Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

PRIMEIRAS TÉMPORAS

A institución das témporas aparece en Roma, no século III, substituíndo ás festas pagás agrícolas. Nun inicio, correspondíanse co tempo da semente ou da colleita en cada lugar e non cunha data determinada. O obxecto das témporas é adicar un tempo para agradecer a Deus os froitos da terra e pedirlle a súa bendición sobre a semente para que dea boa colleita, ofrecendo actos penitenciais como o xaxún.
A Igrexa foi reconvertendo tódalas festas pagás e deste xeito as témporas organizáronse nun conxunto de catro ciclos litúrxicos, con celebracións propias, coincidentes co remate e inicio das estacións do ano e tendo en conta o calendario lunar. Isto serviu tanto para facilitar o cálculo das datas, como para vencellalas ao culto católico. Así as primeiras témporas cadran na segunda semana da Coresma, as segundas na semana seguinte a Pentecostés, as terceiras na semana despois da exaltación da Santa Cruz e cuartas na semana posterior a Santa Lucía.
En Galicia, un país dependente da natureza tanto no mar coma no agro, empregamos de sempre as témporas para predicir o tempo. Para isto disque se hai que se fixar no tempo que vai o mércores, venres e sábado da semana das témporas, así o do mércores correspóndese ao primeiro mes da próxima estación, o do venres ao segundo e o do sábado ao terceiro.
Non faltaba tampouco en casa de ningún galego ilustrado un lunario co que facer os cálculos o máis exactos posible. O lunario contiña os aspectos principais do sol e a lúa, isto é as conxuncións, oposicións e cuartos da lúa co sol e a nova dos eclipses de ámbolos dous astros. Asemade tamén describían unha cronoloxía de varias novas de cousas sucedidas dende a morte de Cristo ata o presente e diversas recomendacións de hixiene e saúde.
Tamén en Galicia teñen moita tradición os calendarios agrícolas anuais, libriños nos que aparecen predicións do tempo, as lúas, as mareas, as feiras, consellos agrícolas, refráns, adiviñas, o santoral... Dous son os que teñen máis sona. O máis antigo é O Gaiteiro de Lugo, fundado en 1.857 polo impresor Manuel Soto Freire e denominándose inicialmente Calendario Gallego. Comezou escribíndose en castelán, mais pouco e pouco foi tendo presenza o galego nas súas páxinas e a partir de 1.936 publicouse integramente na nosa lingua. Foron colaboradores habituais Xosé Filgueira Valverde ou Antonio Noriega Varela. O outro calendario é O Mintireiro Verdadeiro, promovido en 1.952 por José Regadío Vázquez, quen era crego en Palas de Rei. Foi escrito en galego dende un inicio e ten unha sección na que recuperan palabras galegas en desuso. Amosa un carácter crítico, humorístico e retranqueiro. Defínese como ?chusqueiro, escotolido, galego-castelán, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato?.
Tesouros vivos da nosa cultura tradicional que hai que pór en valor.
Comentarios (8) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 30-03-2012 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
CEN ANOS DA DEVESANA

Na aldea de San Sebastián de Devesos, no mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo, érguese un edificio que foi escolar e hoxe cumpre 100 anos. A súa veciñanza pode gabarse da súa historia e non debe esquecela.
A principios do século XX, o sistema educativo en España era obsoleto e deficiente. Para paliar este problema, os emigrantes en Cuba, que se decataran das dificultades de seren analfabetos, fundan e manteñen de xeito desinteresado ata once escolas indianas nas diferentes parroquias de Ortigueira.
No ano 1.907, un grupo de obreiros do tabaco naturais de Devesos, constituíron na Habana a Sociedade de Instrución e Recreo a Devesana e doaron xenerosamente boa parte dos seus ingresos para sufragar o edificio da Escola Laica. Ademais da directiva en Cuba, había outra en Ortigueira formada por José Carrodeguas Pena, José Saavedra Luaces e Vicente Sueiras, quen xestionaban a manchea de cartos que enviaban de alén mar para o sostemento do centro.
