Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

DÍA DO LIBRO

Tal día coma hoxe, hai case catrocentos anos, faleceron tres grandes da literatura: Cervantes, Shakespeare e Garcilaso. Por tal efeméride foi declarado pola UNESCO o 23 de abril como día do libro, día das letras universais.
Os libros dan situacións novas, viaxes, aventuras, lembranzas, emocións? como a vida mesma. Coa lectura sempre nos enriquecemos e se é compartida, dobremente vivida.
Na casa para conmemorar este día fixemos un acto de lectura comunitaria. Recollemos unha escolma de textos de autoras e autores galegos que escribiron en castelán e sobre a nosa terra. Sobre a chuvia, as moscas no verán, as mulleres botadas para adiante, fragas idílicas, as nais e a patria.
Isabel Álvarez con voz forte e clara leu un anaco de Los gozos y las sombras de Gonzalo Torrente Ballester. Fíxonos ver as pegañentas tiras amarelas que penduraban do teito apañando as moscas no seu voo.
Lina Breijo defendeu de maneira espectacular un fragmento de La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán, coa que se sentía identificada pola capacidade de decisión da protagonista. Lembramos a meta imposta socialmente que antes tiñan as mulleres de se casar e ser nais e o difícil que era rachar con estes valores vivindo de xeito independente. Tamén recordamos a vida da autora e os seus amores adúlteros con Benito Pérez Galdós.
Pepe Dovale utilizou un ton moi expresivo para o texto que falaba da monotonía de chuvia, Mazurca para dos muertos de Camilo José Cela. Saturnino recordaba a primeira lectura que fixo desta novela estando en Suíza e que lle mandaron dende a casa por correo postal. Aínda botamos unhas risas falando da Parrocha, a xefa da casa de putas que describe Cela.
Isabel González leu con sentimento un poema de Rosalía de Castro incluído no libro En las orillas del Sar, que lle fixo pensar que non sempre se valora o que se ten. Isabelita aproveitou para recitar o poema de Rosalía que aprendeu de nena Airiños, airiños, aires.
Luísa Gregorio achegounos á fraga de Cecebre e o seu máxico entorno lendo un anaco de El bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez.
Por último, Aurora Pereira leu con dozura un retrato da nai do marqués de Bradomín incluído na Sonata de otoño, de Ramón Mª del Valle-Inclán, retrato que nos fixo evocar ás nosas nais.
Distintos retratos de Galicia e as súas xentes presentes na literatura española e universal. Retratos cos que calquera nos podemos identificar.
Para continuar co desfrute da lectura convidamos a pasar pola biblioteca ?Avelina das Cascas? que temos na nosa casa e coller un libro co que refocilar o ánimo.
Comentarios (2) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 23-04-2014 15:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0