Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A CARIDADE DO COBRE

A nosa veciña habaneira, Aurora Pereira Moure (87 anos), cóntanos sempre das vivencias na súa Cuba. Nesta ocasión, nos ven ao pelo o que recorda da Virxe da Caridade do Cobre, da que garda unha estampa con moito agarimo.
Cando ela estudaba na ?escuelita? do Centro Galego da Habana, aprendeu a historia do achádego da Caridade. Hai moitos séculos había tres rapaces, dous indios e un negro, coñecidos como os tres Juanes. Ían un día traballar na súa lancha cando se levantou un temporal e pensaron morrer. No canto diso, apareceulles unha virxe nunha táboa cun letreiro que dicía: ?Eu son a Virxe da Caridade?. Salváronse e levárona a terra. Nun principio, se lle fixo unha pequena ermida nun pobo na punta este da illa, rico en minas de cobre (de aí o nome) nas que traballaban escravos indios e negros. Esta ermida aínda se conserva, sendo moi visitada polos romeiros; a Aurora levouna a súa nai sendo unha picariña. Pouco e pouco foi medrando o fervor pola Caridade por toda a illa, ata que en 1.916 a antiga igrexa de Guadalupe da Habana pasou a ser o Santuario Occidental de Nosa Señora da Caridade do Cobre. Converteuse na patroa de Cuba, probablemente porque os indios do Cobre a fixeron súa, os negros sincretizaron o seu culto coa súa deusa Oshún (do amor e da beleza) e os crioulos (europeos casados con nativas e os seus descendentes), precisaban un símbolo da patria emerxente polos seus sentimentos de independencia.
Moita xentiña do Ortegal saíu da súa terra para Cuba, como os pais de Aurora, e quedaron engaiolados pola Caridade do Cobre. Así a Cachita, foi adquirida grazas á achega voluntaria dos integrantes da Asociación de Naturais de Ortigueira na Habana, quen a enviaron no ano 1.955 para que compartira templo con Santa Marta. É unha talla coa cara cobreada e o pelo liso e negro, como as indias; ten ao Neno no colo, quen sostén a bola do mundo.
Cada 30 de xullo, na Vila hónrase ás persoas que saíron da bisbarra rumbo a outras terras, pedindo por elas á Caridade do Cobre; nun inicio chamouse a esta festa Día de América, pero agora é o Día do Emigrante, querendo así chegar a tódalas persoas que deixaron a súa casa para buscar traballo. Celébrase unha Misa Criolla na que a Coral Polifónica de Ortigueira interpreta varios temas con acompañamentos de percusión, guitarra e charango. A Misa Criolla está aceptada pola Igrexa, que antigamente non permitía os instrumentos de percusión nas celebracións litúrxicas, e está concibida para celebrar con grandes multitudes. Trala celebración sácase a Caridade en procesión, enfeitada por unha chea de bandeiras, traídas dos países que representan por xente que foi aló. Acompáñana os pícaros e pícaras que fixeron a Primeira Comuñón no ano, así como gran cantidade de persoas.
Esta é unha das citas máis sentidas e esperadas pola xente da Vila, en especial por Aurora, a cubana.
Comentarios (2) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 30-07-2011 02:01
# Ligazón permanente a este artigo
A PATROA

