Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

VISITA DUN GRUPO DO IES DE ORTIGUEIRA

Hoxe recibimos a visita, co gaio da exposición que temos no centro ?Dez anos sen peseta?, dun grupo de alumnas e alumnos do IES de Ortigueira, xunta as súas profesoras de Historia (Clara) e de Inglés (Pilar). Sempre dá gusto recibir xente nova, parece que carga de enerxía a quen está ao seu arredor.
A verdade é que este é un grupo ben xeitoso, con interese por aprender e por coñecer ás persoas maiores. Con elas e con eles falamos das moedas antigas do século XIX, das da ditadura franquista, das derradeiras do rei Xoán Carlos I? As que máis lles chamaron a atención foron as conmemorativas do mundial de fútbol do ano 1.982. Pero tamén houbo tempo para falar das feiras, das tabernas, dos anos da fame, das peixeiras, dos zoqueiros, das carozas e das lambetadas de antes (que non tiveron moito éxito).
Rapaces e rapazas que trouxeron ledicia a esta casa coas súas chanzas e ocorrencias, coas súas preguntas e comentarios e coa acordanza dos seus avós e avoas.
Coñeceron á nosa Avelina de San Adrián, cada día máis preto do seu centenario. Lola de Freires contoulles o que se podía mercar para unha semana cunha peseta nos anos corenta na taberna da Penela (un cuarterón de aceite a real, un patacón de arroz, unha mota de xabrón, un chico de pementón, o resto en fariña de centeo e aló vai a peseta). Isabelita do forno faloulles da tenda do Chiquito fronte ao que agora é o Galaripos, onde ela ía mercar as lambetadas (caramelos e refrescos que non había máis). Saturnino recordou a romana que tiña seu pai na casa para pesar os becerros e que algúns rapaces e rapazas coñecían de velas na casa dos avós. Angustias comentou que as Canteiras, unhas peixeiras de Cariño, viñan na lancha ata o embarcadoiro de Cabalar e despois a pé ata a Vila descalciñas para vender o seu peixe (chicharro, sardiña e parrocha). María de Couzadoiro contou que cando tiña 13 ou 14 anos (a idade da nosa visita) no tempo da froita traía na cabeza un cesto cheo dela durante 9 quilómetros para vendelo na Vila. Lucho, o seu home, falou de cando facía zocas de bidueiro e de ameneiro e que as vendía por encarga. Paco de San Adrián explicoulles que aos seus 14 anos traballaba na madeira, primeiro carrexando nela e despois coa serra; algúns dos rapaces tamén comentaron que tiñan utilizado a motoserra coa supervisión dos seus pais. Aurorita de San Claudio lembrou a súa viaxe ata España da súa Habana natal no barco Orinoco, xa que seus pais eran emigrantes retornados.
O grupo pediu que lles ensináramos a nosa casa, pois era a primeira vez que viñan, e con gusto o fixemos. Saben que quedan convidadas e convidados a voltar cando queiran e, en especial, ao aniversario de Avelina en xuño, pois non tódolos anos se poden cumprir 100.
Comentarios (10) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 28-02-2012 16:34
# Ligazón permanente a este artigo
O GOLPE

