Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

DE CANDO A TELEVISIÓN CHEGOU Á VILA

Quen non ten unha televisión na casa? É un electrodoméstico tan imprescindible como a cociña ou a lavadora. Ás veces máis. Pero cando eramos pequenos non había televisión e tamén se vivía.
A primeira demostración dunha emisión de televisión en España fíxose o 10 de xuño de 1.948, na Feira Internacional de Mostras de Barcelona. A casa Philips Ibérica instalou unha cámara unida por cable a un monitor situado a 30 metros. Non era moita cousa, pero foi o inicio. Houbo que avanzar moito e tardar 8 anos para inaugurar unha programación diaria, o 28 de outubro de 1.956, e 3 anos máis para que comezara a emitirse en Galicia.
Antes da popularización do aparello ocorreron anécdotas curiosas. Houbo un rapaz de por aquí que no ano 1.960 foi visitar ao seu irmán, que estaba traballando en Francia. Tanto en Madrid como en París puido ver televisores funcionar. Ao voltar á Vila contoulle á súa moza o que vira ao seu xeito. Por isto a moza enfadouse con el toda a semana, porque quería moquearse dela, xa que para que se había meter un home nun caixón a dar o parte?
A Ortigueira, os primeiros aparellos chegaron nos anos 60, como signo de modernidade. O primeiro en tela foi o comercio de Modesto Cheda que a puxo mirando á rúa e alí iamos en procesión para ver aquilo que parecía cousa de meigas.
Era moi distinta á de agora. Non emitía todo o día. Comezaba ás oito da tarde co Telediario, remataba ás doce da noite co himno nacional e os luns non emitían por descanso do persoal. Antes da emisión víase a Carta de axuste, mentres se escoitaba un fondo musical. Nunca souben para que servía aquilo. Todo isto é impensable nestes tempos nos que os corenta canais non paran en todo o día e o cacharro fala máis que algún membro da familia.
Daquela a televisión daba que falar a todo o mundo, sempre do mesmo programa (só había un canal). Que se Laurita Valenzuela tiña un traxe cinguido en Galas del sábado, que se levaran a cabaza no Un, dos, tres, se choramos con La casa de la pradera ou se nos rimos cos Chiripitifláuticos e os pallasos da tele. O sábado á noite poñían sempre películas de cine que estaban clasificadas por idades. Aparecían un ou dous rombos; cando saían dous había que ir para a cama inmediatamente, quixeras ou non. Tempo andando descubrín que aquelas películas tan prohibidas non tiñan nada doutro mundo.
Tamén lembro como se fora hoxe a primeira emisión da televisión de Galicia no ano 1.985 coa película Foise co vento. Que estraño se nos facía escoitar aos americanos falar en galego! O máis normal do mundo.
Comentarios (5) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 24-04-2012 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
QUERIAMOS FIAR NA LA...

Nos tempos de antes, fiábase la en tódalas casas, pois non había outro xeito de facer xerseis, chaquetas ou carpíns. A nai da nosa Estrella de Cerceda era cardadora e ela explicounos con todo detalle o proceso de fiado da la.
Na primavera ou primeiros de verán rápanse as ovellas; antigamente facíase cunhas tesoiras e agora xa hai uns peites eléctricos. Xa na rapa, separábase a la en dúas moreas, segundo fora de cor branca ou negra.
Empezabamos fervendo auga na lareira, no pote grande de facerlle a comida aos animais. Botabámoslle a auga fervendo, mollando a la ben mollada. Despois levabámola ao río en paxes, onde non facía lodo e había pedras. Calzabamos os zocos e veña, dabámoslle cos zocos calzados para lavala ben, sen xabrón, dentro dos paxes. Para secala botabámola ao sol derriba dunha silveira deitada que xa estivese de botar a roupa ao sol ou faciamos un cancelo algo volteado de varas e vareabamos a la para que quedara brandiña.
Xa na casa, a la había que escarpizala, poñela aberta e esponxosa. Collíanse dúas cestiñas, unha a cada lado, a da esquerda chea de la e a outra baleira. Íase collendo aos poucos a la da esquerda coas mans, alargándoa e refregándoa para abrila e deixala na cestiña da dereita.