Disque Santa Marta ten tren pero non ten tranvía.
Onte a Santa tivo a súa festa con Misa solemne e procesión. Tódolos anos imos á parroquia. De camiño atopamos aos gaiteiros pola Preguiza e ata tocaron una peza para nós. Entramos na igrexa pola alfombra vermella. Don José, o señor cura, que nos ten moito aquel, sempre nos reserva uns bancos diante o altar. Así escoitamos mellor e tamén vemos de cerca aos santos, porque Santa Marta non está soa, ten a San Vicente, á Caridade do Cobre?
A Misa deu gusto escoitala, unha homilía preciosa do noso párroco e os outros sacerdotes que co-oficiaban. Tamén lle fai que sexa cantada pola Coral Polifónica de Ortigueira, composta por voces privilexiadas coma a de Agustín Pía, o boticario; o Kirie soou no templo como no mellor dos escenarios.
Sentimos redobrar as campás a gloria cando sacaron tódolos santos en procesión, pechada por Santa Marta e as forzas vivas da Vila, dende a corporación en pleno ata o xefe da Garda Civil.
Vimos moita xentiña coñecida: Marita de Mera, Dolores de Piñón, Rosa María de Teresa, Chus de Lita, Rosa de Loiba, Mónica e a súa filla Melisa, Susiño, Manoli, Andrés (ía coma un pincel portando un dos tronos). Sorprendeunos ver a Farruco, o da Televisión de Galicia, que se achegou para falar con nós un chisco cativo. Ao mellor ata nos saca na tele.
Lola de Ramón moito medo tivo cando sentiu as tracas, abrazouse ao pescozo de David e case que choraba. A verdade é que se non fora polas chicas Santa Marta morrería, caramba!
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 30-07-2011 01:49
# Ligazón permanente a este artigo
A TORRE DO CAMPO

Galicia é terra de muíños. Non só de aceas, senón de muíños de marés e tamén de muíños de vento, malia que moitos deles desapareceron. A enerxía do vento era aproveitada por estes muíños que se usaban como substitutos das aceas en épocas de seca. En Ortigueira temos un dos muíños de vento máis grandes de Galicia, o Muíño do Campo da Torre. Está na península de Requeixo, nun outeiro a 65 metros sobre o nivel do mar dende o que se pode ver toda a Vila e no que estivo situado noutrora un poboado castrexo e posteriormente o castelo medieval do Condado de Ortigueira.
É un muíño de torre de 8 metros de diámetro. Foi feito a finais do século XIX por José García Gómez (de Redondela) para Fernando Donato, probablemente coas pedras da torre da homenaxe da fortaleza, das que só quedaba algo dos seus muros exteriores e ameas. Ten tres fiestras e unha porta de entrada. A súa cuberta é cónica, de madeira e xiratoria, para orientarse ao vento que mellor zoa, cun sistema de xiro a través de rodas sobre unha canle realizada na parte superior da torre. Ten catro aspas coas correspondentes velas triangulares de lona de 4 metros de lonxitude e 3 de ancho a xeito de papaventos abalados polo nordés ou polo ábrego.
O muíño, foi vendido a José Noval quen o traballou coas dúas moas, unha de granito para o trigo e outra de pedra albar para o maínzo. Deixouse de utilizar arredor do 1.930 cando José marchou para Cuba.
Tras máis de medio século en estado ruinoso e oculto tras un eucaliptal, foi reconstruído completamente en 2.005 con fins divulgativos e educativos, conservando as dúas pedras de moer. Calquera día habemos subir ao Campo da Torre para gozar do muíño e das boas vistas.

Comentarios (0) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-07-2011 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
A DANZA DE ARCOS: A TRADICIÓN DUN POBO

