Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A PROCESIÓN DA CARIDADE DO COBRE

Bo día á xente da casa grande! Este foi o recibimento que unha veciña da Vila nos deu pouco antes de entrar onte na igrexa para escoitar a misa crioula na honra da Caridade do Cobre. Aurora do Sixto, a cubana, estaba desexando que chegara este momento dende hai uns días, pois é moita a devoción que sinte pola patroa de Cuba. Eu ía drado por retratarme coa virxe e mandarlle a foto aos meus parentes en Miami e tamén porque dá xenio escoitar o Kyrie coa portentosa voz de Agustín o boticario e o resto de compoñentes da Coral.
A Caridade, en Ortigueira, considérase patroa de tódolos emigrantes e loce arroupada por bandeiras de moitas nacionalidades traídas por orteganos que foron traballar polo mundo adiante. María e Lucho que traballaron boa parte da súa vida en Torquay, na Riviera inglesa, sentaron en primeira fila xunta o alcalde e as demais autoridades. Foi a misa de presentación de Javier, o novo diácono, quen presidiu a procesión con patente fervor. O intre máis emocionante foi cando a banda tocou o himno galego ante a porta da igrexa e ao rematar entrou a Caridade do Cobre entre aplausos.
Fixemos vida social e saudamos a familiares, amizades e xente da veciñanza, entre outros a Sara a enfermeira que saíu na banda tocando o saxofón; a Chus, a sobriña de Lita, moi atenta e amable; a Elvira que sempre será da casa e a Girón, o alcalde, que se achegou para desexarnos unhas boas festas da Patroa.
Por alí andaron dous periodistas do programa Vaia troula da televisión de Galicia. Se cadra o domingo saímos na tele.
Xantamos tarde, como todo o mundo nos días da Patroa. Despois, festa rachada. Tocou a música ata caer de cu. Botaron unhas pezas Benigna das Pontigas, Andrés de Pantín, José de Horizón, Isabelita do Forno, Fina de Caranza, Mari de Rosario? ata Carmen de Luaces. Constantina non bailou pero trouleou sentada.
De merenda houbo a típica torta de Ortigueira de infindo grosor, capa sobre capa: base follada, cabelo de anxo, pasta melosa de améndoas e cubrición de froitas confeitadas e améndoas fileteadas. Di dela o noso Manolo de Benigna que é a torta barroca por excelencia, tanto no seu continente como no seu contido, antiga e vigorosa. Abofé que un anaquiño mantén para o día. Podedes ver a receita desta torta e outras moitas no blog deste fantástico periodista e mellor amigo, cuxo enlace tendes ao voso dispor na nosa sección na rede.
Seguimos de festa!
Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 31-07-2012 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
SANTA MARTA
Quen dixo que non había festas este ano na Vila? Onte houbo misa da Patroa e ben especial. Don José oficiaba en Santa Marta novamente despois de corenta anos. Foi a derradeira misa da Patroa como párroco, xa que a partir de setembro será unicamente titular da capela da nosa casa. Na homilía deu as grazas a tódalas persoas da Vila e deulle a benvida ao novo párroco, Alfonso, que se incorporará en breve.
Saída dos santos en procesión polas rúas da Vila coas bandas de música de Ortigueira e de Sevilla, repenique de campás e bombas de palenque. Para nós unha festa como as de toda a vida. Así o lembraba emocionada Isabelita do Forno que había moitos anos que non acudía á cita porque lle trae acordanzas nas que se mesturan ledicia e saudade polos que lle faltan. Lola de Ramón, que está boa moza, tamén foi á misa drado e atopou co irmán e coa sobriña que se aledaron de vela alí. Viñeron por vez primeira Emilio e Maruja de Mañón, que hai anos vían a procesión dende a ventá da súa casa na Estrada Xeral; Fina de Caranza que estaba ben elegante; Manolo de Couzadoiro que este ano non puido ir á casa do irmán; e tamén Fina da Mourela, moi atenta durante a misa e impresionada con tantos santos en procesión. Moitos fogos había. Arriba, coño, arriba!
A nosa celebración de Santa Marta non será tan estraña como a dos cadaleitos de As Neves, non haberá sesión vermú, non haberá verbena, pero a Marta saíu como tódolos anos en brazos dos orteganos e orteganas e o sentimento de festa grande non se perde.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 30-07-2012 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
AS QUE ANDABAN A PEDIR
Din que Santa Marta é vila farta. Supoño que sería por iso que moita xentiña se ten achegado ata aquí pedindo esmola.
Contou Virtudes o outro día o conto das xitanas cando ían por aí polo mundo a pedir. A Ortigueira viñan moito polo San Marcos, pois xuntábase moita xente por ser feira de ano. Por calquera cousa metíanas no cárcere, aínda que fora por roubar unha galiña.
As xitanas, cando lles parecía que o que lles daban non era dabondo, botaban unha maldición, Mala justicia de Santa Marta te coma. A Virtudes a xente que andaba a pedir dáballe moita pena e recorda aquela copla:
Canta rula, canta rula.
Canta rula naquel souto.
Pobriño daquel que espera
polo que está na man doutro.