A Devesana tivo un sistema de ensino moderno co que se pretendía a consecución de personalidades libres e autónomas para a construción dunha sociedade igualitaria. Tivo mestres como Rafael Fernández Casas, quen ensinaba en galego, programaba os contidos das clases, pedía aos seus alumnos que expuxeran as súas ideas a través de redaccións e debates, facía intercambios con outras escolas de indianos...
Os plans de estudo laicos motivaron en gran medida que a Devesana chocara coa intransixencia política e relixiosa, encabezada polo párroco de Devesos. Nos anos 20, tras unha festa de Entroido, apareceu rompida unha vella cruz de madeira podre que penduraba na igrexa. O cura denunciou do estrago aos responsables da escola e, de paso, de celebrar bailes deshonestos e orxiásticos no salón de clases. A raíz deste incidente o Gobernador Civil ordenou o peche da escola. A directiva e o mestre foron defendidos de balde polos avogados Leandro Pita Romero e Santiago Casares Quiroga quen conseguiron retirar as acusacións, mais non levantar a orde de clausura do escolar.
Houbo que esperar ata a II República, na que se lle deu un gran pulo á instrución no medio rural, para a reapertura da Devesana. Por desgraza, non durou. O 18 de xullo de 1.936 comezou a Guerra Civil. Eran entón directivos da sociedade Leandro Martínez Insua e Miguel Sueiras Chao, quen temerosos de seren perseguidos, decidiron queimar co maior segredo os libros de rexistro e tódolos documentos para evitar represalias.
Os falanxistas consideraban aos mestres ?envelenadores da alma popular?, segundo unha orde da Comisión de Cultura do Goberno de Burgos, presidida por José María Pemán, o que xustificou a queima da biblioteca e de varios manuscritos de Rafael Fernández Casas. Neste contexto de represión, calquera denuncia podía ser aceptada, aínda cando os seus fundamentos fosen do máis peregrino. Así un garda civil denunciou aos dirixentes da Devesana por agravios contra a España cristiá promovendo bailes nudistas, veladas inmorais, lecturas disolventes, campañas perniciosas e matrimonios civís. A denuncia provocou o novo peche da escola e a súa ocupación polos alzados para utilizala como cuartel militar primeiro e da Garda Civil despois.
Durante longos anos, a historia da Devesana caeu no esquecemento. Hai un tempo a veciñanza cedeulle o edificio ao concello de Ortigueira para a súa restauración e actualmente acolle o centro social da parroquia.
Serva a Devesana como exemplo do medo que durante séculos tiveron os grupos de poder á educación do pobo.
Comentarios (4) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 24-03-2012 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
A LENDA DO DRAGÓN DA BARRA
No principio do mundo, cando tódalas terras estaban unidas, dis que o Ortegal caía polo medio de Panxea. Naquel tempo abundaban os dragóns, gardiáns de tesouros e sabedoría. Mais non tardou moito en apoderarse deles a cobiza, que lles impedía pensar noutra cousa que non fora conseguir ouro e pedras preciosas. Loitaron uns con outros en batallas tan bestiais que, ao bater entre eles romperon o chan, entrando a auga do mar no medio do territorio firme. Non debeu ser doada a separación de terras, pois aínda hoxe se poden ver os anacos da rotura, como os Aguillóns, o Picón ou a barra, unha ampla lingua de area que se atopa fronte ás praias de San Martiño e Cabalar. Deste xeito, os dragóns convertéronse na encarnación do mal.
Parece ser que un destes bichos vivía soterrado baixo a area da barra, alimentándose de ameixas, berberechos e navallas. Saía do seu furado, agochándose nas marismas, para ver de facerse con algún tesouro, sen importarlle a quen facía mal. Cando alguén o ollaba de lonxe non podía facer outra cousa que fuxir, xa que era un monstro enorme e horrendo. Tiña aterrorizada á xente da Vila.
Tal foi que a veciñanza se xuntou para acordar como se habían ceibar daquela ameaza constante. Decidiron que só o ceo os podería salvar de tan grande perigo e así pedíronlle a Santa Marta que os liberase do monstro. A santa, compadecida, baixou á terra para axudarlles.
Hai xente que di que a patroa chegou á beira do mar e conseguiu vencer ao dragón en feroz loita e matalo. Outros contan que o bicho se bateu en retirada ante unhas gotiñas de auga bendita que lle lanzou a santa. Aínda que os máis escépticos cren que a venerable Marta non puido atopalo porque o dragón se agochou entre os xuncais da lagoa.