Hoxe é o día no que Cariño, como tantas vilas mariñeiras, celebra o Carme cunha Procesión Marítima, como lembranza aos homes e mulleres que a mar cinguiu para sempre.
Pero se hai unha tradición singular do pobo de Cariño, esa é a Danza de Arcos. Vinculada aos mariñeiros dende a noite dos tempos, renden con ela homenaxe aos seus patróns: a Virxe do Carme (patroa da mar) e San Bartolomeu (patrón da Vila). Ninguén coñece de certo a súa antigüidade nin a súa procedencia.
A danza compúñase dun número impar de homes, pero hai que dicir, que a tradición se axeitou con naturalidade aos tempos e participan dela as mulleres. Os danzaríns e danzarinas levan pantalón branco e camisa branca adobiada cuns lazos de cores no seu ombreiro esquerdo, unha banda cruzada de dereita a esquerda (de distintas cores) e un pano floreado no van.
Previamente a cada celebración, os arcos de madeira son enfeitados polos integrantes da danza, a xeito de flor de papel das máis vistosas cores. Na danza, son abaneados ao compás da música, facendo as distintas filigranas que caracterizan este baile, formando unha fermosa serpe multicolor. Os pasos que compoñen a danza (ponte alta, ponte baixa, culebrina, caracol, paseo longo e nó) fóronse transmitindo, ao longo dos anos, de xeito inalterable de pais a fillos. O danzarín que vai diante, denominado guía, é o encargado de compaxinar os movementos co último, denominado cola; ámbolos dous son os únicos que levan mantón de Manila.
A Danza de Arcos foi levada a outros pobos, como Camariñas, por xente de Cariño que se trasladou para desenvolver o seu traballo na mar.
Hoxe, dende este ?barco?, queremos estar de corazón en Cariño para acompañar a todos na Procesión Marítima, pero especialmente á nosa Lucía e ao seu fillo Íker.
Apertas grandes, no nome de toda a tripulación, Lucy. Hoxe, como sempre, estamos ao teu carón.
Comentarios (6) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-07-2011 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA Á GRANXA CAXIGUEIRA

De tódolos meus veciños e veciñas, quen máis quen menos ten tido vacas, xa fora que as coidara ou que as houbera na casa cando era cativo. Cando convives tanto tempo cos animais acabas colléndolles cariño e non te esqueces.
Onte fomos de excursión á Granxa Caxigueira que está na parroquia das Neves. Alí nos acolleron amablemente os seus donos Manolo e Carmen. Veunos recibir tamén Lúa, unha cadela pastor alemán moi cariñosa que apareceu nos cantís e que a Garda Civil lles regalou.
A explotación adícase á produción de carne e para isto crían vacas de Blonde de Aquitania, unha raza francesa. Teñen moitas, sobre 100 cabezas, coas que fan recría de xatas, cría de becerros de cebo, touros para pais? Cando son novas teñen unha cor rubia clara; dicía Lucho Fernández (89 anos) que se podía escribir nos seus lombos porque parecían papel de limpas que estaban. Tamén teñen algunhas cabezas de raza frieiresa que é unha raza autóctona de Galicia en perigo de extinción (parece mentira que as vacas tamén se poidan extinguir). Non son tan boas para a produción de carne, pero son moito máis guapas que as francesas, sen ningunha dúbida, cos olliños brillantes e unha perrera que parece feita por unha perruqueira. As vacas están repartidas por lotes nas 90 hectáreas de terreo que ten a granxa. Cada grupo de vacas está cun touro, repartidas en parcelas duns 20 ferrados, cercadas con pastor eléctrico.
Tamén teñen ovella galega, cabras, galiña de Mos? Antes adicábanse ademais á explotación leiteira e tiveron unha vaca moi famosa: Galletera. Gañou concursos a nivel galego, nacional e internacional. Chegou a dar nun só día 70 litros de leite! Tiña que ser unha vaca barbarísima. Dicían Socorro Blanco (79 anos) e Luisa Gregorio (70 anos) que ás súa vacas non lles sacaban nin 5 litros ao día.
Carmen tamén nos contou que unha noite, hai moitos anos, deixaran as vacas fóra e pola mañá lles faltaba unha. Buscaron nela pero non a atopaban. Tiñan unha casa vella, onde gardaban as patacas e outras cousas, que sempre estaba coa porta aberta. De súpeto, escoitaron bruar sobre as súas cabezas. Miraron para riba e pola ventá do sobrado da casa vella, asomou a cabeza a vaquiña. Subira tres pasos, dobrara no descansiño e para riba outras cinco ou seis escaleiras. Quen había imaxinar que a vaca estaba en tan boa forma!
Volvemos para a casa contentos de ver unhas vacas tan boas, Deus as defenda. Se vos tamén queredes facer unha visita virtual á Granxa Caxigueira podedes pinchar no enlace que tedes neste blog.
Ás veces, temos grandes tesouros ao pé da casa e non lles damos a mesma importancia que se viñeran de fóra. Como dixo don José, o cura, Manolo é un gandeiro ilustrado.

