Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O APALPADOR NA NOSA CASA
Chega o día da ilustre visita do Apalpador. Por algunhas casas xa vai chegando.
Hoxe pasou pola nosa para apalpar os bandullos de quen se deixara. Atopou barrigas cheas pois era a hora do xantar, aínda que unhas máis que outras. Mirade se é avispado que só con tocar xa sabe se na barriga entran o peixe e as verduras ou só se enche de pan e patacas. A algúns notounos un pouquiño máis cheos que o ano pasado, a quen tiña unha chiolada na barriga pediulle que comera un pouquiño mellor e quen lle pareceu máis moulán comentoulle que tiña que poñerlle freo aos dentes. Nunca vin home tan espelido coma o Apalpador.
Prestounos chupar nos carameliños que nos trouxo. Mais este non foi o único agasallo. A principios de decembro, o Centro de Maiores de Rairiz de Veiga convocou o segundo Concurso de Postais de Nadal para tódolos centros do Consorcio. Nós presentamos varias postais: Avelina presentou unha co cepo de Nadal, Marina outra co a laranxa coa que nos agasallaban de pícaros, José outra coa figa, eu outra co pito da neve e Angustias unha coa árbore de Nadal feita coas súas mans. A postal de Angustias foi a gañadora e lle trouxo o premio o Apalpador: un disco de panxoliñas que imos escoitar todos estes días.
Grazas Apalpador! Volve o ano que ven!
Comentarios (8) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 30-12-2011 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA AO BELÉN

Sempre é un pracer ir visitar o belén que hai na igrexa parroquial. Pola sona e a fermosura do nacemento e polo ratiño compartido con don José, quen tivo a deferencia de vir abrir a parroquia para amosarnos un escenario á altura das circunstancias. Gustounos contemplar as antigas figuriñas e tentar atopar a velliña, o pozo, o gaiteiro na ponte, ver ás vacas turrar...
Contounos don José que o obradoiro de Olot, onde se elaboraron as figuriñas, empezou a caer en decadencia coa primeira guerra mundial, o ascenso do comunismo en Rusia e do nazismo en Alemaña; pero a empresa non se deu por vencida e comezou a elaborar figuras de Lenin, Stalin, Hitler e outras similares. Anovarse ou morrer, que diría o outro.
Tamén falamos do escenógrafo Díaz Baliño, quen fixera decorados para grandes obras de teatro galegas da época como A man da santiña ou O Mariscal, e a decoración da capela da Misericordia de Viveiro ou doutros locais coma o café Derby de Compostela; do seu fillo, o galeguista Isaac Díaz Pardo e do seu pai Germán Díaz Teijeiro que nacera en Ortigueira.
Falando, falando, comentamos a urxente restauración que precisa o belén, feita por mans expertas en arte. Don José díxonos que case consegue a subvención pero, xa se sabe, estamos en crise e terá que esperar.
Quen tiña máis fachenda do belén era Lola de Ramón, pois o monta o seu irmán Juan da Leinova dende hai máis de corenta anos, moito antes de que don José chegara á parroquia. Meu irmán é moi curioso, dicía. Ten razón, ata hai na parede da igrexa unhas marcas para saber onde se ten que colocar o impresionante escenario. Este gárdase no coro da igrexa e para subilo e baixalo todos os anos houbo que mercar un guindastre, pois baixalo a pulso era un gran risco. Lola comprometeuse a volver o ano que ven para retratarse co seu irmán cando armara o belén.
Isabelita do Forno estaba orgullosa do seu. Fina de Ferrol quedou abraiada polo belén e máis polo altar. A Lucho e María cambioulles a cara coa visita, chegaron felices á casa. Todos os demais saímos encantados.
Aproveitamos tamén para comer uns churriños, pois o día de mercado non se perdoan.
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 30-12-2011 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
O DÍA DAS APEGOTAS

