Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ONDE QUERES VIVIR CANDO SEXAS VELLA?

Esta é a pregunta trampa que se lle fai a calquera directora de Residencia de Maiores. A resposta é evidente, a que daría calquera: na miña casa. A miña casa é onde eu vaia, onde estean as miñas cousas, onde me sinta cómoda e con confianza. Isto é o que pretendemos conseguir na Residencia de Ortigueira. Que a xente se sinta na casa.
Por tal, entre outras accións, levamos a cabo un proceso de cambio de ambientes que ven sendo reforzado pola técnica do Consorcio encargada do Programa para a Excelencia nas boas Prácticas neste centro.
Comezamos hai tempo decorando unha das salas cun aire retro, co obxectivo de utilizala para actividades de reminiscencia. Para isto aproveitamos elementos decorativos xa presentes na casa e propuxemos a residentes que trouxeran fotografías que foran significativas: da escola, da comuñón, da voda, de pais e nais, de avós e avoas, de fillos e fillas... Este é o Recuncho da Memoria.
A partir deste xermolo continuamos coa decoración doutras zonas que se adicarán a Centro de Día. Nestas utilizamos mobiliario reciclado doutros espazos. Algún o pintamos, outro o limpamos e outro simplemente o recolocamos. Un elemento que lle dá vida á casa son as plantas, presentes en cada curruncho e coidadas polas residentes. En todas as salas situamos fotografías ampliadas e enmarcadas de actividades do centro nas que están presentes residentes (actuais e xa falecid@s), persoal, familiares e veciñanza. Un dos espazos xa está sendo utilizado para actividades de estimulación cognitiva, outro como local de ensaio musical e outro como sala de visitas e para a actividade da Tertulia.
Outra zona coa que continuamos o proceso de cambio de ambiente é a entrada da casa, na que se utilizou mobiliario presente no centro e elementos elaborados por residentes e por maiores doutros centros do Consorcio.
Tamén o vestíbulo principal foi redecorado con mobiliario, parte mercado ad hoc e parte reciclado. Aquí temos o Paseo das Lembranzas con fotografías significativas tanto de residentes como de persoal do centro; unha zona onde se fan exposicións temporais con obxectos doados ou emprestados por residentes, persoal, familiares e veciñanza; e un mapa do concello de Ortigueira pintado por residentes e persoal no que ubicamos en cada parroquia a fotografía de cada residente.
No andar superior temos unha zona aberta ao corredor con vistas á ría de Ortigueira na que situamos un ambiente de terraza-miradoiro cunha mesa pintada por nós, unhas cadeiras que pintamos e temos pendente tapizar, uns sofás xeriátricos mercados e fotografías da familia que doou os cartos para edificar esta casa no ano 1.929, da que descende unha das residentes.
Neste proceso participamos residentes, familiares, xerocultor@s, PSX e técnic@s tanto dando ideas como aportando ferramentas e obxectos así como traballando para materializar o cambio. Un proceso de continua mellora no que seguen a bulir ideas e traballo conxuntos.
Estamos a traballar na que será entrada de Centro de Día onde comezamos situando un cadro elaborado e enmarcado por residentes co gallo do Día das Letras. Pero quedan salas, comedor, corredores? E residentes que virán e cambiarán a casa facéndoa súa.
Queda todo o mundo convidado a visitarnos.
Comentarios (2) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 26-05-2014 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
A FESTA DOS MAIOS

Un dos días máis esperados do ano é no que celebramos a Festa Interxeneracional dos Maios. Unha época no que o colorido dos pampillos, xusto antes do tempo de sementar, as leiras teñen un amarelo intenso e cheo de vida.
Durante a mañá do pasado mércores xuntámonos a xente grande coa miúda para facer unha boa foliada. Pasamos pola praza Isabel II persoas maiores da nosa casa, a xente de ASPROMOR, rapaz@s do IES de Ortigueira, nen@s de catro cursos do CEIP José Mª Lage, un grupo de picariñ@s das escolas infantís, Galiña Azul e Patucos, a Escola de Gaitas de Ortigueira e tódalas persoas da Vila que se quixeron achegar ao escoitar o barullo ou a música tradicional.
Xa é o sétimo ano que festexamos os Maios en comunidade. Se o tempo o permite, realizamos a actividade preto do Día das Letras e tamén do de San Isidro Labrador, unha festa que en Ortigueira adoitaba celebrarse como chegada da primavera, adornando os carros con flores e ramallos para chegar ata a igrexa onde os bendicían; estes ramos levábanos ás leiras para favorecer abundantes colleitas.
Este ano a figura homenaxeada pola Real Academia Galega é José Mª Díaz Castro e o poema máis significativo del é Penélope. Esta foi a nosa inspiración para realizar a alfombra floral deste ano. Adornamos a boneca, a nosa Penélope, elaboramos un tear con lá e elementos vexetais e nun cabalete foi exposto o poema adornado con flores de papel pintado feitas pol@s residentes deste centro. A alfombra era un mar de cores en derredor que cubriron @s máis pequechos. @s rapaces de ASPROMOR cubriron o seu Maio e @s estudantes do instituto Natalia e Tania de 4ºA e Anabel, Amanda e Alejandro de 4ºB cubriron un cabaliño de mar. A escola infantil Galiña Azul achegou un cesto de flores e a de Patucos un escudo de Ortigueira con elementos vexetais. Bailamos co son da Escola de Gaitas de Ortigueira e escoitamos as tradicionais coplas dos Maios lidas polos participantes.
No remate, outras rapazas do instituto tocaron gaitas, pandeiretas e cunchas e bailaron ao ritmo da muiñeira. Botaron unha peza para a nosa Adolfina en lembranza dos seus irmáns que nos anos 50 formaron o cuarteto Os da Fraga de Ordes.
En breve poderedes ver na nosa fotoblogoteca as fotos da festa e mentres a esperar ata o ano que vén.
Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 22-05-2014 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
MAIOS 2014

Comentarios (0) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 13-05-2014 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0