O golpe ou raposo (Vulpes vulpes) é un carnívoro da mesma familia que os cans. Ten patas curtas, fociño estreito e afiado, orellas ergueitas e picudas e cola longa e peluda. Pesa sobre 7 quilos e mide arredor dun metro, máis a cola. É de cor rubia por riba e branca pola barriga.
Tamén se utiliza o nome de raposo na nosa lingua para denominar varias plantas e fungos: chícharo de raposo (froito da xesta), pan de raposo (cogomelos), barbas de raposo (a mala herba do toxo)...
O noso golpe é un cazador solitario de galiñas (se non están ben gardadas), algún coello, ratos, toupas, ovos de aves e, sen non hai outra, come preas, froita ou insectos (mal lle vai ao golpe cando anda aos grilos). Móvese nun espazo duns 100 ferrados dende a súa tobeira, defendéndoo doutros golpes. Se ten que escapar pode correr tanto coma un chimpín costa abaixo (case 50 quilómetros á hora).
O golpe sempre tivo unha imaxe de dúas caras, xa que por unha banda considérase unha alimaria dos pequenos animais domésticos e por outra admírase a súa beleza e a súa astucia. Dende antigo, foi protagonista de contos da literatura galega de tradición oral simbolizando a intelixencia, como aquel fopeiro e golecho que adrolou ao lobo; mais tamén houbo golpes enganados como aquel letrado deludido polo galo Coidado, a raposa engaiolada para ir ás Vodas do Ceo, a que coñeceu ben ao Tío das Calzas Vermellas ou o chamado Milmañas a quen o gato preguntaba ?ti ris ou regañas??
Hai moitas crenzas na nosa terra sobre o golpe, como que velo en xexún é sinal de bo agoiro e porén escoitar o seu ouveo pola noite anuncia a morte dalguén da veciñanza.
Se queredes escorrentalo empregade a seguinte fórmula:
Arrapa, raposa,
e avanta no toxo!
Deixa a galiña
da miña veciña,
que ten dous pitiños
que quedan orfiños.
Arrapa e arrapa,
que a dona te atrapa
e bótache os cans
correndo detrás.
Comentarios (8) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 27-02-2012 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
A ALFAIATA

Dende os séculos XVI ao XIX a lingua galega perdeu prestixio e uso culto (haillo que ?agradecer? aos Reis Católicos). Son Séculos Escuros nos que a lingua galega foi a xoia gradada polas nosas xentes. O reducido grupo que detentaba o poder político e relixioso falaba e escribía en castelán e o resto do pobo era galegofalante. Porén o galego estaba empobrecido, degradado pola lingua oficial e dividido en variedades dialectais; era unha lingua na que non se voltara a escribir dende os trobadores medievais, a quen ninguén lembraba.
Neste tempo nace unha nena en Compostela cuxa partida bautismal reza así: En 24 de febreiro de 1.837, María Francisca Martínez, veciña de San Xoán do Campo, foi madriña dunha nena que bauticei solemnemente e puxen os santos óleos, chamándolle María Rosalía Rita, filla de pais incógnitos, cuxa nena levou a madriña, e vai sen número por non ter pasado á Inclusa. Seus pais eran ben coñecidos: María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, de familia fidalga vida a menos, e José Martínez Viojo, crego. A ocupación do seu pai era a razón pola que non se podía recoñecer este nacemento.
Rosalía viviu a súa infancia en Padrón coa súa nai, trasladándose a Compostela antes de cumprir 14 anos. Alí recibe formación musical, artística e literaria e mantén relacións con xentes comprometidas co provincialismo, o socialismo e o republicanismo (Pondal, Aguirre, Paz Novoa). Con 19 anos vai vivir a Madrid coa súa curmá María Josefa Carmen García-Lugín e Castro. Alí coñece ao xornalista e historiador Manuel Antonio Martínez Murguía e en 1.858 casan. A actividade do seu home levounos por varios lugares de España e a ter 7 fillos.
Rosalía en 1.857 comeza a escribir, tanto en prosa como en verso, tanto en castelán como en galego. Era a época do romanticismo onde importaba a viveza dos sentimentos e ela tentaba reproducir o espírito do pobo galego. O seu uso da lingua, carente de gramática, é ben flexible con frecuentes vulgarismos, hipergaleguismos e castelanismos.
O fito máis importante da súa vida literaria o propiciou o seu home. Xestionou en 1.863, sen o permiso dela, a publicación do poemario Cantares Gallegos, o que foi o primeiro libro, dende o século XV, en galego.
A lingua aínda tivo novos avatares e non é practicamente ata os anos 60 cando acontece un novo Rexurdimento. A publicación do libro de Rosalía é escollida cen anos despois para conmemorar o Día das Letras Galegas; como se descoñecía a data exacta fíxase o 17 de maio, cando Rosalía lle asinara un exemplar a Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber y Larrea).
Hoxe, 175 anos despois do nacemento daquela nena, os avatares continúan pero a nosa lingua segue viva. O pobo segue a gardar a xoia.
Comentarios (4) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 26-02-2012 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
O ENTERRO DA SARDIÑA