Había quen a cardaba cuns utensilios de madeira de moitos arames tortos, as cardas. A la púñase nunha carda e íase estirando coa outra, moitas veces ata que quedaba ben desenvolta. Outra xente non cardaba pois disque a la rompía moito.
Despois a la anoábase ao fuso e fiábase cos dedos, envolvéndoa no fuso que se suxeitaba no mandil para que non se movera. Tamén había quen a torcía coa parafusa.
A continuación imos envolvendo os nobelos de la no sarillo para facer as madeixas coa la lista para tinguir. Para o tinguido botábase a tintura nunha pota con auga, fervíase arredor de media hora e despois aclarábase ben con auga e púñase a secar á sombra.
Unha vez tinguida e enmadeixada, a la pasaba á debandoira, facendo un novo nobelo coa la preparada para facer todo tipo de prendas, calcetada ou ganchillada. Podíase tamén levar á tecelá que tiña tear e facía mantas ou cobertores; picaban moito pero eran quentiños.
Hai uns días tivemos un agasallo de Antonio de Picas e o seu socio que moito lles agradecemos. La de dúas ovellas tan boa e dociña que daba salvación. Lavámola con moita arte pensando fiala. Porén houbo a quen se lle ocorreu metela na lavadora e? púxose tesa que non había quen lle metera man. A que non sabe fai como a que non ve. Estrella dixo que a solución é prenderlle lume. Outra vez será!
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 19-04-2012 16:29
# Ligazón permanente a este artigo
O MERCADO DA VILA

Eu teño recordo do mercado da Vila de toda a vida.
Hai constancia que dende 1.861 se facía o mercado tódolos domingos e xoves do mes na praza de Isabel II. Tras derrubar o cárcere que alí había en 1.857, levantouse un alpendre catro anos despois para poder facer o comercio a cuberto. En 1.917 foi reconstruído e hoxe podémolo ver con dúas filas de cinco columnas sen elementos decorativos, co teito de madeira nas vigas e nas cimbras e cuberto de tella cha. Mais este mercado xa non é utilizado.
Cando se derrubou o antigo cárcere da praza, construíuse outro no peirao en 1.856 de estilo neoclásico e proxectado por Faustino Domínguez. Un edificio con cantería nas partes máis nobres (esquinas, pilastras, cornixa e balcón) e cachotería nos muros, de forma cúbica moi sinxela e vans distribuídos regularmente. De novo unha cadea, tempo andando, dedicouse a mercado de abastos, desta vez con apertura diaria. Alí é onde podemos atopar a carnicería, a peixería, a froitería? Porén, onde se celebra o mercado semanal cada xoves é na explanada da Alameda sita fronte ao edificio. Segue a ser este un mercado tradicional, no que se poñen postos produtos do agro, de roupa, calzado, sementes, plantas e outras argalladas. O que non hai é gando.
Nós baixamos ao mercado, os xoves que vai bo tempo, por pasear e, vamos dicilo, tamén por comer o chocolate con churros, que como di un amigo meu é terapéutico. Non hai mellores churriños que os do posto do mercado da Vila, dunha parella da parte de Viveiro. Mercamos uns poucos e os levamos para o local social onde nos preparan un chocolate que sabe a gloria.
No mercado sempre vemos a alguén coñecido, pois é o lugar de xuntanza das xentes das parroquias. Atopamos moitas veces a familiares, a veciños e veciñas da nosa aldea, a traballadoras da casa... Parolamos un cacho, contamos as novas e escoitamos outras, preguntamos pola xente que hai moito que non vemos? A quen vemos moitas veces é a Loli de Mera e a súa nai, Lola do Gaiteiro, coas que disfrutamos na súa compaña e nos teñen invitado aos churros.
Hoxe como chove, (moita falla facía!), non puidemos ir aos churros, así mandei recado que foran por uns poucos e papámolos no almorzo como está mandado. Bo proveito!