Tamén dicía Angustias que antes cocíase cada oito días, todos os sábados. Cando se cocía dábaselle pan ou bola a un pobre que viña a pedir polas portas, polas ánimas dos defuntos e as benditas ánimas do purgatorio. Era ben tamén dar sal. Antigamente, había unhas artesiñas pequenas na lareira co sal. Se non, ofrecían unha cunca de caldo, naquelas cuncas grandes cunha liña amarela ao arredor.

Caldiño ao pobre, dan, dan,
pero pan, anque o esfolen non dan.
Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 23-07-2012 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
EMPANADA DE BERBERECHOS DE RAMONA

Imos ler o que lembra Ramona da Magdalena dunha das receitas de cociña que ela adoitaba facer hai anos.
Na Ría de Ortigueira, cando eu era nova, había de todo para quen quixera ilo coller.
Eu baixaba á ribeira, na Lagarea, a apañar berberechos, longueiróns, ameixas e mexillóns. Nos furados das pedras da ponte da Lagarea habíache congro; érache bo para facer en caldeirada, cunhas pataquiñas e un rustrido. Por Laxás, segundo ías non facías máis que pisar os cangrexos. Habíaos a montóns e tamén me sabían. Eran cangrexos verdes que ao cocer quedaban encarnados pola barriga.
Había moita cantidade de berberechos. Aínda que colleras un saco deles non se perdían. Comíase todo, pola fame e máis porque daquela non había neveira, nin conxelador para gardar a comida. O caso é que quedar non quedaban, non tiveras medo! Teño ido a apañar os berberechos e mesmo na praia comelos así, crus. Se non, voltaba para a casa, lavábaos e cocíaos.
A empanada de berberechos si que estaba boa!!
Para facela facían falla os berberechos; a cantidade era a ollo segundo o grandor da empanada. Para o rustrido botabamos nunha tixola aceite, cebola e pemento ou azafrán. A masa facíase con auga, un chisco de sal, formento e fariña de trigo. Porque haber había trigo que viña nunhas sacas grandes. De onde viña? De fóra. Quen sabe! Do inferno! Andaba unha muller cun corpazo bárbaro carretando para as tendas, levando unha saca grandísima ás costas...
Primeiro de nada, había que amasar e deixar que levedara a masa. Despois cocíanse os berberechos ata que abriran e sacábanse da casca. Nunha tixola fritíase o prebe: un pouquiño aceite, cebola picada, pemento doce ou azafrán, válenche o mesmo.
Estirábase a masa, ben estiradiña e púñase nunha bandexa. Cacharros non había tantos como agora e sempre se facía na mesma bandexa. Logo cubríase a masa co rustrido e os berberechos cocidos repartidos por riba. Por último, había que poñerlle a tapa de masa enriba, revirándolle a beira, e ao forno.
Parece que aínda me vén o sabor á boca. Agora non se fan as empanadas coma as de antes. Comíache un cachiño de boa gana?
Pois haberá que facela, Ramoniña!
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 19-07-2012 15:21
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DE PRAIA CON ABADÍN