Adeus ao Entroido chega a Coresma! Sen a Coresma non existiría o Entroido, é o seu contrapunto. Hoxe comeza a primeira témpora coa imposición da cinza para a purificación do espírito pecador que recorda a brevidade da vida na terra. É tempo de cruces cubertas, de altares sen flores e de cantos de ladaíñas sen aleluias e sen acompañamento musical. Tempo de abstinencia de comer carne de porco e de contacto carnal. Disque tal día coma hoxe, un cura sentenciou o mellor epitafio que nunca puido ter o Entroido: Fregueses, chega a Coresma, soltade a carne a agarrádevos aos ovos!
Con moito penar, enterramos a sardiña e choraron as carpideiras:

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

A xente da Vila por porco comer,
matou unha burra hoxe no amencer.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

E dende Luía Benigna chegou,
partiulle unha perna por ter un xamón.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Os de Couzadoiro viñeron tamén,
meteron o rabo no pote a cocer.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Carmen de Luama foi a burra buscar,
abriulle a barriga para as tripas papar.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Loliña de Freires veu para axudar.
Comeu nos chourizos cun bolo de pan.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Correu de San Claudio Tinolo por ver,
levou as orellas, papounas de vez.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Baudilio de Loiba, machado na man,
cortoulle a cachola e asouna ao serán.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

A dona Avelina de San Adrián
quitoulle no coiro para se tapar.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Veñen de Devesos a burra buscar.
Xa non queda nada. Que fame han pasar!

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!

Verzas e xudías habemos comer
cachelos, sardiñas e xardas tamén.

Ai miña comadre, o Entroido finou!
Sería condenado, que pouco durou!
Se pouco durou, o ano que ven
festexarémolo dende o Belén.
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 22-02-2012 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
BOLAS E CHAOLAS

A mesa galega no martes de Entroido está presidida polo porco, dende a cachola ata o rabo, pasando polo touciño e os xamóns. Pero non ten menos importancia a sobremesa, que varía duns lugares a outros. As orellas e as filloas de leite ou de sangue son comúns a toda Galicia. No Ortegal temos dozalladas ben saborosas que debedes probar: as bolas de Ortigueira e as chaolas de Cariño, que veñen sendo algo similar. Son unha sobremesa de tixela como as filloas, as orellas, as rosquillas, os pestiños, as flores, as follas de limón, as chulas, o leite fritido...
Para elaboralas debemos facer unha masa levedada composta de dúas libras de fariña, media ducia de ovos, unha pouca manteiga, unha noz de fermento, media cunca de leite (para as chaolas) ou media cunca de auga (para as bolas), unha copiña de anís, reladura de limón, sal e por suposto azucre.
Dá traballo elaboralas pero vale a pena, tal como nos din Angustias do Gaio, que fixo chaolas toda a vida, e María de Couzadoiro, que fixo bolas. Imos ao conto. Quéntase o leite (para as chaolas) ou a auga (para as bolas) coa manteiga. Cando esta está derretida, bótanselle o anís e a reladura de limón (e para as chaolas tamén dúas culleradas de azucre, que é o que lle dá a cor máis tostada). Bátense os ovos e engádense á mestura fóra do lume removendo ben. Desfaise o fermento nunha pouca auga morna e mestúrase co anterior. Este é o momento de comezar a mesturar coa fariña; facemos con ela un volcán no mesado (de mármore se é posible); no medio bótase a mestura, xa morna, e comézase a amasar con forza e movementos envolventes ata que faga vexigas.
Cando consideremos o labor rematado, bótase a masa nunha cunca na que lle sobre espazo (xa que medrará), cóbrese cun pano de liño e déixase levedar nun lugar morno, podendo ser preto da lareira, dúas ou tres horas.
Xa temos a masa para fritir. Pártese a masa en pequenas bolas que se deixan repousar, no mármore cuberto de fariña, un cuartiño de hora. Pasado este tempo poñemos unha tixola no lume con ben de aceite. Cando estea quente botamos unha porción de masa que previamente estiraremos coa única axuda das mans. Este é o segredo das bolas e das chaolas. Se usamos rolos ou botellas, o único que conseguiremos será esmagar a masa e non quedarían esponxosas, como deben ser. A masa debe nadar no aceite e este non debe estar demasiado quente, xa que senón quedarían tostadas por fóra e crúas por dentro.
Remataremos botándolles un pouco azucre por riba, a gusto.
As bolas e as chaolas pódense mollar no café, no chocolate, en leite só ou comelas sen acompañamento, que de calquera xeito están boas.
Como vedes a única diferenza entre ambas é que as chaolas se amasan con leite e un pouco azucre e as bolas soamente con auga. Non é unha sobremesa que habitualmente se venda nas docerías da Vila ou do Porto de Cariño, pero polo ben que me saben, deberían telas todo o ano.
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 21-02-2012 09:41
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO NA CASA