O caso é que agora, nas noites de lúa chea, aparecen as súas pegadas na praia de Cabalar. Xa di a copla:

A xente da Vila
que diga o que queira,
pero eu vin o bicho
choupando na tremoeira.
Comentarios (3) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 22-03-2012 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
O TOXO

Ano bisesto, promete e non dá. A ver como vai a cousa?
Por mor de ter o ano 366 días, hoxe comeza a primavera. Ven anunciada polo alecrín, a floriña amarela a xeito de bolboreta con peluxe, tamén chamada chorima. O alecrín é a flor do toxo, a nosa matogueira máis enxebre e ramalluda. É unha planta da mesma familia que as lentellas. Pode chegar ata os dous metros de altura, formando parte de toxeiras, piornedos, uceiras ou dos sotos das carballeiras. Críase en chairas e abas das terras sen cal, aguantándose en chans pobres e secos que non sexan sombrizos. Porén hai que ter coidado, xa que ten alto risco de incendio, pois acende como a gasolina.
Non pensedes que son todos iguais. Existen 3 clases: o toxo gateño (ulex nanis), o máis pequeno de todos; o toxo femia (ulex galli), chega ao metro de altura e bota flores a mediados do verán; e o toxo arnal (ulex europeaus), o máis grande e que florea na primavera.
Ten pólas cor verde escuro, con estrías ao longo moi marcadas, sen follas e con espiñas longas e recias. O froito é unha vaíña ovada, cor cinza, que contén sementes pardas que se liberan cando a estala no verán.
A utilización do toxo no agro galego vén de lonxe. Os usos tradicionais eran para forraxe do gando, para queimar nos fornos de pan ou para facer estrume que despois converteríase en esterco. Como todas as leguminosas, estes matos aportan nitróxeno ao solo e así mellorábanse as terras de labor nos períodos de barbeito. Para iso púñase o toxo en estibadas, ao final do verán, queimábanse as matas secas e estendíanse as cinzas nos terreos para fertilizar e sementar centeo. Unha vez recollida a colleita deixábase medrar de novo a toxeira.
As sementes pulverizadas, dis que teñen sona como insecticida contra as pulgas. E, de hai pouco, descubriuse que del se pode obter un combustible natural (biodiésel).
Eu sempre pensei que se o toxo non medrara en Galicia e o trouxeran, que sei eu? do Xapón, o teriamos no xardín como unha planta ornamental, coma os bonsais.
Desgraciadamente a transformación de amplas superficies de toxeiras en eucaliptais, o uso de fertilizantes inorgánicos, a desaparición da gandería extensiva, a creación de infraestruturas para coches e instalacións de enerxía eólica, a minería no subsolo e o descoñecemento actual da importancia do toxo están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo, máis sostible co medio ambiente que as actuais plantacións forestais.
Comentarios (5) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 20-03-2012 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
PEPES E PEPIÑAS
Os Xosés, Pepes e Pepiñas, e tódolos pais, celebramos hoxe o noso día.
Xosé e Xosefa son nomes que viñeron a menos, por mor da chegada doutros máis ou menos exóticos cos que hogano se nomean boa parte dos meniños e meniñas. Porén a festividade non perdeu pulo. Hai anos que cadra festivo e outros coma este que non, mais no noroeste galego a súa celebración é especial.
Xa no século XIX, arredor do día de San Xosé, xurdiron grupos musicais que interpretaban cancións adicadas ás Pepiñas. O nome de Xosefa estaba moi estendido entre as familias e as noivas. Os grupos de amigos, que se xuntaban nas barberías, tiñan ocasión de amosar o resultado das horas de ensaio, formando colectivos para ofrecer as súas melodías ás mulleres amadas e, acaso sen sabelo, dar orixe a un espectáculo coral da maior aceptación popular.
En Ferrol a Noite das Pepitas ten un especial engado romántico, pois arrodéase dos ingredientes para que así sexa: a música, a nocturnidade e a moza asomada ao balcón. As rondallas saen á rúa, con traxes que lembran aos da tuna e con instrumentos musicais de corda e púa, para gabar ás mulleres coas súas cancións.
