Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

RUADA EN COUZADOIRO

Nin medo á choiva nin á sarabia! O luns de Entroido debeu de ser un dos días máis fríos do ano, pero no Teleclub de Couzadoiro sentíase a calor da xente.
Chegamos coa Troupe do Circo da Casagrande aos poucos, facéndonos querer. Eu que o adiviñaba todo sabía que ese día había de ser especial. Alí estabades todos os meus veciños e veciñas para nos recibir cos brazos abertos. Moito había que non vía a algún de vós e que ledicia tiven por poder compartir unha tarde tan divertida.
Non se puido facer pasarrúas porque o tempo non acompañou pero fixemos desfile dentro do Teleclub e puidemos ver o circo na súa plenitude: unha gran xefa de pista que foi presentando pallasos e pallasas, arlequíns; ilusionistas, trapecistas, equilibristas e malabaristas; encantadores de serpes e faquires; magos con coellos e domadores con tigres e leóns; a muller barbuda e o home máis forte do mundo; unha exótica cíngara coas súas cabuxas e á adiviña Dovalewski, que de seguro que tiña antepasados de Couzadoiro.
Disfrazámonos os veciños e veciñas desta casa pero tamén a veciñanza de Couzadoiro. Había algún pallaso, princesas, odaliscas, unha parella de chineses e ata unha osiña rebuldeira.
Tamén viñeron disfrazados Os Rebentafoles, o grupo musical que forman Jorge (o neto da nosa Loliña de Couzadoiro), Oscar, Fernando, e Pablo. Temos que agradecerlles a súa presenza e o seu bo facer. Unha festa sen música non é o mesmo e unha gaita fai festa redonda.
Grazas Marta, María, e Erundina, miñas veciñas. Fixestes bolas e rosquiñas de merenda que estaban para chupar os dedos; non o fixemos por educación? Había tamén roscón. Non, fame non pasamos. Nós tamén levamos un biscoito de chocolate para celebrar os dous anos de andaina deste blog. Aínda me parece que foi onte cando empezamos a navegar nesta grande rede.
Toda esta festa non sería posible facela sen a colaboración tanto do Teleclub e os seus socios e socias, como da Asociación de Veciñas e Veciños de Couzadoiro que ese día me fixeron a honra de entregaren o carné de socio. Gustoume que subiran ao escenario para recibir o noso aplauso Pepe, o presidente do Teleclub, Eduardo, o presidente da Asociación, e Miro, o alcalde de barrio. Por suposto, temos que repetir, alá no verán cando quente o sol.
De momento, quedade vendo as fotos deste día que tedes na Fotoblogoteca.
Comentarios (3) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 19-02-2013 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
INVITACIÓN Á RUADA EN COUZADOIRO

Miñas donas e meus señores, nenas e nenos, xentes de tódalas idades, vide ver!!! O circo chega á aldea!!!
O luns de Entroido, ás catro e media da tarde, sairemos de Ruada dende o campo da festa pola parroquia de Couzadoiro ata o Teleclub. Chegará a troupe circense da nosa Casa, onde poderedes atopar a un fantástico mago coa súa axudante que, coma Tamariz, sacará un coello do seu chapeu, unha pitonisa que adiviña máis que Manolo Platas, unha cíngara que fai bailar a muiñeira á súa cabra, un encantador de serpes tan afouto coma Frank da Xungla, un faquir que veu dende Bombai cos seus afiados coitelos, unha fermosa domadora de cabalos, un forzudo que levanta unha tonelada de ilusión, un grupo de equilibristas chegadas do mesmo Pequín, unha trapecista tan grácil coma Pinito del Oro, un arriscado domador cos máis feroces leóns de Galicia, a muller barbuda que chega sen depilar e, o máis difícil aínda, os mellores pallasos e pallasas do mundo. E moito máis: domadoras de osos, equilibristas, arlequíns, vendedores do elixir da felicidade?
Despois da ruada faremos festa de Entroido no Teleclub. Falaremos, cantaremos, bailaremos e troulearemos toda a tarde.
Quen dixo medo á chuvia? Vide ver!!! E vide participar!!!
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 07-02-2013 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0