Hoxe é 28 de decembro. Non vos meteron ningunha apegota?
As apegotas existen porque hai diaños con abelenza que as pensan e incautos que as papan ata o rabo. Nesta casa gústanos seguir as tradicións. Cada 28 de decembro tentamos que alguén crea o que non é, sempre con sentido do humor e sen facer mal. Non o temos fácil, a meirande parte da xente xa anda coa mosca atrás da orella. Temos posto vaselina nas manillas das portas, pasta de dentes nas pechaduras, agochar as chaves das habitacións… Mais algúns dos tripulantes teñen moita imaxinación e elaboran moito máis as apegotas.
Lembro cando alguén colleu un boneco de tamaño natural (deses cos que fan prácticas de enfermaría), o vestiu coma un vello e o deixou no chan. Cando chegou a enfermeira pola mañá e o viu levou o susto da vida, case lle fai o boca a boca.
Doutra vez chamou alguén, que dixo ser o médico de agarda, para informar de que a persoa que ía ingresar ese día era moi agresiva e había que poñerlle 250 dl. de haloperidol (dous litros e medio, vaia). Como no centro non tiñamos, a xero que colleu o teléfono chamou ao Centro de Saúde, ao Hospital de Conxo (de onde viña o ingreso), á directora… para conseguir haloperidol suficiente para cando chegara o ingreso. Moi eficiente! Ese día varias xeros lle deron o almorzo á persoa que ingresou (alguén do persoal coa cabeza vendada) e non era doado… moi agresivo, xa digo. Durou a apegota ata a quenda da tarde. A ventá da habitación quedou aberta, pensaron que escapara e saíron correndo na súa busca, sen saber nin que cara tiña! Chegaron ata o aparcadoiro e xa caeron de conta cando escoitaron as risadas.
Ata algunha enfermeira tivo que aguantar a bulla dunha familiar alporizada por non coidar axeitadamente da residente, con denuncia aos xornais (co seu nome e número de colexiada) e chamada de atención do Xerente do Consorcio incluída.
Non lles hai que facer! Quen dixo que traballar nunha residencia de persoas maiores é aburrido? Será noutras, porque nesta sempre hai algo polo que rir. E se non, que llo pregunten a Honorinda que ría a cachón ao mediodía dicindo “nunca tal vin, nunca tal vin”.
Comentarios (5) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 28-12-2011 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA NOITE BOA DE VERDADE
Nunca sabes o valor das pequenas cousas coitás ata que as deixas de ter diante: a comida, a calor do fogar, a familia, a axuda dos demais, a compaña da xente amiga… Cando unha destas cousas falta a túa vida adquire outro sentido ata que a volves recobrar. Neste barco, son as cousas máis valiosas. Se nalgunha ocasión algún pasaxeiro desembarca sen rumbo fixo, o resto da tripulación, coma unha piña, pon todos os seus folgos ata dar con el, dende o primeiro ata o último. Ningún barco no mundo pode desexar ter tripulación máis motivada e xenerosa; remove Roma con Santiago e se fai falla chama a tódalas portas que poidan prestar axuda. Sen se render. Mais o sentimento de perda mentres non se atopa é unha das frustracións máis grandes; que facer? onde buscar? que dicir?... decisións que nunca sabes se te levan polo camiño axeitado. Ata facemos cousas absurdas como mirar para as estrelas, as mesmas que o están vendo, por ver se nos guían dalgún xeito. O certo é que cando a luz abre e o teu amigo volve ao barco por Nadal, non podes deixar de pensar que está si que é unha NOITE BOA de verdade.
BENVIDO Á CASA JOSÉ!
Comentarios (7) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 25-12-2011 21:43
# Ligazón permanente a este artigo
75 ANOS DE FALA D'AS MUSAS
En setembro de 1.884 naceu en Abadín Daniel Pernas Nieto. Estudou para cura no seminario en Mondoñedo e foi ordenado o 18 de abril de 1.909. Estivo como sacerdote de varias parroquias, entre elas a de Insua de Ortigueira, e tamén foi capelán desta casa.
Comezou a escribir poemas na segunda década do século XX, que foi publicando en diversas revistas como: Vallibria e As San Lucas (Mondoñedo), Las Riberas del Eo e La Comarca (Ribadeo), Aurora (Vilalba), Ilustración Gallega (Vigo), El Compostelano
Daniel Pernas non quedará nos anais da literatura como un escritor de renome, pero lle corresponde un pequeno espazo porque tivo a honra de publicar, nesta terra, o primeiro libro en galego tras o comezo da Guerra Civil. O día de San Martiño solicitou permiso ao bispo para a publicación, que lle foi concedido visto que o libro non contiña “nada contra a fe e os bos costumes”.
Deste xeito, Fala d’as Musas saíu do prelo de Ortigueira, propiedade de Fojo, o 23 de decembro de 1.936, tal día coma hoxe hai 75 anos. Trátase dunha escolma de 26 poemas costumistas e relixiosos ao estilo de Noriega Varela. Na portada aparece un debuxo de Bernardino Vidarte, artista de Mondoñedo. Prologou o libro, en castelán, Álvaro Cunqueiro, que aquel ano era profesor en Ortigueira, e nel di: “No es esta obra el anverso delicado de una tela de China. Es una blanca sábana de puro lino, florecida, por la gracia que alcanza el que con ángeles sueña”. Non foi a única vez que Cunqueiro lle dedicou unhas liñas ao de Abadín. No libro Xente de aquí e de acolá o retrata brevemente no relato sobre Louredo de Hostes, aquel home que precisaba uns lentes para soñar; os lentes remataron na reitoral de Baroncelle, onde era sacerdote Daniel, e di Cunqueiro: “Sabe Deus o que soñaría o reverendo don Daniel Pernas Nieto con axuda deles, que valencianas brancas, que viños tintos, que troitadas, que festas, naquelas longas e frías noites de inverno, cando acinzan coa xeada as polas núas dos bidueiros!”
Daniel Pernas durante a guerra tamén publicou poemas en galego no xornal La Voz de Ortigueira, anunciando que pertencían a un segundo volume de Fala d'as musas que nunca chegou a facerse realidade. Finou en Mondoñedo en xullo de 1.946.
Cando se cumpren 75 anos desta singular publicación, queremos lembrar un dos seus poemas do libro Fala d’as Musas, que fora escrito en Insua en maio de 1.913:

A VELLIÑA
Enriba d’a probiña van caindo
As folerpas d’a neve mainamente;
Éla peta co’a moca n-os puxigos,
y-o gonzo ferruxente
as portas quedas ô seu paso deixa;
e soilo un can que a sente,
de vez en cando lle respond’a probe
somellando decir queixosamente;
“que a millor d’as virtudes mal ó atopa,
que d’a noite o relente,
y-a mesma neve lle farán un leito
negado po-la xente.”

Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 23-12-2011 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
O BELÉN DA VILA DE ORTIGUEIRA

Uns días antes do Nadal, ármase o belén na igrexa da Vila.
Un belén é a representación plástica do nacemento de Xesús, mediante a proxección da aldea de Belén, vista de xeito panorámico, na que se sitúan distintas figuras movibles. O primeiro belén pintouse nas catacumbas e dende aquela ata hoxe cambiou moito o conto. Agora fanse beléns de todo tipo: viventes como o de Cariño, coas figuras en movemento coma o da Orde Terceira de Ferrol e ata con materiais reciclados.
O belén da Vila está feito á maneira tradicional, sen artificios nin sorpresas, e ese é o seu encanto. Nel podemos atopar unhas corenta figuriñas con grande expresividade nas súas caras. Estas pezas foron traídas dun obradoiro de Olot a principios do século XX. Daquela nesta vila catalá había unha industria de imaxinería relixiosa con moito pulo, contando cuns 20 obradoiros e chegando a ser unha das escolas españolas máis importantes. O material empregado para estas pequenas esculturas era a pasta de cartón-madeira, material que se puido bendicir a partires dun decreto eclesiástico de 1.887, e só para os ollos utilizábase o cristal. Tiñan unha gran variedade de modelos realizados en barro por artistas do modernismo catalán.
Entre as figuriñas presentes no belén de Ortigueira atopamos a María e Xosé xunta a mula e o boi no alpendre, pastores, campesiños, lavandeiras, augadoiras, ovellas, algún can e, por suposto, os Magos de camiño cos seus camelos. Entre tódalas figuras cómpre destacar por emotiva, unha muller ben maior e xa dobradiña polos cadrís que vai adorar ao Neno; tamén hai unhas vacas rubias, herdadas do antigo nacemento da parroquia; pero a figura máis enxebre é un gaiteiro a cabalo dun burro que, como di a panxoliña:
E tiña que estar
e tiña que haber
algún galeguiño
xunta do recén.
Xunta do recén
non podía faltar
algún galeguiño
para aturuxar.