A grupos como o coro Toxos e Frores, decano dos galegos, seguíronlle outros como Añoranzas, Sonidos del Alba, os Bohemios, Lucero del Alba, a Rondalla Mugardesa, os Trovadores, a Rondalla de Cariño, a Coral Polifónica de Ortigueira ou Urtica.
As habaneiras son as cancións estrela, mainas e harmoniosas; viñeron de alén mar polo contacto coa emigración a Cuba ao principiar o século XX. A única en galego é aquela con letra de Xosé María Lema Suárez e música de Xavier Comesaña, que conmemora o centenario do noso himno, titulada Cen anos hai e que di:
Baía da Habana,
na beira mar,
ao vaivén das ondas
un galego soña
coa patria natal.
Malecón da Habana,
beira doutro mar,
quedaban as ondas
musitando a oda:
cara a Galicia van.

Parabéns para Benedicta do Ermo (que tamén é Josefa), Baudilio de Loiba, ámbolos dous Pepes de Castro de Rei, Fina de Caranza, Fina das Pontes, Josefa do Ermo, Josefa da Madalena, Miranda e para tódalas Xosefas, Pepiñas, Xosés e Pepes, nos que me inclúo.
Comentarios (9) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 19-03-2012 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
HORTA TERAPÉUTICA

Non hai mal que por ben non veña. Precisabamos que un veciño enraizase na casa e a David ocorréuselle facer unha horta en parte do xardín, aproveitando que moita da xente que aquí vivimos somos de agro e achamos moito de menos as nosas hortiñas.
É esta unha actividade significativa para todos e todas nós, achéganos á natureza, ofrécenos posibilidade de conversa e intercambio de ideas, dános unha razón para baixar a diario e ver como medra, se precisa rega, se lle hai que quitar as malas herbas, se xa se pode apañar algo?
Pediunos opinións por ver que plantar: patacas, tomates, allos? Mais ao final pensamos que era mellor opción algo que puidéramos comer de sobremesa ou merenda. Decidimos poñer amorodos, unha froita típica da primavera, que se dá ben na nosa terra; de feito os careixóns, máis pequeniños e tardíos, danse nos arribóns e nas taxeas. Escollemos o amorodo tanto polo seu sabor doce e toque acedo como polo seu recendo e a súa intensa cor. Ademais de apetitosos son beneficiosos pois teñen gran cantidade de vitaminas e poucas calorías, sendo recomendables para persoas con estrinximento, hipertensión, reumatismo ou diabete.
Animámonos e plantamos romeu, menta, margaridas, caraveis, framboeseiros, e ata Mari trouxo unha oliva; tamén puxemos arbustos exóticos (a ver como van) alquexenxes e froita da paixón.
Á horta baixamos de cote, pois o tempo está bo e dá xenio estar fóra e mirar para quen traballa. José de Castro de Rei axudou a retobatar a terra, Manolo de Couzadoiro aínda puxo algún plantón, Isabelita do forno rega tódolos días (este inverno é moi seco e só choveu un día dende que se plantaron) e os demais aconsellamos da nosa experiencia.
Comentamos que non era ben poñerlles o plástico negro, porque non deixa transpirar a terra, aínda que nos medre herba; xa a quitaremos. Houbo distintas opinións sobre a conveniencia de aboar ou non; decidimos non facelo, pois o terreo estaba descansado e non fora o demo que queimáramos as raíces dos amorodos. María de Couzadoiro di que os plantóns están moi raros; xa José de Castro de Rei mandou poñelos a un pé traveso, pero o pé debe ser o do xigante da légoa. Miña xoia! A que fixo os furados nunca un raño collera, ben se ve, pero a intención é o que conta.
Despois de tres semanas comezan a asomar, un pouco acovardados, os primeiros amorodos. Xa estamos desexando ver un caravel cheo deles. Para comelos temos moitas opcións: en xeado, torta, biscoito, marmelo ou nunha cunca con nata, con leite, con iogur ou con zume. Nun instantiño pódese preparar un batido de amorodo con plátanos cun pouco leite, azucre, nata e un chisco de chocolate relado. Aínda que a min como mellor me saben é recén collidos da horta.