Comentarios (3) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 14-07-2011 13:37
# Ligazón permanente a este artigo
O BURRO QUE SUBIU Á TORRE EIFFEL

A nosa veciña Virtudes Fontela Garrote (93 anos) sempre ten un conto, xa que a súa memoria é inmensa. Este día oín como lle recitaba a Gelo este contiño en verso que ela escoitou cando era nova e aquí vos deixo:

Póñanse acomodados
que lles vou contar un conto
que os vai deixar asombrados.
O día 5 de outubro
presentouse o Carballeira
disposto a subir o burro
pola ponte da Gaiteira.
E para que todos soubesen
desta proeza titán,
repartiu profusamente
unhos programas de man,
nos que dicía: ?Señores,
eu son Toribio Pichel
que en París montado en burro
subín pola Torre Eiffel.
Na estrada subín tamén,
e eso que a escote añadía,
polas columnas que ten
a radiotelegrafía.?
E así acabou a historia
dese Toribio Pichel
que en París montado en burro
subiu pola Torre Eiffel.

Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 14-07-2011 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
PALABRAS CON MEMORIA
Hai uns meses, recibimos unha carta da Asociación de Escritores en Lingua Galega solicitando a nosa colaboración. Esta asociación reúne a máis de 300 escritores e escritoras, coa condición de que teñan publicado a lo menos un libro en galego. Realizan diversas actividades como obradoiros de escritura para nenos e nenas, roteiros literarios por Compostela, congresos, publicación de libros, premios literarios? Teñen en marcha dous fermosos proxectos de recuperación da nosa lingua: Polafías e Palabras con memoria.
?Polafías? son reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. Para esta proposta axúdanse das novas tecnoloxías (gravadoras, internet?).
?Palabras con memoria? é o proxecto para o que nos pediron colaboración. Esta é unha actividade para recuperar palabras ou expresións nosas que non aparecen nos dicionarios e están en perigo de extinción. Tedes o enlace á páxina da Asociación neste blog, dende a que tamén podedes participar. Dende este centro fixemos algunhas achegas de palabras por parte de varias veciñas e veciños que están publicadas no glosario.
A asociación enviounos o diploma que vedes e no que di de nos textualmente: Esta Asociación quere agradecerlles a elas e eles que medraron nun galego fresco e espontáneo, aprendido con naturalidade e enriquecido con formas dialectais e do que a súa memoria é fiel depositaria, que nos deixen en herdanza o noso ben máis prezado, o idioma galego. Mostrámoslles, pois, o noso máis fondo respecto, e por iso traballamos arreo para conservar este tesouro que elas e eles nos transmiten, e que así viva tamén na nosa mocidade ?mil primaveras máis?.
Grazas a vos sempre, polo esforzo que facedes para que a nosa lingua teña saúde e por permitirnos seguir gozando da literatura en galego.

Comentarios (3) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 11-07-2011 13:30
# Ligazón permanente a este artigo
A DENOCIÑA