Na Noiteboa, coa misa do galo, déitase o Neno no seu berce, sen o cal o belén non tería sentido de ser.
Así e todo, o grande valor artístico deste nacemento débese ao escenario no que se sitúan as figuriñas. Está decorado con motivos bíblicos e exipcios (tan en voga a principios do século anterior) e varios panos con tres espazos de luz que representan o alpendre, o castelo de Herodes e a pousada coas montañas ao fondo. Elaborounos en 1.924 o ferrolán Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo e o escenógrafo de máis sona de Galicia. Baliño ten elaborado o decorado e escenografía de obras teatrais da época, decoracións de locais, tapices, murais, ilustracións literarias, carteis... Baliño estaba moi vencellado a Ortigueira xa que o seu pai, Germán Díaz Teijeiro, era natural desta vila.
O belén o arma tódolos anos José Manuel e o seu pai Juan da Leinova (quen o veu facendo de toda a vida) e lle axuda na parte artística Luciano.
Poderemos visitalo a partir de mañá, 22 de decembro, ata pasar o día de Reis. Merece a pena!
Comentarios (1) - Categoría: 6. CATALEXO cousas para ver - Publicado o 21-12-2011 16:26
# Ligazón permanente a este artigo
O CEPO DE NADAL
Antes de que a estas terras chegara o cristianismo, existían outras crenzas relixiosas relacionadas coa natureza. Unha das celebracións estaba vencellada ao solsticio de inverno, o Natalis Invicti (nacemento do invicto). Celebrábase o nacemento do sol (invicto) fillo da deusa nai que nos ven sacar das tebras.
Cando chega o cristianismo esta celebración é ocupada desdobrando a Teofanía en dous: o Nadal e a Epifanía, é dicir, o nacemento de Xesús, que ven iluminar o mundo, e a adoración dos Magos.
Entroncando coa antiga tradición, aínda hoxe atopamos vestixios de diferentes rituais:
• Facer un agasallo simbólico como agradecemento do recibido e para merecer agasallos celestiais.
• Pendurar na casa ferraduras, chocas ou acivro como protección.
• Prender unha vela con mistos de madeira, xa que o lume está relacionado co sol pois tamén proporciona luz e calor.
Pero o ritual de máis raizame é o Cepo de Nadal. Nesta casa déunolo a coñecer Avelina Piñón, como non! 99 anos dan para moita sabedoría e experiencia.
Ela conta que un pouco antes do Nadal limpábase ben a borralla da lareira. Na Noiteboa acendíase un bo cepo de cerdeira (aínda que noutros lugares empregan o carballo) para que ardese gran parte da noite. A carón do lume xuntábase a familia, novos e vellos, a cantar panxoliñas e contar contos. Críase tamén que as ánimas dos familiares defuntos acudían arredor dese lume para unirse á celebración.
Di Avelina que o Cepo non o deixaban consumir, senón que o apagaban e o gardaban nun curruncho da casa. Cando existía perigo de treboada volvían a acendelo, xa que este lume espantaba o pedrazo e os raios. E era verdade! asegura Avelina moi convencida.
Tiña outra utilidade máis o Cepo de Nadal. A borralla que producía tamén se conservaba para botar nas leiras e así protexer as colleitas.
Poñéndonos a ler un pouco, descubrimos que o ritual do Cepo de Nadal xa o comentara Otero Pedraio hai case un século e que sigue a facerse en máis lugares de Europa e de España.
Ai Avelina, canto nos aprendes!
Comentarios (9) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 20-12-2011 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
A RONDALLA DE CARIÑO

Coma todos os anos polo Nadal, recibimos onte a visita da Rondalla de Cariño. Un grupo de homes e mulleres, unhas máis novas e outros algo menos, cunhas voces estupendas que nos fixeron pasar unha tarde de domingo bárbara.
Angustias había saír coa familia antes da merenda, pero en vista da actuación pospuxo a súa saída un ratiño para poder escoitalos.
Trouxeron un repertorio variado con tres panxoliñas e tamén con cancións populares, coma o Pirimpinpín, que nos fixeron mover, bater palmas e algunha ata se animou a botar unha peza. O noso Jesús dende o seu asento dicía: “Botade outra polo mesmo prezo!” Mais ao final xa dicía: “Puxéstesvos cos cánticos e hoxe non hai merenda”. Certo é que merendamos un chisco máis tarde que os demais días, pero a actuación mereceu a pena. Quedamos todos e todas encantados. As cantigas eran moi animadas. E merendar, merendamos: un chocolatiño quente con madalenas que souberon a gloria.
Estas festas empezan pintando moi ben…
Comentarios (4) - Categoría: 1. CADERNO DE BITÁCORA - Publicado o 19-12-2011 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
BO NADAL