Comentarios (9) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 15-03-2012 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
TORRADAS DE CORESMA

A Coresma recende a cera e incenso, a potaxe e peixe, a leite fritido e torradas.
Acho de menos aquelas sobremesas e merendas ao pé da lareira, coas súas tradicionais torradiñas aproveitando o pan sobrante do día anterior. Un doce de sabor enxebre e humilde, que pola súa consistencia axudaba a matar a fame e evitar así a tentación de consumir carne. A receita ten moitos anos de historia e a súa elaboración é sinxela, só hai que embeber rebandas de pan en leite ou viño cun toque de azucre, canela ou anís, rebozalas con ovo batido, fritilas e pórlles un pouco azucre.
Onte á tarde lembramos os tempos de antes cunhas torradas que sabían a gloria. Lola de San Paio, Isabelita do forno e María e Lucho de Couzadoiro puxéronse coitelo en man a cortar o pan.
Contaron varios xeitos de facelas, pois cada cociñeira ten as súas mañas: había quen mollaba o pan en leite con azucre, outras en viño e outras só con ovo. Decidimos facelas con leite, que nos pareceron máis dixestivas, ao que se lle botou un chisco de canela para darlle un toque especial.
Algunha xa notaba a falta de práctica no brazo ao bater os ovos que utilizaron para mollar as torradas, antes de poñelas nas tixolas. Burbullaban no aceite quente cun arrecendo familiar.
Lucho botoulle o azucre por riba. A María parecíalle moito pero non era para tanto. Un día non son días.
Falando, falando, María confesou que facía as torradas de sobremesa os domingos pois a Lucho lle encantan, pero a ela lle gustaban máis as chulas. Xa quedamos que o próximo obradoiro de cociña serán as chulas coa receita de María.
Merendamos que non se escoitaba un chío no comedor. Ovella que berra, bocado que perde. Cando rematamos, Luísa propuxo facer outro día unha empanada de mazás que a ela lle sae moi rica. Non sei se daremos comido tanto? Farase un esforzo.
Comentarios (3) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 14-03-2012 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
AS MULLERES, PROTAGONISTAS DA HISTORIA

Disque hoxe é o Día Internacional da Muller. Para min que tódolos días o son. Da muller e do home. Porén é ben lembrar a esas mulleres humildes arteiras da historia e a súa loita secular por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Unha loita contra ?razóns? biolóxicas, históricas, científicas, morais? que aínda continúa.
Para celebrar as conquistas que en materia de igualdade se van conseguindo, hoxe fomos visitar a exposición O voto feminino, unha exposición itinerante do Instituto da Muller que se atopa no claustro do Concello de Ortigueira ata o 22 de marzo.
Alí puidemos ver un percorrido polas mulleres do último século e medio. Vimos retratos de mulleres na súa vida cotiá, de mulleres traballadoras, de mulleres das artes, de mulleres galegas destacadas no plano social (Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán?), de mulleres que loitaron polos dereitos e as liberdades, das primeiras deputadas en Cortes, da primeira ministra?
Angustias do Gaio e Mercedes de Betanzos ben se recordaron da posibilidade de ir votar nos anos da II República. Mais a guerra truncou tódalas ilusións. Mulleres e homes marcharon ao fronte a loitar pola seu. A ditadura rachou con tódolos dereitos, de mulleres e de homes, comezando unha persecución contra de quen tivera ideas distintas ás do goberno franquista. Así quedaron na súa memoria homes coma Foucellas ou Neira, e tamén mulleres como aquela sindicalista de Cariño que tiña que se agochar para non ser fusilada ou como Gloria, a moza de Neira, que despois de estar no cárcere marchou para o exilio a Francia.
Nos anos 70 recobramos os nosos dereitos coa Constitución, pero Isabelita do Forno amosou sensibilidade feminista para recordar que non aínda temos plena igualdade de dereitos na práctica e queda moito camiño por andar.
Pola tarde, conteille a don José que fóramos ver a exposición e dicía el que, de tódalas que viu no concello, esta é unha das máis interesantes, que fan falla dous ou tres días para tirarlle todo o partido. Poida que teña razón. Xa Luísa de Devesos comentara que isto había que estudalo a fondo.