Comentarios (1) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 19-04-2012 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
ACEAS
Existen muíños en Galicia dende a prehistoria. Os máis antigos eran de man e requirían un gran esforzo humano. Tempo andando, na Idade Media aplicouse a tecnoloxía á produción de fariña, dando lugar aos muíños de auga ou aceas. Galicia, o país dos mil ríos, tiña capacidade para construír aceas en calquera lugar. Pola miña parroquia pasa o río Baleo e na súa beira había moitos muíños dos que quedan as súas pegadas.
Pero non tódalas aceas son iguais. Dependendo da roda poden ser de rodicio (horizontal) ou de bruia (vertical). Segundo o xeito de chegar a auga poden ser de canle (nos ríos con bo caudal) ou de cubo (onde se almacenaba auga para aumentar a presión). Os muíños de Couzadoiro adoitaban ser de rodicio e de cubo.
O edificio do muíño pode ser unha caseta que cubre a peza de moer, como case todos en Couzadoiro que acostumaban ter unha pedra albeira e outra mourenza, ou pode ser unha construción que albergue ata cinco pezas e incluso pode ser muíño e vivenda á vez como os que lles chamaban muíños de Eladio, que tiña tres pedras, dúas mourenzas e unha albeira.
Atendendo á súa propiedade podían ser muíños de maquía, nos que o dono era o muiñeiro e levaba unha parte da moenda en pago, en Couzadoiro case todos eran así: o do Carrexo, o de Requeixo, o do Cobelo e o de Baxás. Tamén había muíños de parceiros, que pertencían a varios veciños que se xuntaran para construílo e que tiñan dereito de uso por partes ou quendas e obriga de mantelo en bo estado, así eran o de Cenzo, o de Cernadiñas e o das Mestas. Por último podían ser muíños de herdeiros, iguais que os de parceiros, pero no canto de veciños eran membros da mesma familia que adquiriran o muíño por herdanza, así era o de Leopoldo, de uso propio e para os fillos.
Na acea, de abaixo para riba, podemos ver varios elementos. Na parte traseira está o inferno, a cavidade onde está o rodicio, cun oco para o billote (o lugar por onde sae a auga que fai xirar a roda), e na parte dianteira ten un ou varios ocos de saída de auga. O tremiñado é onde se fai a moenda e está dividido en dúas partes: unha co piso de madeira, pedra ou terra, e outra con esteos de granito que soportan o pé e da moa. A roda pon en movemento a peza de moer e pode ser de rodicio ou de bruia. A peza de moer ten a moega (caixa de madeira onde se bota o gran) e a quenlla (canle pola que o gran vai parar ao ollo da moa). A moa é unha roda de pedra circular que se move sobre o pé, que é outra gran roda de pedra pero fixa. Cando a moa xira escacha o gran ata convertelo en fariña que cae no farneiro. As pedras de moer podían ser albeiras, para trigo ou centeo, ou mourenzas, para o maínzo. Encastado no muro do edificio, xunta a porta, adoitaba haber un sillar de granito sobresaíndo medio metro, era o pousadoiro dos sacos de gran.
O muíño sobre todo era un lugar de relación social como amosan moitas cantigas:

O muíño non é muíño,
que é capela dos solteiros,
se encontrades a casados
botádeos polos regueiros.
Fun esta noite ao muíño
cun fato de mozas novas,
elas todas en camisa,
e eu no medio en cirolas.
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 13-04-2012 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
BENDICIÓN DO PAN

Hoxe é Xoves Santo. Conmemórase a derradeira cea de Xesús cos seus discípulos antes de ser levado á cruz, coincidindo coa pesáh (a pascua xudía), o paso da escravitude á liberdade. Era unha cea ritual na que, por orde divina, cada familia asaba un año sen defecto e un bolo de pan ácimo (sen formento).
Nesta cea Xesús, sabedor de que ía morrer, pediulles aos seus compañeiros que se amasen uns a outros e que repetiran a celebración na súa memoria, pois o pan sería o seu corpo e o viño o seu sangue. Esta é a orixe da Misa cristiá.
Do mesmo xeito que o domingo de Ramos levabamos á igrexa ramallos de oliva ou de loureiro para bendicir, antigamente o día de Xoves santo levábanse uns boliños de pan ácimo. Durante o ofertorio había unha procesión de persoas levando os panes ata o altar onde eran bendicidos polo cura e nalgúns lugares tamén eran incensados. Coas ofrendas sobre o altar facíase a oración conxunta e quedaban consagradas.
