Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

CENTENARIO DE AVELINA

Conta hoxe Sinda que onte tivemos festa. Abofé que si, e rachada. Non era para menos, pois cen anos non se cumpren tódolos días. Foi un día especial non só para Avelina, cos seus 100 aniños, senón para toda a casa. Pola mañá xa estaba a homenaxeada toda guapa coa roupa de estrea, maqueada e peiteada de perruquería.
Ás once da mañá foi a inauguración oficial da exposición ?Arredor dunha vida? á que asistiron o alcalde de Ortigueira, don Rafael Girón, o concelleiro de obras (que é de San Adrián como a nosa veciña), don Regino Quintiana, e a técnica xerontolóxica do Consorcio, dona Ximena Campos, ademais da familia e achegados. Avelina di que cen anos dan moito para contar e así debe de ser, xa que na exposición hai dende fotos antigas da súa vida ata a santa que tiña na mesiña de noite na casa das Cascas, pasando polas cousas que se utilizaban nos seus anos mozos para lavar, coser e na cociña, os que podía haber na taberna da súa avoa (a Conda), a ferramenta de zoqueiro do seu sobriño Abelardo ou as postais e cartas da familia que marchou emigrada. Por suposto, podemos ver unha escolma de fotos da nosa veciña participando en diversas actividades da casa: paseando, facendo ximnasia, pintando...; elaborando rosquiñas, colares de zonchos, chourizos, pinchos de froita...; disfrutando no Nadal, nos maios, nos foleóns, na Patrona, nas esfollas...; cantando, contando, rindo. Hai ademais cinco pinceladas de acontecementos importantes nestes últimos cen anos e todo ilustrado coa poesía dun autor que naceu tamén en 1.912, Celso Emilio Ferreiro, e máis cos sabios ditos, refráns e cancións de Avelina.
Tras unha breve ollada á exposición, escoitamos as voces e pandeiretas das Cantareiras pequenas da Agrupación Cultural ?Airiños dos Carrís? de Abarqueira que encheron de música a nosa casa cunhas pezas ben fermosas.
Á tarde houbo máis festexada. Avelina estivo acompañada polo seu afilladiño Abelardito, os sobriños que viñeron da Coruña, Loli de Mera, Lola do Gaiteiro, o pequeno gran Jaime, fillas, fillos e familiares do persoal e, por suposto, polas veciñas e veciños da casa que ben orgullosos estamos de ter unha compañeira tan lonxeva e que leva tan ben os seus anos; xa dixo ela, teño o acordo todo.
Avelina quería convidar a torta e tivo unha de tres pisos, cunha maciñeira cargada de mazás en cada un, e outra torta cunha figura que parecía talmente ela. Haille que dar as grazas á pastelería Dolan que elaborou as tortas e a Gelo que ten arte ata para facer unha Aveliniña tan doce como a orixinal. Outra cousa que pediu Avelina foi que cantáramos e bailáramos para ter un centenario alegre. Penso que non terá queixa pois a música e os ánimos de Hortensio, o Homeorquestra de Viveiro que nos acompañou toda a tarde, fan mover a todo o mundo.
PARABÉNS, AVELINA, E A POLOS 101
Comentarios (8) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 27-06-2012 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
ESCAPADA
Se tivera que imaxinar os nomes da parella protagonista dunha traxedia romántica, non os atoparía mellores que os de Gloria e Amando, tanto pola súa sonoridade como polas sensacións que provocan. Ela, rebuldeira e fermosa, amante da música e da lectura. El, un músico de boa planta, gaioso e enfoutado. Xente nova. Poñamos que viviran nunha aldea calquera, Cuíña, nun tempo no que a xente pasaba a vida a sementar, a segar e a mallar, indo á fonte e ao muíño, en fiadas e en esfollas. Traballaban, falaban, rían, moceaban...
A Vida sería interrompida pola Guerra. Galicia quedaría asediada nun bando, o dos alzados. En Ortigueira, o tenente da garda civil, Lobo Navascués, arrebataría a alcaldía a don Alfredo Rebollar o 21 de xullo do 36. Non habería batallas, pero anubraríanse as facianas e un profundo terror asomaría por tódolos recunchos. Represión, detencións, paseos, mortes. Toda Galicia era un cárcere.
Moitos mozos comprometidos coa República botaríanse ao monte para se agochar: os escapados. Pensarían estar uns días, pero correu o tempo máis da conta. Os irmáns Neira, José e Amandino, escaparían xunta outros mozos da veciñanza, por non seren alistados no bando nacional. Andarían ao pairo pola Panda, a Ramallosa, o Casón e os cotos de Moeche: o Ventoeiro, a Amosa, a Pena da Cabra... O goberno nacional declarounos en rebeldía. Só se achegarían ás aldeas por alimentos. Gloria, na fonte, entre xestas, silveiras e penedos, agocharía un bolo de pan de boroa, ou ovos, ou unha pela de manteiga, ou azucre; o que podía, nun tempo no que a fame era a protagonista. Sempre acompañaría a mantenza cunha aloumiñante carta para o seu Amandino e recollería a que el lle deixara. Devecerían por se ver; os seus encontros serían poucos e efémeros, nos que o doce e cálido lume dos seus peitos era un.
Os soldados falanxistas, apostados na Devesana, terían a Gloria vixiada, polos seus amores con Amandino. Un día daríanlle o alto no camiño. Rexistraríana. Atoparíanlle un neto de leite fresco e tinta. A explicación non lles cadraría. Levaríana presa. No cárcere, Gloria calaría o seu saber e defendería o seu amor; a pesar de ser golpeada e ameazada de morte, non descubriría o acubillo do mozo e os seus compañeiros.
Porén, os falanxistas, á espreita do grupo Neira, acabaríano asediando en Montemeao o primeiro día do mes de San Xoán do 39. Os irmáns Neira, xunta Pichel, Tizón, o Trancas, o Noi, Evaristo, os irmáns Franco Lamela... defenderíanse a tiros. No balbordo José e os demais lograrían pórse a salvo, pero Amandino caería, malferido. Antes de morrer, comería o retrato e as cartas da moza, para que non as tocasen outras mans. A súa partida de defunción poñería que morreu aos 26 anos por fractura de cranio a causa dun disparo de arma de fogo. Morrería por defender a Vida.
Gloria sabería da perda de Amandino estando no cárcere. A súa existencia quedaría fendida pola dor. Non esquecería xamais ao mozo de seu.
O grupo de Neira continuaría a loita sendo a partida mellor organizada de Galicia. José non aceptaría ningún control externo sabendo mandar aos seus homes. Desaparecería no 42 sen ter claro se ferido nunha rifa con algún camarada por diferenzas ideolóxicas e trasladado a Francia, se morto nun enfrontamento coa Garda Civil, se asasinado por orde da dirección comunista do exterior (que non aceptaba que o grupo Neira actuase pola súa conta).
Rematada a guerra, Gloria lograría marchar a Francia. Ao cabo dos anos regresaría á súa terra, coa súa xente. Sempre acharía en falta a Amandino.
Esta historia, que se antolla inventada, fóichevos ben certa. A propia Gloria a contaba con agarimo e dor cando viviu nesta casa antes de morrer.
Comentarios (6) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 13-06-2012 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0