|
|
|
O FORNO DOS MOUROS |
|
 Eu son de Couzadoiro, unha parroquia de Ortigueira. Na miña aldea xa queda pouca xente moitos se foron traballar fóra, moitos deles a Inglaterra, e outros viñemos para a Vila. Pero Couzadoiro évos un sitio importante. Hai uns anos, cando abrían unha pista, descobréronse uns pelouros enormes chantados todos xuntos. Viñeron estudialos e disque era un monumento funerario de hai máis de 6000 anos. Como sería aquela xente? |
|
|
|
O CABO DO MUNDO |
|

E será verdade que Ortigueira está lonxe. Pero quen non se achegue non ha saber o bonita que é. Arrodéanos o mar, non sei se é o Atlántico ou o Cantábrico, ou será que son os dous que aquí se xuntan. Dende a nosa casa vexo a Serra da Capelada e sei que ao outro lado están os cantís máis altos de España e ao mellor de Europa. Gárdannos o cabo Ortegal e a punta Estaca de Bares. Os de Cariño din que o cabo é o que está mais ao norte de España e os de Mañón que a punta é a que leva este mérito. Pero digo eu que máis mérito teñen os cantís do Picón, as praias de Espasante e a ría de Ortigueira. Tanto nos quere a Natureza que ata os paxaros de Asia veñen pasar aquí o verán. Mirade este pedreiro do deserto que estivo por Morouzos hai un tempo.
|
|
|
|
A PRIMAVERA |
|
 Di a miña veciña Estrella Pallas Dubra (89 anos) que NA PRIMAVERA VEN A GATA FERA, porque é bonita pero frío bota. Lembra que cando ela ía á escola aparecía no Catón o debuxo da primavera que era unha moza forte e estaba dereita cunha vara na man xunto a dúas vacas louras e pigharadas de branco, unha deitada e outra pacendo. |
|
|
|
A SABA |
|

Contoume o outro día Germán Pazos Esteiro (72 anos) que, nos anos en que aínda non había reloxo, a súa avoa Carmen (nai da súa nai) cando estaban na leira prantando as patacas, para avisalos de que era a hora de xantar poñía unha saba branca no lugar para que a viran dende a leira e souberan que tiñan que parar.
Eu lémbrome que aló en Couzadoiro, de onde eu son, usábase no tempo das mallas como aviso para pedir axuda aos veciñ@s.
Déixovos unha foto da miña veciña Luisa Gregorio Castro (69 anos) nunha malla na parroquia de Devesos cando tiña 15 anos. |
|
|
|
ENTROIDO 2011 |
|

Este ano celebramos novamente o entroido. Disfrazámonos e algún pirata se nos colou. Enterramos a sardiña con moita dor e moita pena, e a compaña de dúas carpideiras ben xeitosas.
A miña tripulación, sempre arrimando o ombro, fixo unhas rosquillas que non podían saber millor.
Podedes ver as fotos na galería "ENTROIDO 2011". |
|
|
|