Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

UN PASEO POLA VILA

Levamos un inverno de auga e vento. Non presta saír da casa dar unha volta. Así é que hoxe imos dar un paseo virtual pola Vila.
Entramos pola rúa Ancha ou Real ao corazón da Vila, pasando por diante de Casa Puente, a antiga fábrica de chocolate que recoñecemos polo arco de medio punto da súa fachada. Pola rúa abaixo chegamos á Praza das Tres Farolas, onde ten Jesús a tenda como as de antes, das que lles chamabamos ultramarinos e onde podemos atopar de todo. Alí estaba o estanco de Alonso, hoxe xa pechado, rexentado despois do pai polas súas fillas (Carmiña foi veciña desta casa moitos anos). Tamén nesta praza está a casa da familia Maciñeira, hoxe Centro Arqueolóxico Federico Maciñeira, na honra do eminente historiador e arqueólogo.
Seguimos baixando a rúa e atopamos edificios antigos de granito e cachote con galerías e balcóns de ferro forxado. A botica de Pedro Castiñeiras, lugar de parolas sobre arte a principios do século XX; a casa natal de Ramón Armada Teixeiro, poeta galego do Rexurdimento e membro fundador da Real Academia Galega; a imprenta Foxo, berce do xornal local dende 1.916; a casa dos Pita Romero, o pai político agrarista e o fillo ministro na II República; a casa Barahona, onde se decidiu toda a política local na época da Restauración; o Nuevo Club, sociedade de lecer que antes foi estanco e Café do Centro; ao seu carón a Casa da Cordeira, pousada do escritor Alberto Insua, sé do Centro Artístico Ortigueirés, comedor social, academia... Cen metros cheos de historia, cultura, parolas, xogo, lecer ?
Deixando o Cantón subimos ata a Praza de Isabel II onde se atopa o antigo convento de dominicos que hoxe alberga a igrexa parroquial, a casa do Concello e o Teatro de Beneficencia. Alí tamén queda en pé o alpendre do antigo mercado que se celebraba dúas veces en semana.
Entramos pola rúa Amargura no barrio máis antigo de Ortigueira, o do Ponto, formado por rúas irregulares e estreitas, situadas derredor da Praciña dos Anxos: Amargura, Príncipe e Manuel Sandomingo. Na Praciña dos Anxos está a antiga casa consistorial, que albergou as actuacións do Alcalde Maior de Xustiza e Rexemento, e que foi sé posteriormente da primeira escola de nenas da Vila.
Dende alí, a rúa San Xosé lévanos ata a Alameda do Ponto, tamén chamada cemiterio vello, un espazo verde onde estaba a antiga igrexa parroquial cos enterramentos ao seu carón.
Damos alí cun edificio sinxelo pero cunha gran historia de seu. Naceu como Hospital de peregrinos de San Roque, para atender a camiñantes que se dirixían tanto ao santuario xacobeo como ao máis próximo de Teixido. A finais do século XIX cambiou a súa actividade dedicándose a Asilo municipal, concibido como institución benéfica para proporcionar coidados aos anciáns desvalidos, socorro aos pobres, asistir aos enfermos e incluso serviu para coidar da infancia desprotexida. Este foi o xerme da nosa casa. En 1.932 remataríase a obra do novo emprazamento en Miñaño, onde agora estamos.
Este paseo polo Ponto remata no cemiterio situado na punta de Requeixo. A vista sobre a Vila, o porto de Ortigueira e a ría non a podedes perder.
Comentarios (0) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 10-02-2014 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0