Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ASÍ TE PRECURAS, ASÍ DURAS

Sabiades que o noso corpo, cando somos novos, está composto dun 80% de auga e co paso dos anos descende ata un 50-60%? Cando me dixeron iso dubidei se sería verdade, Parecíame moita cantidade! Agora xa entendo a insistencia do persoal que nos coida: ?Pepe, tes que beber. Un vasiño ca comida venche ben, axúdache a facer a dixestión? ou ?Que boa pinta ten a sopa que está ben soltiña!? e xa para rematar ?Queres un pouquiño de manzanilla para quedar con bo sabor de boca??. E moitas veces, bébese sen ter sede. Pero doume conta que, co paso do tempo, a auga segue tendo a mesma importancia, ou incluso máis, para a nosa saúde, aínda que a sensación de sede vaia a menos coa idade. Non por iso podemos deixar de beber, e sobre todo no verán que as temperaturas son moi altas. As ensaladas, algunha froita, verduras, zumes tamén nos aportan gran cantidade de auga.
Na primavera e no verán saímos a dar un paseo arredor da residencia, saímos fóra e poñémonos na sombra ou un pouquiño ao sol, pero sempre con crema solar e con sombreiros. Pero temos coidado coa roupa que nos poñemos, porque se nos abrigamos moito, pódenos dar unha baixada de tensión! O mellor é poñer roupa lixeira e clara (xa que a escura atrae a calor).
Xa sabedes, precaución e a seguir disfrutando do verán!

Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-06-2011 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
O PORCO ANTÓN

Galicia non sería o mesmo sen o porco. Comémolo de moitos xeitos: no cocido, no caldo, no lacón con grelos, nas tripas, na zorza, na empanada de raxo, na bola de roxóns, nas filloas? (vou parar que aínda falta un cacho para a hora do xantar). Do porco válenos todo, dende o fociño ata o rabo, e co porco facemos de todo: xamóns, chourizos, chanfaina, botelo, unto...
Hai unha cultura galega do porco. Quen non recorda aquelas matanzas nas que se remataba comendo o fígado encebolado, convidando aos veciños que viñan axudar a traballar? Nalgún sitio comíase case o porco enteiro, polo que os veciños se poñían de acordo para facelo a un tempo. Tamén sabemos dalgún dito relacionado co porco, como aquel que di: O porco o has de manter, se ti o has de comer; este refrán será verdade en toda Galicia, pero non aquí en Ortigueira, onde se celebra unha das festas máis antigas relacionadas co porco.
No Porto de Espasante hai un cartel que di: ?O Porco Antón está ceibe. Ten preferencia?. O porco campa ás súas anchas polas rúas de Espasante e vai á praia como cada ano dende hai máis de cen. Dis que xa no século XIV, o San Antón víase xunta dun porco e a orde que fundou tiña como ingresos a procura de licencias para que os seus cochos, todos cunha campaíña ao pescozo, puidesen manterse libremente, tanto nas cidades coma nos arredores, para despois poxalos e co recadado atender obras comunais.
O noso Antón é un porco ben repoludo; ten boas cachas, carnes rosadiñas e cara de santo. Chegou ao Porto un 13 de xuño, polo San Antonio, no día da bendición do gando. Non era máis que un chiniño destetado que mercou a Comisión de Festas. Son as rapazas da Comisión quen se ocupan del; péchano pola noite, limpan o cortello... estou oíndo á nosa Nerea: Chino! Chiniño! Pasa p?aquí que se hai que lavar! Tamén lle aprenden o percorrido polas casas e, fóra a alma, o porco é ben listo, coñece de seguida as casas onde lle dan a lavadura. Os madrileños que veñen no verán abren os seus ollos incrédulos cando escoitan unha campaíña e ven pasar o porco. Nunca tal se veu!
É o porquiño máis feliz do mundo.
Mais cando chega o tempo das castañas... o Antón xa non sae do cortello ata o día de Reis. Rífase, viviño e coleando, coa Lotería do Neno. A persoa agraciada pode vendelo, facer chourizos ou mantelo como mascota, que de todo hai.
Para lembrar esta tradición centenaria hai na praza de San Antonio unha escultura de bronce que representa ao Porco Antón, cunha campaíña ao pescozo.

Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 29-06-2011 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
SAN XOÁN

Chegou o San Xoán anunciando o verán. Onte festexámolo como está mandado.
Atrás da nosa casa está o monte de Brandariz e hai plantas de tódalas clases, así que despois de xantar saímos un grupo de maiores a recoller as herbas de San Xoán. Pola tarde ía calor e estábase mellor fóra que dentro. Tinolo, que hai pouco que veu vivir con nós, acompañounos. Collemos fiúncho, loureiro, follas de nogueira? que iamos metendo na cesta que levaba Estrella. Ademais de herbas atopamos careixóns, eran pequeniños pero moi saborosos; eu xa había tempo que non os comía. Achegámonos á casa de Carmen de Miñaño. Ela maila súa filla Isabel déronnos rosas, reinaluisa e romeiro; ben que llo agradecemos, pois o ulido que teñen fai que a auga de San Xoán recenda.
Xa de volta na casa, vimos unha montaxe audiovisual sobre o conto O medo é libre, que tedes neste blog na sección Contos da Vila, e estivemos a recordar contos e lendas de San Xoán, moitas delas con aparicións. É curioso que as aparicións sempre as vían os mesmos. Eu creo que eses medos foron desaparecendo a medida que se fixeron as pistas e se puxo alumeado público.
A fame tamén facía ver visións e nós fame non pasamos. Ceamos con empanada, sardiñas e de sobremesa torta de aniversario, pois lembramos os cumpreanos d@s veciñ@s que cumpriron no mes de xuño: Benigna, Olimpia, Baudilio, Luisa e Socorro. Celebramos con antelación o aniversario de Avelina Piñón Rodríguez que o domingo 26 terá 99 anos. Quen chegara aló coa lucidez e a saúde que ela ten!
Despois da cea, acendemos o foleón para saltalo ou, polo menos, para saltar un tizón. Se entrades na fotoblogoteca poderedes ver as fotos do día.
Para rematar un día ben completiño, preparamos a auga de San Xoán e deixámola fóra á fresca da noite. Pola mañá, lavamos a cara con esta auga que recendía e botamos o responso: Meigas fóra! Meigas fóra! Meigas fóra!

Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 24-06-2011 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
TRADICIÓNS DE SAN XOÁN

O San Xoán é o día que representa o solsticio de verán e con el están relacionados moitos rituais que ben lembran as persoas de certa idade. Dende o lume purificador chamado de xeitos diferentes: lumieira, luminaria, salta ou, o nome máis típico aquí na Vila, foleón, ata a auga tamén purificadora, coa que hai que lavar a cara na mañá de San Xoán, despois de deixala a serenar coas herbas durante toda a noite (sen que lle dea unha raiola de sol). Practicamente en toda Galicia se acostuma a coller de véspera as herbas de San Xoán: loureiro, fiúncho, reinaluisa, romeu, follas de nogueira, rosas, floriñas brancas (que por aquí hai moitas)?
Contan as nosas veciñas Benedicta Cornide Vázquez (90 anos) e Ramona Barcón Pereira (87 anos) que elas ataban o feixe de herbas co talo dun allo e sen lle quitar a cabeza. Angustias Paz Armada (88 anos) recorda que na Pedra (Cariño) pasábase o feixe de herbas polo lume de San Xoán antes de poñelo no poxigo da casa, na porta das vacas ou incluso no furado do vertedoiro, para protexerse das meigas.
Estrella Pallas Dubra (89 anos), con moi boa memoria, dixo que tamén era avogoso, na noite de San Xoán, correr espidos polas canles do trigo para botar a sarna fóra (iso que coa xeada da noite sentir as espigas do trigo no corpo non era moi agradable). Saturnino Cao Castro (65 anos) recorda que en Devesos (Ortigueira), contra a sarna, había que botarse por un cómbaro abaixo arrolándose espido; explica Saturnino que o cómbaro era a terra sen traballar que había arredor das fincas para alindar as vacas.
O máis curioso é o que conta Andrés López Rodríguez (83 anos). Na parroquia de Pantín (Valdoviño), na mañá de San Xoán, un Xoán levantábase ben cedo e ía á casa doutro Xoán para convidalo a caña con azucre; dende esa casa, ían os dous Xoáns a casa doutro facer a mesma convidada e así percorrían a parroquia durante a mañá e, cando se daban de conta, xa ?falaban o castellano?; chegaban a comer despois de durmila. Esta tradición a repetían por Aninovo e por San Xosé.
O ano que ven poñeremos en práctica estas tradicións novamente.

Comentarios (4) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 24-06-2011 15:37
# Ligazón permanente a este artigo
LAVANDEIRA ENLOITADA

Dende que Antonio Sandoval levantou a lebre polos arredores da piscina municipal, temos aos ornitólogos do Ortegal pendentes desta lavandeira. Tanto interese é pola procedencia británica do paxaro e as datas nas que nos atopamos. Estas lavandeiras enloitadas, que así lles chaman por seren mais escuras cas nosas, acostuman a pasalo inverno na Vila, pero nunca se vira tal cousa polo San Xoán. Os amantes das aves andan na procura de saber se este fermoso macho da foto foi engaiolado por algunha galeguiña, cousa que ben puido acontecer, e de sacaren pitos, serían os primeiros de España con tal mestura.
Comentarios (1) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 23-06-2011 14:29
# Ligazón permanente a este artigo
O MEDO É LIBRE

Hai anos, cando non existía a televisión nin tan sequera a radio, contábanse contos arredor das lareiras. Contos marabillosos de fadas e tesouros, contos de burlas, contos mitolóxicos con mouros de protagonistas, contos de meigas e os seus encantamentos, contos do máis alá coas ánimas, os aparecidos e a santa compaña, contos de lobos e lobishomes que deixaban aflorar os máis baixos instintos de agresividade e voracidade agochados nas noites de luar?
Era visto que tiñamos que ter medo. Así lle pasou a Andrés do Soutiño. Foivos como vos vou contar.
Andrés era un rapazolo de vintetantos anos, forte coma un buxo e con máis ansia de festas que de traballar. Vivía cos padriños (a súa nai morrera de parto e o seu pai na guerra) na aldea do Soutiño, máis para aló de Abarqueira.
Un ano, pola festa do San Xoán, foron de patrón a casa do tío Conrado de Fonticoba, na Veiga. Alí xuntábase un bo rebaño, pois Conrado tiña oito fillos, os máis deles xa casados; tamén ían os da casa de Andrés e viña a señora Tomasa de Gradaílle, que quedara viúva dun irmán de Conrado, con seis fillas, todas casadeiras.
Alí xantábase ben o día do patrón. Primeiro empanada, para irse sentando á mesa; despois uns callos ben quentiños; e como protagonista do día, o cocido, ao que non lle faltaba detalle: un lacón, un cacho de xamón, touciño, algo de cachola, chourizos e para a señora Tomasa (que sempre foi delicada do estómago) cocían unha pouca carne fresca e un pito; todo coas súas pataquiñas e un repolo que daba gloria velo. Para rematar, sempre se facía de véspera unha bola de nata e un pan de ovo acompañado con queixo fresco. Entre bocado e bocado falábase, ríase, cantábase? Era unha festa!
Aquel día, a media tarde, os padriños de Andrés marcharon para a casa pois tiñan que ir arrancar ao esterco, porque xa as vacas tocaban cos cornos no sobrado. Pero Andrés quedou na casa do tío Conrado de troula toda a tarde.
Á noite toda a mocidade foi para a festa. Andrés pasou o tempo bailando con Rosita da Cancela, que era a moza máis requintada de toda a volta. Agora unha muiñeira, agora unha mazurca e despois un pasodobre. Non cansaban. Ata lle roubou un bico antes de se ires para a casa.
Á volta, foise coas fillas da señora Tomasa de Gradaílle que vivían nun lugar un pouco máis adiante do Soutiño. Polo camiño seguiron con festas e con laretadas duns e doutros: que se Fabián da Rodela non quería máis que magrear nas mozas, que se Lucha da Casavella volvera rifar co mozo, que quen é o que che gusta a ti? Cousas de mozos, que xa se sabe que xente nova e leña verde todo é fume.
No muíño do Foxo, as fillas da señora Tomasa foron polo camiño que sobe a Gradaílle e Andrés baixou só pola congostra do Penal. Unha congostra pechada de felgos onde a noite se fixo negra como a boca do lobo. A festa tornou en medo. A Andrés veulle á mente o conto que sempre lle oíra a Luciano de Martiñán, no que no medio dunha congostra viña unha aparición que se levaba a un home grande como un roupeiro. Aínda escoitaba lonxe as voces das rapazas e preto de si sentía cada pola que ruxía baixo dos seus pés. Sentiuse aliviado cando chegou ao camiño para a casa, catro pasos e xa estaba na eira. Mais cando chegou á altura do castiñeiro quedou paralizado de medo. Todo estaba en silencio e a lúa, tapada polas nubes, non deixaba ver con claridade. Pero era verídico, alí había unha aparición. Era un enterro que se lle antollou premonitorio do seu. Alí estaba o cadaleito coa cruz e o estandarte na cabeceira, unhas tenues velas acendidas e dez ou doce mulleres aniñadas ao seu redor partidas pola dor. Un refol de vento fixo abanearse as polas do castiñeiro e nese momento as mulleres do enterro viráronse para el.
Non tivo tempo nin pés para correr congostra arriba a berros; colleu o camiño de Gradaílle e alcanzou ás fillas da señora Tomasa. Non puido contarlles con xeito o que lle pasara pero ben o viron branquiño como a cera, cos ollos desencaixados, tremendo como un vimbio e rogándolles que o levaran á casa. Etelvina, a máis nova pero botada para diante, decidiu acompañalo. Foron indo e Andrés lle contou como vira claramente o seu enterro. Cando acabaron de baixar a congostra, Andrés non quixo ir polo camiño da eira e deron a volta polo regado do pozo para cruzar a leira e entrar na casa pola porta da cociña. Subiu para o cuarto, meteuse na cama vestido e tapouse coa manta ata as orellas, como se a roupa o protexera. Nunca tan mal durmira na vida, soñaba con aparicións, coa santa compaña, coa madriña chorando porque morrera?
Deu grazas ao sol cando o sentiu na súa cara pola mañá. Ergueuse, cambiou a roupa, lavou a cara e foi almorzar. Contoulles aos padriños o que lle pasara de noite e ámbolos dous escacharon coa risa, non daban falado; á madriña caíanlle as bágoas de tanto rir e ao padriño movíaselle o bigotiño arriba e abaixo coma un boeiro. Andrés non entendía nada. Levárono á eira e alí estaba o carro enxugado e cheo de esterco, apoiado no fincón e coa cruceta da cabezalla erguida e o saco que lle puxeran ao xugo, para que non se mollara se xeaba de noite. O carro tiña cravadas chatolas en derredor que brillaban ben lustrosas. E espaleadas pola eira, había dez ou doce rañadas de esterco ben boas.
Ai Andrés, o medo é libre!
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 23-06-2011 07:56
# Ligazón permanente a este artigo
LEMBRANZA DE VICENTE DE SAN CLAUDIO