É costume dende hai uns anos que a mañá do luns de Entroido elaboremos unhas rosquiñas para a merenda. Hoxe non había ser menos. Puxémonos mans á obra e non nos levou unha hora facer seis quilos de rosquiñas. Unhas máis redondiñas e outras menos, algunhas máis apachocadas e outras ben gordiñas... Teñen que ser diferentes pois non é igual o gusto de todos e todas. Avelina tivo unha boa axuda por parte do seu afillado, Abelardo; Luísa tivo dúas axudantes de categoría: Paula, a neta do meu irmán Vicente, e Candela, a filla de Gelo. Tamén veu Luz Vide visitar a Ramona e gabouse do ben que nos viña a actividade para mover as mans.
Despois de xantar María de Lucho, Lola de San Paio, Isabelita do Forno e Luísa de Devesos foron para a cociña a fritilas. Acabaron nun santiamén. Cando as rosquiñas chegaron á sala, arrecendía a Entroido por toda a casa. Estaban boísimas, douradiñas e esponxosas.
Despois da merenda, tamén coma tódolos anos, facemos baile na casa. Cada quen disfrázase do que lle parece ou do que pode: vaqueiras, indios, piratas, pallasas... o caso é pasalo ben. Gelo e Candela trouxeron as pandeiretas e tocaron unhas pezas que cantamos a coro e houbo moitos e moitas que se animaron a bailalas.
Recibimos varias visitas, ademais de Candela. Unhas mascaritas que aínda non descubrín quen son... pero xa me enterarei. Houbo outra que apareceu cun anteface pero axiña o quitou, era Rocío, unha das enfermeiras a quen recordamos con cariño. Canto me alegrei de vela. Mercedes recibiu a visita da súa neta e da súa nora coas que conversou animadamente. Tamén viñeron José Luís e Antía, o pai e a filla de Araceli, con Sandra, a amiga de Antía.
Podedes ver as fotos na FotoBlogoteca Entroido na casa.
A nosa é unha casa aberta. Quen queira vir queda convidado ou convidada para o ano que ven. Garantimos troula.
Comentarios (6) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 20-02-2012 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
AS COMPARSAS

