Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

ABARCAS
As abarcas eran o calzado que tiñan antigamente os labradores. Eran feitas de coiro polo fondo e suxeitábanse ao pé con cordas. O meu veciño Francisco Fraga Varela (72 anos) amósavos como é unha abarca cun calcetín de lá. Esta foi a escusa que usaron dúas das miñas tripulantes (Laura, terapeuta ocupacional, e Gelo, educadora social) para crear un proxecto co que nos animaran a facer exercicio.
O Proxecto Abarcas consiste nun percorrido simbólico a Compostela, que cada un o fai en función das súas posibilidades: camiñando, facendo bicicleta ou paralelas no ximnasio, movendo a cadeira de rodas... Son cousas sinxelas que fariamos porque son saudables, porque hai que encher o tempo con actividades positivas.
Como parte deste proxecto, un grupo dos participantes máis avantaxados fomos aló. En outubro do ano pasado saímos en autobús de Ortigueira rumbo a Compostela. Da viaxe recordo cousas sinxelas, os lugares dos que oíra falar e nunca vira: o Lago das Pontes que aínda está a encher, a vella ponte sobre o río Eume que une Cabanas e Pontedeume, a ría de Betanzos entre marismas e xunqueiras... Pero o que máis me impresionou foi Compostela. Había tanto que ver que non recordo tódolos detalles: a Praza do Obradoiro pechada por solemnes edificios e presidida pola gran Catedral, a Porta Santa, a fonte dos Cabalos de Praterías...
Teño no meu cuarto enmarcada a Compostelana simbólica que nos deron para non esquecer unha viaxe inesquecible.
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 20-04-2011 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
A SEMANA SANTA

Na Residencia de Ortigueira temos unha capela na honra de San Roque na que o noso párroco D. José Buide Rodríguez di misa a diario. D. José non só di misa, comparte a vida con nós. Ten moitas lembranzas xa que leva na Vila case corenta anos.
Son moitos os recordos ligados á Semana Santa. Hai anos o Domingo de Ramos era o día en que se estreaba roupa nova. As nenas un vestidiño ben xeitoso e os nenos unha camisa e un pantalón que despois da misa xa o enchiamos de lamparóns ao sacudirnos cos ramos.
Contaba o outro día D. José que antigamente se bendicían os ramos o primeiro domingo da Semana Santa, tal e como se sigue facendo, pero tamén se bendicían uns ramiños o día de San Pedro Mártir (29 de abril) e despois se levaban ás leiras para que as colleitas foran boas.
Vede un retrato da nosa veciña Aurora Pereira Moure (87 anos), que é a segunda pola dereita, e as súas compañeiras de San Claudio un domingo de Ramos.
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 20-04-2011 10:32
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA MUNDIAL DA SAÚDE
O 7 de abril foi o día mundial da Saúde. Para conmemoralo tivemos unha merenda especial: brochetas de froita. A nosa Estrella Pallas Dubra (90 anos) ensínanola antes de dar boa conta dela.
Non é que teñamos que recordar a saúde só un día ao ano, pero é bo que nos paremos un momentiño para ver que estamos a facer pola nosa saúde. Coidarnos non é ir ao médico cando nos atopamos mal ou nos doe algo. Coidarnos é pensar tódolos días: que podo facer eu para sentirme mellor?.
Eu penso no que como, en como descanso, en como me divirto, en como me relaciono cos demais... porque a saúde non é só o corpo senón tamén a mente que dirixe o noso corpo. Para estar san o principal é sentirse ben, que a nosa cabeciña o saiba.

SEDE FELICES COMPAÑEIR@S!!!
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 20-04-2011 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
JESÚS O DA HARMÓNICA

A nosa casa ten moitos anos. Antes era o “Asilo” das monxas e os residentes, como Jesús Pajón Hermida (86 anos), traballaban na casa botando unha man. Poñía as patacas e ía a Cabalar e traía un carro de man cheo de ceba para poñer á horta. No asilo había porcos, galiñas, pavos...
Jesús era coñecido por andar polas casas a pedir para o asilo. Gustáballe moito ir con madre Pura, a da Magdalena. Xa se sabía cando chegaba pois tocaba a súa harmónica e animaba á xente.
Un día levou cebolín a vender con “Pepa dos nenos” (outra residente) desde o asilo ata a feira do San Marcos. Tanto venderon, que ao chegar cos cartos nun pano atado polas catro puntas, e velos as monxas, estas puxéronse a berrar: "Somos ricas, somos ricas,..." Así que imaxinade canto sería.

Comentarios (0) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 01-04-2011 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
MOVÉMONOS

Din que aos vellos sempre lles veñen tódalas enfermidades. Eu non sei se será verdade. Cos anos a miña vida mellorou, agora SON MÁIS INDEPENDENTE. Cada día despois de erguerme podo decidir a onde quero ir e facelo; decido ir á sala cos meus veciñ@s a charlar, decido saír a dar unha volta e tódolos días decido ir ao ximnasio. Doume conta de que a terapia ocupacional me da independencia, saúde..., VIDA.
Comentarios (4) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 01-04-2011 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
A CONDA DAS CASCAS
Quen sempre ten algo que contar é Avelina Piñón Rodríguez xa que os seus 98 anos están cheos de vida. Era filla de Dolores Rodríguez Lorenzo, coñecida como a “Conda das Cascas”. As Cascas é o lugar de San Adrián de Veiga onde ela vivía; o da Conda venlle de seu pai (Antonio Rodríguez) que era procedente de Castela e por iso lle chamaban o “Conde de Senra” (Senra é unha parroquia de Ortigueira).
No retrato sae Manuel Rodríguez Lorenzo, o tío de Avelina que era irmán da súa nai (é o do bigote e bastón e os outros son fillos del). O retrato é de estudio en Cuba. Emigraron e tiña negocio propio no que vendía “prendas de oro”; aos pequenos lles poñía un caixón para que chegaran ao mostrador a despachar e tamén os mandaba a vender de xeito ambulante.

Comentarios (7) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 01-04-2011 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal