|
|
|
|
"101 ANIVERSARIO DE ANTONIA SANTIAGO" |
|

Antonia Santiago Soto soprou as candeas do seu 101 aniversario na Residencia de maiores de Ortigueira, nova da que se fixo eco o xornal A Voz de Galicia.Non tódolos días se cumpren máis de cen anos!!pero a señora Antonia é un claro exemplo de envellecemento activo.Moitos parabéns, moza!!.
Antonia, naceu en Marín, lembra os seus pais e os seus oito irmáns (ela era a maior), e conta que con 13 aniños sacárona da escola para ir traballar e a mestra rifoulle á súa nai, «porque era cando mellor aprendía».
Traballou na lonxa «carrexando e envasando peixe para Madrid» e evoca os bailes de O Verxel, en Marín, e a música de Gardel -«cando cantaba baixaban as aves do seo»-.
Casou con 22 anos e aos 52 quedou viúva. Dous dos seus fillos, Manolo e Flora,xa faleceron, e as outras dúas, Finita e Mucha, viven en Marín.
O día do cumpreanos emocionouse pola vídeochamada coa súa familia. «Con estes inventos modernos poden mirar o ben que estou», dixo. Lembra dúas guerras «e a fame negra», pero xamais vivira algo semellante ao covid-19.
Tonia,de hoxe nun ano e antes moitas veces, como soemos dicir, e se pode ser botando un valse dos que tanto che gustan moitísimo mellor. Será bó sinal. |
|
|
|
"FELIZ DÍA DAS NAIS" |
|
 Dende a Residencia de Maiores de Ortigueira quixemos felicitar a todas as NAIS, achegándolle ás familias, que seguen sen poder visitarnos, un vídeo desfrutando coa música de Xabier Díaz e as Adufeiras de salitre, do seu novo disco "As catedrais silenciadas",Coa canción "No salón das cereixas" da que o seu retrouso dí:
Miña naiciña,
meu corazón,
vente comigo
a bailar ao salón.
Ao salón si,
ao salón non,
miña naiciña
do meu corazón.
Que mellor xeito de celebrar este día, pensando sempre en positivo!!. Grazas a todas as familias pola confianza e as mensaxes de ánimo, ás persoas maiores polo aguante e o exemplo que nos dan a diario e a todo o persoal polo traballo ben feito. Agardamos que lles prestase tanto velo como a nós facélo. Deixámosvos o enlace por se queredes ollálo.
https://www.facebook.com/1377694144/posts/10217300490049088/
Apertas dende o Ortegal e bicos de salitre!! |
|
|
|
"NO ORTEGAL, OS MAIOS NO TENDAL" |
|
 Todos os anos polo mes de maio, dende 2008, celébrase a Festa Interxeracional dos maios en Ortigueira, como proposta de actividade comunitaria na que participan diversas entidades da Vila. A idea de realizala partíu do noso centro de maiores e axiña foi moi ben recibida, pois supoñía a primeira vez que se levaba a cabo algo así.
Dende o comezo, participaron na organización da festa o CEIP José Mª Lage, o IES de Ortigueira, a Escola Infantil Galiña Azul, a Escola infantil Patucos, a Asocicación Aspromor e o CAPM de Ortigueira e colaboraron o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Escola de Gaitas de Ortigueira e O Concello de Ortigueira, así como varias tendas de productos do agro e floristerías da zona.
Cada ano escóllese unha temática para a festa dos maios e elabórase unha alfombra floral sobre ela, carteis alusivos feitos por usuarixs das entidades e estructuras florais típicas. A praza de Isabel II, onde estaba o antigo mercado, énchese de flores, cores, música tradicional e persoas de todas as idades ( de 0 a 101 anos sería nesta edición) para celebrar o mes de maio e os froitos que a terra nos dá. Nas últimas edicións e ao coincidir a data de celebración co Día das Letras Galegas, o tema a escoller estaba relacionado co autor ou autora homenaxeada.
Mais, este ano 2020, dada a situación de confinamento polo coronavirus, houbo que anular a festa, sen renegar dela, polo que na residencia de maiores decidimos celebrala igualmente.
Nos concellos de Ferrol e Narón, da comarca de Ferrolterra, celebran tamén a festa dos maios cada ano. En Ferrol decidiron poñelos na xanela, en Narón no balcón e nós, ?no Ortegal, os maios no tendal?. Agardamos poder voltar á rúa nas vindeiras edicións e mentras, deixámosvos unha foto do tendal coa tea pintada e a estructura do maio que fixeron con material de refugallo e papeis de cores, as persoas maiores da casa, do que deron conta na TVG.
|
|
|
|
A ÁRBORE DAS MENSAXES |
|

Desde comezos do confinamento no CAPM de Ortigueira recibimos unha morea de mensaxes de apoio, animando tanto ás persoas maiores como a todo o persoal que traballamos no centro chegando de maneira virtual a través do noso blogue Coamarea, por correos electrónicos ou por whatsapp. Aproveitamos que temos un taboleiro de cortiza no comedor, zona que visitamos varias veces ao día, para colocar a nosa ?árbore da vida? no centro e ir enchendo de follas de cores, según ían chegando as mensaxes de ánimo e recoñecemento polo traballo realizado. Son circunstancias especiais nas que se agradece o ánimo recibido e o recoñecemento a tódolos equipos de persoal que traballamos nos centros de maiores, tentando dar a atención integral e de calidade que as persoas usuarixs merecen.Sobre todo neste día pero tamén no resto do ano: Parabéns compañeiras polo traballo ben feito, a todxs e cada unha!!. |
|
|
|
|
|