Hoxe estamos cansos, pero pagou a pena. Veunos visitar un grupo de xente do Centro de Día de Abadín e pasamos todo o día de onte na praia. O día acompañou, neste verán invernal que temos, luciu o sol e refrescaba unha brisa mariña ben agradable.
O primeiro foron as presentacións, Paco de San Adrián coñeceu a Julio acompañado da súa Carmen, Julio a Fina da Mourela, Andrés de Pantín a Julia... Pouco e pouco todos eramos da casa.
Aproveitamos a mañá para achegarnos ao areal de Morouzos. Houbo un grupiño que quixo dar un paseo pola area e, por suposto, probar a auga. Ramiro foi dos primeiros en apuntarse. Primeiramente sentíase fría pero en nada daba xenio sentir as ondas bater nas pernas. Dicía Isabelita do Forno que xa non lembraba a última vez que se metera no mar.
Xantamos ben, á sombra dos piñeiros e parolamos dos tempos de antes. A xente de Abadín non lembraba ter ido á praia como a rapazada de agora. Nin sequera a de Ortigueira ía, a pesares de tela tan pretiño. Angustias do Gaio que vivía da praia a tiro de pedra si que ía, pero a traballar: recoller o argazo para botarlle ás terras, axudar a descargar o peixe das lanchas? Non había tempo de lecer, só se podía traballar para poder comer. Antigamente os médicos recomendaban moito ir tomar os baños nove días seguidos para mellorar de calquera doenza; xa di o noso don José, sería porque antes se traballaba arreo e o corpo precisaba descanso, pero único xeito de parar era que o dixera o médico. Tamén Isabelita do Forno contou a lenda do Dragón da Barra, tradicional de Ortegal e máis do lugar onde estabamos. Pepe Dovale recordou un dos nexos entre Abadín e Ortigueira, e especialmente coa nosa casa: Daniel Pernas Nieto, cura nacido en Abadín e capelán da nosa casa, que tivo o mérito de publicar o primeiro libro en galego tras o comezo da guerra civil.
A xente de Abadín contounos da Feira de ano de Gontán, onde segundo dixo Herminia hai de todo, dende froita ata gando. Polo Entroido dis que teñen a feira do grelo, cos mellores grelos do mundo enteiro, plantados como se fixo sempre, sen químicas modernas. No grupiño había moita xente de Vilalba, como Raquel de Noche, que nos contou como se criaban os famosos capóns, aínda que Delmita se ía máis cun pito campeiro da casa que é máis substancioso. Tamén Delia falou sobre os seus veciños máis famosos, Rouco Varela e o xa finado Fraga.
Pasámolo tan ben que temos que pensar en argallar outra xuntanza, a medio camiño ou ir probar os famosos grelos. Hase de ver. De momento, imos dar as grazas tanto usuarias e usuarios de Abadín como ao seu persoal por un día sensacional e recordarvos que as fotos deste día pódense ver na nosa fotoblogoteca.

VÉMONOS!
Comentarios (6) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 18-07-2012 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
PROCESIÓN DO CARME