Hoxe é domingo de Entroido, tempo de esmorga, de transgresión e de excesos (no comer e no beber, no berrar e no rir, no bulir e no gozar).
O Entroido é unha morea de comparsas, a súa parte vital, con disfraces coristas, estrafalarios, chaparritos, elaborados con material de reciclaxe, creativos e recreativos. A vida neste tempo convértese nun teatro satírico de seu. Os grupos crean unha posta en escena, co imprescindible acompañamento musical que interpretan os compoñentes, cantan letras de escarnio e maldicir, alusivas a temas de actualidade, e interpretan bailes ao compás. O cumio é o desfile de comparsas polas rúas e o posterior baile no que a desinhibición é a protagonista. Unha vez ao ano non fai dano.
As comparsas son as protagonistas da antroidada, do xogo, parte fundamental da vida humana. Un xogo comunitario, público e popular, no que se participa de xeito conxunto nun espazo común, creando lazos de unión e baixo cuxa sinerxia agóchase o goce. Pertencer a unha comparsa significa espremer os miolos para compoñer as coplas, adestrar a memoria para cantalas e ter unha actividade social continua co resto do grupo. Todos estes factores considéranse preventivos de calquera tipo de deterioro, tanto físico coma psíquico. Así é que estamos tardando en apuntarnos a unha comparsa e tomar parte activa nela, se aínda non o fixemos.
Antigamente a unión da rapazada facía en por si a motivación para o arrebato, non precisaban de subvención. Foron míticas aquelas comparsas de antes da guerra nas que aparecían Agustín e Pepe Pía, Luís Castiñeiras, Ramón Álvarez e tantos outros que cantaban pezas deste estilo:
De onde serán?
Miña nai quero saber.
De onde son estes mangantes?
Deben de ser tripulantes
dalgún barco de papel.
Isto xa non interesa
eu quixéraos coñecer.
De onde serán?
Serán os da Vila,
serán os da Venta
ou os de Luía?
Miña nai quero saber.
Que fan por aquí cantando?
Eu xa estou albedrando
xa non sei que hei de facer.
Moitas voltas levo dado
para podelos coñecer.
De onde serán?
Serán os da Vila,
serán os da Venta
ou os de Luía?
De onde serán?
Miña nai quero saber.
Miña nai sonlle do Porto
e non lle veñen por mal,
veñen por aquí cantando
que é día de Carnaval.
Agora xa sei quen son
porque me volvín tarumba.
Sóbralles moita razón
de andar por aquí de rumba
porque en estando na tumba
acabouse a diversión.
Comentarios (1) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 19-02-2012 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
UN ANO A VOLTAS CO BLOG
Como pasa o tempo! Parece que foi onte cando comezamos esta andaina coas novas tecnoloxías e xa vai un ano. Eu, nun principio, non tiña moi claro como había de ir a cousa porque era algo totalmente descoñecido para min. Pero agora xa sei o que é a internet, que se ?suben? e ?baixan? cousas interesantes, o que é un post, teño e-mail, recibo unha morea de power-points? vaia, teño presenza no mundo virtual.
Hoxe vouvos contar algúns segrediños do que facemos para que cheguedes a ver os contidos que vos presentamos.
Teño que dicir que recibo axuda dos meus tripulantes para elaborar e subir os artigos, xa que do contrario sería imposible. Aínda que me vedes a min como patrón do barco, desta actividade participamos todos e todas os que aquí vivimos ou traballan, en maior ou menor medida.
Os contidos que vimos publicando están sacados das actividades que se desenvolven no centro. Unha cousa vai levando a outra. Un recordo de alguén da pé para que os demais tamén lembremos e vaiamos engadindo información. Por outro lado, unha das miñas funcións é servir de enlace con traballadoras, familiares e visitas a quen lles comento o que facemos, lles tiro da lingua para ver de ter máis información (a algúns como don José non fai falla tirarlles moito, xa que teñen historias para dar e tomar), pídolles fotos ou obxectos prestados?
Todo isto o transmito de novo á tripulación. Temos unha reunión mensual na que valoramos que pode ser o máis interesante para publicar no mes seguinte e poñémonos a darlle xeito.
Unha vez publicados os distintos artigos, gústanos ver que a xente comenta, xa que unha boa comunicación non é posible sen unha resposta, aínda que sexa virtual. Levamos tido comentarios de residentes, de traballador@s, de familiares, de visitas, pero tamén de xente que non coñeciamos e que nos atoparon na rede. A todos e todas grazas.
O mellor deste blog é que ten alma. Unha alma que un 28 de decembro, en vez de estar facendo apegotas como o resto da tripulación, estaba a matinar na posibilidade de facer un caderno virtual. Quería un caderno que non fora unicamente un boletín informativo para as familias no que se contara o que se facía nas actividades do centro. Pensaba en ir máis aló. Que fora un saquiño no que conter lembranzas e acordanzas, saberes que non se atopan nos libros, para que deste xeito nunca se perdan. Puxo o xermolo e moita xente nos implicamos.
O blog foi motivo de conversas innumerables veces ao longo dos últimos meses e propiciou actividades que doutro xeito non teriamos feito. Esperemos que dure, e dure, e dure? como o coelliño aquel.
Comentarios (6) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 18-02-2012 15:26
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO EN OLEIROS

