións e outras, Antonio proponlles aos seus amigos a formación dunha sociedade. Reúnense novamente o 24 de xuño Daniel Rebollar, Manuel Casal, Manuel Díaz, Pedro López, Manuel Piñón, Enrique Prieto, José Antonio Prieto e Abelardo Piñón (irmán da nosa Avelina) para formar a Sociedade de Naturais do Concello de Ortigueira, elixindo como presidente ao anfitrión.
Constituíron unha Sociedade para prestar auxilio no caso de enfermidade, paro ou imposibilidade física, remediar situacións de indixencia e fomentar a unión e mutua protección dos orteganos e orteganas residentes en Cuba. Nutríanse das cotas sociais e voluntarias, as doazóns, bailes e veladas, festas e subscricións, tómbolas e festivais. Os cartos eran empregados do seguinte xeito: o 70% para socorros de asociados, un 5% para un Fondo de Previsión para a vellez, outro 5% para facer caridade e o 20% para gastos de secretaría.
En 1.931 o nome abréviase e pasa a denominarse Sociedade de Naturais de Ortigueira.
Tanto a crise de 1.929 como a guerra civil española fan que os residentes en Cuba decidan adoptala como nova patria. Isto provoca novas preocupacións nas sociedades. O 28 de marzo de 1.943 inaugúrase a nova sé da sociedade no 615 da rúa Gervasio; esta conta cunha biblioteca con máis de 4.000 referencias que leva o nome de Ramón Armada, o Cantor da Terriña. O 20 de xaneiro 1.952 inaugúrase no cemiterio Cristovo Colón o panteón social máis grande do mundo que consta de 3 pisos, 726 bóvedas y 5.000 osarios.
Tras a revolución cubana a dinámica da Sociedade interrómpese; tamén se crea a asociación Naturais de Ortigueira en Miami.
Nos anos 90 do pasado século, recupérase o baixo do edificio, para oficinas e escola de baile, e o primeiro andar, para o recreo de asociados e familiares.
Dende os seus inicios foi unha das asociación que máis persoas congregou chegando aos 60.000 no ano 1.960. Actualmente segue a ser a asociación galega na emigración con máis membros, uns 7.200. O seu presidente Juan Orallo Boscá considera que o reto actual da Sociedade é o seu mantemento polo envellecemento da xunta directiva e dos seus asociados e pola evidente falta de financiamento. Será precisa a incorporación da nova xeración de descendentes de galegos con novos retos e fins para non quedar no esquecemento.
Comentarios (2) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 27-08-2012 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
"DE TAL FOL TALES AMARRALLAS"

O señor Emilio e a súa dona, Maruja, contáronnos entre risas, falando de casamentos, o que lle pasou á avoa do primeiro, cun home que ía pedindo de porta en porta e que un día parou na dela. Andrea que así se chamaba a avoa materna de Emilio, estando na súa casa, no lugar da Ínsua en Mañón, víu chegar un pobre home (seica viña de Bravos, ao lado de Galdo ,en Ourol ?Lugo-) ao que lle faltaba unha man.
Preguntoulle qué lle pasara e el contou que era ferreiro (alcumábano ?Pocaprisa?) e que perdera a man traballando na forxa. Queimáraa na fornalla. Caeu no fogón e ardeulle a man.
Andrea que quería saber máis sobre aquela desgraza, díxolle:
- e logo? ¿Tas casado? ¿Non andaba a túa muller por alí para axudarte? ao que el respostoulle:
- andaba ho, andaba ás súas cousas . Mala centella a parta !!. En lugar de axudarme e sacarme dalí, foi chamar aos veciños e cando viñeron xa estaba a tortilla feita. E aquí estou ,pedindo. Botoume fóra dicindo que xa non valía para traballar.
-¡Xa se sabe, ás mulleres hailles que coñecer a raza antes de casar ao igual que cando vas á feira mercar un porco, míraslle a raza que ten!, dixo Andrea chea de razón.
O Ferreiro contestoulle:
- A raza !!... Cale señora, cale, que lle somos primos-irmáns.
- Daquela? Xesús!! ?de tal fol, tales amarrallas? pobriño!! respondeu ela.
A señora Andrea que tiña traballo abondo, deixou as lerias e aquel home marchou buscando mellor sorte.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 23-08-2012 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
POSTAL DENDE ARANXUEZ

?Moi bo verán a toda a miña xente!. Este ano achegueime ao río máis longo da Península, o Texo. Antes de construír os encoros era navegable dende a meseta castelá ata Lisboa. Nas súas veigas cultívase o amorodo (case tan rico como o da nosa horta) que deu nome á segunda liña ferroviaria desenvolvida en España; o Tren do Amorodo era o nome singular dun ferrocarril creado para o servizo da raíña e a súa corte?
Polos ?madriles? vai moita calor e axiña volverei á nosa terra. Ata entón bicos, en especial para Maruja e Emilio. Ara

Así dí a postal que nos chegou á Casa , hai uns días, dende o verxel de Aranxuez, Sitio Real e Vila, a onde foi pasar uns días coa súa familia a nosa Araceli e onde, de seguro, disfrutaron (a pesares da calor) e percorreron ata o último recuncho na terra de amorodos e espárragos, fermosos xardíns, un Palacio Real onde resoa a música do castrato Farinelli e se imaxinan as tan afamadas festas cortesanas e bailes de máscaras ou as pequenas embarcacións, chamadas Falúas ,do século XVIII, navegando polo gran estanque Mar de Ontígola (recollidas agora na casa-museo de mariños). Sitio de monumentos, pontes de pedra, fontes, camiños arborados con arrecendo a laranxa e limón e nos que abonda a árbore do Amor. Á volta das vacacións hanos de ensinar a reportaxe fotográfica, pois a onde vai Araceli, vai a súa cámara.
Boa volta da viaxe e boas vacacións, Ara!!
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 21-08-2012 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
A XIRA AO PINAR DE MOROUZOS

