Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

"COMER PARA VIVIR"

Os hábitos condicionan a nosa saúde a calquera idade, polo que debemos practicar exercicio e ter unha alimentación sá.
Pasados os 65 temos máis rifas para a anemia, a hipertensión, a diabete, etc. Podemos evitar estas lotarías se temos unha alimentación saudable. Como facemos?
A dieta debe cumprir tres regras: variada, moderada e equilibrada.
Debemos facer 4 comidas ao día para comer pouco de cada vez. É preferible un almorzo xeneroso con froita, lácteos e cereais; un xantar equilibrado, unha merenda suave e unha cea lixeira; é importante que pola noite ceemos pouca cantidade, xa que a necesidade de enerxía é menor.
Comeremos de todo e se non se pode mastigar pasarémonos aos purés.
Elixiremos mellor a carne de pavo ou de polo, porque ten menos graxa, que a de tenreira ou a de porco. Os embutidos e os doces tomaranse de cando en vez en pouca cantidade. Non abusaremos do café nen por suposto do alcol.
Pero entón, que comemos? Verduras, legumes, hortalizas, peixe, cereais, froitas e lácteos desnatados son os protagonistas da nosa dieta.
Algo primordial é comer con outras persoas, no noso comedor cheo de boa xente reforzamos elos sociais e emocionais.
No verán festeiro galego sempre temos comidas especiais acompañadas de café e de doces. E ben que nos gustan, pero non debemos pensar que temos que comer así todo o ano, porque pola boca entra a nosa saúde. Un día non son días, pero non o podemos facer todo o ano.
Como di Avelina Piñón (99 anos) e ela ben o sabe, ?Non hai que vivir para comer, senón comer para vivir?.
Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 31-08-2011 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
O ESCOLAR DA VILA

A principios do século XX xurdiu en Ortigueira, coma noutras zonas de Galicia, unha preocupación pola educación das novas xeracións. O ensino en España fora declarado obrigatorio en 1.857, máis a instrución oficial daqueles tempos adoecía de moitas deficiencias. Empezouse a pensar en instruír aos nenos e ás nenas para proporcionarlles cultura e coñecementos que lles axudasen a resolver as súas vidas e evitasen a explotación social que noutros tempos ocorrera. Esta actividade veuse realizando por asociacións laicas, de carácter popular e en moitos casos ligadas ou patrocinadas por emigrantes ou polos mesmos veciños, como en Loiba; así xurdiron na emigración Sociedades de Instrución como a de San Adrián, a de San Claudio, de Santa María de Mera, O Progreso do Ermo, A Devesana de Devesos, Fillos de Santiago de Cuíña, Fillos de San Xiao de Senra, Fillos de Couzadoiro, etc.
Esta preocupación materializouse na construción de edificios en practicamente tódalas parroquias. Estes Escolares contaban con auga potable e aseos (escasos nas máis das casas por aquela época), vivenda para os mestres e incluso reloxo público. Tamén estaban dotados de libros, mapas e outro material para poder impartir un ensino con calidade.
Na Vila, construíuse en 1.909 un edificio de estilo colonial, deseñado por Julio Galán, un arquitecto modernista coruñés. Ten planta rectangular con tres corpos: un central de dous andares e dous laterais, pola parte posterior ten adosado un carto corpo dun só andar. Esta concepción arquitectónica está en consoancia coa concepción do ensino da época: no corpo central situábanse os servizos comúns, a biblioteca e a vivenda dos mestres; os corpos laterais estaban ocupados polas aulas de nenas e de nenos, separadas totalmente (incluso con entradas distintas), xa que na educación aínda predominaba a segregación por sexos; e o adosado posterior adicouse a aulas para párvulos. A fachada está ornamentada por balcóns e tres escudos: o de España, o da Coruña e o de Ortigueira. Ao pouco tempo de rematarse, plantouse unha palmeira no xardín dianteiro que hoxe en día pervive.
Pero o máis importante do escolar non foi o edificio, nin o xardín, nin a dotación. O importante foron os pícaros e pícaras que encheron as súas estancias, dándolles vida. Alí aprenderon, entre xogos, a ser os homes e mulleres que hoxe son. Nunca esquecerán as copliñas que lles axudaron a lembrar:
R con r carrete, r con r carril
r con r los carros que conducen el ferrocarril.