Estamos nun tempo rebuldeiro, cheo de ledicia mesturada de saudade, onde o protagonismo é da familia, dos picariños e picariñas e dos máis vellos, de quen están e quen xa marcharon.
O Nadal é tempo de celebración de orixe pagá, copada polo catolicismo e que na actualidade transcende á relixión. Non é unha soa festa, senón un cúmulo delas: o nacemento do Deus, a festa dos inocentes, o peche do ano vello, o nacemento do novo e o día dos Reis. Tal e como hoxe o coñecemos, o Nadal é a herdanza do século XIX, cando se puxeron de moda o intercambio de agasallos e tarxetas de felicitación, o enfeitado de árbores ou a chegada de Papá Noël. Van quedando no camiño aquelas vellas tradicións, como a do Cepo de Nadal, a de pendurar acivro, ferraduras e chocas nas portas das casas para a súa protección, a do nomeamento do Bispiño ou mesmo a de ir cantar o aguinaldo polas casas.
Escoitei o outro día que o Nadal é a morriña do pasado, os sentimentos do presente e a esperanza no futuro.
No meu nome e no de toda a tripulación desexámosvos unhas FELICES FESTAS e ao ano que ven pedímoslle SAÚDE e SORTE para todos e todas e TRABALLO que non falte. E lembrade que o mellor agasallo do Nadal que temos é o voso sorriso.
Comentarios (9) - Categoría: 2. Actividades por TÉMPORAS - Publicado o 16-12-2011 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
AS COMIDAS DAS FESTAS

Teño unha amiga que di que en Galicia se celebra todo comendo. Pode ser. Será porque dende sempre temos bos produtos e boas mañas. Imos recordar algunha das receitas tradicionais do Nadal, para irmos abrindo boca.
Na cea de Noiteboa era costume poñer na mesa o bacallau con coliflor, un prato de sabores profundos e contrastados, humilde e sinxelo. Facíase co bacallau salgado que era doado atopar en calquera lugar de Galicia, pois conservábase ben nas terras do interior. Da receita lémbrase ben Angustias do Gaio. Desálgase o bacallau dende o día anterior. Lávase a coliflor e as patacas e córtanse. Bótanse a cocer en auga con sal (había quen lle botaba unha folliña de loureiro). Aos 10 minutos bótanselle os toros de bacallau e déixase cocer todo uns 10 minutos máis. Mentres facemos na tixola a allada con aceite, uns allos e pimento doce. Cando temos o bacallau, a coliflor e as pataquiñas na fonte botamos a allada por derriba.
Outro prato tradicional do día de Nadal era o capón que en Vilalba segue a criarse ao xeito tradicional. O capón ven sendo un polo capado antes de galear, cara a maio ou xuño. Unha semana despois comezan o engorde ao aire libre e con produtos naturais. Por San Martiño péchanse nas capoeiras onde non se poden mover e comen o amoado, unha pasta feita con millo do país metida en auga fervendo (tamén se lle pode engadir pataca ou castañas cocidas e xema de ovo). Uns días antes da Noiteboa sacrifícanse, colócanse por pares, esplumados e eviscerados, en cestas de vimbio ou madeira, cun receheo de palla cuberto cun pano de liño branco (a cor dourada dos animais contrasta coa brancura do liño). Así preparados, os capóns véndense na feira anual do 21 de decembro que se celebra en Vilalba dende hai case dous séculos. Xa na casa o capón asábase no forno lentamente, recheo ou valeiro que xa de por si sabe ben. Púñase para encher a mesa primeiro e logo o bandullo o día de Nadal.
Para sobremesa púñanse uvas, noces, abelás, un pouco queixo con mel, pan de ovo e, dende principios do século XX, introducíronse o turrón e o mazapán. O día de Reis facíase pan de Reis mesturando fariña de trigo coa fariña de moer os reises (as espigas encarnadas de maínzo) e noces, figos e uvas pasas, un pouco azucre e canela.
Hoxe en día engadimos a estas receitas tradicionais o marisco, tan abundante e rico na nosa terra, aínda que ás veces vaia tan caro. Lagostinos, cigalas, ameixas, lumbrigante ou vieiras son algúns dos froitos mariños que aparecerán nas nosas mesas nestas festas, pois un día non son días...
BO PROVEITO!
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 14-12-2011 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal