Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

TORTA DE QUEIXO OU OS HOMES NA COCIÑA

Para facer unha boa torta de queixo primeiro de nada precísase da axuda de catro homes bos. Podemos escoller entre outros moitos a Manolo e a Lucho de Couzadoiro, a José de Horizón e a Emilio da Insua de Mañón. So con eles xa se fai bo caldo, pero imos precisar algo mais.
A Lucho ímoslle dar unhas galletas para que as machuque ben machucadiñas, e despois que as mesture cunha pela de manteiga e un pouco de leite para facer unha pasta.
Entre Manolo e José que vaian abrindo queixiños, deses da vaca que ri, que lles ha levar un cacho ter listos máis dun cento que fan falla. Mentres, Emilio pode poñerse a abrir sobres de azucre para poñerlle o punto doce á nosa torta.
Cando Lucho remate de facer a pasta, Manolo pode ir cubrindo os moldes. Mentres, Lucho que desfaga o callado nun pouco leite e José que bote o resto do leite na pota, mais a tona e o azucre.
Manolo disque ten práctica de usar un batedor cando traballaba nas obras, pois que lle vaia dando ao noso para facer o amoado. Cando estea todo ben batido prendede o lume, poñédelle a pota e a remexer ser descanso para que non se queime, se fai falla facede quendas para non cansar.
Cando levante fervor e vaia espesando un pouco, deitade o amoado cun cullerón derriba da pasta de galleta e deixade arrefriar na neveira polo menos ata o venres de paixón. Escorrentade aos lambóns e lambonas ata ese día pois ha de arrecender a gloria.
O mesmo venres facede procesión ata a cociña de novo para cubrir a torta cunha marmelada de amorodos que lle vai dar un toque de cor apaixonada.
David, anímate e bótalles unha man, a ver se che aprenden algo? e de paso che deixan lamber as culleres.
Xa me iredes contando como vai esta receita e se podemos repetir.
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 27-03-2013 15:25
# Ligazón permanente a este artigo
AS NOITES DE TOBÍAS
Mirade do que se vai enterar un a estas alturas. Seica é coñecida, entre os etnógrafos, a continencia conxugal durante un período subseguinte ao matrimonio como ?Noite de Tobías? ou as ?Tres noites de Tobías? e que toma o seu fundamento da tradición bíblica, a cal, na historia do matrimonio do xove Tobías coa súa curmá Sara, relata como o arcanxo Rafael, ao ordearlle que a obteña en nupcias e ser obxectado polo mancebo de que morreran polo demo sete maridos anteriores, dílle que para evitar esta desdita entre coa esposa en continencia e non faga senón pregar a Deus en unión a ela durante tres días, ao cabo dos cales non só fuxirá o esprito infernal, senón que Tobías será admitido no seo dos santos patriarcas e recibirá a benzón do Señor a fin de que teña fillos vigorosos. E así mesmiño fixeron. Un conto traído de Caldea, reflexo dunha práctica pagana antiga que a Igrexa quixo cristianizar.
Pois ben, nalgúns lugares de Galicia tamén existía o costume ou propósito de gardar castidade inmediatamente despois de celebrado o rito matrimonial durante un ou varios días. En Mondoñedo, mentres a noiva pasa a noite de vodas coa madriña, o noivo pásaa acompañado do padriño da ceremonia; en Celanova, os noivos recóllense nas súas respectivas casas e viven separados un do outro durante os oito ou quince días seguintes á celebración das nupcias; en Boiro, os noivos que non fan viaxe de vodas, permanecen durante tres días cada cal na súa casa sen se xuntaren. No concello de Cervantes (Lugo), no 1.968, logo de observar seis vodas recolleron que a ceremonia celebrábase cunha grande aparatosidade e durante a primeira noite prolongábase a cea ata altas horas da madrugada na casa do noivo, tras a cal este deitábase co padriño e a noiva coa madriña. Ao día seguinte marchaban as persoas convidadas e entón, o noivo convidaba, esa segunda noite, a cear tamén na súa casa a todos os que na aldea quedaran sen convidar. Os noivos non se deitaban xuntos ata a terceira noite.
Co paso do tempo hai costumes coma esta que se van perdendo. Déixaas ire!! Pois no tempo da mocedá é ben sabido que os folgos son outros e fillos dos fiadeiros, da silveira, do vento ou da Feira da Toca sempre houbo, ou do palleiro que nacían nove meses despois da seitura e non por iso deixaron de ser xente de ben nen había que agardar á noite de vodas. O que si, que daban moito que falar tantos rituais e tanto botar contas para cadrar a idade dos nenos/as, que aínda lembra a señora Avelina, de 100 anos e algo, para dar conta da importancia da transmisión oral e do saber popular e de como chegou aos nosos días:
?Marzo, marzolo e o mes que non vén solo, son tres
Abril, abrilete e o mes que se mete, son seis
San Juan e san Juanás, e o mes que nace o rapás, son nove
?.
Na foto, podedes ver un camisón de hai 82 anos, da noite de vodas de Isabel, que nos prestou a súa irmá Pilar (nora de Lola Sanjurjo), alfaias do noso pequeno museo que amosamos con agarimo a quen se achega a visitarnos. Moitas grazas Pilar e familia pola vosa contínua colaboración, de parte de todas as persoas maiores e do persoal da casa.

Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 15-03-2013 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
AS BOLAS DA TIXELA

Onte puxémonos as botas na merenda, coma quen di. Acertadamente no obradoiro de cociña dos martes, as mulleres da Casa escolleron para facer a receita das Bólas da tixela ou Bólas da sartén. Á mañá, xa tiñan todo disposto na cociña para amasar: a fariña, a auga, un chisco de sal e a levadura. Maruja Bellas, da Insua de Mañón, comentaba que ela cando as facía preparaba formento para botarlle en lugar da levadura e as demais asentían coa cabeza, dándolle a razón. Agora mércase a levadura ata na tenda, seica, en dadiños pequenos, pero antes? eran outros tempos.
María Socorro, de Couzadoiro, contaba que a súa irmá Gloria sempre a chufaba porque tiña moi boa man coas bólas, pero ela prefería facer pan. Que ben lle saía!!. Non por nada, pero era o mellor pan de todos os da redonda.
Logo de deixar a masa levedar e feitas as comprobacións pertinentes, comezou a tarefa de cortala en anacos e estiralos para darlles forma. Unha vez quencido o aceite, á tixela, volta para un lado e volta para o outro e, hala!, lista a bóla. Isabelita do Forno, vaia se ten xeito ca tixela!!.
Moito prestan estes obradoiros de cociña farturentos (co permiso de Ana, a enfermeira).
Grazas a Matilde e Margarita, traballadoras do centro, por colaborar e que non perdan as mañas; a Maruja, María e Isabel polo esmero que puxeron e a Lucho por acompañarnos.
E moitos parabéns para Saturnino que convidou a un cafeíño de pota, que tanto nos sabe, para celebrar o seu aniversario. Houbo quen dixo: ?De hoxe nun ano e antes, moitas veces?.
Bo proveito!!
Comentarios (5) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 13-03-2013 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0