Despois de funcionar como escola foi sé de agrupacións culturais, oficinas do Concello e hoxe en día acolle a Biblioteca e o Arquivo municipais. Finalmente non se perdeu a súa semente inicial: a proporción de cultura ao pobo.
Comentarios (0) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 31-08-2011 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
MIRANDO AO MAR

Hoxe aproveitando o bo tempo, saímos ao pinar de Morouzos e non para apañar carozas para leña, agora disque está prohibido, nen a coller berberechos como facían, noutro tempo, as miñas veciñas Angustias Paz e Benigna Sanjurjo. Fomos mirar ao mar e mollar os pés, de paso, que a auga tiña pinta de estar boa. Proba delo, o baño que estaba tomando a señora Asunción, de Loiba, coa que falamos un anaco. Lembrounos a fartura de peixe que había tempo atrás e nomeu non sei cantas clases del, que collían os seus irmáns mariñeiros, cando saían. Ata prendían lume nuns fachos para avisar aos da outra banda (os de Cariño) para vir faenar . Unha conversa ben agradable con arrecendo a salitre e a Illa de San Vicente ao frente. Voltaremos, sen dúbida!!
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 29-08-2011 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
"A CHIQUILIMPÉ"

Neste serán, do 24 de agosto, día de San Bartolo, queremos saudar dende aquí a todos os veciños e veciñas de Cariño que celebran o seu patrón. Como no Carme, as rúas engalánanse coa Danza de Arcos e o rebulir de xente é constante, máximo hoxe que o tempo acompaña.
Deixámosvos unha copla que cantaban, cando pícaras, Benigna Sanjurjo e Virtudes Fontela xogando na rúa a camiñar choutando nunha perna, ou como di a "Pixinpedia":A chiquilimpé - saltando nun pé solo
Di así:
San Bartolomeu
cúrame este pé
que non podo andar
ao chiquilimpé

Apertas dende Ortigueira!!
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 24-08-2011 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
GERMÁN ATOPOU A LIBERDADE

Dende rapaz tivo que poñerse a traballar. Seu pai morreu de repente e dende entón el traballou para axudar á súa nai; no agro, de albanel, do que fixera falla, renunciando a un posto no concello para que a ela lle quedara unha paga. Botouse a traballar en Serantes, repartindo auga co porrón aos traballadores, nunha compañía catalana que facía casas, pois o encargado ao verlle os callos das mans soubo que aquel neno de pantalón curto ía traballar ben. Pero do que máis fachenda tiña, era do tempo que pasara embarcado na procura do bacallao, pola costa de Terranova. Ben se recordaba de todo o que aprendera no barco porque disque o capitán o tiña moi mirado: mecánica, cociña, pesca? ata inglés: cofee con sugar.
Hai algo máis de dous anos que veu vivir con nós, pois a súa dona naceu en Ortigueira, e parecíalle que estaría ben esta casa para Germán. Coñecimos a un home bo, encorpado e con bigode, de fala forte e firme que sempre andaba de punta en branco: traxe escuro, camisa crara, garabata e sombreiro; dábase un aire a marqués.
Nunca aceptou o seu sino, nunca entendeu a súa enfermidade. A súa ansia de liberdade medraba naquel peito de home bo e non o deixaba entender a realidade, nin sequera aceptala.
A véspera da Patroa, sen que ninguén o esperase, Germán atopou a liberdade.
Comentarios (8) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 18-08-2011 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
PAQUIÑO DO FREIXO