Onte, día do Carme, non faltamos á cita en Cariño. Tras a misa de campaña na nave de redes os membros da confraría de pescadores sacaron á súa patroa e a embarcaron para realizar a ofrenda ás xentes que deixaron a súa vida no mar.
Para mellor velos fomos ata o cabo Ortegal onde sementan o mar de flores. Dende o alto hai unha vista fantástica dos tres Aguillóns. Camiñamos pola encosta baixo o primeiro sol do verán e puidemos ver todo o percorrido da procesión marítima coa flota cariñesa acompañando á Virxe, coas ?popas dos buques de certa importancia decoradas, formando doselete para garda-la imaxe da Virxe?, como dixo o real bate.
Recordamos as persoas que morreron no mar e, en particular, Andrés lembrou o seu curmán Marcial que morreu no naufraxio da Baleares. Preguntou un día Lola de Ramón onde había máis cousas se no mar ou na terra. A xente dicía na terra, na terra? Ela deixou falar e dixo con moita sabedoría, non, no mar que ten toda a súa riqueza natural, a que está afundida polos naufraxios e tódalas vidas que nel quedaron, polo que hai que coidar deste gran tesouro natural.
Pero non todo foron lembranzas. Voltamos para Cariño e alí esperamos o desembarco da patroa, da banda de música, do grupo de gaitas e pandeiretas e dos danzadores da confraría de pescadores que bailaron a danza de arcos ao redor da Virxe do Carme. Mentres non chegaron sentamos a tomar uns refrescos que tras a camiñada nos devolveron os folgos. José de Horizón xa é o cuarto ano que vai pero Isabelita do Forno e Manolo de Couzadoiro viron por primeira vez a danza de arcos. Fina da Mourela pasou un día fantástico. E a nosa Carme, xunta Andrés, levou un día do seu santo moi especial.
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 17-07-2012 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
GRAN CINE DE ORTIGUEIRA
En Ortigueira tódalas rúas teñen dous nomes: o oficial e o coñecido pola xente. No comezo dunha das ruelas máis estreitas da Vila, case esquinado coa Estrada Xeral, atopamos un edificio singular que lle dá nome popular a esta rúa, ?a dos Polos?.
Antonio Tenreiro Rodríguez foi o arquitecto que proxectou esta edificación, rematada en 1.940 e destinada a Gran Cine. Tenreiro foi un dos principais arquitectos galegos do século XX e a súa obra máis senlleira é a sé central do Banco Pastor. En 1.930 é nomeado arquitecto municipal da Coruña e en 1.937 é suspendido do seu cargo pola súa militancia republicana. Isto supuxo un atranco na súa carreira, tendo incluso que asinar o seu socio, Peregrín Estellés, algunha das súas obras como esta que nos ocupa.
Este é un valioso exemplo da primeira arquitectura moderna galega cos efectos plásticos dun edificio situado na confluencia de dúas vías principais (algo que se perdeu por unha construción posterior). Racha coa arquitectura ortegana anterior, arrincando da fachada as tradicionais galerías e empregando outros materiais como o formigón e o tixolo recebado. Con todo, o edificio ten un aire mariñeiro que o integra na contorna.
A súa planta é sinxela e o alzado consta de baixo e dous andares con solucións racionalistas á vienesa na súa fachada: no primeiro andar ábrense catro grandes vans sen apenas ornamento e no andar máis elevado os vans son máis pequenos e están situados nun grande volume voado e curvado. Remata a esquina dereita unha torre de corpo voado con catro caras iguais que se eleva en volumes escalados, rompendo a marcada horizontalidade da fachada e cunha función exterior de reclamo publicitario.
O cine deu en chamarse Cine Fojo porque o levaba esta coñecida familia. Tempo andando alugáronllo a Pepe de Pancho, de Senra. O primeiro taquilleiro foi Vicente Baamonde, o curmán de Isabelita do Forno, e cando este marchou para Dinamarca quedou no sitio o irmán desta, Pepe. Había sesións os martes, xoves, sábados e domingos, e sempre estaba cheo. Os domingos a xente xa ía coller as entradas (abaixo máis baratas que arriba) despois de misa para a sesión das cinco, das oito ou das once.
Aquí foi onde Luísa viu as películas de Sarita Montiel, moi de moda nos anos 50 e moi atrevidas para a época. Isabelita do Forno tamén as viu pois a levaba a súa nai a quen lle gustaba moito o cuplé. Di Isabelita que a película que máis pegada lle deixou é unha que fun ver coas miñas amigas, El Padrino, por Marlon Brando.
A partir dos anos 70, o Gran Cine esmoreceu e, como moitos outros, cambiou de actividade (algúns correron peor sorte e foron derribados para construír bancos, supermercados ou comercios de baratillo). Hoxe alberga a moblería dos Irmáns Polo.
Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 10-07-2012 12:59
# Ligazón permanente a este artigo
A RAPA DAS BESTAS

