Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

COMEZAMOS O ANO

Xa levamos tres meses do ano e aínda non nos puxemos ao día co blog. As mareas andaron revoltas. Xa se ve.
Iso non quitou para que na casa organizaramos algunha que outra festa.
No mes de febreiro celebramos o día dos namorados. Temos varias parelliñas na casa, unhas de hai moito tempo e outras moi recentes. Tamén moita xente namorada da vida. Contamos coa Charanga Alborada para amenizar a tarde.
A primeiros de marzo celebramos o Entroido. Ben celebrado. Fixemos as nosas tradicionais rosquiñas. Merenda-baile o luns. O mércores de cinza veu Manolo, o irmán de Saturnino, para facer os freixós. Que bos estaban! Achegáronse tamén unhas carpideiras moi choronas. Podedes ler aquí as súas ladaíñas e na fotoblogoteca ver as fotos de tódalas actividades.
Non queremos rematar este artigo sen lembrar a unha persoa que marchou paseniño, sen balbordo, tal e como viviu nesta casa. Un home bo. O noso Chuco da Laracha. Ata sempre!

Ai miña comadre,
o Entroido finou.
Sería condenado
que pouco durou.

A xente da Vila
por porco comer
matou unha burra
hoxe no amencer.
Retrouso.
Inocencio do Ermo
madeira cortou
apañou unhas cinzas
e o cu lle queimou.
Retrouso.
E dende Luía
Benigna chegou
partiulle unha perna
por ter un xamón.
Retrouso.
Os de Couzadoiro
viñeron tamén
meteron o rabo
no pote a cocer.
Retrouso.
Javier no Baleo
a lingua lavou
das mans esvaroulle
e ata o mar chegou.
Retrouso.
Carmen de Luama
foi a burra buscar
abriulle a barriga
para as tripas papar.
Retrouso.
Cándido de Senra
amodo chegou
limpoulle o fociño
lucido quedou.
Retrouso.
O Lucas de Mera
fritiu os roxóns
comeunos Olimpia
sen eles quedou.
Retrouso.
Loliña de Freires
veu para axudar.
Comeu nos chourizos
cun bolo de pan.
Retrouso.
Correu de San Claudio
Aurora tamén,
levou as orellas,
papounas de vez.
Retrouso.
Baudilio de Loiba,
machado na man,
cortoulle a cachola
asouna ao serán.
Retrouso.
A dona Avelina
de San Adrián
quitoulle no coiro
para se tapar.
Retrouso.
Satur de Devesos
e Luísa tamén
a burra probaron
e sóubolles ben.
Retrouso.
Veñen de Cariño
a burra buscar.
Xa non queda nada.
Que fame han pasar!
Retrouso.
Trouxeron os doces
as tres de Ferrol.
Papáronos elas
nunha habitación.
Retrouso.
Verzas e xudías
habemos comer
cachelos, sardiñas
e xardas tamén.
Retrouso.
Mércores de cinza
comeza a coresma
xa non temos burra
derriba da mesa.
Retrouso.
Con bágoas nos ollos
ímoslle rezar
á nosa burriña
no seu funeral.
Ai miña comadre,
o Entroido finou.
Sería condenado
que pouco durou.
Se pouco durou,
o ano que vén
o festexaremos
dende o Belén.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 31-03-2014 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0