Paquiño do Freixo era un home pequenote coma unha zocha, tanto de corpo como de siso. Era moi crente; tódolos días, ben cedo, ía á misa e sabía tódalas ladaíñas. Se non fora porque o seminario quedaba moi lonxe e que non lle daba a cabeza para tanto, tería estudado para cura. Mais era feliz, o malpocado sempre tiña un sorriso presente.
Nunca falaba moito coas mozas, pero gustáballe Maruxa, a taberneira das Grañas.
Quedou chosco dun ollo por mor dunha pedrada, cando el máis Antón, o fillo máis novo de Cesáreo de San Mamede, foron cazar merlos co tirataques. Antón era un chocalleiro e por facer a parranda lanzoulle a pedra a Paquiño pensando darlle nun pé e saltoulle o ollo. Paquiño, foi á Coruña na liña e mercou un ollo de cristal que quitaba de cote para limpalo cun pano branco que levaba sempre no peto.
Puido librar do servizo polo do ollo, pero el era moi cumpridor e cando o chamaron a quintas quixo ir, se o aceptaban. Cando foi servir tocoulle en Oviedo. O capitán vía que para o fusil non valía, pois era bo de máis, e púxoo a remendar os coiros das gornicións das cabalarías e do calzado do destacamento. Paquiño estaba encantado co seu traballo e sempre dicía que estivera moi mirado polo capitán; tanto foi así que, cando cumpriu, o capitán regaloulle unha máquina de coser vella que tiñan no cuartel.
Paquiño volveu a pé dende Asturias ata o Freixo coa máquina de coser ao lombo. Cando chegou foi cas Maruxa, coa máquina como agasallo, e pediulle casamento. Maruxa, que sempre hai un roto para un descosido, faloulle ben e casaron. Nunca tiveron fillos, pois a noite era para durmir e o día para traballar. Paquiño de noite so sabía falar durmido, talmente coma se fose un crego: en castelán, engolando a voz e cos brazos hacia o ceo.
Dende que estaba nas Grañas padecía do estómago. Fora á Coruña e viñera dicindo que o médico lle receitara viño Sanso. Bebíao nun tazón do leite que xa era máis mouro que branco, pois o quinito mancha moito. Á primeira botáballe unha xema de ovo, como facían as paridas, pero á última bebíao só. Un día botando a partida, coas corenta e vinte en ouros na man, a Paquiño deulle un cólico miserere. Estivo tres días con febre; empezou cun paralís no brazo dereito que se lle meteu por todo o corpo ata que o matou.
Antes de morrer, pediulle a Maruxa que nunca mirara para home ningún, que el a había de estar esperando no ceo. No camposanto, a viúva choraba como se a matasen, nunca tal se veu!
Aos tres días de morrer Paquiño, veu da Habana Felipe de Isolina. Vestía sempre unha guaiabera branca, un pantalón claro e zapato branco. Na cabeza levaba un sombreiro que disque era de panamá. Menos mal que era de verán, porque de inverno como pasara por unha fochanca o branco non se lle había de ver. A Maruxa aquel home facíalle graza, pois falaba un castelán maino que engaiolaba. Víñalle falar tódolos días á taberna. Pouco e pouco foron trabando amizade e algo máis.
Un día Felipe propúxolle xuntarse á noitiña, cando pechara a taberna. Ai, si! Enterouse toda a parroquia, pois oíunos Nino da Casanova e foino laretando casa por casa. Cando se xuntaron no sobrado da taberna, os veciños xuntáronse na eira para facer a cencerrada, tocando chocas, tixolas e potas. Meteron tanto boreo que Maruxa e máis Felipe tiveron que parar a súa labor. Apagaron a luz pero non saíron á ventá, polo que os veciños cada vez petaban máis forte. Pero nunha destas quedou todo en silencio. A parella pensou que os veciños marcharan; acenderon a luz e volveron amañar. Ao pouco, as luces empezaron a acender e apagar coma lóstregos e Maruxa, pensando que era unha mensaxe do máis aló, berrou: ?Ai Paquiño, que volves aí! Déixate estar no ceo que xa irei cando me toque!? Felipe marchou da taberna, colleu o barco para a Habana de volta e nunca máis se soubo. Era visto que Maruxa non ía catar home nesta vida!
Ao día seguinte, houbo que arranxar o machete da taberna; o electricista dixo que se estragara de tanto subir e baixar seguido?
Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 17-08-2011 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
ALGUEIRAS EN LOIBA

Parece mentira que o oficio de algueira sexa un traballo tradicional, xa que parece que é na actualidade cando empezamos a usar as algas. Nada máis lonxe da realidade. Xa hai máis de 100 anos que as mulleres de Loiba baixan á procura das algas á súa horta marítima, especialmente coas lagarteiras. Teñen que baixar polos cantís para chegar ás praias do Picón, o Coitelo, Gaivoteira, os Castros, Ribeira do Carro e Ribeira Grande. Non hai mellor lugar para traballar; son praias feiticeiras como a das Catedrais, cheas de farallóns batuxados pola escuma e pechadas entre cantís, coma o agasallo máis valioso.
É unha faena dura tanto pola dificultade de acceso ás praias como porque só se pode facer catro ou cinco días cada mes, entre xuño e outubro; sempre que os ventos e a mar o permitan, e non caia en fin de semana, pois a lei prohibe a recolleita nestes días.
As algueiras hanse meter na auga coa marea baixa para poder apañar este froito mariño que escorrega polas rochas bañadas pola marea, xa que as que están na area non valen. Van metendo as algas en sacos e cada algueira pode chegar a xuntar entre 150 e 200 quilos por día. Para sacalas da praia non hai outro medio máis axeitado que o que se ven usando dende sempre, cargar os fatos en burros e subir polos carreiros que cobreguean pola encosta.
Hai anos, as algueiras adoitaban secar as algas ao sol estendidas nunha manta, pero na actualidade simplemente as almacenan, ata que unha empresa de O Porriño llelas recolle e paga a uns 50 céntimos o quilo.
Pareceríanos aos non entendidos que todas as algas son iguais, pero teñen moitas diferenzas; hainas azuis, pardas, verdes e vermellas. Aínda que nas praias de Loiba hai gran variedade de algas, as que se recollen son vermellas, as xigartinas.
Pero realmente, para que serven as algas? Pois teñen multitude de aplicacións. Como abono e fertilizante das terras téñense usado dende antigo nas zonas costeiras; como alimento para o gando, para os peixes nas empresas de acuicultura e tamén para a nosa alimentación, que agora están moi de moda cos restaurantes xaponeses; tamén se utilizan na fabricación de cosméticos e nas industrias téxtil e papeleira. Pero o que me parece máis curioso é o emprego na fabricación de medicamentos; serven para baixar o colesterol, estabilizar a tensión e combater o bocio, teñen efectos antibióticos e antivirais, e incluso se usan como cicatrizantes e antiseborreicas. Moitos son os apósitos que usan as enfermeiras para previr e mellorar as úlceras compostos por algas.
Non sabía que tiveramos tan preto as algas. Esperemos que sigamos tendo preto tamén ás algueiras moito tempo.
Comentarios (1) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 17-08-2011 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
CANTARES DE BERCE

Parolando con Avelina Piñón,de 99 anos, sobre os cantos de berce, lembrounos entre risos, como lle cantaba ao seu afillado para adormecelo:
?Arronrón, arronrón
que teu pai é un pau ferrón
e a túa nai unha violeta
que non quixo darche a teta?

Estrella Pallas, de 89 anos, acompañouna dicindo:
?Eeee, neniño eeee
eeee, neniño eeee
teu pai vai na Vila
ha traer café?

Os cantares de berce propiamente ditos son os chamados ?ARROLOS?, a diferenza dos ?ARRONRÓNS? que se cantan co neno no colo e o canto acompaña o movemento abaneante do corpo, dirixido a durmir ao neno máis facilmente.
Comentarios (1) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 14-08-2011 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
A POSTAL MAÑA DE ARACELI

Hoxe chegounos un correo ben singular, unha postal virtual de Araceli, a nosa directora que, escapando do mal tempo galego, foi dar ás terras de Aragón para coñecer á Pilarica e se cadra, botar unha jota aragonesa. Araceli, que de seguro está disfrutando coa súa cámara fotográfica, escribiunos unhas palabriñas que queremos compartir con vós e dín o seguinte:
"Saúdos, meus.Póñovos estas letras dende a capital maña. Zaragoza é unha cidade bonita de ver, dende o autobús turístico porque cae o sol a paxaro morto. A postal é do Ebro e a Basílica do Pilar, aínda que a min o que máis me chamou a atención, malia non ter tanta sona, é o Pazo da ALXAFERÍA, construído na época da Taifa e reformado por varios reis cristiáns.
Biquiños para toda esa xentiña boa. Saúdo especial para Manuel Polo. Axiña nos veremos".

Mandámoslle bicos e apertas dende aquí a Araceli e á súa familia, pero que non se esqueza de traernos a postal orixinal, que é ben chula. Graciñas Ara e ata a volta. Boa viaxe!!

Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 05-08-2011 17:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0