Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

OBRADOIRO DE COCIÑA

Onte tivemos na casa un obradoiro de cociña desenvolvido por dúas rapazas ben xeitosas, Chelo e Lucía. Son da empresa Xerocátering, a empresa que nos fai a comida tódolos días.
Dos 49 tripulantes participamos 31 neste obradoiro, distribuídos en dous grupos, un pola mañá e outro pola tarde. Pero non fixemos o xantar, elaboramos a sobremesa e a merenda.
Para a sobremesa fixemos uns pinchos de froita bañada en chocolate. Como dicía Lola de Devesos, ?chantamos? nun ?carabullo? cachiños de mandarina e plátano, que antes pelamos, e tamén cachiños de piña e de kiwi. Tiñan moito colorido, entraban polos ollos e despois tamén entraron pola boca.
Para a merenda fixemos unhas cocadas. Amasamos unhas boliñas de coco e puxémolas nos moldes que despois Chelo e Lucía metían no forno. Arrecendía toda a casa a coco, daba gloria.
A anécdota do día foi que houbo quen xa o levou no papo antes de rematar o obradoiro de tan apetitoso que se vía.
Grazas a Xerocátering por este xantar e merenda especiais. Podedes ver as fotos na blogoteca.
Comentarios (2) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 13-12-2011 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUAXE DAS CAMPÁS
A campá é un instrumento musical de percusión procedente de oriente que foi introducida na nosa terra co cristianismo. Adoitan ser de bronce e ter un badalo en ferro forxado. Non todas son iguais; pode haber dúas grandes (un esquilón e un campaíño) pero nas máis das parroquias rurais de Galicia só hai unha. O campanario sempre está nun lugar privilexiado do templo, na espadana.
Ten o seu xeito de ser que estean no alto, pois as campás non son só un instrumento musical, senón máis unha canle de comunicación coa veciñanza. O son das campás utilizábase para transmitir todo tipo de sucedidos, tanto relixiosos como sociais, cunha serie de toques transmitidos de xeración en xeración e con leves variacións dunhas parroquias a outras. Os toques de campá non se perderon no esquecemento dos séculos grazas a uns personaxes anónimos que foron pasando as normas e tempos dos toques: os campaneiros e campaneiras que adoitan compartir esta labor coa de sancristán.
Antigamente facíanse distintos toques durante o día: o de Alba ao amencer, o de Ánxelus ás 12 do medio día e de Oración á posta do sol. Quen estaba a traballar paraba o labor e rezaba 3 avemarías. Agora só se fai a chamada á Misa media hora e un cuarto de hora antes. Tamén existen dous repeniques: o Repenique Xeral faise co toque de oración dos sábados e vésperas de festivo, antes da misa de mediodía e na saída do viático ou comuñón para enfermos; o Repenique Solemne ou toque de Gloria soa á saída e regreso das procesións e na Misa do Galo ao chegar ao Gloria (de aí o seu nome).
Cando morre alguén na parroquia sabémolo polo toque de Defunto durante todo o día: dous da pequena e un da grande se é muller e dous na grande e un na pequena se é home. Cando é un anxiño (neno ou nena que non fixo a Primeira Comuñón) ten un toque especial chamado Vaivén. No canto que fose o cura o que falecera tamén hai un toque especial, tres golpes na grande e un na pequena.
Un toque que existía antigamente e non tiña que ver co culto relixioso era o toque de Alarma. Facíase cando había lume na parroquia para que a xente saíse de présa con baldes ata o río ou pozo máis á man e axudase a matar o lume. Hai que ter en conta que os bombeiros non hai un século que existen.
Un toque curioso era a Rogación. O pago percibido polo sancristán ou campaneiro polos servizos de campá era recollido no mes de setembro co que tamén recollía o párroco polo rezo das rogativas. Este tributo era a rogación. Cando algunha casa se negaba a pagar a parte do sancristán, entón este en lugar de tocar a defunto todo o día só o facía pola mañá ou pola tarde e a xente dábase de conta que a familia non pagara a rogación.
Galicia está a perder a linguaxe das campás, parte da súa tradición, tanto pola despoboación das aldeas como pola falta de persoas dispostas a tocala. Na cidade xa non se escoitan, na Vila o fai un aparello electrónico, e a da nosa casa non hai quen a toque?

Comentarios (2) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 12-12-2011 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
PANXOLIÑAS EN ORTIGUEIRA
Chega o tempo de Nadal e xa escoitamos algunhas cantigas propias. Véñense cantando dende antigo, polo menos dende o século XV, mais non nos chegou ningunha escrita, só referencias de como se organizaban os veciños para lle iren cantar ao Neno.
Son cantigas con acompañamento musical e hainas de varios tipos, as de máis sona son os vilancicos e as panxoliñas. Os vilancicos son pezas para cantar na igrexa, con textos populares ou poemas de autor, e usadas na liturxia das festas principais; as panxoliñas son composicións populares cantadas polo pobo, en grupo ou individualmente, ante o belén ou na festa do Nadal. Pero tamén hai outras cantigas como os cantos de Reis, interpretados en cuadrilla e con instrumentos sinxelos o día 5 de xaneiro ata ben entrada a noite, e que tratan sobre a adoración dos Reis Magos (ás veces os que cantan van con vestimentas charramangueiras, similares ás do Carnaval, pero sen levar a cara tapada); tamén están os nadais, parecidos aos cantos dos reis pero propios do día de Nadal, e os cantos de Aninovo, interpretados o día de noite vella e aninovo coa finalidade de dar a benvida ao novo ano. Un dos cantos máis popular era o aguinaldo interpretado polos pícaros e pícaras da parroquia que acostumaban a ir en rabaños percorrendo as casas para recibiren un agasallo (cartos ou larpeiradas de Nadal) e agradecéndoo co aguinaldo; cando non recibían agasallo, os cantares amosaban coas súas letras o descontento da rapazada.
En Ortigueira nunca falta a música nin os cantares. Estoutro día Isabelita do forno recordaba cando don Jesús, o antigo párroco da Vila e capelán desta casa, ensaiaba cos rapaces e rapazas nos días previos ao Nadal. Deixámosvos para mostra un botón que lembraron entre Isabelita do forno e Benigna das Pontigas, ámbalas dúas con moi boa entoación:

Chorando estás miña xoia
quen che fixo mal meu ben
somos pecados do mundo
eran, son e son meu ben.
Meu carrapucheiriño
flor de Belén,
bótame os teus olliños
faime morrer,
faime morrer.
Miña ruliña,
miña monada,
miña ruliña
nacida entre as pallas
chora por veces
por veces cala,
nunha choza dun labrego
cando choras, cando ris,
cando calas.

Comentarios (2) - Categoría: 4. CONTOS DA VILA - Publicado o 07-12-2011 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
O MAPA

Hai uns días que fixemos un labor ben azoso. Pintamos o mapa do noso concello na parede. A xente adoita ter nas casas unha bola do mundo, un mapa-mundi? nos temos o noso mundo: Ortigueira.
Moitas das persoas que vivimos neste barco nacemos ou vivimos nunha das parroquias deste concello e agora compartimos vida en Luama.
Supoño que cada un pensa da súa parroquia que é a máis bonita e a máis grande. Iso é así na nosa alma, pero este mapa veu poñer a cada un no seu lugar?
Quen máis quen menos tivo dificultade para atopar a súa aldea no mapa. A medida que iamos pintando nel o mapa dábase máis xeito e a situación era máis doada. Malia isto, aínda hai quen pensa que está mal orientado, xa houbo varios debates: se Couzadoiro non queda nun lado senón no medio, se as Neves e Devesos debían ser as que estivesen máis enriba, se Loiba non é tan grande, se San Claudio tiña que ser máis? En fin, deu que falar e seguirá dando. No que si coincidiamos era en pensar que a Vila era moi grande, será porque nela vive máis xente que nas outras parroquias, pero resultou ser a máis pequeniña de todas.
Neste mapa estamos todos e todas, cada un retratado na súa parroquia, incluída a xente doutros concellos, nun panel a parte. Cando alguén marcha do barco retiramos o retrato e temos unha lembranza e, cando alguén chega, un dos xeitos de lle dar a benvida é situalo no mapa.
O sentimento de pertenza é natural ás persoas. Ven sendo a necesidade que temos de formar parte dun grupo social. Tódalas persoas sentímonos ligadas a un espazo, a un tempo, a un grupo, a un xeito de vida que nos fai pensar como persoas individuais pero tamén como parte dun colectivo. Este pensamento únenos evitando a soidade e dándonos seguridade. Deste xeito somos máis comunicativos e participativos, tendo en conta a consideración, a aceptación e o respecto.
Con este mapa representamos perfectamente o NOSO que somos todos e todas.

Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 05-12-2011 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
O PITO DA NEVE

Vai frío. Xa se nota ben o inverno e aínda faltan uns días para a súa chegada oficial. De feito, xa hai moitos sinais de invernía: os gatos de Isabelita lavan a cara dende atrás das orellas, as vaquiñas pacen todas moi xuntas aló embaixo e chegaron os primeiros bandos de pitos da neve aos prados e leiras de San Claudio e á enseada de Mera.
O pito da neve chega en tempos de moito frío, de aí que tamén se coñeza como avefría; diversos nomes hai para chamalo: ave das neves, ave do frío, pega fría...
Son paxaros cun talle dende o pico ata a cola entre 28 e 31 centímetros (como unha pomba máis ou menos), ás arredondadas, patas longas e peteiros fortes. Teñen cores vivas coa barriga branca, o peito negro, a parte superior das ás en verde-azul irisado e a punta branca.
O que o fai máis especial é a longa curupela da cabeza; noutros tempos, con esta plumaxe enfeitábanse os ostentosos sombreiros das mulleres francesas e inglesas.
Ten un son característico que se coñece como pibi. O seu vo é cun bater de ás lento, semellante ao dunha bolboreta, e visto dende abaixo vénselle dúas liñas de cor branca. Aliméntase de insectos, miñocas, caracois, limachas, arañas, algunha plantiña? que colle do chan. Atópase en bandadas e adoita criar en grupos, no chan das terras de labor, prados e humidais, poñendo 3 ou 4 ovos.
Chega a Ortigueira co frío, sobre o mes de novembro, e volta para o norte de Europa cando comeza a primavera. Xa reza o dito:
Cos bandos da avefría
chega tamén a invernía.

Prendede os lumes nas lareiras, ou acendede a calefacción, que nos quedan por diante uns meses de frío que hai que correr.

Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 02-12-2011 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0