Hoxe almorzamos máis cedo e xantamos ás tantas, pois fomos de viaxe. Celebrouse o III Encontro Intercentros de Maiores organizado polo Centro de Día de Oleiros. E a nós só nos fai falla a música do telexornal para animarnos.
Argallamos ir de mafiosos que agora parece que está de moda. Hai tantos...
Angustias do Gaio parecía talmente un gánster de Chicago co maletín dos ?ouros?; Paco de San Adrián había tempo que non tiña peliño crecho e os beizos pintados de rosa; Isabelita do Forno, coa gabardina e o fachuzo, ía moi metida no papel de padriño; Manolo de Couzadoiro deu unha loura espampanante; María e Lucho intercambiaron os sexos por un día, a ela quedáballe o bigotiño nin máis nin menos e el daba a impresión de que levara de sempre a saia plisada e as medias; Fina de Ferrol brillaba coma as artistas de cine de antes; Estrella tiña unha metralladora da que saían flores; Delmira estaba radiante coa boina de medio lado; ata eu dei unha moza caroza, coa miña melena preta, unha prumiña dourada e máis colares que aquela Carmen dalgún día. Varias tripulantes puxeron por un día o traxe e a garabata e colleron as ?fundas de violín? e outros vestiron a saia ensinando cacha.
Foron divertidos os preparativos na casa os días anteriores, pero hoxe foi festa rachada. Xuntámonos maiores de 16 centros da provincia. Había disfraces moi logrados: extraterrestres, bombeiros, pescantinas, matachíns... Incluso estaba a duquesa de Alba! Vimos case todas as actuacións e todos os grupos o fixeron de marabilla. Cando nos tocou subir ao escenario iamos con bolboretas no estómago. Pero unha vez alí sentímonos estrelas. A vergonza quedou nas butacas. Lin unhas copliñas que levabamos preparadas e fixemos participar ao público cantando e bailando con nós e botando foguetes. Tres centros levaron o premio do xurado, pero todos e todas levamos o mellor premio: a diversión. Se queredes podedes vernos na fotoblogoteca. Ma, capito!
Santa Marta, Santa Marta tiene tren
Santa Marta tiene tren,
pero no tiene tranvía.
Si no fuera por LA MAFIA
Caramba!
Ortigueira moriría, caramba!
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 17-02-2012 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
O CICLO DO ENTROIDO
O Entroido ou Antroido é a festa de entrada na primeira das témporas, a coresma. Ritos pagáns e cristiáns únense para transgredir as normas con liberdade e irreverencia, sendo os disfraces e máscaras o medio de transformación e de evitación. En latín a palabra máscara significaba persoa, polo tanto cando nos disfrazamos temos a oportunidade de ser outro, poñendo o mundo ao revés. Que home non se ten disfrazado de muller e ao contrario. Pero sobre de todo o Entroido é un tempo de crítica descarada contra todo.
O Entroido non se celebra nunha data fixa porque varía en función da Pascua. O martes adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.
O ciclo de Entroido ten varios días importantes que en orde cronolóxica serían: domingo fareleiro ou borrallento (15 días antes do domingo de Entroido), no que a comunidade se xunta para mancharse uns a outros con borralla ou con farelo; xoves de compadres, no que as mozas fabrican un boneco que representa a un home e o tenta queimar mentres os mozos fan por impedilo; domingo corredoiro ou oleiro con diferentes celebracións segundo os lugares; xoves de comadres, onde se intercambian os papeis da guerra de sexos do xoves anterior; domingo de Entroido un dos días grandes nos que hai desfiles; martes de Entroido é o día grande e o último no que se pode comer carne; mércores de cinza, cando se representa o enterro da sardiña como remate do tempo de festa.
Neste tempo de excesos previo ao recollemento, en Galicia non podía faltar o exceso no comer. Cocidos con xamón, touciño, cachola, rabo, costela, chourizos..., patacas e verdura (que non sexan verzas pois disque senón os mosquitos non che sairán de riba), lacón con grelos, chanfaina, botelo, androllas. Calquera manxar graxo que nos prepare para corenta días de xaxún. E non todo ha de ser carne, os ovos presentes nas sobremesas fan outro aporte calórico adicional, xunto co azucre, en forma de orellas, freixós, filloas...
Xa di a cantiga:
Adeus martes de Entroido,
adeus, meu amiguiño,
ata domingo de Pascua
non comerei máis touciño.

Recordade tamén que polo Entroido é avogoso quentar o forno, cocer o pan e botar as cinzas na terra para ter bos nabos.
Comentarios (0) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-02-2012 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0