Para rematar as festas fomos o 31 á tradicional Xira de Morouzos onde toda a veciñanza se xunta para xantar no piñeiral e troulear. Ninguén organiza nada, non se depende de ningunha comisión de festas nin de ningún organismo; só se precisa da vontade de cada casa de preparar o xantar, buscar o sitio axeitado e ter gañas de lerias.
Alá fomos coa empanada, non na cabeza como antigamente, e que moito nos soubo.
Antes de nada fomos mollar os pés na beira do mar resgardado por Ladrido e por Figueiroa, a parroquia da nosa Angustias do Gaio que había que non cataba a auga do mar uns 25 anos. Chuco contaba que el de novo ía a Baldaio, Barrañán, Riazor e que chegara incluso a Sada. Paquiño ía a Fornelos, na ribeira do Mera. Ata Fina da Mourela se meteu no mar; ela non acordaba tal.
Como disque a praia dá fame, puxémonos coa empanada e co resto de viandas para coller folgos para a tarde.
Inocencio do Ermo levou o acordeón, Gelo de Caranza a pandeireta e Ana de Lugo animouse coas cascas de vieira. Ao resto non nos quedou outra que levar o mellor dos instrumentos, a nosa voz. Tamén se arrimou un cuarteto de rapazada da Escola de Gaitas (Fernando e Pablo coas gaitas, Óscar ao tamboril e Mateo co bombo) que tocou un par de pezas para nós. Cantamos e bailamos, batemos palmas e ata ulamos. Moito rimos con algunha das coplas picantes que botamos!! Estrela de Cerceda dixo que lle parecía a mesa máis adivertida de todo o piñeiral.
Tamén houbo tempo para falar coas veciñas e veciños que se achegaron para botar unha parola ou, como no caso de Inocencio, ?O Taxista?, para convidarnos aos mellores chocolates chegados dende a Suíza. Elvira, Loli de Mera do medio, os irmáns e o sobriño de Lola Piñón, a familia de Manolo Polo, unhas amigas de Couzadoiro de María e Lucho, a tía e a curmá da nosa psx Belén Cal que falaron con Isabel, coñecidas de Luísa e outras persoas que se achegaron a saudar e que, de seguro, quedan no tinteiro. Grazas a tod@s pola visita.
Unha das últimas veciñas que veu foi tamén a máis nova, Irene, unha nena da Escola Infantil da Galiña Azul, que viña preguntando por Avelina, pois a coñecera nos Maios e lle dera caramelos. Avelina quedara na casa botando a sesta pero levou un cachiño de chocolate que tamén lle houbo saber. Contounos a nai de Irene que despois dos Maios botara máis dunha semana lembrando a Avelina e facéndolle a ola. Hoxe somos nós quen lle facemos a ola a Irene.
Na fotoblogoteca poderedes mirar as imaxes de momentos destacados da nosa Xira.
Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 10-08-2012 14:47
# Ligazón permanente a este artigo
O MARIÑEIRO DE ESPASANTE

Contaba unha veciña que houbo nesta casa hai anos, Dora de Espasante, unha das historias máis fermosas que eu nunca tivera escoitado. A ela contáralla o seu avó e a este o seu, polo que non sei moi ben cando ocorreu.
Foi no Porto de Espasante que había un mariñeiro, traballador coma poucos pero que nos últimos tempos non tiña boas mareas. Largara onde largara non enchía o aparello como os máis.
Nunha tarde cálida de verán, saíu ao mar na súa lancha coa brisa dándolle na cara. De súpeto, o ceo cubriuse de nubes pedresas que non tardaron en descargar os seus bandullos. A chuvia era mesta e non deixaba ver rumbo polo que o mariñeiro procurou non se afastar da costa. Amainando a treboada, entre a loaira, comezou a escoitar ao lonxe e de xeito feble unha voz doce e cadenciosa que cantaba. O mariñeiro agarrou os remos e vogou con tódalas súas forzas ata o canto. Puido ver unha das rochas do Picón arrodeada de peixes e, sentada nela, unha serea a peitear o seu longo cabelo de acibeche. Tiña o corpo branco e arredondado coma a escuma das ondas do mar. Do vao arriba ofrecía os seus peitos ao sol e do embigo abaixo unha cola cuberta de prateadas escamas. Fitou para el dende os profundos ollos azuis e o mariñeiro quedou engaiolado; nunca máis dela se separou. Peixe non lle volveu faltar nin uns brazos agarimosos que o apertasen.
No Porto ninguén soubo que pasara. O mariñeiro nunca volveu. A súa lancha atopouse escachada nos cantís de Loiba.
A partires daquel día disque apareceron dúas rochas novas no Picón. Hai quen xura que son o mariñeiro e a serea que nas cálidas loairas de verán pódense ver sentados a entoar a súa cantiga:
Mariñeiro de Espasante
cando saias faenar
cóidate ben das sereas
que estean a alucar.
Non confíes mariñeiro,
nestes intres de loaira
poida que algunha serea
veña te roubar a alma
.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 08-08-2012 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0