A vida non sempre é fácil. Eu sempre pensei que a xente que tivo que marchar da súa terra para poder gañar o pan o tivo moi complicado, paréceme unha das decisións máis duras. Cando se chega a outro país atópanse costumes diferentes que hai que aprender para integrarse: outra forma de falar, outras comidas, outros xeitos de relacionarse? Afaise un aos costumes doutro país e cando volve xa non se sabe que maneira de facer é a axeitada. Acábase por non pertencer nin ao lugar de orixe nin ao de chegada.
Vicente marchou a Venezuela coa súa muller sendo ben novo. Deixaron á súa filla pequena ata que se asentaron no novo país e a levaron con eles. Viviu alá máis de media vida traballando nun bo posto na Firestone; criaron á filla e déronlle unha boa carreira. E a súa muller, sendo aínda nova, morreu, lonxe? Cando Vicente se retirou, as cousas en Venezuela non pintaban ben e decidiu volver; a súa terra dáballe seguridade.
Vicente era todo un señor, ben parecido (alto e cos ollos azuis) e moi educado; coñecíanselle as maneiras sudamericanas, suaves e pausadas, pero co seu carácter. Así e todo, distinguíase por seguir sendo de San Claudio, o tivo presente ata o derradeiro momento. Non perdeu a nosa fala (aínda a recorda a súa filla que marchou sendo unha nena), nin os costumes galegos (moito lle gustaba o caldo!), nin as lembranzas da súa nenez e xuventude.
Hoxe témoslle que dicir adeus a Vicente, sabendo que as ?señoritas Maricarmendesanclaudio? non o esquecen.

Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 22-06-2011 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
A CHARCA DO ALLIGAL
Hai unha Charca en Vilalba, na parroquia de Codesido (preto de Santabaia), entre un bosque de bidueiros, illós de auga e terras lamaguentas, que di a lenda que se formou cando os paxaros aínda tiñan dentes. Naquel tempo vivían no bidueiral tres doncelas irmás, de quen se namorou un demo que, por non ser correspondido, transformou as tres mozas en bestas bravas. Tiveron que andar polo monte entre toxos, silvas e penedos, sempre rabuñadas e ensanguentadas. A boa fada, levounas ata un pequeno manancial no que comezaron a fozar coas patas para agrandalo. Tardaron nove días en formar unha poza. Cando beberon da súa auga e se meteron nela para se lavar, quedaron limpas de feridas e chagas. Foron voltas á súa figura humana cando ámbalas tres comeron unha mazá camoesa.
Dende aquela, moita xente leva ido á Charca, porque as augas son boas para a reuma e as doenzas da pel. Agora está todo tan arranxado que non se coñece, cunha gran pía, vestiarios, aparcadoiro, ambigú... Había que vela hai anos!
Contoume Mari, a da nosa Virtudes, que dunha vez, cando era máis nova, foi aló buscar auga para as doenzas da súa avoa. Aproveitou a fresca, xa que a esas horas non había ninguén porque, andada a mañá, xuntábase un rebumbio de xente. A Charca era unha pía de pedra na que collerían media ducia de persoas de pé e, ás veces, case había pelexas por coller sitio.
Había que ir, como manda a tradición, a tomar os nove baños. Mais daquela, a xente non estaba afeita a ir á praia e espirse diante os demais, así que as mulleres levaban unha saba, cun furado para meter polo pescozo, e os pololos por debaixo, para que non se lles viran as vergonzas. Pero a condenada da saba, como non se tivera coidado, aboiaba na auga e, ese día, había unha muller que, ademais de levitarlle a saba, non levaba pololos e a auga deixaba ver todo o panorama de Galicia. Un home xa maior meteuse con ela dicindo:

?Santa María de Cambre
feita de pau de carqueixa
ten un dente na cona
leve o demo, carallo deixa
!?

Mari colleu auga para os males da súa avoa... antes de que se metera ninguén na pía!
Comentarios (3) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 22-06-2011 09:56
# Ligazón permanente a este artigo
BIRDMAN
A semana pasada estivemos falando da fermosa película O home de Alcatraz. Veunos á mente porque un dos veciños salvou un poliño de lavandeira que caeu do seu niño, e veu parar a un falso teito da Residencia. Recordaredes que na película Burt Lancaster fai dun presidiario condenado a cadea perpetua por asasinato, que logo de longos anos institucionalizado no cárcere, atopa polo que vivir. É a historia de como un pardal pódenos cambiar a vida para ben e seguir loitando. Ogallá cada un de nós teña o valor de abrirlle a fiestra ao seu pardal cando o escoite petar.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 20-06-2011 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
UN LUCANUS CERVUS, NA CASA

A vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño, considerado o maior de Europa. Por aquí tamén os coñecemos coma ?Coscos?.
Adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, alimentándose do zume das árbores e de zume de froitas maduras. Poden voar, alcanzando velocidades de ata 6 km/h.
Sei que agora están protexidos pois están en perigo de extinción. O outro día apareceunos un na casa e aproveitamos para facerlle unha foto.
Na cultura popular galega os cornos da vacaloura, por similitude cos cornos dos animais domésticos ou os dentes cairos do porco ou do xabaril ou os esporóns dos galos, todos eles armas de defensa, son considerados amuletos protectores contra as meigas e o mal de ollo . Lévanse no peto ou colgados sobre o peito, dentro dunha bolsiña; no caso dos pícaros/as, un destes cornos atado no pulso protéxeos contra o enganido (raquitismo).
Non teño medo ós teus ditos
nin medo do teu meigallo
que ando cunha vacaloura
e catro dentes de allo
.

Usados con este fin protector coñécense tamén como licorno e alicorno.
A auga de cocer flores e follas de sabugueiro, fiúncho e ruda cun corno da vacaloura obtense un feitizo de amor:
Sabugueiro de folla repenicada...
collereiche un ramallo na madrugada...
Cocereiche con cornos de vacaloura
con fiúncho e con ruda dos arredores,
da ermida feituqueira da virxe loura
pra facer un feitizo pros meus amores.

Crese tamén que as femias poden aforca-los pitos coas mandíbulas, de onde reciben o nome popular de escornapitos.
Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 17-06-2011 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0