Despois da exposición fomos repoñer forzas ao mercado e agasallámonos cun chocolatiño con churros que soubo a gloria, tanto aos homes como ás mulleres.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 08-03-2012 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
CHUMÍN DE CÉLTEGOS
Ramón Armada Teixeiro naceu un 14 de setembro de 1.858 en Ortigueira. Con 16 anos embarcou cara Bos Aires de onde voltaría tres anos despois, tras gañar a lotaría e con morriña espesa. Porén con 20 anos marcha á Habana. Alí casa, ten os seus fillos, intégrase totalmente no ambiente intelectual e ocupa cargos de relevancia no Centro Galego e nos ámbitos da educación e o xornalismo. Tras o Desastre do 98 volve temporalmente á súa vila natal. Continúa coa súa labor xornalística e literaria e ocupa a praza de Secretario-Contador do Concello de Ortigueira, da cal dimite por mor do caciquismo imperante. Hai 100 anos faría unhas reveladoras manifestacións sobre a clase política imperante: ?En Galicia non hai só caciques, hai cipas, isto é, caciques de caciques e o seu poder é considerable?. Este problema influíu para retornar a Cuba en 1.909 (coa outra morriña), onde permaneceu até a súa morte o 1 de xullo de 1.920.
Armada Teixeiro foi un escritor popular no seu tempo, aínda que tivo máis sona polo seu labor social, cultural e xornalístico. Escribiu numerosos artigos na prensa da época e varios ensaios sobre a educación popular. Asinaba cos seus apelidos (Armada Teijeiro ou Teixeiro) e con diversos pseudónimos: Chumín de Céltegos, Chumín, Ch., Céltegos ou Amador Marán (anagrama do seu nome e primeiro apelido). Publica dúas obras teatrais que teñen como tema principal a emigración: a zarzuela Non máis emigración! (coa música de Felisindo Rego), primeira obra en galego representada fóra de Galicia, e o monólogo Mexamorno en Viveiro. Publicou tamén os poemarios Caldo de Grelos, Aturuxos, Milicroques e a compilación destes tres no volume titulado Da terriña (onde Aturuxos cambia o nome polo de Alalás). Curros Enríquez, amigo persoal do autor, prologou Aturuxos e diría que ?resaltan entre as condicións artísticas de Armada as súas condicións de poeta descritivo... segue a evocación da terra lonxana... e denuncia do caciquismo e do malvivir dos nosos labregos... e un mellor fluír da lingua?. O tamén amigo e colaborador Manuel Lugrís Freire dixo que ?era o verbo ardido, entusiasta, elocuente que decote mantiña nas almas as inmorrentes arelas patrióticas?.
A súa grande obra, xunta Manuel Lugrís Freire, é a fundación, o 5 de xuño de 1.885, de A Gaita Gallega, a primeira publicación alén mar integramente en galego. Co subtítulo de ?Repenica muiñeiras, fandangos e alboradas unha vez ao mes?, seguía a estela de O Tío Marcos da Portela, primeiro xornal en galego editado en Galicia. Hai que recoñecer o grande esforzo para sacar adiante un proxecto de posta en valor da lingua, como signo de identidade, nunha época na que o galego na escrita non era utilizado, non tiña unha normativa e contaba con grandes atrancos por parte da poboación (os de clase humilde non sabían en moitos casos ler e os de clase máis podente renegaban da lingua nai). Na Gaita Gallega emprégase o galego como lingua veicular, dignificándoa e poñéndoa en igualdade de condicións coas demais. Dise na Tocata 5ª que a lingua é ?a patria mesma, as tradicións, o xenio, todo o que lle quedaba (a Galicia) da súa vella grandeza?. Ademais representa unha reivindicación da cultura galega, tanto por parte dos editores como pola dos colaboradores. A súa andaina durou de xeito independente ata decembro de 1.887 e os seis derradeiros números como suplemento de El Eco de Galicia.
Armada participou na fundación da Real Academia Galega, en setembro de 1.905, sendo o número 2 dos primeiros 40 integrantes. Para cando a súa homenaxe un 17 de maio?
Comentarios (2) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 02-03-2012 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0