Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

FALADOIRO COA VECIÑANZA DE SAN CLAUDIO

Por fin chegou o sol. Encargárono as nosas tripulantes Carmen de Alvariños e Lolita da Rocha. Con el fomos a San Claudio o pasado sábado.
Os preparativos xa comezaron os días anteriores nos que as mulleres da Casa fixeron unha gran pota de callos e os homes unhas tortas de queixo con canela e limón.
O sábado despois do almorzo encamiñámonos á parroquia de Aurorita quen ía moi emocionada. Alí nos recibiu a veciñanza de San Claudio coa directiva da asociación Libro Vivo ao fronte. Aurorita pasou o día coa súa amiga Carmiña de Pío e veu moitas veciñas e veciños que se achegaron a saudala: Teresa, Pili a perruqueira, Quica de Pereira a súa curmá, Margarita Loureiro... A Ramona tamén a viñeron ver Pila e Santos que tiñan un comercio ao pé da imprenta de Foxo onde ela traballou moitos anos. Lola Piñón tamén saudou a Luísa de Lamela e ao seu home, un matrimonio de Senra.
Carlos Breixo, o secretario de Libro Vivo, convidounos a unha visita virtual pola biblioteca e o museo que teñen no Escolar, pola que chegamos ao anos da nenez a través dos antigos libros e libretas de rotación que alí coidan. Os pupitres, os pizarriños de lousa, a gramola dos Pita-Romero, as partituras orixinais da Romaxe do Casón de Rebollar, mapas con países que a Historia fixo desaparecer e fotos da xente que nunca se irá mentres estea na nosa memoria. Lembramos a Andrés Pereira Alonso, o pai de Aurorita, co seu Diploma de Premio á Constancia do Centro Gallego da Habana de 1.919. Falamos de escolares, de indianos, da emigración, de solidariedade? De que aínda perdura a directiva do Escolar de San Claudio na Habana que cedeu en 2.002 o edificio á asociación Libro Vivo por 25 anos que con gran esforzo manteñen.
Nós tamén quixemos levar o noso gran de emoción e Aurorita presentou o vídeo que fixemos residentes, persoal, familiares e amizades en Homenaxe a Rosalía polos cento cincuenta anos da publicación de Cantares Gallegos despois de moitos séculos de escuridade para a nosa lingua.
Pero non todo foi emoción. Que non hai festa en Galicia que non se celebre cunha boa comellada. Empanada. Tortillas de chourizo e roxóns feitas por Consuelo do Peitudo que recendían a gloria e sabían a manxar do ceo; se non que lle pregunten a don José, o noso capelán, e á súa irmá. Despois chegaron á mesa os callos quentiños, do que se encargaron Luís, Kiko, Pepe e Tarzán, nos que pingamos un pan de cunco agasallo da panadería Dolan feito por Suso. De sobremesa comemos uns anaquiños da torta de queixo e unha Larpeira feita na panadería por Dolores e María José cun café de pote. Puxémonos coma quicos.
O serán foi para bailar ao son da Charanga Alborada de Cedeira, na que toca o saxo Pepulo de San Claudio. Esa tarde debutou Santiago de Miñaño ao clarinete. Nin nós cansabamos de bailar nin eles de tocar. Ana, a nora de Manolo de Lucas, dixo que era a primeira vez que vía bailar ao seu sogro e de seguro que non será a última. Nótanse as clases de baile de salón de Elvirita do Ermo e da curmá de Santiago e o seu home.
Quixemos deixar a nosa pegada no Escolar. Aurorita fíxolle entrega a Breixo dunha pomba en cerámica de Regal co poema de Rosalía Adiós ríos.
Grazas á veciñanza de San Claudio por un día fantástico. Agardamos por vós o Día das Letras para compartir máis momentos inesquecibles.
Comentarios (6) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 26-04-2013 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
FALADOIROS ENTRE A VECIÑANZA

Estamos a preparar unha sorpresa para Aurorita a cubana entre a xente desta casa e a asociación Libro Vivo de San Claudio.
Ela que tanto acha de menos os tempos da ?escuelita? na Habana de seguro que se vai emocionar coa visita que temos preparada para o sábado 20 de abril. Iremos, ao antigo Escolar de San Claudio a pasar o día coa xente da súa parroquia. Moitas das cousas que ela gardaba de cando era nena, doounas ao museo creado pola asociación veciñal Libro Vivo e as teñen expostas con agarimo. Ademais doutras moitas doadas por xentes da parroquia.
Faremos un xantar comunitario que prepararemos aquí de véspera e teremos a gran actuación musical da Charanga Alborada de Montoxo. Pero mellor mirade o cartel que vos deixamos cunha fermosa fotografía de Aurorita antes de vir da súa Cuba natal para o seu adorado San Claudio.
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 04-04-2013 15:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0