Cada ano coa chegada do verán repítese unha actividade ancestral na Serra da Capelada: a Rapa das Bestas.
Din que xa na idade do Bronce, os habitantes do que hoxe é Galicia trataban de domesticar os animais convertendo esta actividade en rito. O antigo historiador Estrabón o relataba así: ?Con cornos e berros acosan os animais polo montes para lograr acurralos. Uns os matan para comelos. Outros os doman e sérvenlles de montura para as súas loitas guerreiras.? Existen documentos eclesiásticos de mediados do século XVI que fan referencia ás rapas.
Na Capelada vense facendo a Rapa das Bestas ininterrompidamente dende 1.974, cada derradeiro fin de semana de xuño, organizada pola asociación ecuestre ?A Crina?, co patrocinio do Concello de Cedeira e a colaboración dos comerciantes da vila.
Participan na festa uns douscentos cabalos, de raza pura galega ou mestizos, pertencentes aos membros da asociación ou a propietarios particulares.
Días antes da rapa e esa mañanciña, os gandeiros soben ao monte co bestilleiro diante para acurrar os cabalos e levalos para o curro, onde se xuntan. O curro pode ser de pedra ou de estacas de madeira coma o de Pena Toxosa, na Capelada.
A xornada comeza cunha misa solemne celebrada no campo. Despois péchase a estacada do curro para poder comezar a separar os garañóns das bestas e dos poldros, cousa nada doada xa que os animais pelexan por se ceibar rinchando, couceando e levantando os pés de diante. Por último, os aloitadores e aloitadoras abaten o animal, o marcan e cortan as crinas tanto das bestas e poldros como dos garañóns, para despois ceibalos de novo no monte.
A festa continúa con liorta de garañóns, doma de alta escola, probas de andadura, trote e galope, exposición de cabezas de gando de diferentes razas, carreira de relevos a cabalo, así como o sorteo dun poldro nacido na Serra da Capelada.
Arredor da actividade principal existen outras que a completan, como toldos onde mollar a palleta ou as polbeiras para encher o bandullo despois de tanto exercicio. Tampouco falta a música para troula dos asistentes.
A Rapa das Bestas faise en varios lugares da xeografía galega como en Candaoso, Viveiro, e a máis famosa é a de Sabucedo, A Estrada.
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 02-07-2012 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
FOLEÓN DE SAN PEDRO

Levamos xa uns anos celebrando o foleón de san Xoán, pero este ano decidimos rescatar o san Pedro, pois en Galicia, de sempre, tamén se fixo lume o 29 de xuño.
Este foleón tamén ten unha remota orixe pagá de conmemoración da entrada do período de renovación e fructificación: o verán. A igrexa católica fixo súa a tradición para recordar o martirio do primeiro papa, san Pedro, e do apóstolo dos xentís, san Paulo, pois ámbolos dous foros executados pola orde do emperador de Roma, Nerón, no abrente do 29 de xuño do ano 67.
Comezamos a tarde cunha merenda contundente de liscos e chourizos acompañados por familiares e achegados de Estrella de Cerceda, de Fina de Caranza, de Avelina, de Virtudes... Para baixar a merenda, non nos podía faltar a música. Nesta ocasión foron Inocencio co acordeón e Angustias coa pandeireta quen tocaron algunhas pezas. Puidemos escoitar a Gelo e a Candela cantar e tocar A saia da Carolina e Estrella tamén quixo tocala un pouquiño.
Acendemos o lume purificador e saltamos sobre o foleón. Non quedou ninguén sen pasar sobre as brasas, procurando que fora un número impar de veces, berrando, bailando en derredor, aspirando o seu fume (que o vento espallaba) e recitando conxuros e ditos: meigas fóra! Déixovos aquí un antigo romance válido tanto para a noite de San Xoán como para a de San Pedro:
Madrugada de San Pedro
madrugada a máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre o día.
Onde vai Nosa Señora?
Onde vai Santa María?
Vai cara a banda do mar,
vai cara a banda da ría.
Que dice a Virxe? Que dice?
Que dice Santa María?
Cal será a meniña? Cal,
que colla a flor da auga fría?
Non será dama, nin deuda,
que será a princesa Aldina,
a princesa namorada,
filla do rei de Galicia.
Non hai outra coma ela,
tan feitiña e tan bonita
con eses seus ollos claros,
da color da auga da ría.
Só ti Aldina serás
quen leve a flor da auga fría.
Érguete do leito nena
ven cara á banda do mar,
que anque ti soíña veñas
tornarás en compañía.
Na torre do real palacio,
anque aínda está lonxe o día
móvense os liños dun leito,
algunha xente se erguía.
A princesa, Deus a garde!
era a moi garrida Aldina
que vai día de San Pedro
catar a flor da auga fría.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 01-07-2012 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0