Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

A CAPELA DE PORTAS

Hai que ver como cambiou o mundo! Nunca pensei meterme nisto das novas tecnoloxías! A verdade é que na Internet pódese ver todo canto se queira, dende libros ata remedios milagreiros.
Pensándoo ben, antes tamén tiñamos remedios e milagres. Cando eu era pequeno era costume ofrecer os enfermos a un santo para pedir a súa cura, de feito eu fun ofrecido á Nosa Señora de Portas cando tiña 8 ou 9 anos. Alá me levaron á romaxe o 25 de marzo por camiños e carreiros, porque aínda non había a estrada que vai de Couzadoiro a Devesos. Á romaxe ía toda a rapazada da zona (había de ser mais pola farra que pola devoción); na foto, entre outros, están Manolo o do Río, Josefa do Campo e os fillos de Espilla.
Agora no lugar de Portas xa non vive ninguén, ata a casa do cura está caendo, pero iso non lle quita mérito, eu penso que incluso aínda lle dá mais, porque a arrodea dun engado especial.
A Capela ten moitas cousas que a fan peculiar, como estar situada no Camiño dos Arrieiros, antigo coma o mundo, que ía pola Serra da Faladoira ata o porto de Bares; ten tamén unha simboloxía moi antiga: está nun adro triangular e na porta lateral hai un lintel cunhas inscricións na pedra que nunca tal vira.
Outra singularidade é a Fonte de Nosa Señora que dis que ten auga con virtudes milagreiras. Chégase pola dereita da Capela e despois de atravesar unha congostra que baixa ata o regato, nun percorrido de conto marabilloso. Esta fonte fíxoa Manuel o Cantante que era de Devesos e morreu cando a súa filla tiña 3 aniños. A nena e a súa nai emigraron a Suíza, pero cando viñan polo verán a nena sempre tiña a teima de ir limpar a fonte que fixera seu pai e repartir a esmola que a xente deixaba, entre a Virxe da Anunciación e o San Miguel, as dúas advocacións de Portas. O San Miguel aparece representado loitando contra o demo en forma de serpe ou dragón. Pero antigamente existía o Demo de Portas, que era un señor non moi agraciado e parece ser que tampouco moi bondadoso e de aí o alcume.
De boa gana volvía a Portas polo San Miguel!

Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 19-05-2011 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
OS MAIOS

Outro ano máis celebramos a Festa Interxeracional dos Maios en Ortigueira e outro ano máis mirando ao ceo pola mañá, esperando que non se mandara a auga. Tivemos sorte, non choveu e puidémonos xuntar na praza do Concello @s pequeniñ@s da Escola Infantil Galiña Azul, @s nen@s do CEIP José María Lage, @s rapaces do IES, o grupo de usuari@s de ASPROMOR, os maiores do noso Centro Residencial e os veciños e veciñas da Vila que se quixeron achegar.
Entre todos fixemos unha alfombra floral (podédela ver na fotoblogoteca) cun sol no medio feito no ?Obradoiro Sol-Art? dos Centros de Maiores do Consorcio. Moito me gustou ver aos pequerrechos da Escola Infantil coas serraduras e as borras de café argallando na alfombra. Xuntamos en total 4 maios piramidais: o da Escola Infantil, o do CEIP, o do IES e o de ASPROMOR, e tres maios figurativos do Centro Residencial: unha boneca maia, un burro e un carro, este último adornado polas rapazas da aula Rosalía de Castro do IES. Houbo un obradoiro de broches de flores de feltro que desenvolveu Tania a Educadora de ASPROMOR e que se repartiron entre @s participantes. Léronse coplas alusivas aos maios e @s nen@s do cole cantaron a coro unha fermosa copla. Por suposto, non faltou a música durante toda a mañá e alguén aínda se animou a bailar; temos que agradecerlle a Jaime, o monitor de ASPROMOR, que tocara para nós unha muiñeira coa frauta traveseira. Os maiores do Centro Residencial entregaron paquetiños de caramelos aos máis pequenos para adozar se cabe un pouco máis a mañá.
O ano que ven repetimos?
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 09-05-2011 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
CONGRESO DA SGXX

Non sei se sabedes que esta fin de semana se celebrou en Compostela o 23 Congreso da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía. Évos unha reunión de xente que traballa coas persoas maiores para dar a coñecer o que se está a facer. E alá fomos o sábado uns cantos grumetes e máis eu a presentar este blog a través dun póster porque queremos que nos coñezades e que participedes cos vosos comentarios. Non durmín nada en toda a noite pensando no que ía ter que dicir. Gelo, a educadora social, defendeu o póster e cando o xurado me preguntou a min simplemente lles contei cal é a miña aportación: transmitirlle a Gelo as historias que escoito ao longo do día e informar ás visitas da existencia do blog e animalas a entrar e participar.
Gelo tamén fixo unha fantástica comunicación sobre o Proxecto Abarcas, do que xa vos falei noutra ocasión.
Á volta trouxen unhas tartas de Santiago da confitería A Perla para todas/os que comemos de postre o domingo e ben boas que estaban.
Comentarios (10) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 02-05-2011 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0