Na eucaristía o cura ofrecía á freguesía anaquiños dos bolos mollados en viño, xa corpo en sangue do Señor.
Nalgúns lugares levábanse boliños pequenos que, unha vez rematada a misa, recollíanse e púñanselles aos pícaros e pícaras pendurados do pescozo para a súa protección.
Só se cocía pan ácimo unha vez ao ano, pois, aínda que se aguanta moito tempo, esfaragúllase todo e non presta comelo. O resto do ano facíase pan con formento, un cacho de masa gardado da última fornada. O pan era a base da alimentación. Amasábase e cocíase na casa, nunhas polo home e noutras pola muller, dependendo de que tivera mellor man. Esta tradición é a que nos trouxo a que o pan galego sexa o mellor; non sei se o de Cea, o de Carral ou o de Neda; calquera deles. Cando alguén de fóra nos visita sempre leva bo recordo da comida, pero en especial do pan.
Eu aínda me lembro cando se cocía na casa e un rabaño de pícaros se arremuiñaba diante do forno esperando a que saíra a bola da portela, unha bola pequena que se cocía antes que os bolos e que miña nai repartía entre os fillos. Aquel recendo a pan fresco, o son do pan ao romper e o sabor que enchía a boca toda nunca se poderá borrar da miña acordanza.
Bendito sexa o pan!
Comentarios (3) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 05-04-2012 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
ESTRUGAS
De ouro, con tres penas pardas, sobre ondas de auga azur e prata, postas en situación de faixa e sumada a cada unha delas unha mata de estruga de sinople con sete follas. Esta é a descrición do escudo de Ortigueira. O ouro simboliza a nobreza do escudo, as penas representan aos Aguillóns, as ondas son as do mar e da ría, e as estrugas están presentes porque parece que son a orixe do nome do concello (en castelán son ortigas e unha ortigueira sería o sitio onde abundan).
A estruga é o nome común do xénero Urtica. Chamáronse herbas dos cegos pois son fáciles de recoñecer ao tacto, polos seus peliños que resuman unha substancia que produce picazón e inflamación da pel.
Aínda que os antigos gregos crían que era unha planta que daba valentía e tiña propiedades afrodisíacas, durante moitos séculos estivo considerada como mala herba (todas as plantas o son ata que alguén descobre as súas utilidades). Hoxe sábese que teñen propiedades vasoconstrictoras (paran as hemorraxias), favorecen as dixestións, axudan á recuperación do fígado, melloran a circulación e axudan a baixar o colesterol, aumentan a producción de leite nas nais, son antianémicas, diuréticas e depurativas, van ben para a reuma e para os problemas de tiroides, a infusión das follas reduce o estrinximento, a decocción da raíz seca é un laxante suave...
Utilízase en cosmética para eliminar as imperfeccións da pel e para previr a calvicie. Na industria úsanse os talos, que son moi fibrosos, para a elaboración de fibras téxtiles naturais.
E logo, para que non serve a estruga? Pois para alimentarse tamén, por se alguén o estaba a pensar. Xa as comían no antigo Imperio Romano. Son ricas en vitaminas e minerais, e incluso teñen proteínas. Cómense como calquera verza, xa que unha vez cocidas non pican. Os talos son moi leñosos, polo que só cociñaremos as follas. Pódense facer en sopa, en puré, en revolto, en ensalada ou en pratos doces. Para facer unha crema doce de estrugas collede medio litro de nata, 75 gramos de azucre e 100 gramos de puré de estrugas; montade todo co batedor. Quedará unha crema doce con aroma a estruga coa que podedes acompañar calquera sobremesa.
Non esquezades recollelas cando a lúa estea en Escorpio e con luvas. Non fagades como aquela pequeniña de 3 ou 4 anos que veu unhas estrugas na beira do río, case tan altas coma ela, e dixo moi contenta: Mira mamá, mira que plantiñas máis bonitiñas... Ai! Mami, pican! Nunca se lle esqueceu o nome. Estrugas.
Comentarios (8) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 03-04-2012 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0