Esta semana baixou do monte de Brandaliz unha denociña. Nunca vira ningunha pero Lola, miña cuñada, a recoñeceu deseguida e pampou de medo. Empezamos a recordar o que de sempre oímos deste animal maldito. É astuta, silandeira e móvese rápido. Vive preto das casas e aliméntase dos animais en galiñeiros e currais; segundo se di, lle chucha o sangue ás galiñas ata que as mata. Converteuse nun dos animais tabú máis temidos, pola crenza de que pode matar unha persoa dunha soa trabada.
Isto fíxome lembrar aquel conto dun matrimonio que vivía máis para aló de Muras. El era un langrán mexeriqueiro que andaba sempre a brincos sen facer branca e ela unha pandorca lareteira que lle pedía permiso a unha perna para mover a outra. Parece que un día saíron ao monte a por pinabetas para acender o lume. De súpeto, saíulles ao camiño unha denociña, parouse diante e ollou para eles. Ninguén se moveu. Había dar gusto velos alí, aos dous tesos de medo, diante dun animaliño pequeno coma un rato, de cor rubia, corpiño alongado e a cabeza coma o puño dun picariño. Estaban no mundo porque ten que haber de todo!
Ela tiña máis medo que cu (que xa é dicir), polo pano encarnado que levaba na cabeza, pois disque as denociñas se botan a todo o vermello. Mais o animaliño se achegou a el e deu un chimpo. Ela empezou a berrarlle: ?Ai, meu home! Non deixes que che pase por riba dos pés que che crava o ferrón da barriga e morres! Bota a correr!"
Saíron fungando de alí, mentres recitaban un sonsonete para espantala:

?Se te roe o alacrán,
chama crego e sancristán.
Se te roe a denociña,
búscaos máis axiña.
Denociña, bonitiña,
garridiña e fermosiña;
denociña, raspiñeira,
borrallenta e lambona;
Que mal raio te coma!
?

Achegáronse ao río para beber, pois disque se bebes antes de que che trabe a denociña, sálvaste dunha morte segura. Con tanto apuro ían que, cando se aniñaron para beber, caeron de cabeza no río e houberon morrer? pero afogados.
En moitas culturas os animais que se consideran prexudiciais convértense en tabú. A denociña non deixa de ser un mustélido e o menor dos carnívoros, medindo sobre 20 cm. Malia isto, é moi voraz e agresiva, capturando presas máis grandes ca ela: ratos, toupas, ras, cobras, algunhas aves e incluso coellos. Na aldea témese polos ataques aos animais domésticos, pero eu nunca oín de ninguén que morrera dunha trabada de denociña.
Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 07-07-2011 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
SERAFINA DE SOUTULLO

O xoves en Ortigueira é día de Mercado. A xente das aldeas baixa á Vila e aproveita o día tamén para ir ao médico, ir cobrar e o máis importante: comer os churros.
Nós tamén baixamos. Chusmamos un pouco e se hai algo que nos encha o ollo mercámolo. Eu o último xoves collinlle un carabel de vimbios a Evaristo, o que ten o posto de cestos e zocas. Aínda que este día o recordarei sempre porque atopamos con Serafina de Soutullo e a súa filla Fefa e botamos unha parola. Debía haber a lo menos cincuenta anos que non a vía. A muller, que xa debe correr para os noventa, lembrou o día que me viu por primeira vez: ?Cando cheguei, a túa nai estaba acabando de dar a luz; non había na casa máis que ela e o teu pai, solos; entón axudeille. Así que, te coñecín cando naciches, o mesmo día, estabas acabando de nacer. Eu laveite, vestinte e dinche a teta. E mamaches. Á túa nai non lle subira o leite e eu estaba criando ao meu fillo Luís que ten, aínda non, un ano máis ca ti; por iso, o primeiro leite que mamaches foi o meu.?
Antigamente, para sacar un picariño adiante, só se contaba co leite da nai; o melloriño que hai. Moito tardaron en aparecer por Couzadoiro as mamadeiras e o leite en po. Era todo natural e sen nada que esconder. Daba xenio ver aquelas criaturas chuchando no peito das súas nais. O contacto da pel, o caloriño, o recendo? é a imaxe mesma do cariño. Ademais, daquela as máis das mulleres non receaban en compartir o leite do seu fillo con outro pequerrecho que o precisase e estes nenos convertíanse entón en irmás de leite. Así Luís e máis eu xa somos medio parentes.
Serafina só me deu de mamar ese día, despois xa o fixo miña nai, pero non deixo de agradecerlle ese agarimo xeneroso que tivo para min. ?Deume moito gusto por verte, hei dar grazas a Deus? díxome.
Eu este xoves, invitei a Serafina de Soutullo a comer os churros con nós.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 05-07-2011 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0